Proel/Na outa noite

En Galifontes, o Wikisource en galego.


        NA OUTA NOITE


   O chío alongado do silenzo,
pérdese ao longo das ruas molladas;
o seu fío dourado, fura as tebras
e tende un cabo morno ás añoranzas.
   É a hora do valeiro, a hora dos soños,
en que na alma as verbas acochadas
dúrmense no pombal do pensamento,
recollendo o seu bico baixo as azas.
   Unha emoción de mar nestes instantes,
meu corazón anoitecido orballa,
e relembro o agarimo dondo e amargo
da tua cabeleira com' unha alga.
   No ronsel do hourizonte, brila o forno
onde tempran seu fío as alboradas,
y-engurruñase a noite nun salayo
domente vai erguéndose a luzada.