Proposta de Estatuto para Galicia do BNG no 2005/Título preliminar

En Galifontes, o Wikisource en galego.


Proposta de Estatuto para Galicia       Bloque Nacionalista Galego       2005
 


Título preliminar[editar]

Artigo 1. A Nación galega[editar]

1. A Nación galega constitúe unha comunidade política, democrática, social e de dereito que propugna como valores superiores do seu ordenamento xurídico a dignidade humana, a liberdade, a xustiza, a igualdade e o pluralismo político, e se integra como comunidade autónoma no seo do Estado español.

2. Os poderes públicos galegos asumen como tarefas principais a defensa e afortalamento da identidade e dos intereses do país así como a promoción da solidariedade entre os cidadáns e cidadás de Galiza e a súa participación na vida social, cultural, económica, científica e política da Nación.

Artigo 2. O territorio de Galiza[editar]

O territorio de Galiza abrangue o dos concellos que actualmente forman parte da Comunidade Autónoma de Galiza.

Artigo 3. A língua galega[editar]

1. O galego é a lingua propia e oficial de Galiza. Todos os cidadáns e cidadás galegas teñen a obriga de coñecelo e o dereito a usalo.

2. O castelán será co-oficial no territorio de Galiza.

3. Os poderes públicos de Galiza garantirán os dereitos lingüísticos dos galegos e galegas, potenciarán o emprego da lingua galega en todos os eidos da vida pública, cultural e informativa e disporán os medios necesarios para facilitar o seu coñecemento. Todos os funcionarios e traballadores ao seu servizo teñen a obriga de o usar no desempeño da súas funcións. O emprego do castelán realizaráse a pedimento de parte.

4. Ningúen poderá sufrir discriminación por razón da lingua.

5. O galego, como lingua propia, é:
a. A lingua de todas as institucións galegas, e en especial da Administración galega, da Administración local, dos seus entes dependentes, das corporacións públicas, das empresas e os servizos públicos, dos medios de comunicación institucionais, do ensino e da toponimia.
b. A lingua preferentemente utilizada pola Administración do Estado e demais entes estatais en Galiza na forma que ela mesma determine, polas demais institucións e, en xeral, polas empresas e entidades que oferecen servizos á cidadanía.

6. O idioma galego será a lingua oficial no ensino en todos os niveis educativos, e tal efecto:
a. O alumnado terá dereito a receber o ensino en lingua galega, nomeadamente no primeiro ensino.
b. O persoal docente deberá facer uso da lingua galega no exercicio das súas funcións educativas conforme se estabelecer legalmente.
c. A lingua galega será materia de ensino obrigatorio en todos os centros educativos.
d. As administracións educativas promoverán o uso progresivo do galego como lingua vehicular en todos os niveis educativos.

7. O coñecemento da lingua galega será requerimento obrigado para o exercicio en Galiza da representación política e das funcións administrativas, notariais, rexistrais e xudiciais.

8. Os topónimos terán como única forma oficial a galega. Correspóndelle ao Goberno galego a determinación dos nomes de lugar de Galiza.

9. A competencia sobre a fixación da variedade estándar da lingua galega correspóndelle á Real Academia Galega, dacordo cos informes das universidades galegas e das organizacións dinamizadoras do uso público do galego.

10. O Goberno galego fomentará o emprego do galego nas zonas galegofalantes do exterior de Galiza.

11. A lingua galega, como parte do sistema galego-portugués, será difundida, en toda a súa produción cultural, nos países de lingua portuguesa.

Artigo 4. A cidadanía galega[editar]

1. Son cidadáns e cidadás de Galiza todas as persoas con veciñanza administrativa nalgún dos concellos galegos.

2. Unha Lei do Parlamento de Galiza regulará os procedementos de adquisición, conservación e perda da cidadanía galega, que deberá ter en conta a situación de todas as persoas residentes fóra de Galiza, que dispuxesen da súa última veciñanza en territorio galego, e a da súa descendencia.

Artigo 5. As Comunidades Galegas[editar]

1. Os poderes públicos galegos fomentarán o vencellamento social, económico e cultural cos membros das colectividades e centros galegos asentados no exterior.

2. Por lei do Parlamento de Galiza regularanse as relacións con estas entidades, así como a prestación dos dereitos que en cada caso lles correspondan.

Artigo 6. Os símbolos de Galiza.[editar]

1. Por Lei do Parlamento de Galiza fixaranse os símbolos distintivos de Galiza, que son a bandeira, o escudo e o himno. 2. A bandeira e o escudo figurarán en lugar preferente nos edificios públicos situados no territorio galego e nos actos públicos que se celebren en Galiza. 3. Institúese 25 de Xullo como Día da Nación Galega.

Artigo 7. A capital de Galiza[editar]

A capital de Galiza radica na cidade de Santiago de Compostela, onde fixan a súa sede permanente o Parlamento e o Goberno, sen prexuízo de poderen desenvolver as súas funcións descentralizadamente noutras localidades de Galiza.

Anterior:
Preámbulo
Proposta de Estatuto para Galicia do BNG no 2005 Seguinte:
Título I