Pregón ano 1996/Entroido Ribadeo

En Galifontes, o Wikisource en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura

Ano 1996

Pregoeiro: Roberto Rodríguez Rodríguez

Boas noites, señoras, señores, amigos todos do Antroido.

Reunímonos hoxe para rendir tributo un ano máis ó antroido ribadense. E xa é casualidade que teñamos que coincidir no principio dunha nova campaña electoral na que posiblemente algúns dos candi­datos pasen por esta tribuna para ofrecernos as rebaixas de marzo, con novos cantos de sirena que bulirán nos nosos oídos cunha letra amorosa tópica: "Hoxe queroche máis ca onte pero moito menos que mañá". Por suposto que non se refiren a nos, electores, senón ó noso voto.

Se o analizamos en clave de humor, o político, en abstracto, para que ninguén se sinta ofendi­do, debe ser un gran amante do Carnaval ou o que é o mesmo, do transformismo, por aquelo dos constantes cambios de discurso, de chaqueta e... mesmo de traxe.

O bo político pasa o ano disfra­zado, diría máis, toda a súa vida pública. Nunha palabra, sempre está disposto para interpretar.

A moitos venlles como anel ó dedo aquel rótulo que aparece nalgunhas películas, no que avisan de que "calquer parecido dos persoaxes ou situacións ca realidade é pura coincidencia". Eso mesmo escribíu Leopoldo Calvo Sotelo, pai, en Ribanova, e xa saben cal foi o resultado.

No séculoXVII, por algo escribiu Calderón de la Barca a obra titulada "El gran teatro del mundo". Sen dúbida este mundo é un gran .teatro e como tal teñen que existir tanto escearios como actores e... públi­co.

Mesmo quen lles está a falar, no pasado outono intentaba discurrir algún novo disfraz para estrear este Carnaval, e miren por onde, se está vendo obrigado a lucir o primeiro disfraz do Antroido de 1996, subindo a este escenario e interpretando o persoaxe de pregoneiro.

Asaltáronme moitas dúbidas acerca dos complementos nece­sarios para tan festiva presencia, non faltando quen me ofertara capa, sombreiro de copa ó máis puro estilo inglés, antifaz e incluso máscara.

Optei polo que vostedes ven. E non me negarán que nun pregón de carnaval, vir de chaqeta e garabata tradicional, se pode considerar un disfraz. Serio, pero ó fin e ó cabo... un disfraz.

E de tal guisa, pregoar as festas do Antroido, festas populares por excelencia e ancestrais que se remontan no seu nacemento a noite dos tempos.

Todos saben que o carnaval se celebra nos días anteriores ó mércores de cinza. Pero seguro que moitos desco­nocen que nalgúns lugares na antigüedade comezaban o 6 de xaneiro, sendo en Venecia máis madrugadores pois iniciábanse o 26 de decembro.

En Milán prolongábanse tres días despois do mércores de cinza.

En España ata o domingo de piñata.

Desde o punto de vista etimolóxico non resulta doado averiguar con certeza a súa orixe. Carne - vale significa literalmente CARNE - ADIOS, e refírese o período anterior ó tempo de peni­tencia eclesiástico. Carnestolendas de CARO - CAR­NE, TOLLENDA - QUE SE HA DE QUITAR.

A principal acepción parece ser a romana car - navale, carrus navalis, carro naval.

Carnaval deriva directamente das Saturnais romanas. Pero atópanse vestixios non so no Imperio romano, senón tamén en Grecia, países teutóns e celtas.

Festas de carácter relixioso para celebra-lo ano novo e que iste fora favorable, ou o entrar na primavera que simbolizaba o rexurdimento da natureza. Nelas paseábase en procesión un barco nun carro con rodas, o CARRUS NAVALIS, con mascara­das que executaban enriba do carro danzas subidas de tono e cancións de sátira, sarcásticas.

Esta costume sigue vixente en España, concretamente en Reus, a embarcación encima dun carro é arrastrada por cabalerías, tripu­lada por homes vestidos de mariñeiros que votan frores e doces os espectadores. Procesións desta índole rexístranse en Grecia no século VI a. de C. segundo acreditan pinturas de vasos daquel tempo.

Na antiga Xermania estas festas enxendraron as representacións dramáticas con fondo relixioso, sendo citadas por Tácito.

En Grecia éstas adicábanse a Dionisios do que o seu equivalente en Roma foi Baco con raíces na divinidade exipcia Isis.

Os teutóns adicábanas a Nherta, a Nai Térra.

Tamén nos pobos celtas que se asentaron en Galiza estaban im­plantadas as festas da primavera.

Bacanais, Saturnais e Dupercais rematan sendo empapadas polo espíritu do desorden civil e o sarcasmo.

As máscaras de carnaval nun principio teñen carácter relixioso espiritual derivando do culto ós mortos. Así podemos entender mellor o por qué en España, Italia e Francia, por exemplo, se celebra o enterro do Carnaval. En Creta, Olimpia, Rodas e mesmo noutros lugares de Grecia, inmolaban cada ano a Cronos, un home que en Rodas era levado ás aforas embarrado e morto. Os xudeos tódolos anos na festa dos Purim tiñan por costume crucificar unha efixie de Amán para logo queimala.

Como ven, o porco ribadense e maila queima do antroido non difiren en nada destes ritos mile­narios.

Mais, deixémolo pasado e cen­trémonos no pasado inmediato e no presente. Sinto unha enorme alegría ó recordar as inquietudes daquel numeroso grupo de amigos, 23 para ser exactos, reunidos en 1983 para intentar reavivar o Antroido ribadense de antaño, do que tantas anécdotas contaban os nosos maiores. Unha primeira comisión que foi xermen das posteriores e que tan ben representada está nos membros da actual que non escatimaron esforzos e traballo para seguir facendo do carnaval riba­dense a festa máis popular de tódalas que celebramos ó longo e ancho do ano. E para mosta un botón: Os carnavais de 1984, primeiros desta época actual, nos que tivemos a sorte de poder contribuir a sacalos adiante, tiveron un presuposto de 740.000 ptas. do que sobraron 80.963 ptas. destinadas o carnaval de 1985.

E os que pregoamos hoxe, requiren de varios millóns, o que da idea do enorme traballo e sinsabo­res dos organizadores ós que públicamente felicito dende aquí. Permítanme rescatar por uns intres do baúl dos recordos exce­lentes disfraces, interpretados por persoas cun grande sentido artís­tico e cheos de humor. Algúns presentes aquí, entre vostedes, pero que me vou coidar moito de non descubrir.

Disfraces como o de guardia municipal que un martes de carnaval dirixíu con maestría e inxenio o tráfico ribadense e que ás 5 da madrugada, diante do Deimos, cortaba intermitente­mente o intenso tráfico para deixar pasar unha, outra, outra e... outra vez, colmando a paciencia dos conductores, a un peatón cunha perna escaiolada.

Xenial. O único verdadeiro era a perna lesionada do peatón. E que decir do disfraz da leiteira ribadense da nosa infancia, chegada tódolos días desde Vilaframil. Estoume a referir a Angélica. A súa bicicleta, as botellas no portabultos e os xarróns no mani­llar. ¡Cómo deu o timo!

¿Recordan o disfraz de Charlie Rivel? ¿E o troglodita dun carnaval de verán aquí en Rosa Lar? ¡Que artistas! Ou a meiga que con escoba en ristre percorreu subida no camión do lixo as rúas ribadenses noutra noite de carnaval, etc., etc.

Non ofrece discusión que Ribadeo ten unha vena moi elegante para a recreación, o humor e... a crítica.

Non poden faltar neste recorda­torio as persoas, artesáns, que crearon verdadeiras obras de arte nos disfraces dos últimos anos. Veñen á memoria os instrumentos musicais, o flautista de Hamelín, a gran mariscada, e tantos e tantos...

E que me din dos máis de douscentos membros de charan­gas que dende semáns sentimos a través das nosas fiestras o son dos seus ritmos que inundarán as rúas neste Carnaval cheo de colorido.

Todos son partícipes da catego­ría e o éxito acadado polo Antroi­do. Non poido concluir sin recordar e rendir tributo a dous ribadenses de distinta época pero que coincidían na gracia e encanto persoal á hora de poñer disfraz. Don Fernando Recarey "O mejica­no" que agonizante o 6 de marzo de 1878, sábado de Carnaval, arredor das 10 da noite saíu, según ten contado por escrito don Dionisio Gamallo, ó balcón da súa casa e preguntando a xente que se atopaba na calle: "¡Mascaritas! ¿Me conoceis? ¡Soy Recarey, disfrazado de di...fun...to...o...o...o!" para a continuación retirarse ó interior da alcoba. Acababa de cumplir co seu derradeiro rito carnavalesco e desplomábase inerte no leito.

O outro persoaxe é recente. Refírome a Antonio O Serranillo, todo él ironía, impenitente disfrazado ano tras ano e que por cousas que ten o destino, recibíu sepultura o Martes de Carnaval fai agora un ano.

Pero non é momento de poñerse serios. Escollámolo disfraz e transformemos estes días nunha festa continua, en armonía, e os que non se disfracen, representarán o papel de miróns, tratando.de descubrir a quen se esconde baixo as máscaras máis variopintas. Orixinais unhas, atrevidas outras, pero... en fin... todas ca idea de pasalo ben.

Non deixemos de lado a atraínte gastronomía, propia destes días, cun protagonista de excepción: O porco.

E retomando a leria inicial deste pregón, recordarlles que estes son uns bos días de entrenamento e ensaio para os políticos en activo e para os que aspiran a selo algún día.

No nome da Comisión pido a participación de todos, porque o Carnaval pode considerarse un compendio do programa dos parti­dos políticos. Un programa en suma, moi serio. Vexan sino:

Non é monopolio de esquerdas nin de dereitas. É plural. Disfrútase en bloque, unidos. É galego. É nacionalista. É popular. Permite criticar e rirse, ata dun mesmo. E... xa me dirán sí esto non é serio.

Feliz Antroido e moitas gracias pola súa presencia.

Ver tamén[editar]