Proel/A candeloria

En Galifontes, o Wikisource en galego.


    A CANDELORIA

   Na catedral do abrente
oxe cásans'os paxaros,
con nubens de neve e ouro
está o ceo galanado.

   Ficou o día ancorado
na ría donda do ceo.
Os roibens soben no lonxe
como rosarios d'encenso.

   O xantar do casamento,
roibo, na palma da man
das eiras madrugadoras
xa está arranxado no val.

   Vai tocando pol-o campo
a sua zanfona o rego
e canta o vento nas farpas
sonorosas dos piñeiros.

   O campo as montanas ruzas
envolve en capa pluvial
co hisopo do sol mollado
dalles a beizón nupcial.

   Do casebre nugallán
soben os vivas dos galos
e na festa d'esta noite
estrena un luar o campo.