Saltar ao contido

Proposta de Estatuto para Galicia do BNG no 2005/Título V

En Galifontes, o Wikisource en galego.


Proposta de Estatuto para Galicia       Bloque Nacionalista Galego       2005
 


Título V: Competencias

[editar]

Artigo 78. Réxime xurídico xeral das competencias

[editar]

1. Correspóndelle a Galiza exercer no seu ámbito territorial a potestade lexislativa e a execución en tódolos ámbitos competenciais non atribuidos expresamente ao Estado.

2. As disposicións e resolucións ditadas en exercicio das competencias autonómicas exclusivas recollidas no Estatuto teñen presunción de constitucionalidade, prevalecen sobre caisquer outras normas estatais e non poderán ser suspendidas.

3. A Administración galega actuará como Administración Única cunha competencia xeral de execución da lexislación estatal en Galiza, coa conseguinte supresión progresiva da Administración periférica do Estado.

4. As potestades de execución atribuidas á Xunta de Galiza comprenderán a aprobación dos regulamentos de organización necesarios, a xestión e administración, e as potestades inspectora e sancionadora.

5. As atribucións e competencias de Galiza previstas no Estatuto entenderanse referidas ao seu ámbito territorial. As competencias proprias poderán ter efectos extraterritoriais sempre e cando non afecten ás relacións internacionais ou a materias de competencia estatal ou doutras comunidades autónomas en cuxo caso han de arbitrarse os correspondentes convenios de cooperación e colaboración.

6. Corresponderalle aos poderes públicos galegos a transposición ao ordenamento xurídico proprio do Dereito Comunitario nas materias da súa competencia e a execución das normas europeas, incluidas as obrigas de información nelas previstas. As Institucións galegas participarán tamén no proceso de elaboración do Dereito Comunitario a través dos mecanismos previstos no Estatuto.

7. A actividade estatal de fomento estará condicionada á titularidade de competencias normativas. O Goberno de Galiza xestionará todas as medidas de fomento estabelecidas polo Estado. O Estado transferirá os fondos estatais destinados á actividade de fomento en materias reservadas á competencia das institucións de Galiza.

8. As normas do Estado deberán prever a participación directa das Institucións galegas na elección de representantes nas institucións estatais comúns: Tribunal Constitucional, Consello Xeral do Poder Xudicial, RTVE, Banco de España e as comisións estatais do Mercado de Valores, do Mercado das Telecomunicacións e da Enerxía. O Estado garantirá o dereito de Galiza a designar representantes que participarán ao máximo nivel rector naquelasoutras autoridades administrativas independentes, institucións financeiras e empresas públicas cuxa actuación incida nas competencias ou intereses galegos.

9. A intervención do Estado a través de títulos competenciais concorrentes con competencias exclusivas de Galiza ou de potestades de coordenación realizarase através da Comisión Mixta estabelecida no art. 72 deste Estatuto.

Artigo 79. Competencias de autogoberno e institucionalización

[editar]

1.Os poderes públicos galegos exercerán, con carácter exclusivo, as competencias en materia de:
a. Institucións de autogoberno, símbolos e lingua.
b. Organización e réxime xurídico das institucións públicas de Galiza e dos seus entes instrumentais, incluida a organización do réxime local.
c. Estatuto dos funcionarios e traballadores ao servizo das Administracións Públicas de Galiza.
d. Procedimento e réxime xurídico dos contratos e concesións públicas, expropriación forzosa, responsabilidade patrimonial dos poderes públicos e axudas e subsidios públicos.
e. Administración de Xustiza, Rexistros e Notariado nos termos estabelecidos nos art. 58 a 64 deste Estatuto.
f. Policía e seguranza pública, tránsito e seguranza vial.
g. Réxime e institucións penitenciais.
h. Dereito Civil, incluido o Dereito de Familia e Sucesións e Contratos.
i. Réxime xurídico das asociacións e fundacións.
j. Regulación das Confrarías de Pescadores, Colexios Profisionais, Federacións Deportivas, Cámaras de Comercio e demais Corporacións de Dereito Público.
k. Proteción civil.

2. Os poderes públicos galegos exercerán, en cooperación co Estado, as competencias en materia de:
a. Presenza exterior e na Unión Europea. Xestión dos fondos europeos que correspondan a Galiza e participación na xestión dos Fondos comunitarios que correspondan ao Estado.
b. Cooperación internacional ao desenvolvemento.

Artigo 80. Competencias de emprego e política social

[editar]

1. Os poderes públicos galegos fixarán un marco galego de relacións laborais, con plenas competencias, que responda á realidade produtiva e social específica de Galiza. En concreto, os poderes públicos galegos exercerán con carácter exclusivo, as competencias en materia de:
a. Políticas de fomento do emprego, incluidas as de formación das persoas demandantes de emprego e dos traballadores en activo.
b. Cualificacións profesionais.
c. Desenvolvemento normativo da negociación colectiva e o rexisto dos convenios colectivos das empresas que realicen a súa actividade na Galiza.
d. Procedimentos de regulación de emprego.
e. Prevención de riscos laborais, seguranza e saúde no traballo.
f. Xestión das políticas pasivas de emprego, incluindo as prestacións por desemprego e o recoñecimento e pagamento das mesmas. Tamén no relativo ao recoñecimento e xestión das prestacións económicas da Seguranza Social, así como a organización destes servizos.
g. Criación e regulación dos instrumentos de conciliación, meiación e arbitraxe laboral.
h. Inspección de Traballo e Seguranza Social.
i. Políticas en prol da igualdade de xénero.
j. Políticas de protección e cohesión social e de atención ás persoas dependentes. Benestar social, desenvolvimento comunitario e políticas de apoio ás familias, á infancia e á mocidade.

2. Aos poderes públicos galegos correspóndelles a competencia nas seguintes materias, dentro dos principios estabelecidos pola lexislación do Estado e en cooperación co mesmo:
a. Lexislación laboral.
b. Xestión da Seguranza Social e adaptación dos seus reximes á realidade galega, incluindo a súa ordeación, organización e administración do patrimonio e dos servizos que forman parte do sistema de Seguranza Social no territorio galego, así como a recadación de cotas e demais recursos do mesmo.
c. Políticas migratorias, incluida a participación na elaboración da política estatal de imigración e a súa xestión na Galiza.

Artigo 81. Competencias en materia de ensino e investigación

[editar]

1.Os poderes públicos galegos exercerán, con carácter exclusivo, as competencias en materia de:
a. Ensino en toda a súa extensión e en todos os seus níveis, incluída a política de bolsas e axudas ao estudo, a avaliazón do sistema educativo, a formación do profesorado, o sistema de elección, composición e competencias dos órganos colexiados e o estatuto dos ensinantes, o réxime de criazón e funcionamento de unipersoais dos centros docentes, o estatuto do profesorado, a admisión de alunos e alunas, o réxime de criazón e funcionamento de centros docentes, o calendario escolar, libros e material didáctico e o estabelecimento dos correspondentes currícula.
b. Ensino superior e regulación das condicións de exercicio do dereito fundamental á autonomía universitaria polas Universidades públicas de Galiza.
c. Investigación científica e técnica, desenvolvemento e inovación. Xestión en Galiza da política europea de I+D+i.
d. Propriedade industrial.

2. Os poderes públicos galegos exercerán, en cooperación co Estado, as competencias en materia de:
a. Xestión dos organismos estatais de investigación situados en Galiza.
b. Regulación das profisións tituladas e recoñecimento de títulos profisionais.

Artigo 82. Competencias económicas e financeiras

[editar]

1.Os poderes públicos galegos exercerán, con carácter exclusivo, as competencias en materia de:
a. Ordenación da actividade económica e regulación do sector público económico galego.
b. Política industrial e enerxética, incluído o réxime de produción e transporte de enerxía e a determinación do reparto autonómico de cotas de emisión e xestión do plano estatal de emisión de gases de efeito invernadoiro.
c. Defensa da Competencia.
d. Comercio maiorista e minorista, incluída a fixación de horarios comerciais, modalidades de venda, o urbanismo comercial, as feiras e mercados e as denominacións de orixe.
e. Protección dos consumidores e utentes.
f. Política turística, incluida a promoción exterior da oferta turística galega.
g. Agricultura e Gandaría, incluída a xestión dos fondos europeus que nesta materia correspondan a Galiza, a transposición das normas europeas de regulación dos mercados correspondentes.
h. Pesca, Marisqueo,Cultivos Mariños, pesca fluvial e lacustre e caza, incluída a súa ordenación económica, a xestión dos recursos pesqueiros e a xestión dos fondos europeus que nesta materia correspondan a Galiza e a transposición das normas europeas de regulación dos mercados correspondentes.
i. Política de telecomunicacións, incluída a titularidade e xestión do espazo radioeléctrico.
j. Réxime de prensa, radio, televisión e, en xeral, dos medios de comunicación social.
k.Réxime dos recursos e servizos acesíbeis na sociedade da información.
l. Ordenación do crédito, banca e seguros; caixas de Aforros; mercados de valores e centros de contratación de mercadurías; creación de institucións públicas de crédito.

2. Os poderes públicos galegos exercerán, en cooperación co Estado, as competencias en materia de:
a. Planificación xeral da economía, de conformidade co estabelecido no art. 72 deste Estatuto.
b. Pesca en augas internacionais e territoriais de terceiros Estados.

Artigo 83. Competencias ambientais, territoriais e de infraestuturas

[editar]

1.Os poderes públicos galegos exercerán, con carácter exclusivo, as competencias en materia de:
a. Protección e xestión do Meio Ambiente, a declaración de impacto ambiental para calquer tipo de plano ou proxecto e a protección da paisaxe.
b. Declaración e xestión dos espacios naturais protexidos. Xestión dos Parques do Estado situados no territorio galego.
c. Política hidráulica: aproveitamentos hidráulicos, incluída a titularidade sobre o dominio público marítimo-terrestre, a competencia exclusiva sobre o mar territorial e a criazón da Confederación Hidrográfica do Miño. Canles e regadios, augas minerais, termais e subterráneas.
d. Montes e Política Florestal.
e. Ordenación do Territorio, Urbanismo e Vivenda, incluída a determinación das condicións de acceso e construcción das vivendas con algún tipo de protección pública e a xestión dos fondos estatais dedicados a planos de vivenda.
f. Obras públicas.
g. Transportes terrestres, estradas e vías férreas que circulen por Galiza.
Centros de contratación e terminais de carga en materia de transportes. h. Portos, incluidos os de interese xeral e de refuxio, portos deportivos e aeroportos.
i. Seguranza e salvamento marítimos.

2. Os poderes públicos galegos exercerán, en cooperación co Estado, as competencias en materia de:
a. Xestión dos fundos estatais destinados á vivenda.
b. Planificación e xestión das obras públicas estatais en territorio galego.

Artigo 84. Competencias culturais e deportivas

[editar]

Os poderes públicos galegos exercerán, con carácter exclusivo, as competencias en materia de:
a. Política cultural, Patrimonio Cultural, Museus, Arquivos, Cinematografía e Audiovisual, xestión do ISBN/ISSN e propriedade intelectual.
b. Deporte e Federacións Deportivas. Participación en competicións deportivas internacionais.
c. Xogos e Lotarías, incluído o dereito a recibir os rendimentos correspondentes polas Apostas e Sorteos de ámbito estatal.

Anterior:
Título IV
Proposta de Estatuto para Galicia do BNG no 2005 Seguinte:
Título VI