O bipartidismo ao servizo do control social
O bipartidismo ao servizo do control social Ángeles Maestro (Para Kaos en la Red) 10 de marzo de 2008
Efectivamente o dato máis significativo é o aumento até extremos descoñecidos nos últimos 30 anos do bipartidismo. Foron borradas do mapa forzas políticas como Eusko Alkartasuna, Chunta Aragonesista e Partido Andalucista. Só partidos nacionalistas como CiU, que ascende, BNG que se mantén e PNV, que perde un deputado, que teñen unha forte implantación nos seus territorios, conseguiron, máis ou menos, manterse. ERC, perde bastante máis da metade dos votos e da súa representación parlamentaria.
Outros casos, como o definitivo afundimento de IU, son a crónica dunha morte anunciada. Malia haber precedentes históricos, como o afundimento do PCE en 1982 co "xuntos podemos" e que a renuncia a manter a independencia política co PSOE – dende o pacto Frutos-Almunia do ano 2000, viña marcando derrubamentos electorais moi importantes, a dirección federal de IU seguiu a insistir nunha estratexia suicida de subordinación ao goberno e ás cúpulas de CCOO e UGT que a invalidaban como referente mínimo da esquerda real. A materialización do seu afundimento era máis que previsíbel.
O que chamou máis a atención neste proceso electoral foi a posta en escena, de forma implacábel, dominante até o escándalo, de toda a maquinaria mediática ao servizo – exclusivamente – das dúas forzas políticas, PP e PSOE, que representan de xeito máis directo os intereses das clases dominantes.
Nunha sociedade na que a clase obreira está dispersa e desorganizada, na que os partidos de esquerda ficaron reducidos a aparatos electorais cuxa única relación cos pobos son as súas aparicións puntuais nos medios de comunicación do poder, a súa vulnerabilidade é máxima cando estes se aplican con disciplina case militar para amosar que non hai máis que dúas alternativas, ambas as dúas controladas pola burguesía.
O aparato mediático, xudicial e policial actuou coma un rodete implacábel para garantir o máximo nivel de control social posíbel. O perverso mecanismo xestado na Transición, aceptado por toda a esquerda institucional, que garantía o bipartidismo tan só acompañado pola dereita nacionalista, púxose en marcha de xeito abafante.
Todo isto, precedido por unha escalada sen precedentes na persecución da esquerda abertzale e dos movementos sociais e sindicais no conxunto do estado, revela una férrea estratexia de control social indispensábel para facer fronte á previsíbel escalada da mobilización social ante a crise económica que se aproxima.
Seguramente só eles saben as dimensións da crise económica que se está a xestar e o risco de que a resposta social desborde os podres controis das burocracias sindicais subvencionadas. As últimas e duras folgas á marxe dos grandes sindicatos, as mobilizacións antifascistas, pola vivenda, dos estudantes contra a privatización do ensino – non controladas polas organizacións captadas- , de labregos, das mulleres que o 8 de marzo racharon con todas as prohibicións, etc., ademais da evidencia de que a esquerda abertzale mantén e fornece a súa implantación e a súa organización malia a brutal represión, son alarmas vermellas para un sistema que non ten alternativas para a inmensa maioría dos traballadores e traballadoras e dos pobos do Estado español.
Esa é a lectura de fondo do férreo control que se despregou nas eleccións do 9 de marzo, arrostrando o risco de que o amaño da "democracia" ficase en evidencia. Varreron calquera resquicio de aparencia de pluralidade. Precisan que todo estea atado e ben atado.
A confrontación de clase, ante a dura crise que se achega, ante o conflito vasco e o do resto das nacionalidades históricas, aparece sen ningún tipo de colchón institucional ou burocrático.
Ese é o caldo de cultivo dende o que debe xurdir unha nova esquerda anticapitalista e antiimperialista no estado, que constrúa as súas formas de relación e de coordinación coa esquerda independentista, que sente as bases dun novo movemento obreiro cos mozos precarios, as mulleres e os inmigrantes, e que enfronte dende as raíces, do único xeito posíbel: a súa propia construción como forza alternativa á barbarie e á represión. Reescribindo, polo camiño, a necesidade de construír o socialismo.Tódolos artigos escritos orixinalmente por O bipartidismo ao servizo do control social para a páxina web Kaos en la Red están baixo a licenza Creative Commons Attribution 3.0 Unported e poden ser incluídos no Galifontes.
|