Proel/Saudade
Aparencia
< Proel
SAUDADE
Meniña, pecha a fiestra,
non deixes á noite entrar;
para tebras ben abondan
estas que comigo van.
O vento anda espenuxado
oubeando como un can,
e na zanfona do bosque
salouca un tolo cantar.
Que arelas tan fondas sinto
de deixal-a alma vagar,
de perdel-o corazón
como unha dorna no mar.
Este fondo mal qu'eu teño
ninguien m'o pode sandar;
a miña alma no ensono
por vieiro iñorado vai.
É o herdo da nosa raza
esta mágoa de ideal;
sentir remotos degoiros,
chorar sin saber o mal.
Meniña... pecha a fiestra,
non deixes á noite entrar;
para tebras ben abondan
estas que comigo van.