Pregón ano 2004/Antroido Ribadeo
Pregóns do entroido de Ribadeo
Ano 2004
Pregoeira: Primi Nécega (Primitiva Nécega Gallo)
Señoras y señores, damas e cabaleiros..............
Xa hai tempo que me chamaron para facer este pregón, mais daquela non tiña moita gracia e rexeiteino. Pero agora case sen pensar volveron a pedirmo e aquí estou coas miñas cuartillas.
Polo mesmo, pídovos unha pouca de paciencia para oírme e si gusto ben, e si non, -como se di agora- non pasa nada.
Todos sabemos o que é o Antroido. Trátase, ou polo menos eu véxoo así, de afogar as tristuras que nos padecemos nesa semana de festa. Por eso en tódalas parroquias percorren os disfrazados as rúas para esquecer tras da careta o pesadelo deste noso vivir - que non e pouco-.
Contaba a nosa nai aló no pobo de Foz, onde eu nacín e vivín a infancia e case a mocidade ata os 18 anos, que aqueles eran entroidos. Enchíase coas lembranzas daquelas rondallas que viñan de Viveiro e Ribadeo...........¡Nunca tal se vira! Falábanos toda leda dos personaxes que se disfrazaban de vellos; Mais ben eran os homes os que saían a rúa vestidos de mulleres, algunhos arrulando un neno, e os mais pudientes, como dicía ela, vestíanse con bos traxes de madama e galán. Nunca sabíamos o que era aquelo, pero penso que eran os que levaban pajilla e garabata e elas con sombrilliñas e meriñaque que paseando pola rúa arriba, ían camiño da "praza" onde se fixo sempre o acontecer do meu pobo de Foz.
Houbo un tempo en que calquera vila que se prezase non deixaba de vivir as súas entroidades, de vellos e peliqueiros, de frades montados nos burros, de mulleres adornadas e enxoiadas. Todo un facer de festa nas rúas das nosas parroquias que foron deixando nos libros longas historias de comparsas e murgas, de míticos persoaxes que se transmitían nas familias de pais a fillos.
Pero e certo -como dicía a nosa nai- que a guerra do 36 barriu coa súa tristura todo aquel lecer. Moita mocidade morrera e había familias enteiras de loito, a tranquilidade non existía.
A partir do 1977 ven o "revival"; hai novos aires, novas políticas e aínda se podía ler nos xornais as notas necrolóxicas do desaparecido Antroido que dicían así: "Réquiem polo Antroido, o rei da risa e da festa". Foi cando unha pequena porta abriuse a un carnaval que empezaba a rexurdir dun arrasado pobo cheo de privacións e fame, erguéndose e espreguizándose. O pobo comezou a saír en bailes e festas con poucos disfraces e tamén con poucos cartos. Así chegamos a década dos 80 na que o Antroido pasaría a historia das festas populares como o tempo case mais importante para toda a nosa xeografía e moito mais para a terra galega. Entón, como unha epidemia, ano tras ano, a xente botábase á rúa disfrazada vivindo un Antroido como nunca se vivira.
En Ribadeo, o Antroido xe se empezaba a vivir nos anos 50 e 51; eu xa me disfrazaba daquela. Estábamos no goberno de Franco, non se podía tapar a cara, pero o Domingo de Antroido, as catro calles estaban cheas de disfraces - era incrible- . Así bos era, todos tiñan ganas de correr a súa juerguiña, pero tamén tiña o seu risco, aínda que o alcalde daquel entonces, Pancho Maseda, daba o seu consentimento para que a xente se disfrazara sen tapar a cara e non armar pélea. Agora que o penso...¡cantas medias finas se mercaron en casa de Vizcaya!..... Meu Deus, con elas facíamos as caretas, metiámolas pola cabeza tapando a cara, o pelo e todo. O certo é que mais adiante empezaron a vir os antefaces para as tendas; era todo unha novidade.
A febre de disfrazarse íase transmitindo por todo o pobo. Cando eu me disfrazaba ía a casa de Amparo das Lobas (que en paz este) xa que vivía preto de nos. As irmás que tiña en Miami mandábanlle roupas e telas fermosas de cores moi vistosos, traxes con brillantes e peles, e alí deixábame remexer para vestirme como quixera. Un ano disfrazouse canda min María del Carmen do Cabarqués; íamos de mulleres árabes con unhas túnicas azuis brillantes e unhos turbantes brancos cheos de collares e abalorios; chamábamos a atención paseando polas catro calles todas fachendosas, ninguén nos coñecía agás algún que chegou detrás de nos ata o Teatro, pero nos fuximos (éramos moi novas).
Outro ano disfrazámonos unha pandilla de sete, chamadas "LAS DE CAIN". Este era o título dunha opereta que naqueles tempos representábase en Madrid. Iamos vestidas todas iguales: saia negra, botines, blusa branca con lazo no pescozo e unha fermosa pajilla na cabeza. Recorrimos as catro calles e rematamos no baile do Casino. Alí fixéronnos roda mentres bailábamos e nos aplaudían. ¡Foron os tempos dos meus vinte anos, cando a vida dábache un sorriso e todo era lecer e felicidade!.
Aquelo foi só o comezo. De súpeto, empezaron a saír comparsas e carrozas enriba dos pequenos camións, organizábanse bailes de Antroido no verán nesta pista do Rosa-Lar, daquela tan fermosa coas súas marquesiñas cheas de roseiras e mesiñas. Aqueles bailes sempre estaban cheos de disfraces, e polas rúas a xente pasaba a noite fora véndoos pasar. Nun daqueles bailes, aló a media noite, presentouse un mariñeiro cun esquieiro e a roupa de augas, todo cheo de pelas de bacallao colgadas o rente do corpo. Según ía pasando polas mesas tiráballes a cada súa. Como ia todo tapado ninguén soubo quen era, ata que o outro día descubriuse que o mariñeiro era Antoñito de Guerra (chofer da Empresa). Puxo a nota pícara na noite e o conto foi moi soado.
Hai tamén personaxes nos pobos que, gracias a eles, o Antroido non morre. Naqueles tempos tíñamos ó Serranillo, ese home que case todas as xeracións coñecimos. Tódolos anos chovese ou fose bon, el saía a rúa disfrado de muller ou de soldado, de vella ou de pescantina, éralle igual, e coma el houbo moitos mais que agora non recordo os seus nomes, pero si que os lembro xa que foron os precursores dun Antroido que perdurou gracias a súa dedicación.
E sigue a historia. Dende Ribadeo a Viveiro vivíase un resucitado Antroido. A primeira vez que fun cos meus fillos e o meu home ver o desfile pola calle nova non podía crée-lo ¿pero esto qué é? Case semellaba unha película. Comparsas, bandas, carrozas, os traxes, os adornos, toda unha aparición diante de min, como si saíse dun conto..........¿pero quen fai todo esto? pensaba eu. Aquelas rapaciñas tan ben vestidiñas, todas igualiñas, con fermosos traxes, con tantos adornos, e soando os tambores e as turutas. Dinme conta de que a vila medrara, e Ribadeo, sentíndose cidade, presumía co mellor desfile da comarca. Mais entón había entre as vilas veciñas unha gran porfía para ver quen mellor o facía, pero tamén e verdade que "o sangue non chegou ó río" e cada quen facíao o mellor que podía.
Agora xa nos desfiles hai de todo. Empezando o século 21 medran os adornos e medran os cartos. Hai estampas galegas, marcianos, extraterrestres, patios andaluces, conxuntos musicais, anécdotas do goberno -con gobernantes incluídos- ata a seguridade social. Todo pasa pola criba dun discorrer dos nosos artistas que a bo fe sempre os ouvo.
Cada carroza, charanga, grupo, merece un agasallo ó seu traballo e sacrificio, como aquela "mariscada" do ano 89 feita por Saribel, que tiña unha langosta tan feitiña que case apetecía comela; claro que era moi grande, medía tres metros, e aquela louza de Sargadelos que moitos pensaban que era de verdade. Ou as figuras do noso amigo Julio, que coa súa escofina e a súa lixa fai verdadeiras virguerías como aqueles abanicos ou as bolboretas do ano pasado que tanto gustaron. E aquel dragón que anos anteriores saía meténdolle medo ós nenos. Ou aqueles grupos como as de Pío, por citar algún, que tódolos entroidos recorrían as rúas cos seus atavíos moi ben feitos e parecidos, ou o disfraz da leiteira Angélica de Villaframil que tan ben o paseou Ernesto Cruzado polas rúas. E poderíamos seguir toda a noite recordando nomes e disfraces, de parellas, de grupos, de carrozas, de charangas, de nenos e nenas; de toda a xente do pobo que co seu traballo dun xeito ou outro foron deixando a súa inventiva e o seu facer nos Carnavais ribadenses.
E xa que cheguei ata aquí quero lembrar unha banda de música do meu esquecido Antroido que recorría as catro calles; eran todas mulleres vestidas con pantalón e gorra de prato. A directora era Elvirita do Choco que coa súa gracia dáballe tan ben á batuta como Carlitos Cid. Tampouco nos esquecemos do Tile, un dos mais ingeniosos cómicos que pasou pola nosa vila.
E como a coáresma apúrame non quero irme sen falar da queima do Antroido do ano 88, inscrita no libro Guinnes nacional dos records, labor que foi obra de Fernando Rodríguez (Cienfuegos) e José Luís Fernández (O Choli).
Todo un libro de historias e festas se podería escribir do noso Antroido ribadense. De momento disfrutemos con toda a alegría carnavalesca a axudémoslle a esta comisión que ano tras ano, sen descanso, van facendo que o Antroido prosiga a súa marcha cara un futuro de novas xeracións.
Quero pois darvos as gracias a todos por oírme con tanta paciencia e amabilidade e remato aquí con un pequeno poemiña dedicado ó Antroido do 2004.
Antroido entroidiño
con cara de millo
lémbrome que fuche
para min un bo amigo
A miña mocidade
eu pasei contigo
e agora de vella
sáesme ó camiño
non xogues comigo
antroido Entroidiño
que os amores fuxiron!
i e longo o camiño.
- Volta a Pregóns Antroido Ribadeo