O encanto da pedra chan

En Galifontes, o Wikisource en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura


IV. D'a terra (Follas novas)       Rosalía de Castro      
 



Co sono da inocencia,

Que non turban remorsos da concencia,

I a virxen ó sue lado

Dormían os meus ánxeles na cuna,

Cando, as furtadas, nun sereno día,

Co peito palpitante de alegría

Soia saín en busca da fertuna


Iña tras dun tesouro cobizado,

De todos iñorado,

Mais do que solasmentes eu sabía;

E n'era só de prata, nin só de ouro

Aquel sin par tesouro,

Que era dun canto deseiar podía.


Nunca eu fora nin rica nin dichosa,

I ó ver que para selo

Só me faltaba o gordo dun cabelo,

De seca espiña me tornara en rosa.


E como virxen pura

Que por primeira vez sinte a dozura

das inquietús do amor, así eu sentía

Que algo que en min dormía

Despertaba, chamándome á ventura.


Por eso, dando ó olvido

As penas que me houberan consumido

Dendes de que nacera,

Vía a terra i o ceo cor de esperanza

I ó meu redor, perene primadera.


¡Cal o sol relumbraba!

¡Que mansamente marmuraba o río!

I o paxariño voador cantaba,

Mentras que eu camiñaba

Lixeira ó meu avío.


Tal como a neve, albeas,

As roupas i as marañas

Tendidas nas silveiras i as montañas,

Xa en raro, xa ás moreas,

Cal pinta a branca nube e o ceo sereno,

Brilando ó sol, pintaban o paisaxe

Coma ningún ameno.


Cabo da ría na ribeira verde,

A cal gana, a cal perde,

Xogaban os rapaces ca onda escrava,

A anxeliño tocaba

E un lugar veciño,

E anque os pais do meniño

Ó enterralo, choraban que partían,

Compasivos os vellos,

"¡De cantas penas se librou!", decían.


En tantos carros sin parar chirraban,

Mentras ó seu compás os carreteiros

Despaciosos cantaban;

E aquí a fonte corría,

Alá nunha canteira resoaba,

Metálicos, os picos dos pedreiros.

Máis preto, os cans ladraban

I antre a follax o vento rebulía

Indo das encanadas ós outeiros...

¡canta paz!, ¡canto sol!, ¡canta alegría!...


"¡Ó fin, sorte cansache!

I o quiñón que famenta me negache

Na hirencia dos praceres,

Dándome só o das ansias e as peleas,

Cal a aqués que ben queres,

Ora darasmo en gustos ás mancheas."


Esto eu iba dicindo,

De dichosa cal n'outra presumindo,

Mentras que camiñaba

Tan contenta e segura

De atopar a fortuna en que esperaba,

Cal sei que atopa a Dios quen o precura.


Antre buxos e silvas agachado

O encanto deseado

Estaba como merlo no seu niño,

Polo romor das augas arrolado

Do apartado moíño...

Eu din a volta á devesa,

Paei a corredoira da Codesa,

¡ I ó fin cheguei...!, i enriba dunha lousa,

En onde á amañecida o corvo pousa,

Un nobre cabaleiro

Coa súa pruma enrisada no sombreiro,

E vestido de seda e pedrería

A estilo da treidora mourería,

Dou en chamarme arteiro

Cun modo loumiñeiro

Que do ceo, non da terra, parecía.


"¡El é!, dixen ó punto temerosa...

Mais o do encanto, afeito

Seica a tratar con damas dende antano,

Sin que de verme se atopase estrano,

Dende lonxe chamándome sorría.


I o ceo póndose foi de corde rosas,

Mentras nas carballeiras e encanadas,

Soparaban unhas brisas repousadas,

Soaves e saudosas,

Cal promesas compridas, se esperadas.


Eu non sei que sentía

Vendo que el en chamarme proseguía,

Pois antre ansiosa i adusta,

Fumme indo cabo del, de gozo chea,

Cal palomiña vai tras da candea.


Tiña nas mans un cetro adiamantado;

Bateu con el na laxe misteriosa

Que se abreu, como se abre o granado

O froito sazonado;

E con voz harmoniosa

E garrido sembrante,

"¡Vamos!- me dixo gasalleiro-,-¡adiante!"


E fun cal folla inxel vai ca encalmada

Corrente, que primeiro asosegada

A arrastra nas súas auguas cristaíñas

Pra darlle sepultura criñosa

Nas orelas veciñas,

E que dempois a leva, arrebatada

Polo negra enxurrada,

Ós abismos da mare tormentosa.


¡E entrei pensando penetrar no ceo!

¿Por qué tén a maldade forza tanta?

Pois canto á vista encanta

E nos fince o ardentísimo deseo

Nunca farto nin cheo,

Alí os meus ollos viron, e prendados

Quedaron como nunca e namorados.


Do tesouro escondido

O brilo e fermosura,

¿A quen que fose de muller nacido,

A que mortal criatura

Na houbera contrubado e seducido?


E na lumieira i antreaberta porta,

Sin astresverme, de primeiro ausorta,

A vixiar da espréndida morada

Unha tras outra estensa galería,

Cal si quedase para todo morta

menos para o que vía,

Escramei no supremo da alegría:


-"Aquí Dios, aquí as dichas do universo

Sin voltas nin reverso;

Aquí o que a maxinar nunca chegara

A comprida ventura,

Que nunca outra topara

Máis grande, nin máis santa, nin máis pura!"


Tal brasfemei, sin medo nin coidado,

¡Tola de min, cegábame o pecado!

I aquel brilo que vía

Ó par que me alentaba a fantesía

Daba comprida fe do ben buscado.


Pensando que por sorte

Ó paraíso terreal chegara

I era verdade a dicha que soñara,

Sin me acordar da vida nin da morte,

Olvidando o pasado i o presente

Co porvir xuntamente,

Soio pensei en abarcar nun punto

Aquel tanto ben xunto,

Iñorando da xente.


Co poder do que pode, erguinme altiva

Sin coidar canto a humana natureza

É falibre e cativa,

E maxinando aterna fonte viva

Tanta e tanta riqueza

Como ante min soberba se ostentada,

Dixen seguindo ó hermoso cabaleiro:

-Xa que vis atopei tan lisonxeiro

Pra gozar logo so que é meu, decime,

Por onde debo encomenzar primeiro.


-Por onde vós querás, reina e señora

-Contestou galloso

Co seu falar gracioso-,

Que é voso canto aquí vos enamora,


Pero vós e mais eu antes bebamos

Nesta copa dpurada

Polos mals que nos deixan e deixamos,

I os bés que nos sorrín dende a alborada

Dunha mañán de abril nunca acabada.


-¡Pois bebamos!, ¡bebamos!

-Repetín eu, trubada e non de viño,

Sin que a sinal da cruz antes fixese

Pra que ben me emprestase o que bebese...

I hastra ó líquido fresco e cristaíño

Os dous nos abaixamos

E ambas bocas mollamos...


Nunca me olvidarei daquel momento

De inmensa dicha e de infernal tormento,

Pois de dentro da copa

Saíndo de repente

Unha e outra cabeza de sarpente

Contra min se volveno desatadas,

E todas xuntamente

A un tempo asubiaron,

E nas entrañas mesmas

O aguillón pezoñoso me encrabaron.


Caín, caín ferida

E casi que sin vida,

E inda enriba de min, feras volveno

Co seu mortal veneno

Unha i outra sarpente maldecida.


Cal brétema espallada

Polo Sur, na encanada

Disapareceu o lindo cabaleiro,

I espesa nube de trebóns preñada,

Partindo da sombrisa Compostela,

Que no confín lexano se trasvía

Cal se trasbé na tarde morimunda

A raia sin fulgor da noite fría,

Veu contrubar a miña mente inxela.


I alí enriba da lousa

En onde á mañecida o corvo pousa,

Atopeime de pronto sin ventura,

Das miñas dóces ilusións despida,

Soia e probe, cal n'outra criatura,

Envenenada, trsite e malferida.


E non sei que voz ronca marmuraba

Co vento que soaba:

"Coma ti, mal tesouro,

Que aquí deixou o mouro

E que a cubiza alaba,

Son os encantos todos terreales:

A tan grandes pracers, tan grandes males".