O achadizo

En Galifontes, o Wikisource en galego.
Saltar á navegación Saltar á procura


O achadizo       Xoán Manuel Pintos       1845
 



Choraba enriba dun muro
un miniño inda manchado,
mal mantido, mal seguro,
non o había bautisado
quen lle dou berse tan duro.
O can que alí o botou,
miña xoia, que mal fixo.
¿Que pecado lle mandou
que afogalo non o quixo
o leite que non mamou?
A curuxa e mailo ralo,
que son paxaros da morte,
xa agoiraban de levalo,
cantando da súa sorte,
un dun pino outro dun valo
Mais a probe caridade
dalle a vida ó achadizo,
que Dios na súa bondade
a quen non ten pais, por iso,
dalle pai na humanidade.
Na aldea onde apareceu,
onde en coiro o atoparon,
de limosna se cubreu,
nunhas pallas o deitaron,
entre crabitos creceu.
Logo que se destetou
déronlle outro aloxamento,
pouco nun mesmo parou;
comía pan barolento
que sempre en choros mollou.
Ninguén seu choro limpiaba,
nin mimo algún lle facía,
que súa nai lle faltaba,
único ben que quería
e por seu mal non o achaba.
Sempre aquelas badaladas
lle magoaban o peito
e salían bagoadas,
polos dous ollos a eito,
de saloucos misturadas.
Si miraba outro miniño
qué praceres estudiaba
nos ollos de seu paisiño
e qué cabuxos tomaba
porque lle dese un biquiño.
A vista se lle apagaba
e morno na súa tristura
nos seus adentros chamaba
”desventurada criatura”,
a quen súa nai refugaba.
Entre miserias, rigores,
desdichas, sempre bafado,
desprezos e sinsabores,
de alleos ollos mirado,
pasa os seus días mellores.
Com’ a semente perdida
que cae ó pé da piñeira,
que alí se lle aceda a vida
e, ó cabo e á derradeira,
crece mirrada e tullida.
Fillo de gracia cativa
pouco che importa ser Rei,
que aquela chaga nativa
no’a cura ningunha lei
antes decote se aviva.
¡Pescudarás por teu pai
que non se lembra de ti,
chamarás por túa nai
que folga de verte así
e non responde ó teu ai!
Irás a cabo do muro
por si quen t’ alí botou
naquela noite de escuro
algunha vez lle pesou
e volve no teu precuro.
¡Malpecado! en balde esperas
ó pé do teu berse duro,
que son máis brandas as pedras
donde foches mal seguro
arroupado cunhas hedras.


Bibliografía[editar]