Saltar ao contido

Os cóbados n-o varandal

En Galifontes, o Wikisource en galego.


Os cóbados n-o varandal (De catro a catro)       Manuel Antonio       1928
 


  Atopamos esta madrugada
  n-a gayola d'o Mar
  unha illa perdida [1]
  
  Armaremos de novo a gayola
  Vai a saír o Sol
improvisado e desourentado

  Xa temos tantas estrelas
e tantas lúas sumisas
que non caben n-o barco nin n-a noite

  Xuntaremos paxaros sin xeografía
pra xogar c'as distanzas
d'as súas áas amplexadoras

  E os adeuses d'as nubes
  mudos e irremediabes

  E armaremos unha rede de ronseles
pra recobrar as saudades
c'o seu viaxe feito
pol-os oucéanos d'o noso corazón.


  1. O mar adentro é unha illa d'auga rodeada de ceo por todas partes.