Proel/Ponte e río

En Galifontes, o Wikisource en galego.


      PONTE E RÍO

   No quente colo do día
choran nos ollos do río
campanas que van ao mar
c'un repinique de vidro.

   O monte amasa na ría
trigo, de sol ben moído,
—Pan de Deus para a paisaxe,
e nas ágoas roibo viño—.

   A corrente vai no quenlle
afinando un marmurío.
Xabonándoa con fervenzas
lávall'a roupa o muiño.

   Romeiro pra Compostela
pasa o vieiro pelengrino,
montado ao lombo da ponte,
sin se mollar no camiño.

   Esta ponte é un San Cristobo,
un xigante compasivo
que agarda a que outra vez veña
pol-o mundo, o Deus-meniño.

   Ten no día esta paisaxe,
un símbolo cristaiño.
Pra camiñar pol-o mundo
abrázanse, ponte e río...