Saltar ao contido

Proel/Sol-por

En Galifontes, o Wikisource en galego.


       SOL-POR

   Acorado e roibo
durmíase o día,
coa testa deitada
no colo da ría.

   A campás beatas
no ceo bulían
rezando rosarios
á Virxen María.

   Bogando nas nubens
cara ó ceo ían
envoltas nos ouros
do sol que morría.

   Pol-o mar, as velas
eran folerpiñas,
que da lua aberta
nas ágoas caíran.

   Da veira do río,
chegaban cantigas,
choutando nas leiras
molladas de risas.

   Preto do hourizonte,
estrelas obrizas
frotaban os ollos
tirando a perguiza.

   E bicando os lonxes
as foulas ispidas
o alen nevaban
de limpas surrisas.

   Un outo aturuxo
voando fuxía.
E os bosques lonxanos
noite revertían.