Saltar ao contido

O divino sainete/Canto V

En Galifontes, o Wikisource en galego.
O divino sainete.


O divino sainete - Canto V       Manuel Curros Enríquez      
 



   Murchos os dous i abismados,
púxose de novo en marcha
o tren dos Sete Pecados.
   A noite a bo andar caía
e de esparexer tratando
a miña malencunía,
   Asomeime a unha vidreira
i o cheiro aspirei que mandan
a touza e mais a silveira.
   Ráfagas dos altos cumes,
¡canto entón me gorentaron
os vosos puros perfumes!
   Gratos perfumes da serra,
¡canto entón me recordastes
os cheiros da miña terra!
   Naquil celaxe promizo
que o azul profundo tapaba,
naquil paisaxe invernizo,
   Vin algo do aterimento
do meu nativo curruncho
i a el se foi meu pensamento.
   Mais na probé patria miña
son máis tristes os crepúsculos,
eterna dor alí aniña;
   Que anque unha grande ermandade
hai entre todos os pobos
que buscan a libertade,
   Pola vereda que avanza
cara os seus nobres destinos,
perdoando a comparanza,
   Italia marcha dereita
e Galicia trenqueleando
como unha vella tolleita.

                    —

   Velliña que andas a gatas,
sin que teñas quen te axude
¿cando has tirar coas caxatas,
   I airada, valente, forte,
porás e pe no pescozo
dos que te firen de morte?...

                    —

   Para atallar a corrente
das miñas negras ideas
paseime a mau pola frente,
   I achando os dedos lixados
dun polvo branco e miúdo,
volvinme pra todos lados
   E vin a Añón na faena
de peneirar entretido
cunha peneira pequena
   Por sobre min un farelo
que me tiña enfarelado
dende os pes hastra o cabelo.
   -Olla o que fas, que me lixas,
i entrar limpo quero en Roma...
-Se é por eso, non te afrixas;
   Outros van máis emporcados
que ti e saen que da vicio
de limpos e de lavados.
   Leva forrado o caledro
á Cibdá Eterna; escurricha
no diñeiro de San Pedro
   Toda túa honrada probeza,
e volveraste pra casa
nobre e santo, nunha peza.
   De algún petrucio gallego
sei eu que, sin ter un carto
pra mandar tocar a un cego,
   Pillou, non sei con que trapa,
unhas cantas onzas de ouro,
foise a Roma a ver o Papa.
   I alí, súa orixe caótica
perdendo, fíxose ó punto
fidalgo... de raza gótica.
   -No, pedricar ben pedricas;
pero inda non me dixeches
por que istes polvos me apricas.
   -Esto que contigo fago
hate librar, si Dios quere
i a Virxe, dun gran estrago.
   -¿Pero é fariña ou é sénica?
-Non te apures; simpremente,
unha precaución hixiénica.

                    —

   E sin me dar máis resposta
Añón, sempre do meu brazo,
téndose en pe a moita costa,
   Entrou comigo de novo
noutro vagón ás escuras,
negro cal boca de lobo.
   Nada alí dentro se vía,
tapada a luz por un númaro
da Fe, morta parecía.
   Máis polo que eu escoltaba,
entre aquela escuridade
gran rebulicio reinaba.
   Sentín solouzos, acentos
de piedá, ferventes rogos
entre afogados lamentos;
   Ais de pena e de tenrura,
suspiros de amor i azoutes
de maus sobre carne dura.
   " ¡ Como é sabia a Providencia
-pensei-, que me trai ó cabo
a un lugar de penitencia!
   "Non, non é o mal tan profundo.
¡Inda hai arrepentimento,
inda hai virtude no mundo!"
   I aconchegando a cabeza
pra dormir, pois tiña sono,
i o sono é media manteza,
   Enterrei todo o cogote
nun respaldar suave e quente
como de lan ou nescote.
   Mais non ben tina pechado
os ollos, topeime preso,
de ambos os remos trabado,
   I en menos tempo que o exprico
sentín na meixela esquerda
un roce extraño... Era un bico.
   "¡Congrio! -berrei-, ¿quen se astreve..,?"
E sin poder facer forzas,
frió como a mesma neve,
   Esconxurei o enemigo,
palpei e apresei..., ¡ que diaño!,
o que apresei... non o digo.
   Da lámpara neste instante
caieuse ó chau o periódeco,
i ó seu resprandor brilante
   Vinme -¡a contalo resisto!-
entre os brazos dunha dona,
que me tomaba por Cristo.
   Volvendo os ollos en torno,
na miña propia autitude
descobrín no espacio morno
   Cen beatas e beatos
rufando místicamente
como na xaneira os gatos;
   Os cuales, volta ás alturas
a mirada compunxida
das murillesas figuras
   En grupos de xeito vario,
mais todos en cruz, facían
daquel lugar un Calvario.
   Eu, que outra tal nunca vira,
adimireime as primeiras;
pero, mira que te mira,
   Notando en forza de olladas
que iles fan de crucifixos
i elas de crucificadas,
   E vendo que, ó fin i ó cabo,
polas fendas que se abrían
non traspasa ningún cravo,
   Peguei un brinco terrible,
i abrindo por aquel bosque
de Belfegor paso libre,
   Dixen: -¡Atentado ó demo?
Í eles: --¡Fóra o alcanforado!
-berraron-, ¡fóra o brasfemo!
   Añón, que agardaba á porta,
preguntoume: -¿Que hai, meu rolo?
-¿A ti que raio che importa?
   Repriquei- ¿Vésme enfadado?
¡ Bon modo de agradecerme
o de terte peneirado!
   -¿Pra que me metiche aí drentro?
-¿Para que? ¿Pois logo infrinxiche
cecais algún mandamento?
   -Eu non. -Pois a min mo debes;
porque se a pecar chegaras,
inda con pecados leves,
   Non che valeran recetas
humanas pra te curares
de enfermedades... sacretas.

Anterior:
Canto IV
O divino sainete Seguinte:
Canto VI