Saltar ao contido

O Castelo de Pambre

En Galifontes, o Wikisource en galego.


O Castelo de Pambre       Antonio López Ferreiro       1895
 



ADICATORIA

A os señores D. Jacobo Pedrosa e Ulloa, D. Ricardo Blanco Cicerón e D. Jesús Fernández Suárez.

Se o presente opusculete ten dedicadoiro, indudabremente é voso, quiridos amigos. Vosas son, nafeuto, moitas das ideias, dos conceutos, das ouservacións que a vosa ilustración e a vosa boa voluntá me suxeriu sobre o particular; e nada máis natural que o alleo se devolva a seu dono. Inda outras razóns ten para ser voso o dito libriño, pero cáloas; solo vos pido que me dispensedes si esta adicatoria, por motivos que vos serán óuvios, non vai suscrita como era debido, por todo o meu nome enteiro e verdadeiro.

Voso afeutísimo e obrigado

K.

I


SACRETO


Era unha desas seranciñas ausentes do mes de Maio do ano 1378, e cerca da hora en que o boo de Lourenzo, xa canso da carreira do día, parez como que se quer acochar. Pardas e pirguiseiras nubes, recortadas a trechos por relumbrantes reberetes de ouro, encobrían o ceo e facíanlle capa aos paporrubios, aos melros, aos esquirbentes, aos ferreiros, aas bubelas, aos xiríns, aos pinzóns e a outros moitos paxariños, que cada un ao seu xeito e, como si foran a quen máis pode, cantaban, asobiaban e gorxeaban que se llas pelaba no entramentres que por antre as xestas, os chaparros e os álberes de que noutro tempo estaba mecho e pobrado o estenso campo de Libureiro, preto de Millí[1], iban dando voltas ao redor daquelas brandas e tan cursidosas cunquiñas feitas de grabullos, caños, herbas, fiaños e toda cras de lixos onde piaban sagredamente as prendiñas dos seus amores.

No punto e momento en que damos comenzo ao noso conto, saltaba de dentro dunha cerrada, das moitas que había naqueles longos e estensos chaos a un e a outro lado do antigo camiño francés, un peisano que estaba parrafeando con outro que se achaba arrimado ao valo pola parte de afora. O de adentro fincou a fouce rouzadoira que levaba na man do outro lado do valo, dou un pulo e botouse fóra dicindo ao mesmo tempo:

-Éche tan certo como que nós estamos aquí agora falando.

-Pois eu, Alberte -contestou o outro- hastra que o vexa, noo creo.

-Alá ti, Domingos; pero en desconfiado ti non me ganas, e ao fin vin tantas señas e tantas probas, que tiven que caer do burro maldicindo, con perdón, da miña burremia que tanto me fixera temear pra non creer tanto ben.

E esto dicindo, iban andando pé ante pé cara a Millide.

O Alberte era un garrido mozo duns trinta anos. Levaba na cabeza un chapeu de aas ben anchas, e sobe os ombreiros trajía un zarame ou zamarra de segoviao, que así lle chamaban a un certo pano basto de Segovia. Calzóns e altos zapatóns cubríanlle os remos de abaixo. O Domingos era da misma idá ou pouco mais e iba vestido pola misma traza.

-Non te creas, Alberte -repricou o Domingos conforme iban andando- que é a pouca gana de que soceda o que ti dis o que me fai a min retrucare; éche que dos que van aló poucos che volven; e sinón mira o que lle pasou ao probe señor don Fernando e a outros máis que sabemos; e logo estes sonche moi lagartos e estanche con cen ollos pescudando todo o que pasa. Dios nos libre que eles uliran que estaba acó quen ti dis; eran capaces de reminar os acimentos do Bocelo. Eche boa a xente pra deixarche arrincar da man o mango da sartén. E si non, vaille alá con ese recado! Eu non quero saber máis que ver o modo que eles teñen de cachear e rexistrar aos romeus e pelegrins. O poñelos en coiro é o de menos: o caso é enteirarse si levan ou trajen algun aviso ou recado de afora. Por eso che digo que, senón que viñese polo aire, non che lle vexo outro medio. Si veu polo aire, estonces calo.

-Ti, Mingos, sempre fuche moi cismático e aparasible. Por onde veu, xa o saberás ao seu tempo, e estonces caerás do burro, digo, si ques caer.

-Cata que hastra o de agora cas miñas cismas non botei a perder a nadia, e en boa hora sea dito; pero ti a min non me entendes. O que me sobra a min é a gana de desapearme. ¿Quen é tan tolo que non queira ispir fóra esta pecumia que nos abura e confonde? Pero é tamaña a nosa mala fertuna, que nos habíamos de ver libres destes escariotes, e non o habíamos de creer. Desengáñate, Alberte, que tanto ben non che é pra nós. Sonche os nosos pecados, que isto e moito máis merecemos; e despois estes escoleres parez que teñen pauto co diaño, que todo lle sale a pedir de boca.

Na somana pasada fixérome ir a botar tres días na gávea do Castro de Ambreixo; e despois de botar alí as alegrías nin siquera me deron unha sedada de auga; e eso que xa facía un sol que esmechaba peormente no último día; que cando volvín pra a casa no primeir rego que topei non me vía asalgado de auga.

Na outra somana tívenlle que facer oito carretos ao señor de Eroso desde a devesa da Lucença hastra aa súa casa, que han de ser ben unhas tres légoas por uns camiños por onde non hai gaado que arranque. E despois de chegar alí cos bois esmiñancados, despáchante con cara de pau e sin un triste carolo para ir estrivellando cos dentes. Esta carta feira que pasou, fixo catro somanas, tiven que dar unha noite de vela no castelo da Gandra, que estaba facendo o señor do Mato. Como decote, nin unhas maas farangullas para entreter a fame. En recompensa, cando me morreu meu sogro, fará agora unhos sete meses, ao pagar a loitosa, puxérome o mellor boi que tiña en douscentos maravidis. O boi non era malo, e non é porque eu o diga; pro nin con moito valía ese diñeiro. Por máis que dixen e fixen non me valeu, e tiven que cichar branca por branca os douscentos maravidís. Pola ponte de Campaña xa non hai quen vaia; porque o señor de Remonde despelexa a toda alma viva que por alí pase cos trabucos do pasaxe, do pontaxe e do castelaxe. Agora, si ques, váiteme ao do Castro das Seixas, verás que moscas che salen.

-¿Acabache ca túa ladaíña? -perguntou Alberte.

-Inda non fixen máis que escomenzar -interrumpeu Domingos.

-¡Boite! pois se eu empezo ca miña -sigueu o outro- temos pra un boo anaco.

-Éche ben escusado; pois, do que é mal, ben púbricos e ben sabidos son os ladroizos e as malfeitonas destes arrabiados; que aínda nos parecen máis alritantes e máis noxosas ao ver do que pasaba en tempo do señor Vasco de Ulloa e de D. Fernando de Castro. ¡Presonas como D. Fernando nunca habían de morrer, ho! ¿Ves este zarame que traio aas costas? Pois doumo el fará uns dez anos na vila de Sarria. Iba eu cun recado do señor Vasco, e insiguida mandou que me desen de xantar e máis unha boa cunca de viño. E cando un moordomo me trouxo a resposta, tróuxome tamén da súa parte o zarame. Soilo o velo prantado no seu cabalo tordo, daba xenio. Aquel si que era señor; e non estes grusmias e esfameados que parez que a miseria lle roie os ósos e lles fai roer os dos demais. Cando iba por un camiño co seu arnés relumbrante coma os raios do sol e ao frente da súa escoltra composta de cabaleiros tan portados e tan boiantes a escape naqueles cabalos, que voaban e non andaban, todo o mundo quedaba parado e abraiado. Ser, era moi puro; pero máis raial e máis humano en tódalas súas cousas, non vin outro. O rumbo e a fartura que había naquela casa, os tantos paxes, e cabaleiros, e escudeiros, e moordomos, e criados e doncelas, que por tódolos rincóns formigaban, facían a casa máis para un Rei que para un señor.

-Oínchelle eu dicir a meu pai -saltou aquí Alberte- que unha vez iba D. Fernando cun soo escudeiro pra o seu castelo de Sarria: (inda era mozo que non tiña pelo de barba na cara); e nesto, ao chegar a Zanfoga, preto de Portomarín, veu atravesar correndo polo camiño unha rapaza que iba chorando coma unha Madanela. Perguntoille D. Fernando qué tiña:

-Señor, lévanme preso a meu pai -contestou- porque non quer pagar o xantar ao señor de Bagude; e o de hogano xa o pagou; e agora quer que llo pague outra vez e que lle dea vinte maravidís; e meu pai non os ten, e por eso lévao preso.

-E ti ¿de onde es?

-Eu son de Abelás, e mandoume ña nai a Nabalíos en cas dun curmán a ver si lle prestaba os vinte maravidis.

-E ¿cando levaron preso a teu pai?

-Agora mesmo, señor; el saía por unha porta e ieu pola outra; e sei que o queren levar preso para o castro de Bagude.

Non quixo saber máis D. Fernando.

-Vólvete, rapaza, pra a túa casa -díxolle logo-, que o xantar xa llo darei eu ao señor de Bagude.

E esto dito, mete esporas ao cabalo, e a todo escape e levando detrás ao escudeiro torceu para Abelás, sigueu para Bagude, e mismo estando xa para entrar no castro o señor de Bagude:

-¡Alto, que ese preso é meu! -berrou D. Fernando.

-Se é teu bícalle no rabo. Habrase visto somellante marraxo. Váiase en paz aos seus feitos e non se meta onde non o chaman. Ou si estás borracho, aí tes esa fonte para remollar a cabeza.

-A quen hei de bicar eu, ha de ser a ti, vilán, que ca túa asquerosa lingoa pertendiche luxar a imaculada honra dos Castros.

E antes de acabar de dicir, xa brincara encima do outro ca espada desenvainada e botando lume polos ollos.

O de Bagude quedou tan atortoado, que non soupo facer máis que risparse para dentro do castelo. No entramentres don Fernando antepuxo ao preso, e volvéndose aos catro ou cinco peóns que alí estaban, soltoulles esta receta:

-Dicídelle a voso amo que o xantar deste home que mo vaia requerir a Sarria, ou si ten moita presa, que aquí hai campo e que mo veña a pidir, que llo darei no auto.

E poñendo a man sobre a cabeza do preso sigueu:

-Este home é de miña mamposta. Desdichado do que lle chisque no pelo da roupa.

E sin máis foino acompañar hastra aa casa.

Destas cousas estaba el facendo diario. Non llas calaba ao fillo do sol, e coidado con que el soupese que en algún sitio se fixera algunha maldá; alí se presentaba ao istante para emendala e correxela. Para esto non sei como facía, pero sempre tiña el azo e leser.

-¡Boite!, tíñache ben de quen o haredar. ¡Non che erra o que ao seu somella! -ouservou Domingos. O pai era o maior cabaleiro que daquela había en todo o Reino. Cuasimente el morreu o ano que eu nacín, que foi o corenta e tres; e contaba miña nai, e tamén llo oín a vellos, que cando o trouxeron a enterrar desde Alxaciras, onde morrera de peste, aa Catredal de Santiago, parecía aquelo a fin do mundo ¡tantos eran os choros, os saloucos, os laios, e tanto era o que todos, probes e non probes, o planteaban! E eso que el no seu testamento mandara que no seu enterro non se fixera doo nin planteamento. Pero ¿quen iba a arrecadar a tanta familia como alí se xuntou detrás del? Levaban o cadaleito os seus vasallos que se iban remudando aos poucos, e enterránono na mesma Catedral a espaldas do coro e ao pé do leedoiro da Apistola. Enterro coma el, nin o acordaban os nados, nin dempois houbo outro que nin con moito se lle asomellase.

-Anque sea o señor Vasco de Ulloa tamén che é un home compreto.

-¡Oh! ¡eso dimo ti a min! Presona que faga máis esmoilas no hai debaixo das estrelas. Para este hespital de Libureiro, e o mesmo para o de Millí, sempre estaba mandando mantas e cabeçaes, sinte os reparos que estaba facendo a cada paso. Despois regalos aas eirexas; a bon seguro que non hai eirexa en toda esta redonda que non teña algunha cousa, ou cález, ou ornamentos, regalados polo señor Vasco ou polos seus santospasados. Tamén o señor Gonzalo ¡vaia que mozo! ¡Paricía que Noso Señor quixera debuxar en el tódalas perfeucións! E no caraute era polo estilo de D. Fernando, rumboso, falangueiro, xusticeiro, non consintidor de ruíns e malfeitores e amigo e valedor da xente boa e honrada. E mais ao señor Vasco desque el lle faltou, nunca máis ben lle foi; parez que caieu sobre el unha sombra; anda medio pasmado e hastra parece que non se lle dá por recobrar as terras que lle teñen mal levadas. Despois os outros fillos hastra agora son rapaces, e máis están para recibir axuda que para dala.

-Eso xa o vremos -dixo Alberte.

-Dios te oia, que el todo o pode; pero eu vólvoche aa miña. Estanche estes moi agarrados con dentes e uñas, e logo cóntanche ca axuda do Sr. Condestabre, e para desbancalos non che vexo traza, nin xeito, a non ser que Noso Señor queira facer un milagre. Pouco conoces ti ao Señor de Sampaio; é pior que un alarbio; non é home, que é un dragón que a toda a terra ten atemorizada. Os fillos pra alá van; e todo o mundo arredra deles como si foran escorpións. ¿Quen chos vai a chimpar fóra dese castro das Seixas, onde eles están tan ben entobados? Despois estanche confradados co señor Fernán Pérez d'Andrade, e ben sabes que agora o que este diga ten que valer, queiras que non queiras.

-No me veñas ti cas túas sécolas -contestou a esto Alberte- que valerán para xente bafúa e encativada; agora, pra homes de peito e de arranque e cansos de tanto aguantar e sofrir, sonche como pingotas de aceite botadas no lar; inda che alpurizan máis o lume do que cho apagan. Benia aa túa calma e cachaza que ti polo visto inda ques volver polo vezo.

A todo esto xa había un pouco que estaban parados diante da corredoira que aparta do camiño raial para a eirexa de Libureiro, para aquela eirexa de Libureiro que aínda hoxe conserva no sobrelume da porta prencipal unha preciosa imaxe de bulto, da patrona, Santa María, a cal non hai moito que tiven a sorte de poder contemprar ao meu xeito en compañía dunhos boos e quiridos amigos. Sobre o xionllo esquerdo ten a Virxen Madre, que está senta nunha rica cadeira, ao seu Meniño, ao cual está Ela mirando con dooce e inefabre espresión. O Meniño viste túnica e a Nai túnica e manto e ademais unha touca rizada, e sobre ela unha coroa flordelisada. No campo do tímpano ou sobrelume dous anxees turiferarios, un de cada lado, levantan os seus encensarios en sinal de adoración.

O resto da portada corresponde a tan graciosa e atraente composición. O tímpano está sostido por dúas mochetas nas caes vense esculpidos dous ánxees, cada un cunha tarxeta medio enrollada. Ademais do indispensábele tornachuvias rodeia o tímpano unha archivolta que descansa sobre dúas culunas, unha de cada banda, asentadas nos codillos abertos nas xambas da porta.

A un lado da eirexa aínda se conservan as paredes do antigo hespital que mostran nun escudo as armas xentilicias dos Ulloas.

No tempo que estiveron parados os dous amigos nen pasou por alí outra alma que tal cual pelingrín que iba a pasar a noite ao hespital; así é que eles poideron espricarse aas súas anchas; e Domingos volvéndolle a Alberte pola palabra, díxolle moito:

-Noo... de que o lume che se alpurice e alapare ben, non che me doio; o caso é velo.

-Xa o verás, inda que cegues, si Dios quer -contestou Alberte algo amoscado.

-¡A modo! e por eso Dios te oia e o diaño sea xordo; pero eu téñoche meu medo de que antes que eu cegue ti has de parvear.

-Parvo seralo ti e toda a túa caste. Nunca pensei que foses tan duro de arrellar.

-Pero ven acá, santo, e escóitame, e non seas tan atufado. ¿Como o Señor Gonzalo, por moito que faga, vai a recobrar os seus estados, si llos repartiron como os xudíos repartiron a roupa de Noso Señor? Siquera, dixérasme ti que era soilo o Señor de Sampaio, Vasco Gómez das Seixas, o que estaba apoderado de tódolos estados de Ulloa; entonces a cousa aínda tiña algún xeito; pero ti ben sabes, ou ben debes saber, que o Condestábele tenlle o melloriño, toda a Ulloa e Monterroso, e esto por dádiva do Rei; e que así que o Condestábele D. Pedro Enríquez vexa que lle tocan ao de Sampaio, tamén el ha de saír na súa axuda polo que poida suceder. Esto non oferece duda ¿non si?

-Oínche eu que o Condestábele non che ladaba moito con Vasco Gómez das Seixas, alomenos o caraute del non llo dá.

-¡Boite! fíate e non corras que cando veñan as duras xa ladarán ben. Esto repítocho unha e cantas veces queiras. Non é dicir por eso que eu non degare pola vinda dos señores de Ulloa. Si en min dependera anque tivera que perder, non digo a man direita, sinón as dúas, xa mañán che habiamos de ver os pendós dos Ulloas nas torres de Curbián.

-Logo os habemos de ver, si Dios quer, e ieu son un probe e véxome ben asollallado, pero por min non ha de ser a falta. ¿E ti recibiches algún recado do señor do Vilar de Mella?

-Non polo de agora.

-Poida que o alcontres na casa.

E con esto despartíronse os dous amigos. Alberte colleu pra o lugar de Libureiro, onde tiña a casa e o outro encamiñouse pra a súa, que a tiña preto de Millide.


[1] E o famoso Campus leporarius do camiño de Santiago. Hoxe é un verdadeiro campo-rapado, e en vez de albres e chaparros está sembrado dunhas laxes direitas que lle dan a aparencia dun gran campo fortificado


II


ESTRANA MESAXEIRA


Nin asomos de caroca había no que lle dixera Alberte ao seu amigo; pero por non adiantar os sucesos e xa que o boo de Alberte cos seus mesmos misterios espertou a nosa cursidá, contaremos como aquela mesma mañán, ben cedo, subía pola costa de Carelle con direición, polo que parecía, a Sobrado, unha fidalga moza sobre unha teixa facanea seguida dun escudeiro montado nun cabalo castaño. Cando deron vista ao convento, xa os pirmeiros raios do sol nacente refrexábanse nas torres da eirexa, bañándoas con aquel tinte dourado con que o radiante astro do día sol ao saír inundar a terra. Esto foi coma un aguillón que lles fixo apertar o paso; así é que aos poucos menutos xa os dous cabalgantes atravesaban polo arco que estaba á entrada do patio e daba comenzo aa vía sacra que viña a ser como unha calzada que conducía aa eirexa. A moza, ao chegar a carón do pórtico, púxose dun brinco no chao sin dar siquera tempo a que o escudeiro lle viñese a ter conta da cabalgadura. Un dos acemeleiros do convento recolleu as bestas e levounas pra as caballerizas da hospedería.

Entramentres a fidalga moza subeu os dous ou tres escalóns do pórtico, púxose a amañar e arrupíar un algo o rubio cabelo que levaba ao aire como avecía a unha doncela, estendeu o manto que trajía dobrado sobre o brazo, e cubreuse con el desde os pés aa cabeza; e así composta e arregrada fixo o sinal da cruz e meteuse na eirexa pola porta do medio, que era a única que estaba aberta.

Naquel entonces a eirexa de Sobrado tiña outra forma moi distinta da que ten, ou máis ben, da que lle quedou hoxe. O pórtico de que acabamos de falar, era unha soberbia costrución sobre a que se fundaba a fachada e que reguardaba as portas da eirexa[1]. Entrábase a el por catro arcos, tres de frente, e un polo costado da ezquerda, pois polo costado da dreita estaba cerrado cas paredes do Mosteiro. Cubríao unha bóveda de nervaduras con seus correspondentes rosetóns nos puntos en que as nervaduras se cruzaban, e estaba dividida en tres compartimentos, tantos como eran os arcos do frente. Escontra destes arcos abríanse as tres portas da eirexa, as xambas das cuales compúñanse de seis ou sete codillos de cada banda, nos cales codillos encaixaban outras tantas culunas cos seus respeutivos capiteles. Sobre a imposta corrida que coroaba as culunas e capiteles, volteaban, marchando de viaxe e de maior a menor, outros tantos toros ou baquetóns que formaban as arquivoltas que rodeiaban os dinteles ou sobrelumes semicirculares que cubrían as portas. A xuzgar polos restos que quedan, non debían de verse alí grandes obras de talla, nin estatuas, nin outras feguras de seres fantásticos e estranos; mais si molduras lisas e xangales que trazaban linias moi correutas e alegantes. É sabido que os frades do Cister, Orde á que pertenecía Sobrado, repunaban todo estudio na ornamentación e máis taes representacións fantásticas e caprichosas.

Vista a disposición do espacioso pórtico, está dito que a eirexa había de ter tamén tres naves cubertas de bóvedas de nervaduras. A nave do medio para alá do segundo ou terceir arco achábase cerrada por unha reixa de ferro, que separaba a que chamaban eirexa dos seglares da dos monxes.

Viña dempois o cruceiro ou transepto alomeado por unhos rechamantes rosetóns calados; e logo máis alá do cruceiro a capela maior. Nada desto queda agora en pee; porque no sigro XVII a par desta eirexa construyeuse a que susiste hoxe, e o solar da vella destinouse a dependencias do convento.

Debemos ademais supoñer que na eirexa vella sobre o cruceiro se irguía a cúpula e que ao redor da capela maor había o seu deambulatorio ou coroa, ou chirola como o ten a de Oseira; pois eirexa tan importante como a de Sobrado, que comezou a levantarse en época de tanto gusto e fartura, como foi a segunda mitá do sigro XII e baixo o impulso e direición dun home de tanto rasgo como foi o abade D. Xil, non había de quedar desprovista de tan vistosos aucesorios.

Ao punto en que a nosa doncela entrou na eirexa resoaban as bóvedas cos ecos da Prima que estaban cantando os monxes no coro alto. O misterioso e unísono balbordo que cas súas lentas vibracións inchía todolos ámpitos da eirexa, penetraba no de máis adentro da alma, e transportábaa a outras rexiós desconocidas en que a maxinación tira a adiviñar cousas indefinibres e marabillosas, a outras épocas das que buligan na mente os recordos de tantos personaxes e de tantas escenas. Todo o animaban, todo o movían, a todo lle facían perder a súa inercia aqueles sons graves e mesurados co seu ritmo solto pero tan espresivo e maxestuoso. As mesmas estatuas yacentes que pousaban acá e acolá polas naves da eirexa, paricía que pelexaban por incorporarse sobre os seus fríos e lapídeos leitos para tomar tamén parte no solene concerto; pois aqueles cánticos feguraban ser, non a espresión de contadas e singulares presonas, mas a de moitas e xa remotas xeeraciós. Sin querelo víñase de socato aa mamoria o nome do nobre conde D. Hermenexildo, que tamén el visteu o santo hábito de San Bieito e cantou e salmodiou neste convento; do cal ca súa vertuosa parenta Dª Paderna e co seu fillo o Obispo de Compostela D. Sisnando II, foi insine e xeneroso fundador. E o que chaman asociación de ideas tragía a continación o recordo dos dous ilustres condes irmaas, D. Fernando e D. Bermudo Pérez de Traba, que redificaron o mosteiro desde os cimentos, e poblárono cos monxes que pidiran ao seu amigo S. Bernaldo, e o D. Bermudo quixo que alí o collese a súa última hora vestido con aquela cogulla que a tantos santificou; e logo o do poderoso conde de Lemos, D. Pedro Fernández de Castro; e logo o de Lope Rodríguez de Ulloa, o de Sancho Sánchez de Ulloa; e logo o de tantos outros señores e cabaleiros e Abades como son os que teñen groriosamente engarzados os seus nomes na importante hestoria deste mosteiro.

¡Probe Sobrado! ¿Onde están hoxe as túas oficinas e obradoiros noutro tempo tan cheos de animación e de vida, abertos sempre e decote pra que neles poideran deprender e perfeccionarse os mozos de toda aquela redonda? ¿Onde o teu taller de carpintería? ¿onde o de ferrería? ¿onde o de cantería? ¿onde o de xastrería? ¿onde a oficina de escribir? ¿onde a túa butica? ¿onde as túas cortes de gando e as túas caballerizas? ¿onde a túa soberbia hospedería, na que non houbo camiñante que por alí pasara, que non esprimentase a cheúra, a caridá, o agrado dos frades encargados de administrala e servila? Todo desapareceu; e en balde para elo lle buscará un algún motivo ou achaque. ¿Sería acaso porque lle chamarán progreso aa destruición e arraso de tódalas importantes obras que a costa de tantos esforzos e de tanta costancia fuche levantando no andar dos sigros? ¿Ou será cultura o non deixar nin fiñascos dunha casa onde por tantos tempos estiveran recollidos e guarecidos todolos estudios e disciprinas e endustrias que fan culto e ilustrado a un poboo? ¡Ou quizaibes seia necesaria e forzosa esixencia das nosas pulcras modernidades o non deixar rastro nin reliquia de todo aquelo que noutro tempo foi foco perene de cultura, de moralidá e de social edificación! ¡Inda se podería aguanta-lo sarcasmo (e non faltará quen se encargue de volvelo) si tantos probes e infelices labradores e artesanos non tiveran que quedar irrimisibremente privados do pan pra alma e pra o corpo, que alí con tanta liberalidá e amor se lles regalaba!

Pero volvendo ao noso conto, e por mor de Sobrado perdónenme a digresión, así que a doncela percebeu os ocos dos sonoros cantos relixiosos, non poido acuitar a empresión que sintira, e un lixeiro estremecimento que lle fixo estordigar todo o corpo, descobreu a súa comoción. Oieu a misa da Prima con gran recollemento, e acabadas as súas devocións, saeu da eirexa ao tempo que o escudeiro xa lle tragía a facanea e lla arrimaba aa escaleira do pórtico. Posta ela no último paso, sacou o manto, encartouno, pousouno sobre o arzón e apoiándose cunha man sobre a besta, dou un pulo e quedou montada a cabalo, e sin máis botou a andar ca mesma fuga con que viñera.

¿Quen era esta arrogante rapaza que tan cedo e con aquel porte se presentara en Sobrado para cumprir as súas devocións? Era a filla, e filla única, do señor do Vilar de Mella, Vasco Fernández. Iba a facer dous anos que tivera aa morte á súa nai, e para que noso Señor lla sanase, oferecérase á visitar tódolos días a Santa María de Sobrado. Desde entonces, que chovese, que nevase, que fixese o tempo que quixese, non viña día ao mundo, que ela non fose facer a Sobrado a súa visita acustumada e oír misa podendo ser e asistir ao oficio divino. Daquela, por eso, había outro motivo máis que a obrigaba a non interrumpir o seu diario viaxe.

Unhas dúas légoas distaba a casa forte en que soía residir Beringuela, que este era o nome da fidalga rapaza, do célebre mosteiro; pero esta distancia atravesábaa ela na súa hacanea en pouco máis de media hora.

Aquel día en que por pirmeira vez a alcontramos na costa de Carelle, chegou como sempre sin novedá aa súa casa que estaba entre as parroquias de Mella e de Sendelle no mesmo sitio en que se xuntan dous rigueiros e xuntos van parar ao Iso. Así que o vixía da torre a avistou, dou o sinal para que todo estivese aviado para deixar caer a ponte levadiza asemade ela chegase. O pai, que xa a asperaba na porta, colleuna nos brazos, doulle un bico na frente, e sin máis marchou el mismo ca besta pra a caballeriza.

A nai non estaba moi conforme con estes paseos da filla. Mentras Beringuela non volvía, ela non acougaba e sempre estaba tembrando e receando algunha mala nova ou algunha mala ventura. Valíase ela de ter avisados, pero en moito secreto, aos viciños dos sitios por onde a filla debía pasar, para que tan pronto como soupesen que lle sucedera algunha cousa, viñesen de carreira a dicilo ao castelo. Mais, nin con esta precaución quedaba Eldonza, que así se chamaba, satisfeita e tranquila.

O pai ao rivés; ningunha cousa o poñía tan arrufado e tan teso como o pensar que tiña unha tan arrogante e tan disposta filla. Cando a vía marchar a cabalo tan lixeira e tan áxele como unha ave, mismo lle caía a baba. O coidado que el tiña era que lle aparellasen ben a besta, o cual soía facer el mismo cando tiña vagar; e cando el llo facía, dicíalle moito chiscándolle co dedo no queixo:

-Xa podes ir sin medo anque seia ao cabo do mundo.

Casque a mesma ansia amostraba el cando Beringuela chegaba de volta do seu viaxe. El mismo soía recollerlle a besta, desaparellarlla, e despois botarlle algún requebro, que si podía falagar aa filla, máis era o que a el lle facía poñerse foncho e ufano.

Pero nesta ocasión tamén el tiña outro motivo máis para gardar ca filla estas atencións. Ao recoller da besta o reposteiro, que era unha manta de pano azulado cunha franxa dourada e cas armas bordadas da casa, que eran unha aguia negra en campo de prata, cacheou nun bolso sacreto que a manta tiña, e sacou del un billete, que non tardou en ler tan pronto como se achou compretamente soilo. O billete decía así:

"Todo hastra Parga marcha a pidir de boca. Pasado mañaa aa unha da noite, podendo ser, quero ver aos de Libureiro, Remonde, Pambre e Ambreixo. Diredes o sitio. De min G. Oz."

O sinificado deste billete dirémolo; pero antes queremos escudrumar quen era o autor.


III


OS DOUS FRADES DE SAN XUSTO


Un mes ou pouco máis facía que aa portaría de Sobrado antre lusco e fusco chegaran dous frades brancos ou de San Bernaldo montados en dúas poderosas e ben arreadas mulas. Un deles era un home como duns sasenta anos, fraco, esgomiado e enfremizo ao que paricía; o outro era un mozatón coma un castillo, rubio e colorado coma unha rosa e coma duns vinte e oito anos de idá. Según decían os acemeleiros que os acompañaban, viñan do convento de San Xusto, de onde saíran por causa do máis vello que quiría ver si ca muda de aires acababa de poñerse boo e recobraba a salú.

Dixéronlle ao frade porteiro que avisase ao P. Abade que alí estaban dous frades de San Xusto, que quirían falar con el; e o porteiro sin máis encamíñounos pola gran escaleira que conducía aa cámara abacial. O P. Abade ao que soupo que estaban aa súa porta, mandounos entrar, ricibeunos con moito agasallo, e despois dun pouco de conversa, sinaloulles celdas como a forasteiros pra que fosen a descansar e a repoñerse das faticas do viaxe. En atención ao dieble e achacoso que se achaba o frade máis vello, dispensounos tamén alomenos polo pronto do coro e do refitorio e inda quixo que fosen xantar aa súa cámara. Polo demais eles sempre que podían, percuraban asistir a tódolos autos da Cumunidá.

Mais ao que lle dese por maliciarse e ao mesmo tempo fose algo entendido nas pláuticas e custumes da vida monacal, poida que lle parecese que aqueles dous frades, ou eran frades moi novatos, ou non lles vestía ben o hábito que tragían. Engadede a esto que o P. Abade tratábaos con máis atencións das que pudían pensarse acreedores uns simpres frades, retíñaos a miúdo na súa cámara, e estaba parolando con eles a veces con moita reserva. E desque eles chegaran a Sobrado amiudaban os propios e recados; e todos iban e viñan percurando moito disimulo e sacreto.

Pero por non andar ca lingoa ao redor, diremos dunha vez que o frade máis mozo era nada menos que o Sr. Gonzalo Ozores de Ulloa, o fillo vinculeiro do Sr. Vasco López de Ulloa, o cual tomara o nome e apellido do seu bisavoo Gonzalo Ozores de Orcellou. Como é sabido, os señores da casa de Ulloa tiveron sempre moita irmandá cos Condes de Lemos. No ano de 1359 na desfertunada batalla de Araviana, un tío do noso Gonzalo Ozores, D. Gonzalo Sánchez de Ulloa pereceu como valente desempeñando o cargo de Alferez maior de D. Fernando de Castro. Con este achouse tamén Gonzalo Ozores na malfadada xornada de Montiel do ano 1369 quedando alí prisioneiro en poder do Rei D. Enrique. Dempois, no ano de 1374, cando este Monarca lle tivo que pagar a Beltrán Claquin ou Duguesclin 240.000 dobras pola cidá de Soria e polas vilas de Almazán e Atienza que lle comprara, pra compretar a dita suma entregoulle varios prisioneiros e entre eles a Gonzalo Ozores, o cal cos demais tivo que largar para Francia a disposición do famoso avintureiro.

Entramentras a gran casa de Ulloa, e peor despois da derrota do conde D. Fernando de Castro no Porto de Bois, preto de Lugo, desfíxose e esfarelouse en anacos; e cada un arramplou co que pudo. Por eso, os que máis levaran, foran o infante D. Pedro Enriquez, fillo do irmán de D. Enrique II, D. Fadrique, e o señor de Sampaio Vasco Gómez das Seixas. O pirmeiro, por disposición do Rei, seu tío, quedouse con toda a Ulloa e Monterroso, e Vasco Gómez apoderouse de tódolos demais estados que caían ao Norte do río Ulla entre Sobrado e Palas de Rei.

O outro frade de S. Xusto era un deses tipos que a nosa sociedá vai perdendo de día a día. Fora amo, e amo a concencia, de Gonzalo Ozores; e con esto está dito todo. O amo naqueles tempos viña a ser un endivido, un membro que se enxertaba nunha familia, e de tal maneira se encorporaba con ela, que con ela formaba un solo corpo e unha soila alma. O amo viña a ser a presona a quen se encomendaba, moormentes entre os señores ou xente fidalga, a crianza dalgún picariño para que o tivese no seu poder e o coidase e o deprendese e o asistise en acasiós hastra que chegase a tomar estado. Desde o momento en que o amo acetaba o seu encargo e era reconecido como tal, quedaba en certo modo e alomenos civilmente, tirado da súa familia; pero en cambio ricibía todalas estimanzas e moitas das consideracións que estaba chamado a gozar o miniño que tiña na súa casa. Fernán Vázquez, que así se chamaba o amo de Gonzalo Ozores, de tal maneira se encariñara co seu pupilo, que, si pode decirse, quiríao con amor máis fino e máis disintresado que o dun pai. O día que Gonzalo Ozores deixou a súa casa foi pra el un día de verdadeiro loito; pero canto máis o pupilo se separaba no corpo, máis apertado o tiña el na alma; e en todos cantos pasos daba o seu Gonzalo, en todos os siguía el co pensamento. As satisfauciós, os pesares, as grorias, as desfertunas, os triunfos, e aínda os sacretos máis sacretos de Gonzalo, eran tamén del; e estou por dicir, que eran máis del que mismo si foran propios.

Cando acabou co seu encargo de amo, o Sr. Vasco de Ulloa púxolle na man unha boa bulsa chea de moedas de ouro e de prata, pra pagarlle o seu porqué e en premio do ben que desempeñara o seu oficio. Fernán Vázquez nunca se astreveu a tocarlle a aquelas moedas; sobre elas tiña el un pensamento, unha aspiración, a de poñelas na man do pupilo tal cal as recibira de seu pai. Algo o facía discurrir e cavilar o modo de facer esto sin que Gonzalo se ofendese e tomase a mal; e como con este medo dubidara de presentarllas, tíñaas gardadas e ben pechadas, asperando algunha favorábele ocasión. ¡E que ben lle viñeron como logo vamos a ver.

Cando Fernán Vazquez tivo noticia da prisión de Gonzalo Ozores na batalla de Montiel, presas tamén quedaron as potencias da súa alma, porque el non sabía separalas do sitio en que el supoñía que se achaba encarcelado o seu señor. Nin comía, nin dormía, nin acougaba, maxinando sempre algún modo, algunha vía de rescatar ao seu pupilo. Pero ¿que podía facer el que fose conducente e afical pra o ouxeto que se propuñía? El non tiña máis que un rucio e unha espada, ¡e boa era! e Gonzalo estaba alá lonxe, lonxe, coutivo en Francia, ¡sabe Dios onde e como!

Por moito tempo a súa agra e afincada mágoa non achou outra demudanza, ¡ben triste por certo! que cando veu que todos, ou cuase tódolos estados e terras da casa de Ulloa, despois que o infante D. Enrique saleu ca súa, e o conde D. Fernando foi derrotado no Porto de Bois descamalláronse e esbardalláronse, como un feixe apertado a quen lle tallan a corre, e cada un marchou por seu lado nas uñas dos contrarios e envexosos. ¡Que trago pra el o pensar que aquel picariño que el criara con tanto amor e tanto desvelo para ser un gran señor, tiña que verse reducido á andar por portas como un probe mandingante!

Quixo Dios que os vasallos de Ulloa comezaron logo a sentirse mal a gusto cos novos donos, que os trataban e asoballaban pior que a escravos. Quixeran eles entonces volver aos seus antigos señores; pero o Sr. Vasco López ¡mal pocado! xa iba acabado cos anos, e máis cos disgustos e cos traballos e o probe andaba acorado e corrido sin achar pousada onde poidese estar siguro e tranquilo; e o fillo Gonzalo Ozores tiña arranque e valentía pra calquer cousa; pero ¡quen sabía o que era del nin onde se alcontraba! Mais por eso os vasallos non acougaban; cada vez arrenegaban máis dos seus asoballadores e piormente do señor de Sampaio Vasco Gómez das Seixas, ao cal todos, é verdá, tiñan un medo que pavoavan; pero esto mentres non topasen quen os axudara a acurralo e cañalo coma a unha fera.

Fernán Vázquez que ouservaba, e aínda esprimentaba todo esto, dicideuse a poñer por obra un proyeuto, ao cual xa facía algún tempo que lle andaba dando voltas; e era ir a Francia e buscar a Gonzalo Ozores e tragelo anque fora nos dentes. Estivo cavilando por onde faría o viaxe, si por mar, ou por terra; e ao cabo resolvéuse polo pirmeiro que lle oferecía máis avantaxes.

Tiña el un conocido en Betanzos que era labrador e un señor labrador. Chamábanlle Pedro de Veriis e era tan riquismo e tiña a casa tan posta e tan arreada, que en certa ocasión necesitando o xudío Abraham aben Xucef, que era un dos arrendatarios dos trabucos raiales no reino de Galicia, unha fianza para buscar diñeiro emprestado para pagar o que lle dibía ao Rei, foi a petar con el como presona que era tan abonada. Pois ben, este Pedro de Veriis estaba facendo a cada paso remesas de viño aa Rochela para a Ingalaterra, Frandes e outros sitios. Fernán Vázquez, que sabía esto, presentóuselle, dicíndolle si habería inconveniente en que el fose nun dos galións en que mandaba o viño, pois tiña que ir aa Rochela e falar alí cun parente de cousas que a el lle intresaban moito e a toda a súa familia. Ofrecéuselle ao mesmo paso a servilo no que aló poidera ocurrírselle. Ningún reparo nin arredra puxo Veriis no que lle propuña Fernán Vázquez; e antes folgouse moito de poderlle facer este servicio.

No pirmeir barco, pois, que liscou de Betanzos alí se enxaretou Fernán Vázquez ca recomendación de Veriis; e desque se veu na Rochela, non quedou porta á que non petase, nin curro que non cachease pra ver de achar algunha noticia ou algún endicio de Gonzalo Ozores. Por sorte para el a Rochela estaba entonces en poder de Beltrán Claquín, o cual para conservar a cidá sometida ao seu señorío, tiña alí algúns soldados de gornición. Por eles pudo pescudar Fernán Vázquez o paradeiro de moitos dos prisioneiros españoles que o aproveitado campeón levara para Francia. Dunhas noutras veu a averiguar polo certo o sitio onde estaba coutivo Gonzalo Ozores. Non quixo saber máis; presentouse aló de camiño pidindo a libertá do seu señor e ofrecéndose a aprontar no auto a suma do rescate. Os franceses remelaron os ollos aa vista das douradas moedas (e eran as mesmas que Fernán Vázquez recibira do señor Vasco de Ulloa) e por apañalas a elas non puxeron moita dificultá en ceibar a Gonzalo.

Voltos aa Rochela, xa non pensaron en outra cousa que en encamiñarse pra España. Poideron aproveitar algúns dos barcos que viñan de retorno a Betanzos; pero dubidaban arribar a esta vila por medo a Fernán Pérez de Andrade que viña a ser coma o correxidor; e como dicía Fernán Vázquez, non sea Xudas que aa porta da casa veñamos a caier na trapa. Prefiriron polo tanto ir desembarcar a Noia, onde Gonzalo Ozores era menos conecido; e así metéronse nunha nao que iba consinada aa famosa casa dos Carneiros, que eran unhos ricos comerciantes daquela antiga vila, que se gaba nada menos que de ser fundada por Noé. Nonos meteremos a espricar o que sintiría Fernán Vázquez cando dempois de dobrar a illa da Creba, dou vista de lonxe ao porto do seu descanso, ao trémiño dos seus afáns. Todo o esqueceu estonces, traballos, privacións, aldraxos, faticas; todo o deu por ben empregado.

De Noia pasaron a Santiago, onde Gonzalo Ozores tiña algúns parentes e amigos de quen ben pudía fiarse; pero a pirmeira ansia de Fernán Vázquez, asomantes chegaron aa cidá do Apóstolo, foi dar aviso ao Padre Abade de Sobrado que era a única presona que estaba no allo. Foi el mismo polo seu pee; porque as consas que tiña que tratar e falar co Abade mal se pudían fiar aa pruma e menos a terceiro.

O Padre ricibeuno con moito amor e contento; pois el estaba pouco menos intresado que Fernán na vinda de Gonzalo Ozores, sinte o moito que o mosteiro debía aa familia dos Ulloas, que foran sempre os seus dicididos proteutores: desque lle tiraran os seus estados e andaban descarriados polo mundo, os frades non pudían vivir; a todas horas vían roubadas e saqueadas as súas granxas e nin no mismo convento estaban tranquilos, nin seguros, pois hastra alí iban a meterse con eles.

En resumidas contas: o que os dous concertaron foi que Gonzalo, tan pronto como poidese, viñese en moito secreto ao convento para desde alí ir aviando as cousas, talantear a xente e ir dispoñendo todo para dar o golpe que todos deseiaban. Quedaron tamén en que os dous, Fernán Vázquez e Gonzalo Ozores, habían de salir desde Santiago aos montes da Tieira, onde os habían d'asperar dous acemileiros de toda confianza e ben impostos no que habían de facer cas mulas e cos hábitos que habían de vistir, para desde alí siguir así disfrazados hastra Sobrado. Todo o fixeron ao pee da letra, e todo lles saleu aa medida do seu pensamento.

Taes eran os dous frades de San Xusto que desde facía un mes pousaban en Sobrado. Por suposto, que alí non se estaban cos brazos cruzados asperando que chovesen panículos do ceo. O P. Abade espúxolles o estado do país; como todos estaban bremando por acabar cos seus asoballadores; que había xente dicidida e disposta a todo, porque taes como estaban as cousas non se podía vivir. Contoulles da loia que correra de que Fernán Vázquez morrera no Bocelo escuartizado polos lobos; o cual non lles deixaba de vir ben para os seus traballos. Apuntoulles tamén caes eran as presonas máis seguras e cernes con quen pudían contar pra os seus intentos; e así lles foi facendo outras oportunas adevertencias, que lle serviron de moito na axecución dos seus proyeutos.

Respeuto do pai acordaron polo pronto non dicirlle nada hastra ver como se iban presentando as cousas; e esto, porque, dieble e altereado como estaba, era moi fácele ou que ca impresión de ver de socato e improviso ao fillo lle dese un pasamento do que quizais non volvese, ou que co gozo e a alegría non poidese conterse e sin querelo dese lugar a que se descubrise todo o cotarro.

Gonzalo Ozores quiría visitar por si mesmo os seus estados, falar cos seus antigos vasallos e asegurarse ben da súa disposición de ánimo. Mais esto non o podía facer senón a furto con moitas e grandes precaucións en sitios estraviados e moi a deshora. Xa celebrara algunhas xuntas sacretas nos suterráneos do castelo das Grovas, en algunha das encañadas da serra do Bocelo e en outros sitios somellantes.

Agora poderemos comprender o contenido e sinificado da carta dirixida polo conduto de Beringuela ao Señor do Vilar de Mella, que era un dos máis dicididos partidarios de Gonzalo Ozores.


[1] O pirmeiro que descubreu as súas ruinas foi o meu ilustre e querido amigo o Sr. D. Xesús Fernández Suárez, o cual, ca súa acostumada intelixencia e fogosidá, non poido acougar hastra que non puxo ao descoberto aqueles tan entresantes vestixios.



IV


NON ERAN PANTASMAS


Ao pee da serra de Corno de Boi, preto do lugar de Sacel, nace de homilde orixen o río Pambre, o cual rodeiando o Castro das Seixas, centro das fechurías de Vasco Gómez, corre de Nordés a Sudoeste regando pola dreita as parroquias de Moredo, Felpós, Carballal, Cuiña Viña ou Ambreixo, Mato, Remonde e San Breixo e pola ezquerda as de Morlan, Ulloa, Maceda, Laia, Quindimil, Meixide, Camiño, Curbián e Pambre, hastra que despois dunha carreira dunhas catro légoas pouco máis abaixo do ponte da Mácora vese atallado polo Ulla que lle varre as súas augas.

Non é sin falta de misterio polo que facemos esta máis que lixeira mención do río Pambre; nas súas beiras desarrolláronse a maor parte dos feitos que vamos discribir, e logo dous días despois que alcontramos aa filla do señor do Vilar de Mella na costa de Carell, ben a deshora pola ponte da Mácara e pola de

Pambre víanse atravesar bultos, que pantasmas non o sirían, pero parecer paricíano. Por onde máis atravesaban era pola ponte de Pambre que conducía á eirexa deste nome, a cual erguíase solitaria preto do río na cima dun cotarelo antre uns desconformes pedrouzos que a tiñan como medio escondida. Era do sigro XII, e polo consiguiente do estilo románico-bizantino do último período; e con esto xa está dito como siría a súa traza, unha nave reutangular, e logo o arco trunfal e despois a áuside cadrada ou casi cadrada e cuberta de bóveda[1].

Ao pee da eirexa non había estonces máis que un pardiñeiro, que fora casa, en que os señores de Ulloa recolllan e gardaban as rendas e tiñan un caseiro. Despois da desfeita da casa dos Ulloas, os caseiros limparon a madeira e a tella, tocaron o pindín para outra parte e deixaron as paredes ispidas de todo.

Como, polo que dixemos, por onde máis bultos pasaban era pola ponte de Pambre, chegarémonos alí a ver si podemos pescudar algo do que era aquela nouturna porcesión. Pantasmas, abofellas que non eran, porque non hai que creer en tales envencións; imposibre que non fosen homes, e mais debían de selo.

A noite aínda non estaba moi escura; pero alí naquel fondo aparecía tan pecha que ¡noo! algo facía dubidar. Para máis, é fácele que na ponte sintísemos así un lixeiro asobío como de xente que está cuchucheando. Pero sigamos, que alomenos algúns xa son nosos conocidos; eran Alberto e Domingos que estaban con outro peisano na burata dunha gran cachopa que había aa beira do río mismo a carón do sitio onde despedía a ponte.

-¡Que alegrón non che recibín eu -decía Domingos- cando che me deron o recado! ¡Mismo estou bremando por velo! Trouxéronme o recado aa xunta da noite de onte; estaba eu acomodando a facenda, e veu un escudeiro do señor do Vilar e chamoume pra o curral, e desque se enterou ben de que estábamos soilos díxome ao oído:

-Si ques ver ao señor Gonzalo Ozores de Ulloa, mañaa a unha da noite aspérao na eirexa de Pambre. Mándache aviso o señor do Vilar, porque quen es, e que para todo se pode contar contigo; pero coidado con falar desto con naide máis que cos homes que vexas alí, e para eso con moita coutela.

-Pois agora debe estar pra chegar -ouservou Alberte-. Cuasemente cando pasamos por frente de Remonde oín eu cantar os capóns, e xa hai un boo anaco.

-Pois a min -saleu o outro peisano que era un caseiro ou servizal do señor do Vilar na parroquia de Sancibrao preto de Millide -veume a avisar a mesma filla do meu amo, que chegou aa hora de xantar, e eso que facía un sol que esmechaba, aa porta da miña casa ca súa collaza Lionor[2]. Viñan a cabalo e mais por eso sudaban a rego.

-Dannos inxempro a nós -saltou a esto Domingos- pois que unha señorita tan fidalga como é a filla do señor do Vilar, ande nesas carreiras, évos cousa de ademirar e estrañar.

-¡Boite! A señoriña Beringuela éche moi fina -dixo a esto o peisano de Sancibrao-; ten rasgo e garbo pra todo; non quero ver outra señora tan atenta e disposta coma ela.

-E mais facíavos unha boa parexa para o Sr. Gonzalo Ozores-ouservou Alberte.

-Deño non digas -repuxo o de Sancibrao- pois igoalar habían de igoalar ben.

-Eu do Sr. Gonzalo Ozores -dixo Domingos- pouco me alembro. Cando el saleu da terra era, coma quen di, un rapaz; pero xa estonces ¡vaiche boa! campaba el coma un dos máis xentiles e garridos mozos da nosa Galicia. Por eso eu noo creo; pero ese conto non é pra nós.

Nesto sinteuse un troupeleo como de bestas que baixaba pola costa, que formando un recodo, viña dar aa ponte.

-Aí os tendes -marmulou Alberte- e ti, Mingos, escarrancha ben os ollos, que o vas a ver en carne e oso.

-Ende ben, oh -contestou o outro.

A compaña das bestas veu baixando a costa ao paso, atravesou a ponte algo máis ao xeito; e dempois dou aa espora pra subir aa eirexa. Eran dous cabaleiros sobre dous valentes machos e con eles dous pions.

Alberte e os seus compañeiros tamén saíron do seu tobo e puxéronse en camiño tras dos cabaleiros. Ao chegar xunto da eirexa, un dos pions racolleu as bestas e levounas ao pardiñeiro que estaba a carón. Ao redor da eirexa, e antre os penedos, non se vían máis que sombras que estaban quedas e silandeiras como aéreas e ensensibras espantonias. Por eso, así que sintiron chegar os de a cabalo, comenzaron de rebulir e de querer chistar calandiño unhas cas outras.

Un dos cabaleiros sacou unha chave e desfechou a porta da eirexa; arrimouse a un lado e deixou que pasase pra dentro o outro cabaleiro. Nesto o cabaleiro que abrira a porta, dirixeuse como pudo aas sombras, e en tono irto e seco, díxolles:

-¡ Adentro!

Nafeuto, todos entraron menos unhos seis ou sete, que quedaron fóra rondando a eirexa.

En realidá, o que facían aqueles homes (e todos eran leigos), viña a ser un desacato; entrar asi sin máis nin máis tan a desbora era unha profanación. Mais estonces non era cousa tan nunca vista que a eirexa fose sitio en que se fixesen xuntas comunales, se vintilasen asuntos civiis, se notificasen cartas e sentencias e se celebrasen outros autos púbricos de caráuter segrar. Inda por moito tempo o adro das eirexas era o lugar propio e sinalado aos concellos e xuntas populares. E certo que os Concilios e os Perlados cramaban contra o abuso de celebrárense nas eirexas taes autos; mais a veces, co gallo de que era por necesidá e polo ben común, non se reparaba nas ditas prohibicións.

Cando estiveron todos dentro, o outro dos pions, que acompañaban aos cabaleiros, destapou un farol que levaba, abreuno, e ca luz del, acendeu dúas velas que topou sobre a mesa do altar. Todos estaban de xiollos rezando cada un para si.

Despois dun anaco de oración, levantouse o cabaleiro que entrara diante na eirexa; o pion do farol recolleulle unha ancha e larga hopelanda en que iba envolto, e estonces apareceu un guerreiro, vestido de pees a cabeza de relumbrantes armas, menos o casco que llo tiña na mao o outro cabaleiro. Todo era de bruñido aceiro; a rechamante cota co seu faldón, que lle cinguía o toro do corpo, e estaba formada de aceiradas lámeas cas súas correspondentes xogas; o gorxal, as ombreiras, os brazales, os codales, os avambrazos que lle envolvían os membros que en taes nomes se indican; as escamosas lúas que lle gardaban as maus; os gardarréns que lle amparaban os cadrís; os quixotes que lle rodeiaban as coxas; as rodilleiras e as grebas que lle defendían as canelas; e tamén, os zapatos cos seus escarpes que lle cubrían os pees.

Aquela súpeta e non esperada aparición deixounos a todos varados; mais logo foron saíndo do seu asombro; cando o cabaleiro lles dirixeu a palabra nos siguentes términos:

-Fieles e leales vasallos da casa de Ulloa: a hestoria das miñas desventuras évos ben conocida, como eu tampouco inoro a das vosas. De tódolos vínculos que antes mantiñan unidos na casa de Ulloa aos señores cos vasallos e aos vasallos cos señores, soilo queda un, un que é a común desgracia. Eu vexo os meus castelos derrocados, as miñas torres carteadas e abandonadas, os meus paaços roubados e queimados, a tódolos meus perseguidos, descarriados e reducidos a mandingar de maus alleas o que era seu; e vexo tamén as vosas casas abertas a toda cras de violencias e malfeitorías, as vosas terras e facendas como si as tivérades de emprestado; as vosas presonas suxetas a mil maneiras de agráveos e veixámenes. Mais anque non nos queda máis que un vínculo, unha lazada, esta por si sola ha de ser tan forte, e tan valente, como foron tódolos noos e liazas que sempre nos tiveron unidos e irmanados.

De toda a antiga grandeza e poderío da miña casa soilo me fica unha cousa, os recordos; e esta cousa é o alento que me dá ánimos; a escora que me ten en pee; a dooce e raiosa visión que me fai menos agro e agobiador o peso desta vida. E nafeuto en recordo que con meu tartaravoo Fernán López de Ulloa estiveron os vosos antepasados na batalla das Navas de Tolosa; con outro meu avoo concurriron no tempo do santo Rei Fernando aa conquista de Córdoba e de moita parte da Andalucía; e despois con outros meus parentes acháronse na do Salado e en Alxeciras; e quizaibes, quizaibes algúns dos que estades aquí presentes anduvestes ao meu lado nas miñas campañas.

Eu non podo, é certo, resinarme cas miñas desgracias e desventuras; eu quero pelexar con elas hastra morrer; pero por grande que seia en min este deseio, por altiva e imperiosa que me seia esta asixencia do meu esprito e da miña alma, quero por eso sometela ao voso parecer, quero saber de vos si eu debo ou non repoñerme contra a miña mala ventura.

Algúns "sí, sí," soltos que se lle escaparon a varios dos circunstantes interrumpiron aquí ao cabaleiro. Con esto a espresión do seu sembrante tomou nova forza e máis fogo; os seus fiteiros ollos, que se vían aa luz das velas do altar, pois el estaba de lado a carón da mesa, paricía que lanzaban raios; e a súa nobre aución e os seus enérxicos e briosos además, si revelaban a axitación que fervía naquel peito, tamén sinificaban a firmeza e a mananimidá do seu esprito.

-Quero saber -continuou el- si a vós vos intresa o facer saltar as cadeas que vos atanazan e opremen, e romper as sogueiras que vos afogan, e si non convendría que xuntásemos tódolos nosos esforzos para varrer esa manada de lobos, que nos devoran e despelexan e non consentir máis que fagan rastrollo de nós e de todo canto temos. Nosos anamigos están fortes e poderosos, é verdá, e son moitos, anque non tanto como se pensa; pero de nosa parte está a xustiça; e o favor deste Señor en presencia do cual estamos -e cenaba ao crucifixo que estaba no altar- non nos ha desamparar. ¿Queredes, pois, dicidirvos a dar o golpe? Esto é o que eu deseio que me digades con toda a franqueza e leialtá de vosa alma aquí diante deste Señor que quixo morrer por libertarnos a todos.

Un "¡sí!" xordo resoou como un rouco bruído en tódolos rincós da eirexa; que tal foi a prontitú, a fe, a convinción e a concordanza con que tódolos da asambrea, e serían arriba de 80 homes, contendo mal o folgo no peito, responderon a aquela proposta.

-De quen sodes vós non se pudía asperar outra cousa -sigueu o cabaleiro-. Pois agora, o que cómpre é que cada un percure provistarse de armas, quer de espada, quer de lanza, quer de chuzo, quer de arco, e estar dispostos para cando ricibades o aviso que vos ha de dar o meu amigo, que aquí tendes presente, o señor do Vilar de Mella, con quen tamén, como si fora comigo mesmo, vos habedes de entender cando vos acurra algunha dúbida ou dificultá, mentras eu, por razoos que facelemente podedes adiviñar, non podo saír a campo descuberto.

Pero todo esto é nada si nos falta unha cousa; e esta cousa é o facer estes preparativos ca maior reserva e sixilo, e gardar todos sobre o feito o máis compreto e ousoluto sacreto. E para esto xuremos todos diante deste Señor que nos está vendo e ouvindo, e que algún día nolo ha de demandar, que nada habemos de dicir de canto aquí se falou, nin de canto estamos dispostos a facer e axecutar.

O pirmeiro que xurou foi o señor do Vilar, e tras del foron xurando todos; e acabado o xuramento o mesmo señor do Vilar tomou a palabra dicindo:

-Soilo nos falta unha cousa pra rematar o auto, e é que todos lle renovemos ao ilustre cabaleiro, que aquí temos diante, o dibido acatamento e o reconozcamos por noso señor e valedor.

E aínda ben non acabon de dicir esto, achegouse ao outro cabaleiro que estaba sentado nunha cadeira, fíxolle a reverencia e bicoulle as maus. Todos, un por un, foron facendo o propio; e é de adivirtir que os máis deles ao bicarlle as mans a aquel cabaleiro por quen tanto suspiraron, non poideron conterse de rociarllas cas súas bágoas.

Non dixemos quen era o ilustre cabaleiro que ricibira este hamenaxa. Era ben escusado ¿quen podía ser sinón Gonzalo Ozores? O cual por medio de Beringuela recebeu a contestación de Vasco Fernández a aquela carta que vimos nos derradeiros párrafos do capítolo II.

Pasaba das dúas da noite cando se desfixo a xunta, e cada cual colleu pra onde lle prougo. Gonzalo Ozores e Vasco Fernández foron xuntos hastra Millide, alí separáronse e Gonzalo encamiñouse para Sobrado, e Vasco para a súa casa do Vilar de Mella.


[1] Hoxe esta eirexa está cerrada ao culto e convertida en graneiro e almacén de trastos vellos.

[2] Era irmán de leite de Beringuela; e os señores do Vilar trouxérona de piquiniña pra a casa pra aducala ca filla.



V


O VILAR DE MELLA


A Sobrado algo xa o conocemos; agora paréceme posto en razón que tamén enxerguemos algunhas palabras acerca do Vilar de Mella. Xa dixemos que esta fortaleza de Vasco Fernandez estaba asituada onde se xuntan dous rigueiros que van ao Iso antre as parroquias de Mella e Sendelle. Compúñase dunha torre cadrada de tres pisos cas súas correspondentes almeas e con dous corpos de casa a ela pegados, un polo lado do Norte e outro polo do Solano. Este estaba dividido en tres grandes salóns a continuación un do outro e o último entestaba ca torre. O outro corpo de casa soilo tiña un salón, que tamén comunicaba como os outros co segundo piso da torre. Todo ao redor había unha forte muralla tamén almeada, e arrimadas á ela estaban as caballerizas, o graneiro, a leñeira, a palleira e outras dependencias da casa. Dous cubos redondos defendían a porta da muralla que estaba escontra a torre, e ademais axudaban a ter man do aparello e arteficio da ponte levadiza. Os dous regos, de que falamos, pasaban ao pee da muralla e ao mesmo tempo que sirvían de foso, facían máis vistoso e animado o paisaxe.

O moblaxe da casa consistía en grandes catres cerrados con cortinas, xa de seda, xa de lan, esparcidos por tódalas habitacións; en huchas non pequenas entalladas por tres dos costados; en tal cual almario, en mesas de pees moi repinicados cos seus correspondentes bancos e taboletes, e en caixóns, baiules, canapés e outras cousas polo estilo. Nun recanto do último salón do lado do Solano había a modo dun biombo, que cerraba un altar sobre do cual estaba aberto un percioso trítico á maneira de retablo. Na folla do medio tiña un crucifixo de marfil ca Sma. Virxe e San Xuán aos lados; e nas dúas outras, dúas follas, que, por suposto, eran máis estreitas, nunha estaba o Apóstolo San Pedro, e na outra o Apóstolo Santiago. A caronciño había unha gran hucha, na que se gardaban as vestiduras para celebrar; pois Eldonza quiría ter sempre na casa capelán para que lle dixese a misa. O segundo piso da torre estaba adicado á sala de armas; había alí espadas, lanzas, puñales, escudos, arcos, ballestas, e tamén algúns arneses ou armaduras.

Tal era, pouco máis ou menos, a morada do señor de Vilar de Mella; mais esta non era a súa casa prencipal. Esta tíñaa na parroquia de Gondollín; pero despois da desfeita dos partidarios do Rei D. Pedro para verse libre da tirria e senreira dos enriquistas que o quirían acurrar, trasladou a súa risidencia para acá do río Iso, que, como é sabido, estremaba por aquela parte a terra e xurdición do Arcebispo de Santiago. Por eso alí inda non o deixaban vivir en paz; pois a cada paso lle armaban zancadelas, e de contino o estaban axexando pra ver de facerlle o mal que poidesen.

Agora que conocemos a fortaleza do Vilar de Mella, digamos tamén algo máis dos seus habitadores. O Sr. Vasco Fernández era, por suposto, fidalgo; pero a súa fidalguía xa viña de moito atrás. Fora sempre partidario do Rei D. Pedro, e militou decote na hoste dos Ulloas, e, polo tanto, na de D. Fernando de Castro. Non poido acharse, e desto doíase el sempre, na batalla de Montiel, onde caíran os seus amigos; porque daquela alcontrábase el en Toledo.

Polo P. Abade de Sobrado soupo a vinda de Gonzalo Ozores, e foi un dos pirmeiros que foi a velo, que se enterou doos seus prans e que se puxo en todo de acordo con el; pero por non dar lugar a que os anamigos escupulasen algo, entendíase con el por medio de Beringuela do modo que dixemos. A desgracia parez que inda o fixera mais afeizoado, si cabe, aa casa dos Ulloas. El era o encargado de arranxar a comarca que estaba entre o Iso e o Pambre, de recrutar e formar cadros da xente que había en cada parroquia disposta para saír ao Campo, e de facer reconto das armas e apetrechos con que cada un contaba. El fora o que preparara a xunta da eirexa de Pambre, dándolle aviso a tempo a Gonzalo Ozores.

Anque de natural moi humano e condescendente, tanto que paricía, como sol dicirse, un boi de machado, era moi costante nos seus porpósitos e moi amigo do amigo.

A súa dona Eldonza Yans era unha señora dina compañeira del. A vertú que mais nela sobresalía, era a da caridá. Aínda ben non sabía que en tal ou cual lugar había algunha enfermedá ou algunha coita, alá iba ela a remediar como podía aquela necesidá, mandando maeciñas ou calquer outra cousa que fixera falla, ou si cadraba asistindo ela mesma en presona. Sinte esto, ningún probe chegaba aa súa porta, que tivese que marchar cas maas baldeiras.

Unha vez no couto de Dormeá, que non estaba lonxe do seu castelo, houbera unha gran liorta, e de resultas quedara un home morto. Entrou o Pertegueiro así que o soupo, porque aquel era un dos casos reservados en que non podía conocer o xuez do couto; e como non se descubríra o reo, mandou o Pertegueiro repartir a multa ou caloña antre tódolos moradores da xurdición. Había algúns probes que, ¡mal pocado!, boo é que poidesen vivir, pra canto mais pagar a súa cota; e Eldonza fixo e fixo co marido, que consigueu que lle abonase a tódolos probes a parte que lle correspondera na multa.

Tiña unha irmán monxa no convento de Dormeá; e tanto ela como o marido valíanlle moito ao mosteiro porque o defendían e amparaban das enxurias e desvergonzas de moitos desalmados. Outro irmán que tiña, era cabaleiro do hábeto de San Xuán da Encomenda de Portomarín; e aa sazón achábase alá no Oriente na illa de Rodas. Este irmán non lle saía da mamoria; porque, do que é mal, contadas eran as veces que ricibía del noticia.

Por eso, ela era moi muller da súa casa, de moito goberno, e sempre riñida ca priguisa e ca nugalla.

A filla Beringuela era a alegría e a animación da casa. Para todos había de ter un conto ou un chascarrillo; para todos era labianta e falangueira; pero a súa labia era tan natural e tan sin noxentas e empalagantes solermeirías, que con ela a todos tiña comprados. Por outra parte, paricía que lle fervía a sangre no corpo; andaba sempre pola casa correndo e brincando, e mesmo en toda ela lle agurgullaba a alegría e contento. A nai a veces inda lle fungaba e lle dicía que paricía un galistro, cando había de ter xuicio, cando había de deixar de ser unha cabirta; pero como era para ela tan agarimosa, tan dócele e tan ben guieira, as súas rifaduras, acababan cuase sempre en escenas do máis puro e tenro amor filial.

-Non me miredes así de esguello -dicíalle a veces Beringuela bicándoa e abrazándoa- que ben sei que alá dentro mirádesme doutro modo.

Do pai xa non digamos; estaba chocho ca filla. Era moi amigo de asados; o cual non ten nada de particular, pois naquel tempo este modo de preparar a comida era o que sobre todos se usaba; mais os asados del tiñallos que facer a filla, porque soilo nos dela non alcontraba pero que poñer. Así é que Beringuela tiña na cociña o seu espeto e as súas greenllas ou parrillas, que se diferenciaban das demais no mango que o tiñan de alquime.

Pero Beringuela era disposta para todo; ela cociñaba, cando era perciso, ela cosía, ela bordaba, ela arranxaba e amañaba a casa ca axuda da súa collaza Lionor, aa cual quiría como a unha verdadeira irmán; e ela, en fin, tiña garbo e espediente para desempeñar labor ou encargo que se lle encomendase.

Pola causa de Ulloa botaría ela os fígados, si poidera; e a pena que ela tiña era que o seu recato e as adevertencias da nai non lle pirmitían tomar parte máis autiva. Así é que cando lle mandaban algunha cousa que non desdixese do que ela dibía aa súa condición e aa súa modestia, facíao voando. E desto non deixaban de presentárselle algunhas acasións; porque a veces sucedía, como no víspora da xunta de Pambre que na casa non quedara nin criado, nin sirvente, nin casta del; que todos andaban de bolina con recados, avisos o outras axencias polo estilo; e estonces dábase o caso de que ela poidera ofrecerse para desempeñar calquer encargo que a ela lle acaese.

Estaba perdidamente namorado dela un fillo de Vasco Gómez das Seixas. Era un lindo rapaz; e quizaibes, ou sin quizaibes, lle correspondese, si non tivese unha chata, que para ela era chata de vez, pois era fillo do prencipal dos usurpadores dos estados de Ulloa. O mozo desvivíase por ela; as esperas e aguardas que fixo, as voltas e carreiras que dou, pra facérselle o alcontradizo e falala non son para ditas. As veces aa media noite, ao pee dos muros da fortaleza aparecía con unha viola, que palillaba el aas mil marabillas, e púñase a enventar e cantar trobas, en que cos máis dooces e engatusantes requebros, procuraba espresar e esbafar o que sintía dentro do peito. Ela ou non ouvía, ou si ouvía facía o mesmo caso que se ouvira chover. Si pola ventura tropezaba con el algunha vez, saudábao ou contestáballe ao saúdo sin máis cirimonia que a un estrano calquera, e siguía o seu camiño. E así ela irta, irta, sin xamáis dobrarse; e el cada vez máis entemeado en arrandeala e abrandala.

E volvendo a Lionor, que por certo era dina das atenciós que recibía naquela casa, con tanta máis razón lle daba ela entonces mostras de boo amor e cariño, canto que logo iba a ter que separarse dela; pois a Lionor estaba pra casarse cun garrido mozo de Mezonzo, de onde ela era tamén natural. Beringuela antes de separárense, quixo amostrarlle hastra onde chegaba o seu fino afeuto ofrecéndose a ser madriña do casamento.

VI


¡ALBERTE! ¡ALBERTE!


O señor de Sampaio, Vasco Gómez das Seixas, tiña na parroquia de Ermora, que cuase estaba partindo frutos ca de Libureiro dous casares testos de labranza; pero como el era tan xurafás e tan ríspito, nin por canto achaba quen llos quixese arrendar, ou poñerse neles de serviçal como estonces dicían. Fíxoos algúns anos traballar aa forza aos viciños de a carón; pero, xa se ve, como a terra tamén quere ser traballada con amor e agarimo, o preduto que sacaba deles podíao encerrar na cáscara dunha noz. Veuse polo tanto obrigado a mellorar as condiciós do contrato, tal como o tempo que dibía durar aumentándoo hastra vinte anos en vez dos dez que de ordinario tiñan estes contratos, o poñer el todo o gando en vez da metá, e ofrecer así outras avantaxes que non eran para desprecear. Os Casares en sí xa eran boos; tiñan monte, devesa, herbeiras, labradío, horta e unha regular casa cas súas correspondentes cortes e alpendres.

Alberte tiña conocemento desto, e calquera dos dous casares inchíalle o ollo; mais por eso dubidaba de arrendalo por medo ao Sr. Vasco Gómez. Estivo así algún tempo entre dúas, sin saber que facer; pois el en por si non tiña máis que unhas cantas guicholas en Libureiro, espalladas pola parroquia adiante, e para traballalas e para manter a tres ou catro pícaros que tiña, que todos xuntos cabían debaixo dunha cesta, víase o boo do home nelas. Ao fin, acurrado como estaba, dicideuse a ir estar co señor de Sampaio xustamente dous días despois da xunta de Pambre.

Era Vasco Gómez un home baixote, pero de moitos anchos, moreno, de barbas e cabelo crecho, ca crica revirada para arriba ensinando algo as ventas, os ollos negros e sombrizos, e os beizos grosos e botados afora. Tiña unhas forzas desconformes, e podíanlle apricar aquel verso do apitafio de Vasco Fernández de Temes:

Pequeno de corpo e grande de esforzo

anque do outro verso,

Boo de rogar e mao de forzar

soilo lle aditaba a segunda parte.

Por eso en borra e fachenda nadie lle empataba, e onde el estivese xa non había nin nobre, nin señor, nin cabaleiro que chistase. Tiña varios fillos, e o terceir deles, que lle chamaban Nuño, era o que estaba namorado de Beringuela.

Ao tempo que Alberte foi a buscalo, achábase no Castro das Seixas, apurando aos canteiros para que lle acabasen logo a nova fortaleza, que alí estaba construíndo. A cal fortaleza tiña de forma un cadrado cun torreón tamén cadrado nas esquinas; soilo que o torreón da esquina que miraba ao Surleste, era máis grande que os outros, por canto alí estaba aberta a porta que daba entrada ao castelo. A fortaleza viña, pois, a encerrar un patio cadrado, sendo así que as casas de morada estaban pegadas ao lenzo Norte da muralla.

Non era este o terratorio do seu lexítimo señorío; que este tíñao dúas légoas máis arriba escontra Friol, onde aínda hoxe se conservan as ruínas das torres de Sampaio; mais despois que se apoderou da parte dos estados de Illoa que estaba ao Norte do Ulla, convíñalle ter nela de súa man algunhas fortalezas que fosen base e aseguranza da súa dominación naquela comarca. Este era o ouxeto que se propuña na costrución daquela fortaleza.

Alberte, carrán, carrán, foise chegando co pucho na man onde estaba o señor de Sampaio, o cual desde o alto dun torreón, que xa estaba acabado, espeucionaba as obras incruindo tamén aos que estaban abrindo o foxo que había de rodeiar o castelo. Así que estivo preto, estaricou un brazo, estaricou o outro, abréuselle a boca como si sintira un ataque de frato, rañou a testa; e despois destes preparativos moi homildoso e pousón:

-Señor -saleu- ouvín dicir que a súa mercé andaba buscando un serviçal pra o casal do Monte, na parroquia de Ermora.

Vasco Gómez torceu a vista pra o sitio onde viña a voz, botoulle a Alberte unha ollada de arriba a abaixo, e sin máis mandoulle que fose a estar co seu moordomo.

Alberte non esperou máis; foi a buscar ao moordomo, o cual despois de pedirlle algún conocemento da súa persona, mandoulle que fose a avisar o notario de Millide para outorgar a escritura, cos verbos ou condicións do contrato. Alberte foi voando, contento coma unhas páscoas; porque xa lle paricía que non pudía apetecer máis. Cuasimente o notario tiña a casa escontra a aquela marabillosa portada travesa da eirexa de San Pedro, que non pode contemprarse sin verdadeira sorpresa. Parece obra de mediados do sigro XIII, e inda hoxe ostenta as súas cinco variadas archivoltas incruindo o tornachuvias, descansando sobre un tableiro ou imposta tamén moldurado e sostido aa súa vez por seis colunas, tres de cada lado, os capiteles das cuales están primorosamente tallados con follas de palma e retortas volutas e follas de acanto os da dreita.

O noso Alberte non se parou moito a mirar aqueles debuxos; mais indo dreito ao seu feito avisou ao notario, o cal poucas arredras lle puxo pra ir insiguida a outorgar o contrato, que polos somellantes que temos visto dibía dicir así:

"Era de M e CCCC e XVI (ano l378), XXII días de Maio. Nós Alberte Dominguez e miña muller Dominga Álvarez facemos preito e praço coutado en cen maravedís a vós o señor Vasco Gómez das Seixas que des deste San Martiño primeiro que ven hastra vinte anos seremos vosos fiees serviçaes e vasallos sen outro señorío no casar do Monte so sino de S. Bartolomé de Ermora. Pra o cual casar vos dades a min e aa dita miña moller Dominga Álvarez en pobranza dous bois e catro vacas e vinte rexelos e seis porcos. Demais nos dades a min Alberte Dominguez un cerame de segoviao e unha saia ou capote de picote e a dita miña moller tres varas de valancina; e per benfeituría dúas outavas de pan, unha de millo e outra de cebeira. E neste tempo debemos a dar a vós o dito señor Vasco Gómez a metá de canto labrarmos e criarmos; e por foros vinte soldos, tres galiñas, un cabirto e trinta ovos. Fiido o dito término, canto enteiramente labrarmos, criarmos, aumentarmos, profeitarmos e houbermos, todo ben e fielmente de por meo partamos, así os cabos como a crianza. Testemoias que a esto foron presentes, etc..."

Boa gana tivo Alberte de asperar ao San Martiño para meterse no casal; correndo foi para el con toda a súa xente maxinando que alí había de estar a todo o seu leser.

VII


OUTRA VEZ EN SOBRADO


Pero volvamos a Sobrado. E xa que se trata, como si dixéramos, dun augusto calabre sentenciado a ser comido polos lobos, que no noso caso son o tempo, e a indifrencia e aínda a pouca voluntá dos homes, ca axuda dun prano e das noticias que me proporcionou meu boo amigo Sr. D. Manuel Losada, permítaseme fotografialo antes que esto suceda. E non se asañe o leutor porque eu fale de fotografiar, cando para todo podría ter maña menos para eso; pero por mor da miña boa intención aspero que se me perdonará tan arrouzado e temerario empeño.

A pranta do famoso Mosteiro ven a ser aprouximadamente a de dous reitángulos ou cadrilongos, un máis pequeno que o outro, xuntos e pegados cada un por un dos lados máis longos. Algunhas engádigas cadrangulares que sobresalen en algúns sitios desfiguran algo esta pranta; pero por eso o seu perfil xeeral é ese.

No reitángulo máis pequeno estaba, porque hoxe cuase xa non se pode dicir está, a eirexa que ten de longo 61 metros huecos por 19 de ancho. Estaba dividida en tres naves separadas por dez rebustos machóns de pranta cadrangular, cinco de cada banda. Antre as naves e a capela maior entrepúñase o cruceiro que chegaba a oito metros de ancho por 28 de longo. Trece metros de fondo contaba a capela maior, e de ancho oito metros e vinte centímetros, o mesmo que a nave prencipal. Comenzouse a edificar esta eirexa, pois a vella desfíxose e quedou embebido o seu solar no convento, a prencipios do sigro XVII; e a fachada acabouse no ano 1666, como se vía por un letreiro aberto no máis alto dela. Os traballos iban a despacio, e por fin a prencipios do sigro XVIII, sendo abade o P. M. Fr. Edmundo Carralcazar (1707-1710) púxoselle o ramo a obra. Por eso polos anos de 1768, o P. Abade, Narciso de la Mata, botou abaixo a parede do fondo da capela maior, e levantou outra nova, ca intención ao que parece, de apoiar mellor nela o novo retablo que proyeutaba facer.

Todo cuidado e todo empeño lle pareceu pouco ao insine Abade para que a obra saíse dina de tan ilustre e rico Mosteiro. Aínda tiven a dicha de poder adimirar algúns dos baixos releves en madeira que a decoraban e que hoxe garda na súa casa de Santiago un dos meus mellores amigos. O P. Carbajo, na súa intresante Historia de Sobrado, que tamén me proporcionou outro non menos boo amigo, dice que o Rmo. de la Mata, antes de poñerse aa obra, consultou aa Real Academia de Bellas Artes de Madrí; e que levara para Sobrado aos melloriños escultores e tallistas de Santiago. E nafeuto, nos releves que acabamos de citar e que representan pasaxes da vida de Nosa Señora, parece que se vislumbran marcas e sinales das maos daquel Ferreiro, daquel escultor, que nesto de adautar as formas crásicas co espiritualismo cristiano, non sei si tendería moitos competidores.

Dividíase a soberbia obra, da cal hoxe non quedan máis que os macizos fundamentos de cantería, cas súas correspondentes escaleiras para servicio do altar, en tres corpos contando co gran frontispicio que a corvaba.

As colunas do pirmeir corpo eran de tanto valume, que dentro delas había escaleiras pra subir ao segundo corpo. Nos pedestales sobre que pousaban era onde estaban os baixo-releves de que falamos antes. No fondo dos entrecolunios estaban esculpidas tamén en releve escenas da conquista do Novo Mundo. Pero o que máis sorprendía neste primeir corpo do retablo era o gran temprete xiratorio que estaba montado sobre o chao no fondo dun burato cadrado que inda hoxe se ve antre os dous macizos fundamentos que mencionamos ao principio. ¡Que subrime espeitáculo non ofrecería a maxestá con que xiraba aquel colosal temprete para recebir antre as súas colunas a Noso Señor Sacramentado! ¡Era o mundo posto de tarima aos pés do Altísimo para espoñelo aa xeeral adoración!

O día que se estrenou este arteficio, e foi o 20 de Agosto de 1771, contouse entre os máis memorabres de Sobrado. "Todo este lucido concurso -di na súa Historia o P. Carbajo, que debeu ser testigo presencial- asistió a la colocación de su Divina Majestad en el famoso retablo de la séptima parte de Arquitectura, intitulado España índica, por ser invención de un español y contener en toda su compostura la conquista de las Indias. Inventolo el ingeniero Real D. Luís de Lorenzana, y fué aprobado por las Academias de París y Madrid, las que le admitieron por académico de honor y premio; y el Señor Rey, D. Carlos III, especial protector y fomentador de todas las Bellas Artes, premió por esta insigne invención al D. Luís, con un gobierno en el Nuevo Mundo. Fué la referida Colocación el día de nuestro Padre San Bernardo, del año 1771, la que se celebró con misa pontifical, sermón, procesión y estuvo su Divina Majestad expuesto todo el día, en el que, y noche antecedente, hubo muchos fuegos y otras diversiones, concurriendo para esta celebridad, además de los señores arriba expresados (o Capitán Xeral de Galicia ca súa parienta e familia, varios Oidores da Real Aodencia, o Prior da Colegiata da Cruña e os Corneles dos Rexementos de Milán e Asturias) muchas gentes de todas partes, tanto de la ciudad de Santiago, como de la Coruña, Betanzos, Mellid e inmediaciones de este Monasterio, siendo este día uno de los más célebres y de mayor concurso y lucimiento, que tal vez no había habido en Sobrado. También honraron este Monasterio los Ilmos. Sr. Arzobispo, Cabildo y antigua y leal ciudad de Santiago, con sus correspondientes comitivas, y los señores Obispos de Mondoñedo y Lugo con su comitiva, como también los Ilmos. Señores Obispos de Tuy y Obispo Auxiliar de Santiago y otros varios personajes, en cuyo obsequio se gastó mucha parte de la renta de este Monasterio".

¡De taes escenas foron treato aqueles muros hoxe cubertos de verdín e enferruxados, non sabemos si polo abandono e desamparo en que están, ou polo aburremento e noxo que lles dá a insensatez e a desconsideración dos homes! ¡Dichoso o poobo que tan ao seu xeito pudía gozar de taes espeitáculos!

Pero sigamos ca nosa discrición. Sobre o entablamento do pirmeir corpo desplegábanse en ala doce estatuas de máis que tamaño natural. ¿Que facía aquela escolta ou guardia de honor? Eran os doce Apóstolos que presenciaban como Nosa Señora era subida ao ceo. E nafeuto no centro do segundo corpo do retablo abríase un gran camarín, o fondo do cal era unha gran ventana de vidros de colores. Sobre este fondo trasparente destacábase a imaxe da Soberana Reina en aititú de subir ao Empíreo. ¡Que efeuto non debía facer aquela grandiosa Imaxe no centro do retablo, radiante de groria e de luz!

No entablamento do segundo corpo había outras estatuas que representaban Santos da Orden do Cister; e no punto en que o retablo estestaba ca bóveda, había nesta pintada ao fresco unha faixa como dun metro de anchor, en que a xuzgar polos rastos que inda hoxe se ven, estaba representado o Paraíso.

No cruceiro aos lados da capela maior había dous altares adicados, o da dereita a San Benito, e o da ezquerda a San Bernaldo. Había ademais abertos no mesmo muro dous arcos; dos cuales, o da ezquerda daba paso aa escaleira que subía aa sancristía, e o da dreita aa suntuosa capela de Nosa Señora do Rosario. Foi feita esta capela polos anos 1690 como apunta Carbajo ao tratar do P. Abade Romero Carrascosa. Grande e espaciosa, de aquí a pouco como unha eirexa parroquial, todo o paramento das súas paredes teno de almohadillado fegurando pedras preciosas, como no capítolo XXI do Apocalisis se nos dice, que é o paramento dos muros da celestial Xerusalén[1].

No estremo do cruceiro que está contra o vendaval estaba o altar da Purísima Conceición, e en frente no lado oposto estaba a antiga capela da Madalena, que despois se chamou de San Xoán, e que tamén é conecida con outros nomes como capela dos Ordoñez e de Campomanes[2]. É de estilo oxival do último período, e polo consiguente moito anterior á autual eirexa. Antigamente estaba soila e aislada, a carón do arco por onde se pasaba ao adro do Mosteiro; mais despois como este se ensanchou, foi a topar ca capela e deixouna engarrada antre as súas paredes.

Unha gran reixa que se fixo sendo Abade o P. Rodríguez (1733-1738), e que ao parecer atravesaba o tempro por onde agora está o terceir machón de cada nave, mismo debaixo da dianteira do coro alto, dividía a eirexa en dúas partes, unha intrior, que era o propiamente conventual, e outra estrior que era a que chamaban dos segrares. No centro da intrior estaba o coro baixo, e nos lados, ao largo das dúas naves pequenas, había seis altares, tres de cada banda. Outros dous altares había na eirexa dos segrares arrimados aa reixa de que falamos; e ademais antre a reixa e a porta da entrada había outro altar adicado a San Ciprián, cuya imaxe bizantina consérvase hoxe na próisima eirexa parroquial de San Pedro.

Dos doce maníficos sarcófagos ou carneiros que antes se vían pousados sobre o pavimento pola eirexa adiante soilo quedan tres ou catro. Algúns deles están sirvindo de cubos en muiños daquelas cercanías.

O estilo que reina en toda a eirexa é o que sol verse nas demais do mesmo tempo que tanto abundan no noso país e nas demais partes, friote, secano, e así como o de unha cousa que se fai sin ouxeto determinado. Por eso soilo nos detemos no que é cousa especial desta eirexa.

A fachada, hoxe esmoquenada e amenazando ruina, correspondía aa manificencia e suntuosidá do tempro. Estaba dividida de alto abaixo en catro corpos contando co frontón. No de embaixo abríase a gran porta da eirexa antre colunas estriadas do orden corintio, as estrías das cuales nos dous quintos de altura estaban cubertas con follaxes e racimos. No segundo corpo, nun gran camarín estaba a estatua da Santísima Virxe rodeiada de anxeles. Aos lados había catro colunas salamónicas ou aculebrinadas como tamén lle chamaban. No terceir corpo abríase un gran ventanal que daba luz aa eirexa; e encima del estaba esculpido o escudo das armas de España. O frontón servía de base a un colosal Crucifixo, e nas acroteras ou poios dos lados había dúas estatuas.

Arrimadas a este centro arquiteutónico estaban as dúas torres, o paramento das cuales, todo desde arriba hastra o chan era de almohadillado, pero dun almohadillado, que eu chamaría gemmado, porque presenta tallados os sillares en diversas feguras xeométricas, cas súas correspondentes caras ou facetas coma as das pedras preciosas. Quizaibes se quixo representar con esto aquel texto do oficio da Adicación das Eirexas: As torres de Xerusalén serán edificadas con pedras preciosas[3]. Por eso, na composición desta fachada nótase pouca unidá; as torres en por si pudían formar corpo aparte. A torre da direita quedou esfanicada pola caída dun raio.

Pegado aa eirexa polo lado do vendabal levantábase o Mosteiro; o cal ocupaba todo o reitángulo grande que antes dixemos. Este retángulo viña a ter de longo unhos 130 metros, o dobro con pouca difrencia do outro reitángulo pequeno; e polo mesmo tanto por diante da eirexa como por detrás tiña que estenderse o necesario para compretar a difrencia que vai de 63 metros a 130. O anchor deste reitángulo era unhas tres ou catro veces máis que o do pequeno; polo consiguente viña a midir unhos 80 metros[4].

Podemos considerar dividida esta área reitangular en tres compartimentos; tantos como eran os claustros que a ocupaban; a saber, o claustro da Hospedería, o claustro reglar ou das Procesións e o claustro grande.

O claustro da Hospedería, que era o pirmeiro que se encontraba, fora comenzado no ano de 1623 sendo Abade o P. Maestro frai Pablo Lirio pouco despois de empezarse a derribar a eirexa vella, e acabouse polos anos 1760, si ben no ano 1827 dous dos seus lenzos foron adificados de novo. Bonitísimo era o seu estilo; e pola súa disposición e maneira recordaba o palacio romano da Cancellería, obra do célebre Bramante. E nafeuto, notábase nel aquela pureza e harmonía de lineas e aquela repousada tranquilidá de formas que soupo emprimir nas súas obras o famoso arquiteuto do Vaticano; pero que pronto alterou Miguel Anxel cos ímpitus e arranques do seu xenio inquieto e turbulento. Era bastante paricido ao claustro de San Clemente de Santiago[5].

Pola parte do Norte no lado de afora estaba a fachada que formaba ángulo reuto ca da eirexa. Esta parte contiña as oficinas da Butica e do Xuzgado; e sinte esto tiña dous pisos que coroaba un frontón ou fontespicio, sobre o cal se erguían tres estatuas: a de Nosa Señora na punta e as de dúas Santas aos lados.

O seu estilo era moi semellante ás do intrior do claustro. Na parte do Oeste estaba a Biblioteca que gardaba un dos Tumbos ou Cartularios máis notabres de España; sinte outras obras manoscritas e decumentos moi únicos e importantes para a Hestoria do noso país. Debaixo estaba a manífica caballeriza. Neste mesmo lado e nun corpo saínte que parece se engadeu despois, achábase a Cámara abacial. No lado

do Sur estaba a Hospedería; e polo lado do Este, por medio dunha gran escaleira, que se chamaba de Ave Maris Stella, polo hino que soía cantar a veces a Cumunidá ao subila, pasábase aa parte alta do segundo claustro que era o reglar ou das procesións. E por certo, que desde a pirmeira cruxía alta deste último claustro pódese gozar dunha das máis fantástecas perspeutivas que maxinarse poidan, cal é a que ofrece un fondo de cielo e paisaxe visto a través dos huecos abertos en sete ou oito medio derruídos muros, postos a continuación uns dos outros.

Este claustro das procesións era cadrilongo e máis pequeno que os outros dous. Os lados máis longos que eran os do Este e Oeste medían 28 metros 55 centímetros; os outros lados tiñan sosmentes 17 metros e 60 centímetros. O que máis chamaba a atención neste claustro que foi acabado sendo Abade por segunda vez o P. Vellogín (1741 - 1744), eran os trinta e seis medallóns que decoraban os membros de parede de antre as ventanas do segundo corpo, distribuídos a doce en cada un dos lados mais longos e a seis nos outros dous lados. Os seis do Norte presentan bustos nimbados de San Pedro, San Pablo, Santiago, San Andrés e outros dous Apóstolos; os do lado oposto os bustos dun Papa (¿S. Gregorio Magno?), dun Cardeal (¿S. Pedro Damián?) e de catro guerreiros. Nos vintecatro medallóns dos lados Este e Oeste contíñanse bustos de Arcebispos, Obispos, Abades, Cabaleiros, Cortesanos e outros personaxes. O rasgo e brío con que estaban trazadas e moldeadas moitas daquelas cabezas, traían aa mamoria a maneira chea e rebusta de Miguel Anxel.

No medio do claustro levantábase unha fonte monumental. Un estenso pilón recollía a auga que brotaba dunha gran concha: a cal aa súa vez recebía a que lle viña doutra concha máis pequena que había máis arriba.

No lado Sur de este claustro estaba a cociña. Esta en realidá por si sola é un verdadeiro monumento; porque a bon seguro serán mui poucas as que se conserven en España do seu tempo e da súa importancia. Parece un claustro pequeno; o patio do cual estaba todo acupado pola campana da chaminea. Cadrada é a súa traza; e de lado mide de longo 10 metros e 70 centímetros. No centro érguense catro rebustas colunas, que describindo un cadrado, rodeiaban o fogón e sostíñan o cañón da chaminea. As catro cruxías que había ao redor estaban cubertas por bóvedas divididas en tres compartimentos cada unha, e sostidas por arcos oxivales e nervaduras que se cruzaban en aspa; apoiándose unhas e outros, dun lado en repisas empotradas nas paredes, e doutro nos capiteles das catro colunas do centro. Estas catro colunas sostiñan ademais outros tantos arcos, sobre os caes descansaba a campana e o altismo cañón cilíndrico, ou máis ben cónico, da chaminea. Mais como estes catro arcos discribían un cadrado, para poder mellor enchufar neles o corpo cilíndrico da chaminea, nos ángulos que formaban as enxutas dos ditos arcos, puxéronse unhas trompas que sostiñan un membro ou aro de parede de forma outogonal; e este era o que recebía a base do cañón por onde saía o fume. Esta obra tan notabre debeu de ser construída no sigro XV ou cando máis á prencipios do XVI.

Nunha das cruxías había unha escaleira de pedra, pola cal se subía pirmeiro ao ante-refitorio, e dalí pasábase ao refitorio. Era esta unha peza manífica; o techo da cual viña a ser un precioso artesonado decorado de piñas e outros adornos colgantes. Do outro lado do refitorio estaba a bodega.

Pero volvamos ao claustro das procesións para saír del polo lado do Este e non enterrumpir a orden que levamos na nosa discrición. Saíndo, pois, polo dito lado, o pirmeiro que se encontra son os pilares ou machóns, mais ben os seus escombros, do pórtico da eirexa vella, de que falamos no capítulo II. Deimpois, a través de máis escombros e ruínas, pásase ao claustro grande, que ben mericía este ditado, porque o patio intrior ten de lado unhos 50 metros, e as cruxías ou corredores chegan hastra 60.

Neste lado, Oeste do claustro grande, que, por suposto, corresponde ao lado Este do claustro das procisións, enriba había dormitorios e unha capela na cual, en certas ocasións se reunía a comunidá. No lado Sur cadraba a bodega e maila rasura, que era unha fremosa peza de pranta circular cuberta por unha esbelta cúpola. No medio, á altura dun metro do chao, levantábase un pirámide foco de oito lados sostido por colunas. Debaixo había unha pequena lareira en que se quentaba a auga percisa para o caso. Da rasura pasábase a unha espaciosa solana, da cal se gozaba unha deliciosa vista. Neste mesmo lado Sur estaba tamén a leñeira e o taller dos canteiros.

No lado Norte estaba o noviciado e maila sancristía, obra de hacia o ano 1570, que debeu ser feita pra eirexa vella; pero despois utilizárona para a nova. Como xa indicamos, non está a nivel do piso da eirexa sinón moito máis alta. No piso baixo estaba o taller da carpintería.

O lado Este nos baixos contiña a graneira; nos pisos altos estaban as celdas dos monxes. Estriormente este lado presentaba unha grandiosa fachada dunhos tres pisos de alto e poida que de máis de cen metros de longo, terminada aos costados por dúas torres de pranta cadrada.

O claustro este, arquiteutonicamente considerado, non ofrece cousa de particular máis que as súas grandes dimensións. Foi comezado a fins do sigro XVI e acabouse a mediados do XVIII.

Nada diremos das obras estriores que rodeiaban ao Mosteiro, como a casa da aodencia, a do médico, a cárcel, a cellería ou moordomía, os fornos, os muíños, o laboratorio da butica, as cortes do gando, o tanque que ten cerca de dous quilómetros de circunferencia, etc..., porque esto levaríanos demasiado lexos.

Hastra aquí todos foron recordos, e nada máis que recordos; porque a realidá, a triste realidá, non é sinón unha imensa morea de escombros. ¡E como se presta aa meditación esta elocuente imaxe das futuras ruínas da nosa sociedá! Porque si esto se fixo no madeiro verde ¿que non se fará no seco? ¡Ben que chegamos aos tempos en que verdadeiramente esto matou a aquelo! ¿E quen matará a esto? Este problema poida que nos axude a resolvelo a dinamita.

Pero veñamos agora ao ouxeto que desta vez nos trouxo a Sobrado, que era saber a que altura se achaban os traballos de Gonzalo Ozores. Cabalmente unhos quince ou vinte días despois do en que comenzamos o noso conto, a altas horas da noite alcontrábanse parolando sobre o particular Gonzalo e mais seu amo Fernán Vázquez, o cal había días que estaba bastante debilitrado sin poder saír da celda nin aínda do leito.

Estaban recontando a xente que había alistada, e sumaban hastra cerca de mil homes de a pee, e de corenta a cincuenta de a cabalo.

-A xente é boa e dicidida -dixo Fernán Vázquez-, pero non sei si bastará pra o caso. Si na Ulloa e Monterroso se traballa algo, paréceme que sin moito ruído dentro de tres ou catro días podemos reunir ao pee de trecentos homes.

-Eso xa se me ten acordado moitas veces; pero alí por agora non quiría petar para nada; porque si o chega a ulir o Condestábele, pódese asañar e poñerse de lado de Vasco Gómez, e estonces alá vai canto Marta fiou; xa é escusado pensar en dar unha soila pasada. Por agora pouca ansia se lle dá por Vasco Gómez e déixao que se bata; e ieu non podo deseiar máis. Pero si empezamos a esgarabellar alí, pódese descompoñer todo o cotarro; e así non hai mas romédeo que estarse quedos por ese lado. En cambio téñoche que dar unha boa noticia; e ié que hoxe na tardiña ricibín contestación de Alvaro Paez, e dime que tan pronto lle avise poñerame no sitio que eu lle sinale vinte de a cabalo e douscentos peóns.

-Con ese reforzo xa penso de min que se pode facer algo, e boo é non perder tempo, e non deixar pasar a acasión.

-Pero antes quiría eu esprimenta-la xente e ila impoñendo e afacendo ao manexo das armas e aas artimañas e astrataxemas da guerra. Soupen que no alto da Mámoa de Losoiro mandara Vasco Gómez levantar unha fortaleza pra máis asegurarse e pra botarse de alí como o miñato sobre onde máis lle conveña. Si lle deixamos saír con tal intento, xa podemos coller cos frois ao lombo e tocar ca música pra outra parte. Desde aquel sitio non soilo pode vixiar tódalas nosas maniobras, sinón tamén atallar tódolos nosos movementos. Estou disposto a desfacer a toda costa aquel niño, antes que medren os corvos e nos arrinquen os ollos. Paréceme que con douscentos ou trecentos homes tendrei de sobra para a ampresa; e vou a avisar a Vasco Fernández, a Pedro Fernández de Sonar, a Ares Vázquez de Vaamonde e a outros amigos, para que canto máis pronto poidan, dispoñan e perparen a xente. Desque eu, ca axuda de Dios, consiga ter desfeito e varrido aquel tobo, estonces mandareille aviso a Álvaro Paez e mais aos meus amigos de Camba e de Deza; que me parece que no me faltarán, nin no día, nin no sitio, que eu lles marque.

E esto dito, Gonzalo retirouse aa súa celda que estaba ao lado da de Fernán Vázquez, e sentouse a escribir unha mensiva ao señor do Vilar de Mella avísándolle que ao outro día o asperase de noite na casa, pois tiña que falar con el cousas de moito intrés.




[1] Hoxe é a única parte do tempro que está habilitada pra o culto; e esto gracias ao celo e devoción do Sr. D. José Rodríguez e outras almas boas.

[2] Nesta capela douse sepultura ao calabre de Dª Catalina de Santiso que no ano 1543 fora infamemente asesinada polo seu propio marido Vasco das Seixas, neto ou bizneto deste Vasco Gómez das Seixas con quen andamos aas voltas.

[3] Turres Jerusalem gemmis ædificabuntur. -Nunba das torres estaba o relós que foi trasladado a Betanzos. Estaban tamén armadas de para-raios, que como notou o meu amigo, o señor Fernández Suárez, quizaibes sería dos primeiros, sinón o pirmeiro de Galicia.

[4] Estas medidas das dimensiós totales do adificio non están tomadas con rigurosa esaititú; tan sólo son aproximativas.

[5] En tempo da pirmeira revolución vendéronse por ¡seis pesos! dous lenzos deste claustro. ¡E logo que nos digan que o progreso é o liberalismo que lle chaman rumboso, levantado, xeneroso e outros alcumes somellantes!



VIII


O PRIMEIR CHISPAZO


Aos catro días despois do en que esta conversa pasara, xa o señor do Vilar, Pedro Fernández de Sonar e Ares Vázquez de Vaamonde[1] , tiñan disposta e arranxada a xente que lles encargara Gonzalo Ozores. Chegarían hastra cento ochenta homes, os cuaes, na noite do dito cuarto día, fóronse xuntando sin marrar un, pero con moito sacreto, nunha zanca cuberta de chaparros, que estaba ao pee do monte da Mámoa de Losoiro pola banda do Sudoeste, na parroquia de Meire.

Asomade estivéronse todos xuntos, repartíronse en tres fatos; un dos cuaes, aas órdes de Ares Vázquez, foise a situar ao pee da montaña polo lado do Norte, na parroquia de Ermora. Outro fato quedou na zanca con Gonzalo Ozores; e o terceiro marchou rodeiando o monte para buscar unha espesa touza que había polo lado do Este escontra Cuiña.

A subida do monte era bastante agra e pina por Sitios; e a fortaleza estaba xa boa de acabar. Había nela de cincuenta a sesenta homes, deles corenta eran canteiros, carpinteiros e pions, e os outros homes de armas; pois Vasco Gómez criíase tan seguro, que con aquela pouca xente armada, xuzgou que tiña o bastante para gardar aquel sitio; e inda si os puxo alí foi máis porque vixiasen e apurasen aos obreiros, que porque entendese que fixeran falta para gornecer aquel punto.

Agora o pran de Gonzalo Ozores era, así que as teebras da noite pirmitisen apelumbrar os ouxetos, saír os tres fatos a un tempo, cada un do seu tobo, e ir subindo pouco a pouco hasta chegar ao cruto do monte. Así se fixo, nafeuto, sin tropezo algún; e ao escomezar o sol a estender as súas raiolas polo horizonte, alcontráronse uns cos outros, de modo que no punto e momento en que os canteiros e demais xornaleiros se puñan aa súa faena, xa estaba formado todo ao redor do castelo un cordón que cada vez de máis cerca o iba cerrando e envolvendo.

Si os canteiros e demais non se decataron da presencia dos cercadores, decatouse o escudeiro García Rodríguez, que era o que estaba ao frente da gornición da fortaleza, o cal escudeiro, prantándose como de adoito no alto dos muros para ensaminar o estado das obras e ver como se dispuñan os obreiros para o traballo, avistou de camiño o tropel de xente que se iba chegando en son non moi pacífico. Volveuse pra outro lado e notou o mesmo; correu a outra banda, o mesmo; e entonces, véndose perdido, ordenou aos pedreiros que se retirasen imediatamente pra a casa con toda a farramenta. A fortaleza era polo estilo da do Castro das Seixas, un patio cadrado, cerrado por catro muros de regular altura e anchura, con catro cubos cadrados nos esquinas. Arrimada a un dos muros estaba a casa que había de servir de vivenda, a cual xa estaba cuase rematada de todo.

Correron, pois, todos aos trompallóns pra encerrarse na casa e alí facerse fortes e defenderse hastra o último extremo; pero non todos iban ca misma disposición; pois os canteiros e demais pions para o ben pagos e mantidos que estaban, o que quirían era que canto antes viñese alguén que os fixese liscar do sitio.

Entramentres o cerco dos asaltadores foise estreitando, estreitando; e Gonzalo Ozores, non podéndose xa conter nas lineas que hastra entonces conserváronse en perfecta formación sin que ninguén descamallase, saltou coma un corzo pra dentro da fortaleza por onde os muros estaban aínda menos levantados. Aquel home non era home, era unha furia que quiría tragar a todo canto se lle puñía por diante. Parecía que degaxaba por desquitarse da quietú e repouso a que por nove anos estivera condenado; e que naquela pirmeira acasión que se lle presentaba despois de tanto tempo, quiría fartarse e recobrar dun golpe todo o que tiña atrasado.

O mesmo fogo e empencha se apoderou dos seus homes, que como alarbios agalgaban polos muros arriba como dicindo: esta, que é a nosa, non a habemos de deixar escapar.

Aos poucos menutos xa se achaban dentro do patio os cen homes que Gonzalo Ozores separara pra o asalto, pois os outros ochenta quedaron fóra coidando de que ningún escapase; e co mismo ímpitu abalanzáronse contra a casa, a pesar dos saetazos que disparaban os de adentro.

Marchaba aa cabeza Gonzalo Ozores, o cual apreixando a súa macheta de armas, aos poucos golpes fixo saltar a porta en anacos. Ao mesmo tempo outros, facendo cos corpos a modo de estadas, pelexaban por aganchar hastra as fiestras para enxaretarse dentro. Mais non foi perciso abrir este portelo; porque os que estaban con Gonzalo Ozores, así que viron botada a porta abaixo, guindáronse dentro como lobos; e anque García Rodriguez cos seus, con valentía dina de mellor causa, fixo canto pudo por detelos, ao fin caieu cun muslo atravesado dunha lanzada.

Desde aquel punto xa naide pensou en facer a menor resistencia, e todos se rendiron ao querer dos asaltantes. Os cuales dos despoxos da fácele vitoria fixeron dous apartados: un dos prisioneiros, e outro das armas, farramenta e demais trebellos que alcontraron.

E o caso foi que, como si todos estiveran de antemán falados, mentres uns gardaban na casa os prisioneiros, os outros armados de paus de ferro, picos e picarañas, brincaron cos muros e empezaron á demoler neles con tal coraxe e furia, que aas dúas horas xa non quedaba pedra sobre pedra das murallas e torreóns do patio. Pegaron despois ca casa para facer nela o propio; e era de ver o algareo e vocerío que armaban ao rolar das pedras polo monte abaixo. Ca fuga que levaban logo lle deron avío aa súa obra; e para rematala de veras achandaron ben achandadas as gáveas dos acimentos; que non quirían que quedase rasto nin mamoria daquel aborrecido adificio.

Acabada a faena aquela ordenou Gonçalo Ozores que todos se encamiñasen pra a zanca onde se xuntaron de noite. Iban tamén tódolos prisioneiros sin faltar un, incruso o mesmo García Rodríguez ao cal tiveron que levar nunha angarilla.

Unha boa sorpresa os agardaba na zanca e era a presencia de tres cargas de viño e outras tantas de pan, e mais hastra ducia e media de carneiros, que todo o señor Gonçalo Ozores e os seus amigos dispuxeran pra o xantar. O peor eran os carneiros que inda falaban; pero había alí xente abonada pra aquel fregado; e así, mentres uns dispuñan no chao con grandes croios unhas a modo de lareiras; e outros buscaban ramallos, cachopas, guizos e toda sorte de combustibres, e outros tiraban fogo das pedras de chispas, ou lidando un con outro dos paus secos; outros brincaron cos infelices años, e despois de sangralos e estofalos, talláronos en pezas; e infiándoas en chuzos, a falta doutros espetos, arrimáronas ao mor do lume que logo as foi facendo roxir e garexar e torrarse con gran contentamento e satisfaución de tódolos circustantes. En vez de morillos ou cabaletes de ferro en que apoiaren e manexaren os chuzos, chantaron aos lados das improvisadas lareiras unhas laxes de pedra; mais a xente non estaba pra moitas esperas, nin para poñer moitos reparos; e asegún os torrezmos iban volvendo algunha cara, así os iban repartindo dándolle a cada un a súa parte. Escusado é dicir que todos desempeñaban aas mil marabillas o seu papel; e ao ver a gana e os ánimos con que todo o mundo gandía e trincaba, pensaríase que aínda se achaban a contas cos muros do alto de Losoiro.

Acabado o xantar, no cal tamén tiveron a súa parte os prisioneiros, Gonçalo Ozores deixou soltos a tódolos canteiros, carpinteiros e demais homes de oficio, anque non sin pidirlles antes xuramento de que non habían de volver a poñer man na fortaleza de Losoiro, nin noutra somellante. Aos homes de armas púxoos a bon recado, e encomendou a súa garda a Ares Vázquez de Vaamonde.

Despois que quedou soilo ca súa xente, fíxolles a siguente plática: "Valentes e leales amigos, solen pintar a imaxe da fertuna cunha roda ao lado para dar a entender que, así como conforme vai andando a roda, o que dunha vez vai por arriba, doutra vez queda debaixo, así tamén as cousas do mundo solen siguir o mesmo camiño. A min paréceme que polo favor de Dios, noso Señor, foi chegada a hora en que a nós tamén nos toque ir por enriba; e o bon suceso deste día é indudabremente o sinal de que a rolda para nós comenzou ao fin a subir e sacarnos do noso abatemento, e que si hastra agora fomos sempre desasurados, mal será que ao de adiante non nos veña a nosa. O que cómpre agora é que saibamos aproveitarnos desta boa racha hastra poñer debaixo dos pés aos nosos enemigos e darlles o seu merecido. E ao que eu sinto non se requere máis para esto que permanecermos dispostos e decididos como estivemos hoxe. E certo que o de hoxe non foi nada a continación das empresas que debemos acometer e dos lances que nos agardan; pero de todos nós, o que máis e o que menos, ben claro amostrou neste día que ten peito para non querer cear nin un paso atrás. Agora confiando no favor de Dios retirarémonos en paz cada un para a súa casa sin lembrarnos máis do conto; que eu aspero non tardar moito en volver a chamarvos para axustarlle dunha vez as contas aos nosos enemigos."

-¡Eso! ¡eso! -berraron todos- e antes hoxe que mañán. Chámenos a súa señoría cando queira, que resoltos estamos a ir ao cabo do mundo. ¡Viva o señor Gonçalo de Ulloa! ¡Vivan os Ulloas!

E con taes valentes e entusiastas acramacións, siguidas dos seus correspondentes atruxos, disfíxose e desparteuse a xunta. E con esto tamén se veu canto fai a veces a presencia e a voz dunha presona de autoridá e de ánimos. Aqueles homes, hastra estonces encollidos e acorados e faltos de resolución para todo, vémolos agora tan afoutos, tan dispostos, tan arriscados para calquer empresa por arrouzada que fose.


[1] Deste Ares Vázquez fálase na Crónica do rei D. Pedro ao ano 1361, cap. w. o seu sepulcro é o único que se conserva hoxe na eirexa de Sobrado.


IX


COMO A VECES VALE MÁIS MAÑA QUE FORZA


Polo pronto pareceu que naide se decatara do que acababa de pasar na Mámoa de Losoiro. Todo sigueu tranquilo e pacífico e sin a menor alteración naquela comarca por dous ou tres días; e o único acontecemento dino de atención que pasou durante eles, foi o troupeleo dun fato de bestas, que cuasimente aas vintecatro horas despois que Gonçalo Ozores despideu aa súa xente (e serían as sete da tarde) pasaban xuntas ao trote por a carón da eirexa de San Pedró de Présaras. Iban nove bestas: catro montadas por mulleres, unha por un escudeiro, outra por un mozo da aldea, e as outras tres iban cargadas de cestas, baiules e fardos, e guiadas por tres acemileiros. E ¿canto aventurades en que iba alí Beringuela? Alomenos unha das mulleres polo seu porte, polo seu garbo, polo boo humor que levaba, paricíaa. Éraa, nafeuto; e as outras mulleres que a acompañaban eran Lionor e outras dúas doncelas. O mozo da aldea era un irmán de Lionor, e o escudeiro o acostumado gardador da honra da nobre filla de Vasco Fernández. Iban siguindo o camiño que levaba a Mezonzo; e con esto xa me parece que os meus corteses leitores se decatarán de que se trataba do casamento de Lionor.

Parou a comitiva diante dunha casa do lugar de Xaxilde na dita fiiguesía, que era onde moraba a familia da novia, e a cual, anque de labrador, era bastante capaz e achábase bastante forrada e arreada para a súa crase. Aa porta do curral estaban xa asperando os pais e as dúas irmaas de Lionor; os cuales non sabían como espresar o seu agradecemento e satisfaución pola honra que Beringuela lles facía en querer vir pousar na súa casa, mormentes cando viron que a nobre dona lle botaba os brazos e apertaba contra o seu peito a aquela que fora a ama que a criara.

O casamento non se había de facer hastra de alí a dous días, pero Beringuela quixo adiantar a vinda polo caso seguente. A familia de Lionor achábase de loito pola morte do fillo máis vello. Onde iba que fixera o ano que morrera; pero as irmás, cando os viciños viñan a querer sacarlles o loito, defendíanse como gatas feras, e nin esgalletados consentían que lles sacasen os panos do lombo. Agora poida que non porfiasen, nin temeasen tanto; pero os viciños escaramentados xa non quirían meterse en máis debuxos e deixábanas que andivesen vestidas como quixesen. Beringuela que sabía esto, por eso anticipou a súa vinda; pois quiría ver si con arte e con maña podía consiguir o que non lograran ca forza os veciños; e ao mesmo tempo sacalas daquel apuro e daquel atolladeiro; que non era cousa de que se presentasen de loito a celebra-lo casamento.

Non é pra dicir os cumprimentos e ousequios que Lionor e as súas irmáns lle facían a Beringuela; mais ela non coidaba de outra cousa que de pasar en todo coma unha igoal delas; e xustamente, prevaleuse desto para enteirarse de tódolos currunchos e escondrixos da casa. Quixo tamén que as irmaas de Lionor lle amostrasen tódalas súas magencias, e que as puxesen para ver como lle estaban; e como era tan acurrente e tan chungueira, a cada unha, ao paso que lle amañaba e compoñía a roupa, dicíalle a súa chuscada, ou facíalle algunha adevertencia, ou botáballe algún piropo.

Nesta aparición estiveron aínda un boo anaco; e cando chegou a hora de deitarse, Beringuela retirouse cas súas dúas doncelas a unha cámara que dispuxeran pra ela. Mais aa media noite, cando maxinou que as rapazas habían de estar ben rendidas co sono, ergueuse, sacou do seu baiul uns panos, que xa adrede trouxera consigo, e acompañada dunha das doncelas foise moi quediño e aas apalpadas hastra o leito en que sabía que dormían as irmáns de Lionor, e polo tino furtoulles os panos de loito e no seu sitio deixoulles os que ela levara. Feito esto volveuse pra a súa cámara, escondeu os panos furtados debaixo do seu traveseiro e no seu baiul e meteuse na cama.

Cando pola mañán se levantaron as rapazas, non foi pequena a liorna que armaron. Busca de aquí, busca de alí; pergunta a uns, pergunta a outros, e os seus panos non paricían. Beringuela, que desde o seu leito estaba sintindo todo, perguntoulles con moita xorna que era o que lles pasaba. Elas nun prencipio escapábanse de contestar ao caso, pero como Beringuela non calaba:

-¡Que nos ha de pasar, señoriña! -contestou ao cabo Ermesenda, que era a máis vella- ¡que nos ha de pasar? ¡que non nos parece a roupa! ¡Santo Outelo! ¡Parece cousa do anamigo!

-Pero vós ¿onde a deixastes?

-Onde sempre, señora, xunta a cabeceira.

-Pero vos habíades de ter máis roupa que a posta.

-E verdá; mais si esto nos ha de pasar diario, logo quedaremos ispidas.

-Pois entonces debeu ser algún trasno que se quixo rir de vós. Siquera deixáravos outra roupa; ¡como non lla queirades perdonar!

-¡Ai eso! truco. ¡Mismamente!

-¿E nunca vos pasou eso hastra esta noite? ¿E que é o que vos falta? 

-Os panos da cabeza e os do pescozo e mailos lenllos.

-Poida que volos volva; porque un trasno con panos de loito non ha de facer boa fegura. O caso é que non volos confunda.

-Volver, xa quixo, polo visto; anque non era eso o que se lle pidía.

-Entonces aínda non era dos de máis mala concencia.

-¡Bah! ¡bah! o trasno foi a señora Oroana -contestou Ermesenda dirixíndose a unha das doncelas, que ca cara medio escondida antre as sábaas, non podendo xa conterse, estábase escacarelando ca risa.

-Pois trasno, non trasno, agora non tedes máis remédeo que conformarvos ca roupa que vos deixaron -concruyeu Beringuela.

Así quedou arranxada a costión do loito; e por tal vía, sin pensalo, saíron as irmaas de Lionor do pantano en que cas súas temeaduras se alcontraban metidas.

Celebrando esta tramoyada pasaron boa parte do día; pero ao mesmo tempo fóronse dispoñendo para a outra que as asperaba aquela noite; pois si na outra houbo que esconderlle a roupa aas irmáns de Lionor, nesta había que facer a mesma aparación ca da novia. Pois era o caso que era moi mal mirado, e estonces mais que agora, que unha rapaza mostrase o menor asomo de gana de casarse; e anque estivese rabiando por facelo, o ben parecer requiría que puxese todas cantas arredras poidese.

Lionor, como xa tiña máis roce do mundo, poida que non se lle dese tanto polas faladurías da xente; pero como aas irmaas non había que falarlles desto, porque non lles parecese mal, percuraba acaer en todo con elas. Así é que non tivo mais romédeo que representar que ela iba como si a levaran arrasto ao casamento; e facer todas aquelas pantomimadas e mixiricos que eran de caixón naquel caso; canto máis que as irmaas impuxérana ben en como había de desempeñar o seu papel. E xa se sabe con que realidá as nosas peisanas queren representar estas cousas.

Por fertuna, Beringuela, que pra estas cousas pintábase sola, era a dirautora da escena; e unhas veces mostrándose conforme con Ermesenda e Beatriz, que era a outra irmán de Lionor, outras veces dándolles para atrás, iba manexando o lerio de modo e de maneira, que Lionor sin ter que esparraquitarse moito, nin facer tantas estramonías, quedase ben vista e sin que naide touvese porque tildala. Ela foi a que, despois da súa acustumada visita a Sobrado, se encargou de aparexarlle a roupa de novia; ela a que quixo vestila e amañala pola súa man anque axudada polas irmáns e por algunhas amigas das máis chegadas que tamén acudiran aa faena. Cada prenda de roupa que se lle botaba encima, custaba unha boa rifadura e refrega; ela a espurruñar cos pees e cas maas, as amigas a aloumiñala, a consolala e convencela. De cando en cando Beringuela dicíalle:

-Descanto acá te volviche tan xota e tan áspara, ti que sempre foche tan amante e tan agarimosa!

E chegándoselle ao ouvido.

-Ascadasí hache de ser a mesma conta- engadíalle.

O mal foi cando lle puxeron os bincos e maila gargantilla; hubo que coutala ben coutada pra que non derramase e estropease as alaxes. A Beringuela caro lle custaba o conterse para non reventar ca risa; pero, por eso, vamos, desempeñou ben o seu cometido e aa hora competente douna composta e aviada.

E boo foi que Lionor non casase na casa; porque estonces non era mala a rebodaina que tiña que haber. Estonces había de haber aquelo de aa volta da eirexa adiantarse a novia cas súas amigas, meterse dentro da casa, querer atrancar a porta, opoñerse as amigas; porfiar e loitar ela con elas hastra conseguir o seu ouxeto; aquelo de chegar despois o novio cos seus acompañantes, petar aa porta, non contestarlle; volver a petar máis forte; siguir caladas as de adentro; empezar eles a puxar pola porta; puxar elas do seu lado; dar en bailar a porta nos gonzos cos esforzos duns e máis outros; hastra que ao fin a nai, vendo que aquelo non podía acabar ben e que pra protesta xa bastaba, se dicidise a abrir dunha vez e a adimitir na casa a seu xenro.

Mais como Lionor, según dixemos, iba para a casa do novio, non houbo necesidá de tanta foliada.

X


O CASAMENTO DA COLLAZA LIONOR


A boda habíase de celebrar ao outro día aas dez da mañán na eirexa de Santa María de Mezonzo. E xa que se trata dunha eirexa tan veneranda para todo corazón gallego, permítame o humano leutor que o desafíe a que nos deteñamos algo nela. Indudabremente foi un daqueles mosteiros que según San Valerio no seu tratado De genere monachorum, houbo nestas partes oucidentales da Aspaña[1]. Pero anque a intención de San Valerio non fose incruir no númaro das eirexas a que cas súas palabras se refería, a de Santa María de Mezonzo, non por eso é menos certo que esta eirexa xa susistía antes do sigro sétimo en que viveu o Santo e famoso anacoreta do Bierzo. Así o aquerditan varios e moi importantes vestigios; e antre eles un capitel de mármole que hoxe está sirvindo de pía de auga bendita e que anque esmoquenado aínda ofrece membranzas moi craras do estilo clásico; pois está composto de dous ordees de follas de acanto; o cual, por decilo así, é a fórmula esencial do antigo capitel corintio. Mide de alto 45 cents., e de ancho por enriba outros 45 cents. e por abaixo soilo trinta. Engádanse a este outros capiteles tamén de mármole e con pequena difrencia da mesma época que esmozaron e esnafraron para acomodalos nas portadas que hoxe se ven, e sinte estes outros dous que garda como ouro en pano un amigo meu de Santiago. Todos estes son testimonios craros e avidentes da antiguidá e importancia do noso mosteiro.

O cual debeu atravesar sin maiores quebras a gran crisis da invasión dos mouros; porque en tempo de Alfonso o Casto xa o alcontramos bastante boiante baixo o réxime do abade Reterico ou Reterigo e de seu sucesor Fulcaredo. No sigro X criouse e formouse alí aquel insine Prelado compostelano que foi San Pedro de Mezonzo. O cual probabremente nesta eirexa de Santa María iría diseñando os conceutos que despois xuntou naquela fermosa plegaria que con máis que sobrado fundamento se lle atribuie, daquela plegaria que tantas bágoas ten enxugado, ou, si non as enxugou, fixo que de bágoas de door e de amargura se convirtisen en bágoas de resinación e de consolo.

Estes datos, que soilo apuntamos voando, demostran palpabremente a importancia hestórica da eirexa de Mezonzo; pero cuase, cuase estou por dicir que a súa importancia artística non é nada menos. Nafeuto, ela ven a ser un dos máis notabres enxemprares que acó deixou o estilo románico-bizantino, que tan ben callou no noso país no seu último período. Pois son tan carauterísticas, costantes e persistentes as formas que aquí adoutou, tanto no corte e aire dos capiteles e canzorros ou canecillos, como nas trazás dos arcos e bóvedas, como na distribuición dos contrafortes e dos máis membros arquiteutónicos, como nos motivos da ornamentación, que eu non dubidaría en chamarlle estilo galaico a este que tan ben se dou e tanto dominou na nosa rexión, mormentes desde mediados do siglo XI hastra mediados do sigroXIII. E logo esta eirexa de Mezonzo consérvase enxebre, é dicir, sin reformas, engádigas nin aditamentos, e polo mesmo, ofrece un dos enxemprares máis líquidos e craros do dito estilo[2].

A xuzgar polos datos arquiteutónicos, a autual eirexa de Mezonzo debeu comezar a facerse a mediados do sigro XII, e rematarse a fins do mismo sigro, ou quizaibes mellor a prencipios do seguente. O largor dela é de 24 metros huecos desde a porta hastra o pé do altar maior, distribuidos nesta forma: 18 o corpo da eirexa e o resto o coro ou presbiterio; o anchor 13 metros e 80 centímetros. Está dividida en tres naves, separadas por catro machóns, dous de cada lado; e as tres naves rematan en outras tantas áusides.

A nave do medio ten de ancho cinco metros entre os machóns, e as dos lados, medidas da mesma maneira, soilo 3'40 metros. A pranta dos machóns é un cadrado, que en cada cara ten embebida hastra a metá unha culuna ca súa correspondonte base e capitel. Tódolos arcos, tanto formeiros, como torales, que descansan sobre os capiteles destas culunas, son algo apuntados; pero en vez de bóvedas, soilo sosteñen artesonados. Unicamente na nave do lado da Apístola, vense sobre os capiteles os arranques para as bóvedas con que, polo visto, quixo cubrirse aquela parte, e probablemente toda a eirexa.

A pranta das áusides laterales é semicircular, a da do medio é un cadrado, e despois tamén un semicírculo. E é de notar que os arcos das áusides son todos de medio punto, e o techo bóveda de cascarón, nas áusides pequenas, e na central tamén bóveda con dous entrepanos, no primeiro bóveda de cañón, e no segundo bóveda de concha ou cascarón.

O coro ou presbiterio non empeza como é de adoito debaixo do arco trunfal, sinón máis afora, desde unha gradicela que atravesa toda a eirexa aa distancia de dous ou tres metros da entrada das áusides. Nesta gradicela, chaman a atención dúas culunas que están sirvindo de postes para sostela aos dous lados da entrada que dá paso ao presbiterio. Ambas e dúas teñen capiteles con follas de acanto, e a da direita ten na escocia da base, ou sea, no escave que separa os dous toros, unhas molduras e no filete dentes de serra.

Tódolos capiteles do interior da eirexa ofrecen o corte airoso dos capiteles gallegos: tambor cilíndrico por abaixo e por enriba salientes volutas que proyeutan un cadrado. Na súa maior parte están formados de follas de acanto, plantas acuáticas, palmas e outros motivos polo estilo. Hai un fantástico composto de catro mostros encarados e enlizados como unha maraña.

Sobre o arco trunfal ábrese un fermoso rosetón calado, dividido en dúas zonas. Na zona do centro ábrese soilo un octifolio; na outra zona que a rodeia hai catro cadrifolios tamén calados que describen unha cruz e nos ángulos desta catro seisifolios. Rodeia o rosetón un marco formado por dez e seis trifolios, pero estes non están calados.

O esterior da eirexa ofrece si se quere aspeuto máis monumental polos estribos ou contrafortes que a rodeian, polas tres portadas que lle dan entrada e polas tres áusides que a terminan; pero vaiamos por partes. A portada prencipal está formada por tres archivoltas que rodeian un dintel ou tímpano liso algo apuntado e descansan nunha imposta formada solo dun filete e dun caveto e sostida aa súa vez por tres culunas de cada lado. As ditas tres archivoltas son bastante xinxelas; non se compoñen máis que de dous baquetóns lisos separados por unha media caña. Os capiteles das culunas si que teñen máis traballo e debuxos; pero algús, especialmente o máis esterior da direita, son moito máis antiguos que esta portada e pra encaixalos no sitio que ocupan recortáronos e esmozáronos. Esta portada é sin duda a máis moderna. Dicímolo polo lisas que son as archivoltas e porque, como xa indicamos, describen un arco algo apuntado.

Polo demais a fachada non ofrece cousa de particular. Está coroada polo consabido cumio ou penal, e corrida de alto a baixo por catro contrafortes, dous aos lados da porta que están na misma linia que os machóns de dentro, e os outros dous nas esquinas. O que é estes chegan a contrafortes; sobresalen sobre o paramento da parede da fachada cerca de metro e medio, que con o outro metro e medio boo, que ten de espesor a dita parede, dá un macizo dunhos tres metros. Para darlles mais firmeza, fixeron nestes contrafortes cinco retallos ou relexes. Nas paredes dos lados tamén hai contrafortes en correspondencia cos machóns de adentro que sosteñen os arcos torales, pero non son tan salientes nin macizos; menos os dous que están, como si dixéramos, nas illargas da eirexa, é dicir, no sitio en que fan fincapé os tres arcos da entrada das tres áusides, os caes teñen a misma saída que os das esquinas. Polo cual vese que o arquiteuto andivo estudiando caes eran os sitios onde máis se concentraba o peso, e alí botou macizo de firme.

A portada do lado do Sur, que era a que cumunicaba co convento, é a máis artística. Componse de dúas archivoltas e un tornachuvias, do cual carecen as outras dúas portadas. O lintel está formado de tres lóbulos, e a primeira archivolta que o rodeia componse dun baquetón festonado de oito arquiños. A sigunda archivolta está formada por dous baquetóns máis estreitos separados por unha media caña. O tornachuvias componse dunha serie semicircular de cabezas humanas. A imposta está adornada de frores cruciformes, rombos e outros debuxos. Debaixo da imposta están as catro culunas, dúas de cada lado, que sosteñen as dúas archivoltas. Os capiteles son de follas de acanto; as bases teñen pomas ou bolas na escocia e grapas nas enxutas.

A portada do Norte ten como as outras o lintel ou tímpano liso, sostido por dúas mochetas. Componse tamén de dúas arhivoltas, imposta moi somellante aa da outra e dúas culunas de cada lado. A máis exterior da esquerda é de mármole. Os capiteles tamén deberon ser da eirexa vella e axeitáronos aa súa maneira pra colocalos no sitio.

Pero onde a eirexa presenta a máis fremosa prespeutiva é cando se contempra desde sitio onde poidan dominarse as tres áusides pola parte de afora. O pirmeiro que chama a atención é a fila dos dez e seis arcos pensibles que sosteñen a cornixa da áuside central. Estes arcos pensiles vense por primeira vez empregados na célebre eirexa de San Vital de Rávena e están sostendo a cúpula pola parte da dentro, e despois foron moi usados no estilo que chaman lombardo. Aquí na nosa Galicia usáronse pouco, anque por eso non nos falten monumentos en que ao xeito os pidamos estudiar e aínda ademirar. Tal é a eirexa de S. Pedro de Ramirás ou do Mosteiro[3]; algunhas eirexas de Rivadabia e Allariz e outras que cita o Sr. D. Arturo Vázquez Nuñez no seu moi apreciabre opúsculo intitulado La Arquitectura Cristiana en la provincia de Orense.

Mais aquí en Mezonzo, a meu pequeno entender, os arquiños pensiles da áuside central, que é a única que os ten, deberon ser postos despois, quezaibes cando no sigro XIII se rematou a obra, e entrepoñéronos antre a cornixa e os canzorros que a sostiñan. Móvenos a pensar así o movida que está a cornixa; o apacharrado que aparece o tellado ao ver do das outras dúas áusides pequenas, pois tivérono que levantar para meter os ditos arcos; e por último o mismo corte e traballo das pedras.

Debaixo da cornixa aparece un rengle de cinco ventáas, tres na áuside central e as outras dúas nas áusides pequenas. Cada unha destas ventáas ten o seu corpo arquiteutónico, é dicir, ten as súas culunas, unha de cada lado encaixada nun codillo, a súa imposta de billetes, a súa archivolta e o seu tornachuvias. As ventáas son como tódalas daquela época, largas e estreitas; pero todas de medio punto. Os capiteles son todos de follas de acanto, máis ou menos talladas, con pomas ou volutas moi salientes nas puntas, a eceución do da culuna da esquerda na ventáa central, que está formado por dúas pombas que están encaradas unha ca outra. Este asunto é moi fercuente nos capiteles de estonces; parece unha representación material daquel testo: Justitia et pax osculatae sunt.

Dúas culunas corren pola áuside central abaixo, desde a cornixa hastra o zócolo, e divídena en tres compartimentos. En cambio, a imposta dos capiteles das ventáas córrese tamén por todo arredor da áuside e divídea en sentido horizontal en dous compartimentos.

Os canzorros da cornixa son todos eles moi somellantes; non teñen máis mulduras que dous chafráns, e polo mismo xa anuncian o sigro XIII.

O mal é que, como o terreno está alí moi en costa, vaise esbarrendo sobre as áusides; de modo que agora xa está chegando cuase preto das fiestras; e anque o autual señor cura, D. Vicente Antonio Duro, con recomendabre celo percura ter ben libre e aislada a eirexa, non é esta obra aa que poidan suficientemente ocurrir os esforzos dun particular.

Estrañarán quizais os nosos leitores que na descrición da nosa eirexa non falemos do campanario. Non foi por olvido, senón porque está separado como unhos 50 metros contra o Este. Tamén non ten nada de particular; redúcese a unha espadana de dous huecos para as campanas posta sobre un macizo de cantería.

Tal era a eirexa en que había de facerse o casamento. Aa hora sinalada saleu do lugar de Xaxilde toda a comitiva do casamento: iban diante as amigas e viciñas de Lionor; logo os cubilleiros (en latín, cubicularii), envoltos en anchas capas de segoviao, e iso que o día e a hora non obrigaba a ir tan arroupado, pero requeríao a atiqueta; e por último marchaban os novios, os padriños e os pais e os parentes máis chegados. O padriño, que era un fidalguete da mesma parroquia, levaba nunha cousela de prata as dúas sortellas, unha con záfil, e a outra con unha esmeralda, e trece moedas de ouro do Rei D. Pedro para as arras. Todo elo trouxérao Beringuela para o caso.

Chegados a eirexa, presentouse na porta o P. Prior, que era o que había de asistir aa celebración do matrimonio, revestido cunha manífica capa de brocado, a cual tiña bordadas na ancha zanefa e mais no capillo hestorias ou pasaxes da vida de Nosa Señora.

Non nos deteremos a discribir a grave e comovedora cirimonia da celebración do matrimonio. E demasiado augusta para que a fagamos baixarse a ocupar sitio antre estas borronaduras. Cando máis soilo diremos que Lionor pudo estar máis esquivia antes de decir o si; por eso, antes de dalo, inda tardaría como dous credos. Entramentras, asperaremos aa porta a que sallan para a casa os novios con toda a recámara que os acompañaba. E aa verdá, todo o mundo saía da eirexa tan legre e contento como si houbera consiguido a millor cousa. Os mozos e cubilleiros abrouxaban o espaceo cos seus berros e atruxos, e as mozas iban tan ledas e tan pracenteiras e tan foliadeiras, que paricía que lles rebuldaba a alegría dentro e que lle metera cobiza aquela festa.

Según o ritual de costume, a comida tiña que ser na casa da novia; pois como ela casaba fóra, antes de salir tíñalles que facer na súa casa este ousequio e agasallo aos concurrentes.

No camiño, os novios e mailos padriños iban repartindo a todos cantos alcontraban as regueifas ou bolas de pan trigo, que sacaban de dúas cestas que tres mozos levaban nas mans; e non é polo que eu o diga, pero a verdá é que ninguén a repochou, antes todos paricía que degaxaban polo pan da boda.

Agora, si eu me puxera a decrarar e referir o bulicio e algareo e animación que houbo naquela casa, iría moito mais alá do que é o meu intento. Soilo apuntarei que a mesma foi tan chea e tan brandida, coma a do maior ricachón da parroquia; e que si por aventura algún cursidoso chegara a enxaretarse no sitio, ao reparar en todos, ou cuasi todos os comensales, podiría dicir sin escúpulo ningún para os seus adentros:

-¡Van boos!

Ao acabarse a comida, Beringuela que xa estaba ardendo por volver pra a casa, levantouse e dispideuse de todos cas máis corteses palabras, pero especialmente da dona da casa e máis de Lionor, ca cal estivo un boo pedazo abrazada como si lle quedaran entalados os brazos. E anque moito lle porfiaron para que quedase para a regueifa que había de ser de noite na casa do novio -que para ela estaban citados moitos mozos e mozas que tiñan sona de saber moi ben carpentexar versos e copras-, non houbo súpricas nin rogos que valesen.

Púxose pois en camiño acompañada das súas doncelas e da demais servidumbre; e a eso das sete da tarde empezaron a dexergar no hurizonte o sitio para onde cadraba o Vilar de Mella. A Beringuela pareceulle que por aquela banda levantábase así coma unha gran polvareda ou fumareda. Foron andando, e non tardaron en convencerse de que aquelo non era polvo, sinón fume e máis fume; pero entonces inda non era tempo de facer tolas ou murradas, nin queimar os montes. Apuraron o paso, e ao mesmo tempo iban outeando para ver de darse conta do que era aquelo. Ao fin, anda, anda, chegaron a un punto desde onde podían precibir craramente que era o que porducía aquela tan gran fumareda. Era o paazo do Vilar de Mella que estaba ardendo polos catro costados, ou máis ben mantendo cos seus escombros o incendio que o destroíra. Hurrurizaba o ver a imensa e fumeante touca con que o xenio do exterminio envolvera as paredes do paazo, e os golfarós de fume que salían polas fiestras alomeados a veces cas chamas ou con nubes de charetas que, cruxindo e estalando, voaban polo aire.

¡Tal foi o espeutáculo que se ofreceu aa vista da atónita Beringuela desde a outra parte do río que corría ao pee da súa casa!


[1] In ista ultimæcextremitatis occiduæ partis confinia... a paucis electis et perfectis viris in desertis locis, rara ope Domini, constructa sunt monasteria.

[2] Hastra por non ter destes apéndices, que sempre resultan incómodos e mal cabidos, non ten sancristía; pois para esto está habilitado o hueco que hai diante da áuside do Avanxelio.

[3] A mención desta manífica eirexa faime recordar ao seu dino párroco D. Manuel Méndez, meu amigo, a quen en mal hora ven a cortarlle os bríos unha tenaz doença.


XI


EN BUSCA DO QUE NON PARECE


Dous días tardou Vasco Gómez das Seixas en ter noticia do que pasara na Mámoa de Losoiro. Cando o soupo, púxose a bufar, a bracear, e a patear, que paricía un basalisco. O que máis o facía a el repelar era o saber que fora Gonçalo Ozores (que para el aínda estaba en Francia) quen mandara e dirixira o arraso do castelo de Losoiro. Renxíanlle os dentes, como si foran os de unha serra que estiveran limando, por non coller diante a seu primo o de Ulloa, pois eran parentes; e toda a morte del era saber como viñera aa terra e onde o acharía. As esculcas que puxo pra averigualo non son pra ditas. Non quedou por perguntarllo a todo o mundo, nin por mandar propios e criados a todas partes para que escudrumasen e tomasen ventos do paradeiro de Gonçalo Ozores.

Non se esqueceu tampouco de Alberte, que como estaba preto da Mámoa de Losoiro, feguróuselle que podería saber algo. Na noite, xa digo, do segundo día despois do feito de Losoiro, mandouno chamar, e así que o touvo diante sin máis voltas e preámbulos:

-¿Ti conoces a Gonçalo Ozores de Ulloa? -díxolle.

-Señor, teño oído falar moito del.

-¡Non che pergunto eso, animal! pergúntoche si o conoces ou o viches.

-Vino moitas veces, antes que o levasen preso para Francia.

-¡Preso para Francia habías de ir ti e toda a túa caste, páparo, pedazo de besta! -e calamos outras resmas que lle sigueu botando.

-¿Quén foi o que desfixo o castelo de Losoiro? che pergunto. ¿Non estivo alí Gonçalo Ozores?

-Señor, eu medio trasoín que estivera alí o Sr. Gonçalo Ozores; mais non o sei polo certo.

-¡Polo certo estuvo, panarra, pedazo de xunta a cola! -e dicindo esto pegou tal puñatazo na mesa que tiña diante, que por pouco non a fixo saltar en astelas.

-Pero o que quero eu saber agora -continou- é onde se apousenta; e esto é o que ti me tes que traguer sabido mañán aas sete da mañán, ¿entendiche? E veremos como te sacudes, sinón ¡hancho de pagar ben as costas!

Alberte, que ben sabía can axecutivas eran as ameazas daquel Herodes, maxinou que esbochando el o que tiña no seu peito, podería quizaibes arredar o raio que tiña encima; e así, en tono moi homildoso e con moito misterio, empezou a falarlle:

-Señor, eu aa súa señoría non lle debo calar nada; eu dubidaba dicirlle algo do que sei por medo a que me soupesen os outros e que me embreasen; pero xa que a súa señoría é gustante en que llo diga ¿que non farei para que a súa señoría non se asañe?

-Pois conta todo o que saibas; e despacha logo; e si non, atente aos resultados.

-Pois señor, pra min onde se apousenta o Sr. Gonçalo Ozores élle no paazo do señor Vasco Fernández no Vilar de Mella. Eu dígoo porque Vasco Fernández acompañáboo moito; e cando ao Sr. Gonçalo Ozores cumpríalle algunha cousa, os criados de Vasco Fernández e aínda a misma filla, eran os que andaban para diante. E inda pra que a súa siñoría quede máis satisfeito, direille que nunha xunta que habrá catro somanas que houbo na eirexa de Pambre onde se reuniron ao pee de setenta ou ochenta homes, xuntos viñeron o Sr. Gonçalo Ozores e mais o señor do Vilar, e xuntos marcharon.

-Esas cousas xa ti mas debías ter ditas. Váleche que mas dixeches a tempo; si non, mal o pasarías.

Retirouse Alberte non pouco ledo e aínda algo afouto, porque lle pareceu que debido aa súa asturcia librárase da somanta que o asperaba; por eso, polo si, polo non, quixo poñer terra por medio, e escapou correndo pra a casa.

Tocantes ao señor de Sampaio, non quixo saber máis. Imediatamente chamou a tódolos seus escudeiros e criados e doulles a orde de que pra o outro día sin falla ningunha aas sete da mañán tivesen reunidos no Libureiro de douscentos a trecentos homes ben dispostos e armados pra a impresa, que xa lles diría.

A impresa era ir ao paazo do Vilar de Mella e buscar alí a Gonçalo Ozores, anque fose perciso reminar os acimentos da casa. Soupo Nuño do que se trataba, e metéuselle na cabeza o ir el mandando a xente; pois maxinou que se lle poñía diante unha acasión pintada para apoderarse de Beringuela. Varias veces pasáralle pola mamoria o roubala, pero nunca se astrevera a facelo; e moito foi polo mismo respeuto que lle enfundía a que era dona de tódolos seus afeutos e pensamentos. Mais agora que se lle presentaba xeito para entrar na súa casa, e non de calquer maneira, senon como dono, como o que vai tomar satisfaición dun agravio, paricíalle que iba con certa aición a impoñerse a aquela, no ánimo da cal hastra entonces nunca topara modo de entroducirse.

Condecendeu o pai; e non hai para que dicir con que puntualidá se presentou para conducir a hoste cara ao Vilar de Mella. Aquel tivo el polo día máis dichoso da súa vida; tal foi o antusiasmo, taes as aspiracións, taes as lisonxeiras ideias de que se lle encheu a cabeza. Todas estas cousas eran outros tantos aguillóns, ou máis ben alas que o levaban voando a botar abaixo aquela porta que para el estivera sempre tan fechada e detrás da cal soñaba el tanto ben; e cando aas dez da mañán, ou pouco antes, descubreu as almeas da torre do Vilar, doulle un salto o corazón como si estivera pra atrapar ca man o secreto e o resorte da súa dicha e felicidá.

No paazo non había máis que oito ou nove homes armados, númaro que a nada chegaba para defender a casa contra aquela montitú. Como xa apuntamos noutro sitio, o paazo inda era regularmente forte e bastaba para rechazar calquer golpe deses que eran tan frecuentes naquela época; pero o seu perímetro aínda era estenso e necesitaba polo menos unhos trinta homes para gardar convenientemente a casa por tódolos lados. Por fallo de Xudas faltaban catro escudeiros que saíran con moi percisos recados e axencias; e así todo un corpo da casa tivo que quedar cuasi sin defensa porque a xente non chegaba para tanto. Naturalmente onde se concentrou o nervo da defensa foi na torre; quedando fóra soilo algúns, pero ca intención de recollerse nela tan pronto como viran as contas mal paradas.

Os asaltadores foron rodeiando o paazo por todas partes, vadearon o río, montaron nas murallas e baixaron ao patio sin máis oposición e estorbo que algúns saetazos; que anque como ben afitados que iban causaron algunhas baixas, nin siquera ca fuga que levaban se decataron delas os anamigos. Pouco lles costou o penetraren no corpo da casa que entestaba ca torre polo lado do Norte; e desde este momento xa os que na torre se refugiaran, se consideraron perdidos.

Porpúxolles Nuño a rendición; e anque eles ben entendían que non lles quedaba outro romédeo, como non era de cabaleiros o entregarse así aa pirmeira intimación, contestaron que mentres non lles fallasen tódolos medios que tiñan de defensa, non había que falar deso.

Mentres uns estaban nestas negociacións, outros andaban cacheando e rexistando toda a casa por ver de topar a Gonçalo Ozores. Non quedou curro nin escondrixo que eles non mirasen e remirasen, nin mueble que non arredasen e abrisen, nin cesto que non desfixesen, nin sitio que non ensaminasen e reconocesen desde o faiado hastra os baixos da casa sin escruir os cortellos e caballarizas; pero o dar con Gonçalo Ozores, nin con o menor rastro del, ¡os muíños!

Esto fíxolles convencerse de que debía de estar cos da torre; e polo mesmo, a ela volveron os ollos e contra ela dirixiron tódolos seus esforzos. Mormentes Nuño ardía e non fumeaba co afán de verse dentro, non tanto para atrapar a Gonçalo Ozores, como aínda para coller a Beringuela, aa cual el tamén supoñía dentro.

Mais os da torre inda siguían nos seus trece; e estonces os de Vasco Gómez, para darlles a entender que a cousa iba de veras, comenzaron de xuntar palla, ramas e madeiros todo ao redor da torre, e así que tiveron feita unha boa morea, puxéronlle lume. Ao mesmo tempo dentro da casa montaron unhas trabes para bater con elas as estreitas e ferradas portas da torre. Nesto, os de adentro, así que viron polas troneiras os remuíños de fume que iban subindo, procatáronse de que era tolería o prolongar máis tempo a resistencia, e entregáronse a discreución. Saíron todos da torre un tras doutro e o Sr. Vasco Fernández aa cabeza; e conforme iban saíndo, así iban facendo entrega das armas que levaban. A señora Eldonza tamén saleu máis morta que viva; pero ningún dos da hoste de Nuño, que así o encargara el ben encargado, se astreveu a faltarlle na máis menos ao respeuto e consideración que a tal dona eran debidos.

Desaloxada a torre, entrou Nuño cuns cuantos, e o que el alí buscou, e cacheou, e rexistou e palpou, soilo é comparabre aa sorpresa que sinteu cando chegou a convencerse de que non había medio de achar a Beringuela; pois por Gonçalo Ozores xa non se lle daba tanto. Algo enfurruñado e caviloso saeu; mais por eso, como tiña no sen poder aos pais, botou de conta que mal sería que non parecese a filla. O pior foi que algúns malas almas antes de marchárense, pra que o fogo se estendese e envolvese toda a casa, botaron dentro todas cantas brazas e tizóns poideron; os caes ao pouco tempo de tal modo foron ateando, que o paazo paricía un inferno vomitando chamas por todos lados.

Namentras Nuño foi arranxando a súa xente, aos señores do Vilar foinos el mesmo escoltando cas maiores mostras de cortesía e de agrado; aos outros prisioneiros foinos repartindo por antre as súas filas, e ao empezar a rolda do sol a enfundirse no confin do hurizonte, púxose en marcha con todo o convoi.

Abráiase e escandalízase a nosa sociedá ca relación destes e outros somellantes feitos que tan a miúdo tiñan lugar naquela época; e arrenegan dela e non queda cousa que non lle chamen pra que todo o mundo se hurrurice e torza a cara pra non ver tanta lástima. Certamente a época non era boa, pero aínda ha de ter moitas compañeiras; porque así, boas, boas, neste mundo que se estrenou co asasino de Abel, e que foi feito, non pra sitio de calma e folganza, sinón pra lugar de contradición e batalla, penso de min que deberon de ser moi contadas. E moito dubido que a presente, e aínda as que lle sigan, deba de ser metida no númaro daquelas boas, boas, se é que as houbo; porque a nosa época, esta señorita tan impirixelada, tan chea de fratos e de entoxos, que tanto se gaba cos seus adiantos e inventos (que despois de todo á humanidá pouco favor lle fan, pois tantos sigros tardou en topar con eles), esta nosa época, repito, ten tales eivas e tales lácaras encima de sí, que, abofellas, ao ve-lo empaque e noxo con que mira pra as outras e como as aldraxa e apoupa, mismo da gana de riir. Porque ¿que outra consa ha de facer un, ao ver como o pote lle di ao caldeiro: Arrédate alá, non me luxes?

As lácaras doutras épocas polo regular estaban aa vista, eran materiales e tanxibles, aparicían xa na corteza; as da nosa época son íntimas, están no organismo, na costitución, no mismo miolo da sociedá. E para falar dalgunhas ¿non é verdadeiramente estrambólico esta cras de neurosis que padece a nosa sociedá, e polo consiguente todos nós, que nos embota o sentido moral ao paso que nos aguza a sensibilidá física, que non nos premite saber nada de canto poida ulir a escenas de sangre e de violencia, e en cambio, cando se trata dos maores desbaratos morales fai que os poidamos contemprar ca maor serenidá e frescura? ¡Non podemos ver unha pinta de sangre, anque sea dun touro, sin que no auto nos dea un paratrás, e o derroche e a perdición das almas soilo nos fai encolle-los ombreiros! Esecramos da mamora de Narón, porque puxo lume a algúns barrios de Roma pra gozarse co espeitáculo do incendio; e para estes Naronzotes que se recreian en acender e atizar o fogo das máis infames pasións, para que moralmente perezan, non barrios dunha cidá, sinón poobos e xeneracións enteiras, para estes é o erguerlles estatuas e o trebutarlles tódalas laudes e encomios! ¡Ai sociedá escelsa, sociedá afertunada que vas a estalar ca túa sabencia e ca túa cultura ¿a quen mellor que a ti se poden apricar aquelas palabras que noso Señor dixo dos fariseos, cando lles chamou sepulcros branqueados por fóra, pero que por dentro controminaban? Porque detrás da suavidá e da esquisitez dos teus modales, detrás da cortesía e afabilidá das túas palabras, detrás da túa meliflua e candorosa sonrisa ¿que é o que soi esconderse, se nón a máis refinada perversión e malicia, e a veces unhas entrañas peor que de tigre?

Pero agora decátome polo que é. Non che volvo culpa. Rímonos da pedra filosofal que noutros tempos revolveulle o seso a tantos homes. Ti tamén andas tras dunha pedra filosofal, dunha síntesis, dunha receta en vertú da cal, o si e malo non, a verdá e o error, o ben e mailo mal, a luz e as teebras se confundan e identifiquen, ou alomenos se xunten e irmanen. E poida que cacheando ben no sistema homeopático, que é o que agora adoutaches para curar as túas eivas, a alcontres. ¿Quen sabe? En camiño xa parece que estás.

Mais basta de filosofías, ou de matemáticas, como diría o outro.

XII


COMO NON TÓDALAS CONTAS

NOS SALEN CONFORME SE BOTAN


Pouco tardou Beringuela en saír do seu atoamento. A ansia dos pais fíxoa brincar da besta e correr ao paazo. Por sorte o ponte levadizo quedara botado, e o lume aínda non chegara a el. Recorreu todo o patio ao redor da casa por suposto sin alcontrar a naide hastra que se convenceu de que era imposibre que alí debaixo daqueles escombros, antre aquelas bafaradas de fogo, quedase ánima viva. Saleu páleda, muda, convulsa, pero resolta e altiva como quen quer facer frente e sobrepoñerse aa súa desgracia. Os que a acompañaban, cheos de terror e de espanto, estaban cos ollos cravados nela como perguntando:

-¿Que facemos?-, pero sin chistar nin unha soila palabra.

Maquinalmente montou a cabalo e deixou que a besta siguese a direición que lle parecese; pero aos poucos pasos, ao pasar arrentes dun chaparral, saeu un home que estaba alí escondido, e chorando a rego púxoselle diante dicíndolle:

-Onde vai, miña señoriña, que a van a escortizar eses lugrumantes.

Era un viciño dun dos lugares que estaban máis preto do sitio. Chamáralle a atención pirmeiro o algareo e tremolina que se sintía ao redor do paazo, e logo o fume que salía por encima dos muros; e co afán de averiguar o que pasaba, fórase chegando pouco e pouco e a furtadelas hastra aparapetarse detrás dunha socha que estaba antre os chaparros. Desde alí poidera viscar como se fora retirando a hoste do señor de Sampaio. Iban diante uns cantos cabalos cunha trompeta; detrás os señores do Vilar de Mella, montados en dúas bestas e escoltados por Nuño e outros dous cabaleiros; e ensiguida, os criados e os demais defensores do paazo, sin armas e antre unha gran runfla de homes que iban berrando e esbarafundando que paricían alarbios.

Todo esto lle refireu o labrador a Beringuela; e díxolle máis, que aínda non habría media hora que acababan de pasar, e cenoulle tamén a direución que levaban.

Beringuela non quixo saber máis; dirixíndose aas doncelas e aos acemileiros díxolles con imperio:

-Vosoutros, ide a Calvos -e referíase á unha casa que os pais tiñan naquela parroquia-, e alí asperádeme.

E esto dito botou a correr a todo escape cara ao sitio por onde lle dixera o labrador que marcharan os soldados que levaban presos a seus pais.

Si a intinción de Beringuela era pillar aos da hoste do señor de Sampaio, non percisou alargar moito a carreira; porque como os máis deles iban a pee, pudo ela collelos en pouco tempo. A todo esto xa era noite cerrada; mais Beringuela sin reparar nelo, siguida do seu escudeiro que non quixo nin un istante separarse de cabo dela, perguntoulles aos pirmeiros que topou, quén era e onde iba o que mandaba a hoste.

Algo era de recelar daquela xente; por eso, ninguén se desvergonzou nin se desmandou con ela; antes polo contrario guiárona correndo hastra onde iba Nuño. Noite como era, Beringuela conoceu ou adiviñou a Nuño, e Nuño adiviñou a Beringuela; e o pirmeiro que rompeu o silencio foi ela, que, con certo aire así como de reconvención, díxolle moi serena:

-Veño a correxer unha falta que tivéstedes; prendéstedes aos pais e deixástedes áa filla.

-Eu ca filla non tiven que ver neste caso, e eso vos ben o sabedes; cos pais teño que cumprir os meos deberes de cabaleiro.

-Non sei si as leis de cabaleiro chegarán hastra ese punto, de poñer como deber o arrebatar a unha probe doncela as alas do seu corazón.

-Nesto de arrebatar, Beringuela, será ben que calemos. Tempo fai que vós me tendes a min arrebatado o corazón, e pelo de agora eu no me laiei; ou si me laiei, quen podía poñer romédeo aos meus males, hastra aquí soilo amostrou que se folgaba con eles, e eso que tamén eu opino que as leis da correspondencia non han de mandar tal sinrazón.

-No me remorde a concencia de haber ido aa vosa casa, nin de haber dado unha soila pasada para arrebatarvos nada deste mundo; en cambio o que a min me arrebatástedes diante o tendes; e dicídime, si pra elo tedes valor, si é cousa que eu poida deixar ir sin que detrás no me vaia tamén a alma e a vida, ou si eu poderei consintir que a miña sorte seia difrente da dos que me fixeron o que son.

Grande impresión causaron no ánimo de Nuño estas razóns de Beringuela; e por el xa no auto puxera aos tres en libertá, pero tívolle medo ao Narón do pai; e así por algúns momentos quedou coma un páparo sin saber que partido tomar. A mesma Beringuela tivo que sacalo do seu aturrullamento, pois, botando para diante e xuntándose cos pais que a todo estiveron como petos.

-Xa que así o manda a nosa sorte -dixo- sigamos hastra onde nos leven os nosos carceleiros.

-¡Ai, Beringuela! -contestou a esto Nuño-, si esta fora outra acasión, eu vos diría quen é aquí o verdadeiro carceleiro.

Beringuela fíxose a desentendida; e así todos muchos e silandeiros foron camiñando hastra que aa media noite chegaron ao Castro das Seixas. Ben quixera Nuño proporcionarlles aos seus prisoneiros un boo trato e un boo apousento; mais a néspora do pai ordenou que os puxesen aos tres separados, cada un no seu calabozo; e que en canto aa mantenza que os separasen cunhas codias de pan e un xerro de auga, alomenos mentres non descubrisen onde se achaba Gonçalo Ozores ou onde se podiría atrapar.

Así que o probe de Nuño veu o remate en que viñera a parar a súa aventura, repelábase todo; e si na súa man estouvera, anque fora aas costas sacaría el do calabozo aos señores do Vilar e levaríaos para a súa casa. Tan pesaroso estaba do que fixera, que anque lle deran a maor toubeadura non a sintiría máis.

-¡Para esto che fun a Vilar! dicía el na súa lengua pequena- ¡para esto che me desvelei e corrín e me fatiguei! E a súa pena esbafaba indo ao pee dun bufarro que daba no calabozo de Beringuela; e alí, unhas veces polo disimulado, e outras veces craramente, todo se lle iba en facer mil portestas e mil xuramentos de que todo aquelo era contra a súa intinción, e que el estaba disposto a amostralo cos feitos que se lle pidisen, anque lle costase a cabeza. As mismas sécolas lle iba repitindo a Vasco Fernández e a Eldonza polos bufarros dos seus calabozos.

A todo esto, Beringuela siguía calada como un morcón; soilo ao último, pra verse libre daquelas para ela rallantes e importunas xeremiñadas, díxolle que estaba ben convencida de que el non tiña ningunha culpa naquelo, que ela non deseiaba nin lle pidía outra cousa que a deixase en paz.

Esto a el aínda o fixo máis cerne e enturrado nos seus pensamentos; así é que maxinou un proyeuto atrevido, que lle podía resultar ben caro, e era poñer soltos e escapar cos seus tres prisoneiros. Empezou a darlle volta de aquí, volta de alí ao seu proyeuto; que a cousa non era para menos. O pai xa desde un prencipio desconfiara del, primeiro polo boo trato que lle quiría dar aos prisoneiros, e logo porque chegou a ulir algo ou moito dos seus amoríos. Por esto lle tiña dado orde ao carceleiro que a nadia deste mundo lle abrise ou lle dese as chaves dos calabozos onde estaban Beringuela e seus pais.

Era o carceleiro un home guedelludo coma un oso; e, xa era sabido, o encargarlle unha cousa ao Guedelludo era encargarlla a un mastín fóra a alma. Tal era o primeir atranco que Nuño encontraba pra a realización dos seus pensamentos; mais el ca empencha e cabuxo que tomou ao decatarse do mal que lle saíra a súa fazaña, comezou de maquinar os sete maquinares hastra ver de consiguir a súa. A dicir verdá, o chasco que levara fora reverendo. El, que contaba con vencer a repunanza de Beringuela a forza de amostrárselle rumboso e xeneroso, e aínda ganar o seu cariño colmándoa de ousequios e agasallos, ter que verse reducido a desempeñar tan cativo papel, era pra sacar das súas casillas ao home máis frío e sin sangre, para canto máis a el, que, inda sin o namoramento, era presona nobre e altiva e de fumes.

Nun prencipio maxinara el escapar soilo con Beringuela; e así llo decrarou algunha vez queixándose do seu silencio e duremia, e que de fose máis forte a súa tema e capricho que as mismas paredes do calabozo en que estaba encerrada. Pero dempois pensouno mellor; pareceulle que con esto aínda ela se pondría máis tesa e esquivia; e polo mismo dicideu risparse con pais e con filla. Mais estaba no medio o Guedelludo. Ben se lle alcanzaba a el que tratar de ilo emparaxolando e engaratusando era tempo perdido; e que polo consiguente era perciso buscar outra traza. Esto era o que el andaba remoendo no seu intrior; e como sempre iba a tropezar co carceleiro, botou de conta que non lle quedaba máis salida que a de sacalo de diante. ¡A tanto chegara o seu acegamento, que o cometer aquel asasinio non o facía arredar nin abandonar os seus arroutados e descamiñados porpósitos!

Mentres estuvo botando estes cárculos, andaba o home ca cabeza baixa, os ollos cravados na terra, o queixo fincado no peito, braceando e falando soilo ou trazando raias no chan ca punta dunha vara. ¡Tan embebido e ansimismado o trajían os seus pensamentos e cavilacións! Xa chegara por fin a ata-los cabos de como había de asegurar ou cañar ao Guedelludo; xa discurrira de onde había de trajer os cabalos para escapar el e os tres prisoneiros; a hora e o modo de facelo e o sitio onde irían a pousar dempois da fuxida. Por suposto, esto era como quen fai o aro e non ten o cesto; pois aos señores do Vilar aínda non lles descubrira nada; pero contaba con que, de feito, eles habían de consentir en todo o que el lles porpuxese. Soilo esperaba pra dar o golpe un momento a porpósito, que el non dubidaba que se lle había de presentar logo.

A todo esto os señores do Vilar xa levaban oito días de prisón e encerro. En todo este tempo nadia se entendeu con eles máis que o Guedelludo; o cual ao levarlles a comida, ou máis un talizo de pan e un xarro de auga, co seu falar roufeño e que paricía que lle salía polas ventas do nariz, requiríaos decote si sabían onde paraba Gonçalo Ozores; e como eles lle daban a calada por resposta, volvíalles como un túzaro a espalda, trajía con furia a porta consigo e fechábaa e aferrollábaa da maneira mais brutanaz que poidese.

Vasco e Beringuela aínda iban resistindo aquel duro tratamento; pero Eldonza, a probe, que era bastante dieble e achacosa, con aqueles poucos días xa paricía que iba no escano. Moito era tamén ca pena e co disgusto de verse alí enzarrada, e a direita sin saber por que; ela que, por outra parte, sempre fora anemiga de barullos e liornas. ¡Poidera siquera comunicarse co home ou ca filla! Pero non; porque para máis antre os seus respeutivos calabozos había outros entrepolados.

O calabozo era máis ben un nicho que outra cousa; o leito tres táboas sobre uns cabaletes e unhas poucas pallas. Boo era que xa viña o vrao, e que as paredes, anque desnudas, como estaban feitas de pouco, inda non tiñan o aspeuto da lobreguez e tristura que lles dá o tempo, a humidá e o polvo. Así e todo é seguro que Eldonza, si tivera que estar alí moitos días, non tardaría en espichar.


XIII


A TOMA DE CURBIÁN


Mal podía alcontrar Nuño no Vilar de Mella a Gonçalo Ozores; pois este siguía no seu escondrixo de Sobrado traballando a máis non poder nos seus feitos. O mesmo día, que digo o mesmo día, tan axiña como acabou de desmantelar o castillo de Losoiro, despachou a todo escape varios propios da súa confianza; un para o señor Alvaro Páez de Soutomaior, dicíndolle que, canto máis antes poidese, lle mandase a xente que lle prometera aa ponte de Albidrón, sobre o río Ulla, e outros aos seus amigos de Camba e de Deza, avisándolles que agardasen aos homes do señor Alvaro Páez para incorporarse con eles, e que entramentres gardasen ben, anque percurando non chamar a atención, a ponte de Albidrón e a outra imediata de Ponte Corvo, e encargándolles ademais que mandasen de contado recado así como estivesen pra atravesar o río.

O que el proyeutaba con todos aqueles perparativos era un golpe sobre o castelo de Curbián. ¡Curbián! ¡Que sinfín de recordos a cada cal máis fondos e máis atraentes non enzarraba para el aquel paazo! ¡Alí vía el cifrada toda a groria, toda a nobreza da súa familia! ¡Alí achaba el concentrado e encarnado todo o que pra un Ulloa podía ser caro e de estima neste mundo! ¡Curbián! Este soilo nombre traíalle aa mamona os alegres tempos da súa mocidá en que el nunca se cansaba de oír da boca dos criados e escudeiros da súa casa as fazañas do seu pai Vasco López, as do seu avoo Lopo Sánchez, as do seu bisavoo Sancho Sánchez, a quen tanto estimaron os Reis D. Sancho IV e D. Fernando IV, as do seu tartaravoo Sancho López, as do seu carto avoo Lopo Rodríguez e as de outros moitos seus antepasados. Todos estes recordos, todos estes pensamentos eran outros tantos aguillóns que lle aguilloaban a alma ca ansia de arrincar canto máis antes das maos do usurpador Vasco Gómez aquel paazo, que era coma o santuario da súa familia.

Xustamente o día que Nuño das Seixas puxo lume ao paazo do Vilar, aa noite chegáronlle novas de que, ao máis tardar dentro de dous días estarían na ponte de Albidrón a xente de Alvaro Páez de Soutomaior e mailos amigos de Camba e de Deza; pero ao mesmo tempo tuvo noticia certa de canto pasara no Vilar de Mella. O seu primeir pensamento foi deixar por estonces a Curbián e marchar con toda a hoste para o Castro das Seixas. ¿Había de consintir el que os seus amigos, e amigos tan quiridos como Vasco Fernandez e a súa xente, sufrisen aquela oltraxe de verse prisoneiros e encalabozados en poder do seu anamigo, e pra máis sin outro motivo que o de sérenlle fieles e leales? ¿Habíaos de deixar así sin a corrrespondente vinga? Doíase da afrenta que se lle fixera a un tan bon cabaleiro como era o señor do Vilar; doíase de ver desnorada a unha dona tan virtudosa e de tanto respeuto como Eldonza, e tamén se doía de que unha moza tan fidalga e tan garrida como Beringuela quedase exposta aos axes e aas palabrotas da soldadesca. E esta pena por Beringuela tiña para el un lado particular que facía que lle chegase ao máis adentro da alma. Aos pais xa os conocía de vello, desde antes de ir el con D. Fernando de Castro aa guerra contra D. Enrique II; pero estonces apenas se fíxara en Beringuela, que era unha nena que tindría dez ou once anos. Mais despois que volveu do seu desterro, víraa algunha que outra vez no pazo do Vilar; e tanto lle chocara, tal impresión lle fixera polos seus modos, pola súa discreución, en fin, por tódalas súas cualidades, que el alá no seu intrior non dubidou formar xuicio de que entre todas cantas mulleres lle cadrara de ver, aquela era a que lle inchía a medida do seu deseio. Así xa llo manifestara unha vez aos pais, e delo amostráranse eles máis que ufanos e contentos.

Todos estes motivos por pouco o puxeron no disparadeiro de correr e voar ca xente que poidese a libertar aos seus amigos das uñas do señor de Sampaio; pero tivo medo de que, si iba así de camiño en seu siguimento, os seus carceleiros os maltratasen pior e hastra puxesen a súa vida como prezo da defensa do castelo. Resolveu, polo tanto, deixar pra outra ocasión o libertar aos seus amigos, e entramentres finxeu que non se lle daba nada por eles, e que entonces toda a súa mira estaba en atacar o castelo de Curbián.

O que a el lle valía moito era que como toda a xente estaba arrenegando do señor de Sampaio e dos seus paniaguados e axudadores, todo o mundo calaba o que a el lle conviña; e polo contrario pra pubricar e aldear todo o que a outro lle podía causar perxuicio, todos estaban dispostos.

Dicidido, pois a ir a recobrar a fortaleza de Curbián, mandou aviso a tódolos seus amigos e partidarios da terra de Sobrado e de Millide, para que no punto e hora que lles dicía, estivesen todos reunidos sin falta. Ao mesmo tempo pasou recado aos da ponte de Albidrón para que tamén salisen ao sitio que lles marcaba.

E nafeuto, ao alborear a aurora do terceir día, despois da queima do paazo do Vilar, nun monte que estaba preto da eirexa de Pambre e para alá do río, achábanse reunidos cerca de mil homes, que todos eran de Ulla pra arriba. Aa mesma hora, noutro monte da parroquia de San Xusto da Rapostería, estaban xuntos os homes que mandara Alvaro Paez co recado de que logo chegaría el con máis. Serían por todos trecentos homes de a pee e vinte de a cabalo. Con eles estaban tamén os de Camba e os de Deza, que habían de ser unhos douscentos ou algo máis. Postos de acordo unhos cos outros, botaron a andar todos a un tempo cara a Curbián.

O castelo de Curbián era forte e recio, e estaba ben apetrechado. Erguíase ufano e provocativo como o fornido campeón que ao seu arredor non ve quen lla poida empatar, no cruto dun empinado coto que estaba na marxe esquerda do Pambre. O sitio era mimoso e ameno; cuberto de asombrosos castiñeiros; alfombrado cunhas vizosas herbeiras, que cos seus verdes, pomposos e arremuiñados mechóns refrescaban e embalsamaban o aire.

Dentro habría unhos corenta homes, que non eran gran númaro, pero o suficiente para prolongar por algús días a resistencia.

Esto de ningunha maneira lle conviña a Gonzalo Ozores a quen ben se lle alcanzaba que todo o bon suceso da súa ampresa dependía do pronto e rápido dos seus movimentos. E moito menos lle conviña daquela, que estaba bremando por ir a valerlles aos señores do Vilar.

Boo foi que un criado que estivera moitos anos sirvindo no castelo cando nel estaban os señores de Ulloa, sabía dun camiño suterráneo que baixaba mismo da torre da homenaxe hastra o río; o cual camiño tivérano que deixar porque facía un gran recodo, e en vez del fixeran outro ou outros dous que marchaban máis direitos. O criado conocíao perfectamente, porque sendo rapaz e antes que estiveran feitos os outros dous, recorrérao moitas veces, e sabía tamén onde e como o cegaran cando quedou sin uso e abandonado. Propúxolle, pois, ao amo que con tres ou catro homes ben valentes que el escollese, ofrecíase a franquear o camiño e a chegar sin ser visto nin oído hastra a misma torre do homenaxe.

Consinteu Gonzalo Ozores; e Macías, que así se chamaba o criado, con outros catro homes de peito dos máis atrevidos que pudo alcontrar, na noite que percedeu ao día do asalto, foise moi caladiño ao sitio onde estaba a boca do suterráneo, atravesou o río dos apetrechos necesarios e colouse por alí arriba seguido dos seus compañeiros, e indo polo tino e a as apalpadas chegou ao fin sin maor tropezo hastra o sitio onde atuñaran o camiño mismo debaixo da torre do homenaxe. Con unhas palanquetas foron esgarabellando no sitio; pero moi ao xeito para que, si acaso non se desprendese o testo que tapaba o furado e fosen descubertos.

O pran era finxir un asalto por todas partes ao castelo para chamar á todolos defensores a sobre dos muros; e nesto saír do burato, atrancar ben a porta da torre, cañar a algún que pola ventura quedase dentro; e despois subir a as troneiras e desde alí a boca de xerro e polas espaldas, saetada que te criou contra os do castelo.

Como o pensaran, así lles saleu. Gonzalo Ozores dispuxo a súa xente como para asaltar o castelo por tódolos lados; e ao sinal dado, todos facendo grandes estremos e berrando e ouveando canto podían, lanzáronse como resoltos a brincar nas murallas. Acudiron todos, ou casi todos, os de adentro ao adarve para rechazar o asalto, e nesto os que estaban no suterranio decatándose polas voces e polo ruído destes movementos e maniobras, foron arredando a pedra que servía de tapa, e saliron do tobo. Macías, que conocía todolos rincós do castelo como os dedos das maus, subeu cos compañeiros do sótano da torre ao primeir piso; atrancou ben a porta e despois pasou ao segundo piso. Alí encontraron dous escudeiros que quedaran gardando a torre; e arremetendo con eles con toda furia, logo os deixaron secos. Xa nada lles estorbou que desde as troneiras emprendesen a saetada limpia contra os do adarve; e con tan bon ollo e con tan boa man, que cada disparo era un home á terra.

Pola súa parte os da afora, ouservando aquela estragueira, cada vez con máis ánimo e con máis brío foron apertando o cerco, e xa dispoñían a escalar os muros; polo que os defensores do castelo véndose antre dous fogos dos cales non sabían cal era o pior, pidiron pairamento ca intinción de entregarse. Mais por eso Macías e os seus compañeiros siguironlles atizando de firme dando ao mesmo tempo moitos berros e allaridos como quen era moita xente, para obrigalos a rendirse a discreución o canto máis antes.

Así o fixeron, ao cabo, os do castelo, anque non fora máis que por verse libres daqueles escoleres que os aburaban a saetadas, e que sin saber eles como, se lles enxaretaran dentro da torre. Así foi que xa lles tardaba o abriren de par en par as portas da fortaleza.

Despois de dez anos de negra e penosa ausencia, que non dou de si máis que traballos, disgustos e amargos sufrimentos, entraba Gonzalo Ozores por primeira vez naquel castelo, no cal, como xa dixemos, vía el simbolizada toda a groria e todo esprendor da súa familia. Ter el no seu poder despois do que pasara o castelo de Curbián, ¡o castelo que era a casa petrucia de toda a súa xente! ¡Estábao vendo, e non o quería creer! Tal foi a empresión e a alegría, que lle causou o verse naquelas habitacións en que noutros tempos pasara horas tan felices e de tanto contento.

Dempois de recebir a capitulación dos defensores do castelo, e non se lles fixo mal ningún, anque, por suposto, todos tiveron que facer a entrega das súas armas e quedar prisioneiros, o seu primer coidado foi trajer a seu pai a Curbián e poñelo alí como no trono que labraran os seus antepasados a costa de tanta fatica. O probe do vello estaba ca boca aberta mirando para todo aquelo sin darse conta do que lle pasaba. Para el o fillo era unha visión que sin saber como nin de que maneira, mais sin ser cousa boa, se lle aparicía pra dar triste remate aas súas desventuras. Pero ao ir xuntando as súas ideias e os seus recordos, ao ver como aquel Gonçalo o trajía no peneiriño, ao adivirtir que aqueles muros, aqueles techos, aquelas cámaras eran as mesmas, que el habitara noutro tempo, foi caendo e volvendo do seu parasismo; e ao decatarse de que todo aquelo era real e quixo enfundirse no peito do fillo; que tal foi o afincamento e a afusión con que abrazou a aquel Gonçalo que el creera para sempre morto ou perdido.

Entramentras a súa hoste foi crecendo coma a escuma, pois a todas horas estaban vindo e chegando homes dos seus antigos estados e tamén doutros sitios dispostos a coller por el as armas e axudalo a recobrar as súas terras. Pois moitos que hastra estonces estiveran medio dubidosos e encollidos, como viron que o señor Gonçalo Ozores iba saíndo ca súa, tamén eles foron caendo na conta de que pouco adiantaban con estárense así antre dúas; e por eso entroulles a fuga de decrarárense abertamente por el e acabar dunha vez cos seus tiranos e oprimidores.

Gonçalo Ozores acomodou no castelo a todos cantos pudo; aos outros fíxoos acampar naqueles alrededores hastra que el dispuxese o que se había de facer. Nesto e mais en aprovisionar o castelo e en reparar algúns pequenos estropicios e desperfeutos, anque todos andaban aa carreira, envolvéronse ben tres días.

No intre foi el amaiestrando aa súa hoste, que xa pasaba de dous mil homes; e con alardes e con axarcicios que lle facía facer mañán e tarde, íbaa poñendo máis cursaria e práutica no manexo das armas e nos demais avíos e mecánicas da guerra.

O pran del era, tan pronto como tivese ben apetrechado o castelo, deixar alí unha retén como de satenta ou ochenta homes, e marchar cos demais contra as torres de Sampaio, que eran a casa prencipal dos de Seixas, e estaba de alí a unhas boas dúas légoas na marxe direita do río Nana. Con esto quiría el chamar pra alí toda atención de Vasco Gómez e obrigalo a alexarse do Castro das Seixas; e mentras, destacando da súa hoste algunha xente escollida, caer de sócalo sobre o castro, e libertar a Beringuela e a seus pais.

Como vamos a ver, os acontecementos que logo viñeron fixérono apurar a execución dos seus prans.

XIV


A BATALLA DE AMBREIXO


Non tardou tanto Vasco Gómez en ter noticia da pérdida de Curbián, como tardara en saber a desfeita da Mámoa de Losoiro. E foi porque o casteleiro que estaba por el en Curbián habendo sabido por unhos pecureiros que saían ben cediño co gando pra o monte o mismo día da refrega, que por alí víanse moitos homes e ben armados, que paricía que iban marchando contra o castelo, tratou de pescudar que caste de xente era aquela; asomantes se asegurou de que toda aquela montitú non viña a facer cousa boa, antes de quedar compretamente cercado, pudo despachar a toda presa un propio ao seu señor, participándolle que si quiría que Curbián siguise manténdose na súa obedencia, era perciso que canto máis antes viñese a socorrelo e ca máis xente que poidese.

Ao recibir Vasco Gómez a tal noticia púxose na luna, e dou en bruar e en bufar que nin un touro bravo. Xa toda a xente do Castro das Seixas podía ver como andaba no aire, pra dar cumprimento, e moi exauto comprimento, a tódalas súas órdees. A nube de mandados e avisos que aquel día saleu daquela casa non é pra dita. Recados a Betanzos, recados a Lugo, recados a Villalba, recados a toda a terra de Narla, Trasparga, e a tódolos outros sitios onde el tiña amigos e aliados, dicíndolles que lle acudisen canto máis axiña poidesen, que viñera Gonzalo Ozores de Ulloa pra levantar outra vez a aborrecida bandeira do Rei D. Pedro, e que xa tomara algunhas fortalezas.

Non se fixeron os xordos os amigos do señor de Sampaio aa súa chamada, e ca aquela de ir a combatir aos antigos partidarios do Rei D. Pedro, deron en ferver e moverse e correr co intento de esbardallar aquela tropa que xa antes tanto lles dera que facer. En poucos días xuntáronse, pois, ao redor do Castro das Seixas máis de tres mil homes, cos cales se encamiñou logo o señor de Sampaio cara a Curbián. Como a todas horas viñan novos reforzos, foi camiñando pouco a pouco hastra chegar ao Castro de Ambreixo onde fixo alto pra tomar noticias de Curbián (que distaría como unha legua) e da xente que alí había.

Pois ao punto que Gonzalo Ozores estaba preparando a súa expedición contra as torres de Sampaio, foi cando tuvo aviso de que Vasco Gómez estaba apostado no Castro de Ambreixo cunha gran fatutina de xente. A Gonzalo rebulíalle o sangre no corpo co deseio que xa tiña de salirlle ao encontro ao seu anamigo; no oustante, quíxolles consultar aos aliados o partido que habían de tomar; é dicir, si habían de asperar alí a pee firme, ou si habían de salir a buscar á xente de Vasco Gómez. Esto último foi o que máis acontentou a todos sin que apenas descamallase un; e no auto todo se dispuxo para poñerse imediatamente en camiño.

Atravesaron o Pambre pola ponte de Campaña, que cuase estaba aa vista de Curbián; deixaron alí algunha xente para asegurar aquel paso, e logo fixeron un gran arrodeio marchando do lado da ezquerda pra coller aos contrarios pola espalda.

Asomade deron vista ao anamigo, que aparicía moi ben aparapetado no dito Castro de Ambreixo, Gonçalo Ozores aparentou que dubidaba dar o ataque ca intención de escudrumar en que ánimo estaba a súa xente.

-¿E estonces pra que nos chamastes? -escramaron todos.

-E que eles son moitos mais que nós, e teñen moi boas posicións.

-Mellores, asegún. Boas témolas nós na sede que nos degaxa de vernos con eses larpeiros.

Vendo pois, que a xente estaba tan ben disposta, escolleu unha campaña de hastra cen homes dos máis atrevidos e valentes pra que atacasen con ímpitu aos do Castro pola espalda, mentres o demais da hoste polas outras bandas a grandes berros os insultaba e aldraxaba con mil motes e vituperios coma os de marraus, lapóns, mulos, e outros peores e máis desnorantes, provocándoos a que salisen aa batalla. Os do Castro, por suposto, non iban a ser menos, e contestaban chamándolles páparos, barrosos, pichaleiros e outros vocables máis picantes e desvergonzados.

-Subide, subide -dicíanlles- que vos tocaremos pra que bailés.

-Eso nin que dicir ten -respondían os outros;-pero o noso baile ha de ser cando estea feito o estrado cas vosas costas; e medio mal que xa estades ben apatoados contra o chao.

Pero ao mesmo tempo que dicían esto e outras cousas polo estilo, íbanse chegando ao Castro cada vez máis afoutos e dicididos. Os balesteiros que mandara Alvaro Páez, tundían pola súa parte o Castro a forza de tiros, que puñían en non pouca confusión aos contrarios.

Mais nesto foi tanto o ímpitu con que acometeron os da compaña que dixemos, que cuase chegaron hastra o medio do Castro; o cual visto por Vasco Gómez, dou neles con tanta furia, que despois de matar e mal firir a bastantes, xa estaba para cañalos a todos, cando por outro lado do Castro apareceu Gonçalo Ozores ao frente de douscentos ou trecentos homes, mentres que ao mesmo tempo toda a súa xente dando cada vez máis grandes allaridos iba arrubindo polo Castro arriba hastra chegar aa propia croa. Con esto trabouse a batalla de mala maneira en tódolos lados do cruto; pero onde se fixo máis recia e enliada, foi cuase no medio do Castro, pois alí foran a parar as dúas opostas mareas dos combatentes, arrastradas por Vasco Gómez e Gonçalo Ozores, que así que se viron, botáronse un pra o outro coma dous leóns dispostos a esgalletarse. Non é esto dicir que noutros sitios no se pelexase tamén con toda furia e gana; e lances houbo en que uns e máis outros amostraron ben a súa valentía.

E antre estes lances non deixaremos esquecido un ben singular, pero que nestes casos de guerras civís non deixa de acontecer a miúdo. Refirímonos ao encontro dos nosos conocidos Alberte e Domingos, dos caes cada un militaba no seu bando. Alberte fora medio aa forza, pero posto no sitio batíase coma os demais, e cun gran chuzo que tiña na man espabilábase e sacudíase que paricía un alarbio. Estaba mismo nunha orela do Castro, que por aquel lado era ben chupe, cun boo fato de homes; e el pola súa parte, pincha de aquí, pincha de alí, facía canto podía para tornar aos de Gonçalo Ozores que xa empezaban a aganchar polo cómaro ou trincheira que por aquela parte cerraba o Castro. Entre eles estaba o Domingos; o cual, gran tirador de cantos e croios, ceibou con canta forza pudo unha pedra recortada e afiada coma un coitelo, que foi a dar na testa de Alberte e guindou con el de patas arriba[1].

Mais volvamos aos dous campións; porque por eso, como xa dixemos, pra alí foi pra onde abandara a forza da batalla. A xuzgar polo coraxe e sede que se amostraban, polo aparello das armas que levaban, polos estropicios e cachizas que xa no seu redor fixeran, o encontro tiña que ser terribre e mortal. O velos agachados baixo os escudos, e cas espadas tinxidas en sangre e brandidas nas súas maos como raios ou estrumentos de esterminio, era pra infundir medo e terror no peito mais atrivido. O pirmeiro que descargou o golpe foi Vasco Gómez; e descargouno con tal furia, que anque Gonçalo Ozores se esbarreu co corpo un algo pra un lado, a espada pasoulle arrentes polo casco, e caieu sobre o escudo e sobre as ombreiras facendo saltar un boo anaco da armadura. Aa súa vez Gonçalo Ozores con canta alma poido endergoulle un señor espadazo no medio e medio do cruto do elmo; e a espada, que era das boas, longa, pesada e dun tempre de primeira, fixo ao caer tal abolladura no casco, que cuasi o dobrou pra dentro; e esto ca forza do golpe de tal maneira atordoou a Vasco das Seixas, que veu ao chao sin sentido.

Pareceu que con esto inda a batalla se encendera máis e se fixera máis fera; ¡que tan cegos e enfurecidos se puxeran os combatentes! Corrían uns, arrabiados, a libertar a Vasco Gómez; alancoaban outros renxendo os dentes pra axudar a Gonçalo Ozores; paricía que os estaban apurrando de dentro pra comérense ou facérense getas uns aos outros. Mais por eso aos de Gonçalo o feito aquel taes ánimos lles infundeu, que ca senreira que xa de atrás trajían, brincaron cos anamigos como lobos ou cabalos desenfrenados.

Ao pouco tempo en toda a coroa do Castro non quedou sano un dos de Vasco Gómez; que desde que viron a conta mal parada, fóronse esbarrendo cada un conforme pudo, anque sin desbandarse do todo; pois unha boa partida deles foise encamiñando cara ao Castro das Seixas.

E tocantes a Vasco Gómez quedou un boo anaco sin sentido apatoado contra o chao; mais coma a fuga daquela tremenda sarracina fórase correndo pra outro lado, tiveron vagar dous dos seus escudeiros pra ilo sacando fóra do Castro hastra que chegaron ao pee dun frondoso castiñeiro e aa beira dun rego de augas tan bulideiras e tan espellantes que non impidían que poidesen contarse as areas do fondo. Alí sentárono recostandoo contra o albre, e sacáronlle o elmo, que antes non tiveran modo pra facelo; e ao fin estonces comezou de buligar, pois hastra daquela non dera sinales de vida. E fora que pirmeiro o estremecemento do golpe, e despois a abolladura do casco que lle tiña entalada a cabeza contra a baveira e o gorxal, de tal modo o atordoaron e atafegaron, que cuase quedara esmorecido.

Por fin alí, co descanso, e libertado daquela prensa que lle estorcía o celebre e mailas queixadas, foi collendo algún folgo; e, anque con traballo e medio furtadamente, poidérono ir levando a pasar a noite aa casa dun servizal seu na parroquia de Cuiña que partía diezmos ca de Ambreixo. E ao outro día xa estaba tan campante; pois duro como era como un cartao, pouca mella lle facían aquelas embreaduras; e eso que inda se lle conocían as sosegas, ou mais ben cardenales que no pescozo lle fixeran as orelas do casco e do gorxal.

Namentras Gonzalo Ozores, vístose dono do campo, mandou dar alto aa súa xente pra que non se espallasen ou caesen nalgunha emboscada siguindo aos fuxitivos. E caro lle costou o arrecadala e arrellala; porque como vían que aquela era a súa, quixeron aproveitarse e fartarse. Concentráronse por fin no Castro, que ascadasí non lles faltaba que facer no sitio. Tiñan que enterrar os mortos, que non eran poucos dunha parte e doutra; recoller e percurar os firidos; gardar os prisioneiros que levaron para Curbián, e descansar e máis tomar acordo do que lles cumpría facer.

Algúns porpuñan marchar sin perder máis tempo, contra o Castro das Seixas; pero Gonçalo Ozores, polas razós que sabemos, non quiría entender desto; e manifestou resoltamente que o seu pran era buscar e atacar ao anamigo nas súas propias e últimas trincheiras; que este era o millor modo de arrincar e desterrar dunha vez aquela mala nebiña que tiña insado todo o país.

Todos acaeron; mais o que marraba do día e inda todo o siguente cas precaucións debidas pasárono no Castro dando comprimento a as cousas e labores que dixemos, pero non sin percurar estender, e con toda a intención, a voz de que a o outro día habían de marchar a Friol contra as torres de Sampaio.

Gonçalo Ozores non se descuidou en poñer esculcas sobre o paredeiro de Vasco Gómez. Inda o buscaron antre os mortos ou firidos, pois ben se procataban de que, para quen el era, soilo antre os mortos ou firidos o poderían achar despois do que pasara; pero por máis que cachearon nada poideron husmar; porque cegos como estaba ca furia do combate, non repararan no que lle pasara a Vasco Gómez desque o viran espostexado no chao. A quen alcontraron foi a Nuño, que o probe piriceu alí pelexando como valente; e con esto non tivo tempo de poñer en axecución os seus proyeutos.

E ascomasí aquela demoranza non lle veu mal a Gonçalo Ozores; porque con esto dou tempo a que se lle encorporasen moitos que inda estaban dubidosos e a ver vir as cousas. Así chegou a contar nas súas fileiras ao outro día da batalla unhos boos tres mil homes. Os cales, todos alentados cas avantaxes hastra estonces outidas, reloucaban e estaban bremando por vir aas maos cos contrarios; de maneira que, cando ao alborear do día siguente formados en espesas e mechas culunas se puxeron en marcha, todos aa unha iban berrando: ¡A Sampaio! ¡a Sampaio!, ca mesma animación e algareo, como si foran pra unha festa. Por eso, aos alrededores de Sampaio non chegaron hastra a xunta da noite.


[1] Na Crónica do Conde de Buelna, D. Pedro Niño, imprentada en Madri ano 1782, páx. 44, dícese que D. Pedro era moi boo braceiro. Lanzaba canto votado e rodeado muy reciamente e piedra puñal ¡Poida que fosen hachas prehistóricas!



XV


COMO NUNCA É TARDE

CANDO A DICHA É BOA


Levantábanse as torres de Sampaio, das que inda hoxe quedan importantes ruínas, no bico dun alto cotarro, a unhas tres légoas ao Norte de Ambreixo, e aa beira dun rigueiro que pouco distante de alí mestura as súas augas cas do Nana. Era esta fortaleza a casa petrucia dos señores de Sampaio; e pelo mesmo o atacar a Vasco Gómez naquelas torres era como atacalo no corazón.

Estando aínda ascondido en Cuíña, ao outro día da batalla chegoulle noticia de que os de Gonzalo Ozores quirían marchar contra Sampaio. O sabelo, e comezar de xurar e esbarafundar e botar por aquela boca o que non se pode ouvir, foi todo un; tanto máis que el nunca coidara que a ousadía do seu anamigo había de chegar a tal punto. Xa nadia pudo tornalo de ir a brincos aas Torres acompañado dalgúns escudeiros e pions que quedaran con el. Pasou, por eso, polo Castro de Seixas, onde alcontrou reunida a maior parte dos que escaparan da derrota de Ambreixo. Alí deu as súas disposicións; escolleu aos máis valentes e atrividos, e antre eles ao Guedelludo, pra reforzar a gornición de Sampaio; e aos outros mandoulles que o esperasen ao pee do monte Oroso, mentres el non volvía das Torres, e no intre deixou por capitáns ao seu fillo Vasco e a outros da súa confianza. Todo o poido facer sin estorbo maior; porque, como xa dixemos, os de Gonçalo Ozores non chegaron a Sampaio hastra a tarde baixa do segundo día, despois da de Ambreixo. Así que chegaron, uns puxéronse a abrir gavias, outros a buscar leña, outros estacas e ramallos. Ca leña fixeron grandes lumaredas así que zarrou a noite, e cos ramallos fortes estacadas e palancates sobre das gavias. Visto esto xa naide podía dudar que os seus porpósitos eran poñer estreito e rigoroso sitio ao castelo, cando xa tan de camiño emprendían obras tan aditadas pra o caso.

Ao outro día foron estendendo o cerco por todo arrededor das torres; e ademais unha boa partida deles repartidos en patrullas polos casares dos labradores ou serviciales do señor de Sampaio, iban requisando gando, bestas, porcos, carneiros, froitos e toda cras de comestibres. Ao mesmo tempo os balesteiros desde os sitios convenentes comenzaron de batir a fortaleza e os seus defensores para telos sempre en contina alarma; pois aa vez enfinxían marchas e movimentos e avances como pra asaltar o castelo.

Vasco Gómez, que se retirara ao monte Oroso, estaba desde alí en ouservación das maniobras do anamigo; pero como tiña a súa hoste bastante disminuída, pois con traballo chegaban a mil homes, non se astrevía a atacar de frente e sin máis perparativos as fortes posicións dos sitiadores. Asperaba, polo mismo, poder poñerse en comunicación cos da fortaleza pra dar o ataque en combinación con eles.

Nesto Gonçalo Ozores creieu que era chegado o momento oportuno pra levar a cabo os seus proyeutos sobre o libertamento de Beringuela e de seus pais.

Xa antes de deixar a Sobrado puxérase de acordo con Fernán Vázquez acerca do modo de poñer libres aos seus amigos. Encargáralle moito que percurara enteirarse ben de como era o Castro das Seixas por dentro e dos sitios onde estaban encalabozados Beringuela e seus pais, mentras el iba ao feito de Curbián. Déralle tamén unha carta pra que, podendo ser, lla entregase a Beringuela na súa propia man.

Fernán Vázquez, coma sempre, non pensou máis que en dar cumprimento aos deseios do seu señor; e anque a cousa tiña de todo, como apuraba, puxo en pláutica o pirmeir espediente que se lle veu ao caletre. Colleu unhos farrapos, visteunos como pudo, e así disfrazado presentouse un día ao caer o sol aa porta do castelo das Seixas pidindo pousada por aquela noite, pois era de lonxe e era home vello e eivado e non sabía de sitio mais preto onde pousar. Pouco caso lle fixeron ao prencipio; mais el porfiou, e, en fin, como nunca falta algunha alma caridosa, botáronlle un cubo cunha corda, pois a ponte levadiza xa estaba retirada; e mitido nel fórono izando hastra entrar por un postigo que daba sobre o foxo. Foi a dar a un patio onde estaban tomando o fresco algúns peóns (que aquel día fixera un sol que esmechaba); e eles por matar o tempo, como sol dicirse, puxéronse en moita conversa con el. O Fernán Vázquez foilles contando as cousas que vira e os moitos casos que lle pasaran andando mandingando polo mundo; e tamén lles dixo que tiña visto e dormido en moitos castelos, pero que poucos topara tan fortes e tan ben arreados coma aquel. E ao mesmo tempo que adimiraba e alababa o ben custruidas que estaban as paredes, os torreóns, as troneiras e demais partes do castelo, con moita esturcia e desemulo íbase e enteirando da distribución e disposición do adificio e do máis que lle conviña saber.

Dunhas noutras foi a parar aos calabozos e suterráneos do castelo, dicindo que tamén os había de ter boos como cuase tódolos demais castelos. Todo esto íbao el mesturando con contos e pasos que vira ou oíra para meterlles os cas na bouza e máis ocultar o seu ouxeto; así é que lles foi pescando onde estaban os calabozos, e cuase todos saían alí ao patio, e aínda que soilo tres deles estaban acupados, que facía unhos días que viñeran para eles os señores do Vilar de Mella.

-Parezme que conozo a ese xente -ouservou Fernán Vázquez- pois nesa casa xa me teñen dado algunha vez, non moitas, limosna, e aínda me alembro da rapaza que era bastante lercha e raída e que cando me vía fartábase de facer bulra de min; pero, xa se sabe, neste mundo non hai que facelas, que aa hora menos pensada, páganse. ¡Boo siría que lleu fose agora a volverlle as tornas!

-Alí a tendes naquel calabozo -saltou un dos da tortulia.

-Toda a culpa aínda non a ten ela, sinón os país, que tal aducación lle deron. A eses boa castaña lles estalou cando foi a desfeita de D. Fernando de Castro; antes boas roncas botaban, que lles paricía que non había outros coma eles, e que aquelo nunca se lles había de acabar.

-Mirade en que veu a parar toda a súa borra.

-¡O vento! Noso Señor a cada un dálle o seu merecido.

-Eso xa é.

Nesto chegou a hora da cea. A el apartárono cunha cunca de caldo e un codelo de centeo; e o que lla trouxo, ao poñerlla na man, díxolle moi pracenteiro:

-Madia levas, hoxe matáche-lo porco.

-No me abafés; pero si neste mundo non houbera almas caritativas non sei que había de ser de nós os probes.

Pideu despois unha manda de pallas para pasar a noite debaixo dun pendello que había no patio, pois alí alomenos non lle vindrían a facer festas os lobos. Déronllas, nafeuto; e el co feixe debaixo do brazo foise moi ledo a estrar o seu leito nun curro do alpendre. E anque as pallas non estaban tan bastas e mechas que en sitios non poidese a través delas dexergarse o chan, el por eso agarrouse a elas con moi boa voontá e resolución. Mais cando lle pareceu que todos habían de estar ben prendidos no sono, ergueuse, colleu unha xostra, aa que xa lle tiña botado o ollo, recortouna e afeitouna un pouco cun canivete que levaba, envolveuna polo medio ca carta que lle dira Gonçalo Ozores para Beringuela, atou todo cun trapello, e moi a xeiteniño e despois de estar un pouco escoitando a ver si se sentía algún ruído, chegouse pee ante pee ao calabozo onde lle dixeran que estaba a moza, e polo bufarro guindou pra dentro o pequeno envoltorio que acababa de enliar; e logo volveuse moi quedo pra o seu cochofrito.

A carta mandada en tan estrana balixa dicía así:

"Beringuela: A afrenta que tan sin causa e tan sin razón sufrides é tal cousa que, posta ao cabo da longa serie dos meus amargos infortunios co agudo e intenso da súa door, a tódolos fixo esquencer e borrar da miña memoria. Ese aldraxe é tan meu, como voso; ou, por mellor dicir, é máis meu que voso. A min, pois, cara amiga, toca o tomar a correspondente vinga; e así o farei ca axuda de Dios e polo nome de Ulloa e polo amor que vos teño, anque para arrincarvos das maos do meu anamigo me fose perciso asinalar con rigueiros do meu sangre o camiño da vosa libertá.

"Eu non sei si merecerei a groria de poder chamarme voso marido; polo menos a eso hai xa tempo que aspiro; pero entramentres fólgome en contemprar na miña maxinación aa miña arrogante e xentil Beringuela tranquila e sigura, coma a aguia no seu niño, na torre que habemos de edificar no máis enriscado das marxes do Pambre. E cando eu a vexa así libre e satisfeita dispoñer como raíña do meu corazón e da miña voontá, estonces o meu deseio e o meu contento serán máis que cumpridos e colmados. E para que me creades e estedes certa, quero aquí poñer o meu nome Gonçalo Ozores."

Ao outro día ben cediño deixou Fernán Vázquez o seu leito e con moi boas palabras e moi corteses razós despideuse dos do castelo, e foise axiña á Curbián a debuxar nun pergamino a pranta e o modo da fortaleza das Seixas.

Desde Curbián mandoulle aviso de obrado a Gonçalo Ozores, que xa estaba co cerco das torres de Sampaio; e insiguida por encargo do seu señor foi reunindo ciceles, furadores, ganchos, uñas de ferro con cordas e outros apetrechos dos máis únicos para gatear e apoliñar polas paredes.

Cando, pois, calculou o de Ulloa que toda a xente de Vasco Gómez había de estar ao redor das Torres de Sampaio co afán de facer levantar o cerco que tanto a todos lles entrara, dicideuse a dar o golpe que viña meditando, e mandoulle recado a Fernán Vázquez que para tal noite, e era a décema despois que se puxeron sobre Sampaio, a eso das dez lle saíse ao sitio que lle marcaba, onde a eirexa de Moredo, cos apetrechos que lle dixera e mais con tres ou catro cabalos.

Aa hora e sitio convenidos apareceu Gonçalo Ozores con quince ou dezaseis homes escollidos da súa man. Non levaban máis armadura que a cota de malla, para iren máis soltos e lixeiros; sosmentes a cabeza levábana resguardada ca capucha do camal e mais cun chapeu puntiagudo de ferro de aas anchas e abaixadas a modo dun pequeno paraiaguas. Todos cinguían daga ou coitelo, e ademais uns levaban espadas e outros unhas moi afiadas visarmas. Recolleron os apetrechos que trouxera Fernán Vázquez, e acompañados deste e por sitios destraviados, encamiñáronse moi calandiño ao Castro das Seixas. En canto aos cabalos dera orde Gonçalo Ozores aos que os trajían, que fosen con eles a unha gran zanca que había antre as serras de Carión e de Corno de Boy, e que alí asperasen e estivesen dispostos para cando se lles mandase aviso.

Aa verdá, a aperación que iban a emprender era non pouco arresgada e peligrosa. Polo certo, polo certo, non sabían cantos homes habería dentro do Castro, nin que cras de xente era, nin que maneira de vixilancia; porque, anque Fernán Vázquez, polo que poidera escudrumar, achara que habería alí coma vinte homes, e que o cintinela estaba no torreón de sobre a porta, desde aquela xa tiveran tempo para poñer máis ou menos xente e para aregrar as cousas doutro modo. Pero ¿quen lle iba con estes contos a Gonçalo Ozores, que tiña todo o seu corazón e todo o seu tesouro alí dentro, e que ardía e non fumeaba ca ansia de chegar alí canto máis antes? ¡Boo che estaba el pra deterse entonces en moitas refreusiós!

Ao primeir cantar dos galos siría cando chegaron a dar vista aos muros do castelo. A noite non era escura, e estaba tan mainiña e tan ausente que paricía que o máis pequeno roído trasmitíase e chegaba enteiro a onde queira que alcanzase a vista. Así é que por un pedazo estiveron contendo o folgo pra non seren descubertos, e ao mesmo paso para ver si no castelo rexurdía algo; mais como o silencio e o sosego era tan profundo, dicidíronse a irse chegando pasiño a pasiño e como quen vai asentando ao xeito a pranta do pee no tarreo pra deixar alí todo o molde dela.

Mais antes desto xa Gonçalo Ozores impuxera ben a todos no que habían de facer. Como xa dixemos, o castelo que se erguía sobre un coto de moi áspara e agra subida, era de pranta cadrada con catro cubos cadrados nas esquinas, e estaba rodeiado dun foxo bastante ancho. No ángulo Noroeste o foxo estreitábase, porque alí empalmaba cunha fendedura aberta naturalmente no monte que se extendía ensanchándose hastra a faldra. Por suposto, aquí o foxo, ou máis ben a fendedura, estaba estremada por un lado, polo cubo ou torreón do Noroeste, e polo outro por un serrón de penedos que alí formaba cugulo e despois viña baixando polo monte abaixo somellando o lombo dun imenso cocodrilo.

Gonçalo Ozores quiría escalar con outros dous dos seus o castelo por esta parte, porque por alí achábanse as habitacións do alcaide ou casteleiro; aa demais xente reparteuna así en grupos de a tres, pra que cada un polo seu lado asaltase a fortaleza menos polo sitio onde estaba o torreón de sobre a porta.

Asinalado a cada un o seu feito, todos se lanzaron ao fondo do foxo, quen botándose a rolos, quen desenganchándose cas maos. Gonçalo Ozores cos seus dous compañeiros subeu ao cruto que formaban os penedos e que estaba a unhos cinco ou seis metros do torreón de enfrente. Desde alí, co antusiasmo de ser el o pirmeiro que penetrase na fortaleza, ceibou un ferro ou escarpia de dúas puntas atada nunha corda chea de noos, de maneira que prendese no muro antre as almenas; e así lanzada a escarpia, lanzouse tamén el ao aire agarrado aa corda e facendo fincapé nos noos foi aganchando e subindo.

Xa estaba mismo pra chegar ao alto do adarve; pero de repente sóltase a escarpia, que non prendera o bastante, e para máis mataran alí o corte do muro cun pequeno chafrán ou ochava; e a Gonçalo Ozores non lle quedaba máis romédeo que medir a fondura de aquel horribre precipicio. A altura era de cerca de vinte metros, o bastante para chegar esfachicado ao fondo. Por sorte ao caer engarróuselle a faldra da cota de mallas nun xuntoiro salente da parede, e con esto tivo modo de collerse a el con dentes e uñas e quedar así dependurado sobre o abismo.

Os que o acampañaban, ao apelumbralo daquel xeito desde o penedo onde se achaban, que cuase estaba ao mesmo univel, cos pelos direitos botaron as maos aa cabeza como para desdicharse do que lles pasaba; e logo as sombras da noite, non pirmitindo afirir ben os ouxetos, enfundían máis terror e espanto. A un deles parez que lle viñeran impulsos de botarse a treu para pillar no aire ao seu señor e tiralo daquel percipicio; pero o outro, máis cordo, lanzou a escarpia que tiña na man contra o adarve dándolle todo o voo que pudo, probouna a ver si prendera ben, e facendo o sinal da cruz guindouse no espacio agarrado fortemente aa corda. Comezou logo de tecer cas pernas e cos brazos como si estivera nadando no aire; e por fin, agaduñando, agaduñando, chegou aa cima do muro sin máis novedá. Desde alí botou a corda por arrentes do xuntoiro en que estaba colgado Gonçalo Ozores; o cal pillouna nun sopro ca mesma ansia con que un afogado se agarra a unha táboa de salvación; e desta amposta con máis fertuna que da outra, pudo enfiarse sin maior tropezo hastra enriba do adarve; onde o pirmeiro que fixo foi dar gracias á Dios e máis ao seu ánxel da Guardia que así o libraran das gadoupas da morte.

Despois de descansar un pouco pra tomar folgo e desentumir os brazos que os tiña coma entalados e dormentes, dispúxose a baixar co compañeiro pola estreita escaleira que daba desde a prataforma aa pirmeira cámara do torreón. Pouco, aa verdá, lle quedaba que facer; pois os outros seus homes xa cuase todos se colaran dentro da fortaleza, e, como quen di, xa tiñan a un lado aos defensores. E foi que Gonçalo Ozores non gorismara mal e os seus cálculos saíranlle ao pee da letra. No castelo non quedaran máis que nove ou dez homes e cuase todos froxos e cativos. Aos dous que estaban no torreón de sobre a porta, colléronos de socato os seus, trincáronos e atafegáronlle ben a boca para deixallos sin aición. Ao mesmo tempo outros con ciceles e palanquetas forzaron as portas das habitacións en que pousaba o casteleiro e a súa xente; e cando xa a todos os tiñan boos de rendir, sinteuse Gonçalo Ozores pelexando por botar abaixo a porta que había no fondo da escaleira que baixaba da prataforma. Non foi perciso, porque lla abreu un dos seus; e con eso xa quedaron por donos da fortaleza.

¿Que era o que lles faltaba por facer? Eso non había que dicirllo a Gonçalo Ozores. Quixo pidir polas chaves dos calabozos de Vasco Fernández e da súa xente; pero ¿que falla lle facían?, e despois que non estaba para perder o tempo nestas dilixencias. Baixou, pois, siguido dos seus; e achandadas as portas dos calabozos, doulle un, dous e máis abrazos ao seu amigo Vasco, que se vía libre e non o cría; a Eldonza, que a probe estaba tirada sobre dunhas táboas sin saber o que lle pasaba doulle mil soúdes e tratou de convencela de que ao fin xa se acabara o seu coutiverio; e a Beringuela, con Beringuela derriteuse o home en cumprimentos, en parabéns e nos máis corteses ousequios.

-Dichoso eu -díxolle- que poido dicir que nacín hoxe dúas veces; unha, porque cuase por milagre me librei dunha morte segura; e outra, porque recobrei a vida da miña alma, o lume dos meus ollos, a prenda e impulso do meu corazón.

E dicíndolle esto facía mostra de quererlle bicar a man. O cal ela de ningunha maneira quixo consentir, antes ben:

-¡Ai, Señor! -contestoulle- si algunha man se debe bicar, é a vosa, que tanto ben nos fixo, a vosa a quen tanto debemos, que marcou o trémiño da miña orfandá volvéndome as caras presonas que me deron o ser; a esa man xenerosa, que nos libertou da horridez e estreitura destas paredes pondereina eu sobre o meu peito pra que mellor perciba os latidos da miña gratitú; bicareina eu cen veces, non cos labios, sinón con todo o resollo da miña alma.

Sinón co mesmo fogo e ca misma vehemença, con non menor sinceridade e amor se espresaron Vasco e Eldonza. A todos correspondeu Gonçalo Ozores cas maiores mostras de respeito e consideración.

Nesto foron chegando aas portas estriores do castelo, que logo desatrancaron e desferrollaron; e botada a ponte levadiza, puxéronse todos fóra. Beringuela, así que se veu a ceo descuberto, dou un suspiro como si de sobre o peito lle arredaran unha gran lousa de chumbo. Iba pra un mes que se achaba alí enzarrada e represa, metida naquela prensa que lle atorturaba a alma e inda o demais adentro dela, o amor e cariño dos seus probes pais.

Ao pouco tempo presentáronse cos cabalos os piós que quedaran agardando na zanca do Carión, pois Gonçalo Ozores mandárelles recado asomade se veu dono do castelo.

Eldonza estaba tan postrada e esvaecida que non se tiña en pee; o cual visto polo de Ulloa, dixo que consideraba coma unha honra, que non estaba disposto a ceder a ninguén, o levala diante de si na caballería.

Montaron, pois, todos e puxéronse en camiño pra Curbián siguidos soilo de catro escudeiros; porque aos demais mandárelles Gonçalo Ozores que se quedaran gardando o Castro das Seixas.

XVI


NO CASTELO DE CURBIÁN


Gonçalo Ozores, en Curbián, onde chegou ao raiar o sol, non fixo máis que deixar apousentados aos seus amigos e dar volta ensiguida pra o campamento de Sampaio. Outido o seu prencipal ouxeto co cerco desta fortaleza, non creieu do caso ensistir máis; pero por eso non se amostrou disposto a deixar escapar a acasión que se lle presentaba de aproveitarse ben das avantaxes hastra estonces consiguidas. Con tal intento mandoulle os seus legados a Vasco Gómez pra que lle dixesen no seu nome, que o seu ánimo nunca fora ofendelo nin perxudicalo no mais mínimo, pois non podía esquecerse de que eran parentes; que hastra entonces non fixera máis que tratar de defenderse e recobrar o que era seu; que en proba do direitas e leales que eran as súas intincións, que estaba decidido a levantar o cerco das torres de Sampaio e aínda deixar o castro das Seixas, do que acababa de apoderarse, con soila a condición de que firmase un papel en que renunciase e se apartase de toda aución e dereito, si algún tivese, a todos e a calquera dos bees, estados e terras perteescentes aa casa de Ulloa, e que dese fiadores que fosen cabaleiros e homes de honra, abonados e de boa fama, de que así o había de cumprir; e que en último caso que reparase si non era tempo de que se puxera trémiño a tantas mortes, a tantos arrasos, a tantas queimas, a tantas vingas, a tantas malfeitorías, en fin, como hastra alí se levaban feitas.

Vasco Gómez, que inda continaba asituado no monte Oroso, oieu os legados algo máis maino do que acustumaba. O mal que lle saíran as súas contas puxérao un pouco máis brando, e xa non era aquel túzaro e arrabiado de denantes. Machiscou un pouco, e poñendo os beizos a modo de bugina:

-A voso señor -dixo medio roñando- válelle o que lle vale; e en canto aos fiadores dareinos porque me dá a gana, non porque delo teña eu necesidá, nin obrigación. O papel estou prestes a firmalo cando voso señor queira; pero dicídelle que escusa botar tantas roncas, que si eu entrei nos seus bens, foi porque el os abandonou andando escarriado polo mundo en pena das súas... turulecadas.

Así que o de Ulloa recebeu a contestación que lle trajían os seus legados, non tivo labor de máis presa que avisar a dous notarios que viñesen a outorgar a escritura da renuncia, demisión e apartamento que lle facía Vasco Gómez, e firmar a auta da fiadoría que prestaban os cabaleiros presentados por el; os cales se obrigaron con xuramento e baixo pena de encurriren en caso de traución e aleivosía a estaren e responderen polo cumprimento desta aviinça inda contra o mesmo señor de Sampaio. E todo de camiño e sin perder tempo nos dous pirmeiros días que siguiron, percurou que se outorgase a ascritura, e que os fiadores prestaran o xuramento nas maos dun dos cabaleiros da súa compaña, quedando para o terceir día o prauticar as dilixencias, consiguentes como a entrega dos bens, a toma de posesión, o outorgarse el por entrego de todo, etc... Pero por eso, a cirimonia dos fiadores cando fixeron o xuramento alí en presença dos dous axércitos de corresponder en todo e por todo por Vasco das Seixas, foi cousa moi solenia e que a todos comoveu e lles fixo moita empresión.

Gonçalo Ozores, despachados todos estes requesitos, tornouse para Curbián ledo e satisfeito como calquera pode supoñer. Vía cumpridos todos os seus deseios, colmadas todas as súas aspiracións, máis do que podía esperarse, galardoados todos os seus esforzos e afáns, e non se fartaba de dar gracias a Dios que lle fixera tanto ben e esto cando a el no humano non lle quedaba máis que, esquecido e olvidado de todos, deixar os seus ósos quizais mal sepultos en terra extrana e anamiga. Na súa maxinación representábase a pasada grandeza da súa ilustre casa; e animado con estes recordos e cos sucesos outidos propuxo no seu corazón traballar e punar ca axuda de Dios para facela avivecer e aínda para aumentala e esaltala máis, si posibre fora. É ben certo que inda lle faltaba recobrar a parte dos seus estados que lle tiña o Infante e Condestable D. Pedro Enríquez; pero non perdía a esperanza de ao fin recobralos tamén, anque tivera que valerse doutros medios[1].

En Curbián fixo celebrar con moitas festas e arregocixos o recobramento dos seus estados. Bailes, seraos, xustas, cañas, e outras moi vistosas e entretídas adivirticións por espacio de catro días socedéronse cuase sin interrución naquela casa, que pouco antes paricía sentenciada a sirvir soilo de apousento pra os mouchos e curuxas.

Gonçalo Ozores, como outros señores do seu tempo, era tamén un escelente tanxedor de viola; e con el tampouco as Musas se amostraran estrañonas nín hurañas; así é que daquela compuxo moi regulares cancións e trovas e mansobres e leixaprés, e pastorelas, e outras moitas modas de métricas composicións, das que estonces se estilaban.

E con tal motivo, como era de adoito en taes casos, renuieuse alí un boo fato de ministriles, e xugrares e arromedadores e segreles e trovadores, que ora cantando, ora ripinicando os seus estrumentos, ora discurseando e parrafeando, viñan a dar locemento e novedá aos seraos e a oumentar o bolicio e a foliada e algareo que naqueles días reinou en Curbián.

Por suposto que Beringuela foi o principal branco das atencións e ousequios de Gonçalo Ozores; e ela pola súa parte contribuyeu non pouco á animación e á alegría das festas. E aínda o de Ulloa e máis ela, pois tamén era un algo entendida nesto de coprear e versear, trabaron unha moi apraudida e gustosa tenzón, que era á modo dun diálogo en verso; no cual os dous entrelocutores percuraban a competença facer mostra de inxenio, de chispa e de agudez.

E ao calor destas festas e ao fume dos ousequios e cortesías, o fogo que no peito dun e mais doutro estaba de atrás aceso, foi ateando hastra o punto que eles non suspiraban por outra cousa, que porque chegase o momento dichoso en que a bendición do Ceo trabase con baraza que para nunca máis tívese soltadoiro, os seus corazós, que xa o amor tiña tan unidos.

Todo lles sonría, todo se lles puña de cara de rosa; e ao tratarse do casamento, os pais, encluso o de Gonçalo Ozores que se fora espertando e volvendo ao seu, revíanse ao contemprar a futura felicidá dos dous anamorados. Gonçalo Ozores, por eso, quixo aprazalo para despois que recorrese as súas terras e visitase a tódolos seus vasalles.

Acabada-las festas, os de Vilar de Mella dicidiron retirarse a unha casa que tiñan na parroquia de Rodieiros, onde pensaban estar de parada. O de Ulloa foinos acompañando; e despois de deixalos apousentados na casa, dispideuse hastra o vinturoso día en que viñese buscar aa súa amada pra nunca máis separarse dela.



[1] E nafeuto, no ano 1393, por unha escritura fechada en Sarria a pirmeiro de Octubre, o Infante D. Pedro cedeulle tódalas terras que lle tiña tomadas desde o ano 1371, a saber, a Ulloa e Monterroso. Despois o Rei D. Enrique confirmou esta cesión no ano 1404.


XVII


VISITA IMPENSADA


¡O que son as cousas do mundo! Cuase ao mesmo tempo que Gonçalo Ozores se dispidía e deixaba apousentados aos seus amigos na casa de Rodieiros, nas imediaciós de Millí unha banda de trompetas facía abrouxar o aire cos sons irtos e retumbantes dos seus estrumentos. Detrás da banda dos trompetas polo camiño francés ou dos Piligríns cara a Millí e como indo de Santiago, siguían largas fileiras de cabaleiros, e despois deles un cabaleiro moito máis ben portado e fachendoso que os outros, o cual levaba aa súa beira unha doncela ricamente vistida e montada nunha facanea empenachada e de tal maneira cuberta con faldóns e aparellos de torciopelo verde franxeado de ouro, que apenas se lle vía outra cousa máis que os ferrados cascos. Viñan ensiguida máis cabaleiros; e logo un sinúmaro de acémilas cargadas de fardos, baiules e outros trastos e trebexos; e na derradeira inda máis cabaleiros, sinte as doncelas e pions que iban entrepolados por antre as fileiras.

Vestía a doncela, que alomenos despois do cabaleiro que iba ao lado dela, debía de ser a prencipal presona da comitiva, un brial ou como si dixéramos unha bata, de xamete (en latín examitus), que viña a ser un texido moi tupido de seda. Debaixo levaba unha túnica de cendal verde mazán, que tamén era un texido de seda, pero máis sinxelo que o xamete, cas mangas moi cinxidas; e encima un manto tamén de xamete morado prendido sobre o peito cun broche de ouro. De alhaxes e preseas levaba o que non se diga. Lucía ao pescozo un collar de pelras de tres cabos, do medio do cal colgaba un xoiel a modo de relicario que tiña engastonado un gran rubí ou carbunclo que paricía que dispidía chamas. Das orellas pendíanlle unhos perciosos bincos, que no medio tiñan unha esmeralda crara e espellante coma a auga e ao redor unha roda de alxofres. As maos levabas cubertas de sortellas de mil formas e maneiras, cal con záfiros, cal con balaxes, cal con topacios, cal con xacintos, así polo estilo. O pelo, que era castaño, tíñao moi corsidosamente pieitado e trenzado con fíos de ouro. Cubríalle a cabeza un sombreiro de aas moi anchas, pero riviritadas para arriba pola parte de atrás. Tendría coma uns vinte e dous anos; era pálida e amorenada, pero o seu sembrante respiraba anxelical candor.

Das galdrapas da besta xa dixemos que eran de torciopelo verde con galós, frecos e boiras de ouro. Todo o demais aparello, coma a cabezada, o bocado, as bridas, etc.. correspondía co luxo e rango da xeneta.

Do cabaleiro, que era un home duns cincuenta anos, sosmentes direi que a súa armadura era unha obra acabada na súa cras. Tiña pezas labradas con tanta perfeición e alegancia, que si non foran frabicadas en Nuremberg ou en Pavía, fixéranas a amitación das mellores de eses dous sitios. A espada tiña as gardas de prata e o pomo ou mazán con que remataba o puño, estaba formado por unha vistosa e relucente bola de pedra ágata. A boca, as abrazadeiras e mailo regatón da vaina tamén eran de prata acicelada.

Ao pasar por xunto de Santa María de Millí, e xa acababa de poñerse o sol, dou a causalidá de que a eirexa estaba aberta; e como a doncela fixese mostra de que quiría entrar a rezarlle unha salve á Nosa Señora, baixouse o cabaleiro, colleuna nos brazos, e encamiñáronse ambos a comprir aquela devoción.

A eirexa, sacando os retablos, consérvase hoxe pouco máis ou menos coma debía de estar daquela. Parece de fins do sigro XII; e ten dúas portadas, a prencipal e mais unha lateral do lado do mediodía. Compóñense ambas e dúas de tres archivoltas co seu correspondente tornachuvias, sostidas por seis culunas, tres de cada banda; e unha das culunas da portada prencipal ofrece de particular que ten unha faixa que a rodeia a modo de espiral.

A áuside é tamén do mesmo estilo; pero o que máis debe chamar a atención naquela eirexa é a reixa de ferro, que está á entrada da áuside, e mailo frontal do altar maior. Compúñase a reixa, coma as demais do seu tempo, que será o sigro XIV de varios panales, cada un dos cuales está formado por unha vara direita de ferro, da que a un lado e a outro salen varios brazos somellantes a eses.

O altar é coma un cubo macizo de mampostería, sobre o cal está asentada a lousa enteiriza que serve de mesa. No frente deste cubo, e como sostendo a orela dianteira da mesa, hai unha fila de arcos que se apoian sobre culunas pareadas. Os fondos dos arcos estiveron noutro tempo pintados, como se ve por certas semellas que inda hoxe se conservan.

Mais ¿quens eran aquel cabaleiro e aquela dona que iban con tanto acompañamento? A xuzgar polas tres faixas de escaques de ouro e gules, separadas por unhos filetes negros, bordados nos escudos de armas dos caparazóns e galdrapas das bestas, debían de ser dos de Soutomaior. Así era nafeuto. Xa dixemos que o señor Alvaro Páez de Soutomaior prometéralle a Gonçalo Ozores, que logo lle mandaría máis xente para axudalo a recobralos seus estados e máis a escaramentar aos seus anamigos. E tan ben o fixo o de Soutomaior, que quixo vir el en presona ca súa filla doña María. Estes, pois, eran os señores que vimos entrar na eirexa de Santa María de Millí.

Mais como a noite xa estaba encima, e a vila de Millí estaba estonces murada, que lle fixera a cerca o Arcibispo D. Beringuel polos anos 1320, e non parícía posto en razón demandar apousento dentro da vila a tanta xente armada que era de señorío alleo, por eso os acemileiros a unha cena do señor Alvaro Páez comezaron a desarrear as bestas e de descargar os fardos e estendelos polo chan; mentres outros os iban desenliando e desenvolvendo os panos e lenços que contiñan; e outros espetaban na terra de trecho en trecho estacas e esteos, e atornillaban neles travesas e tiradores, que outros cubrían cos panos e lenzos para formaren tendas de campaña; e así outros iban facendo os demais meesteres.

Ao pouco tempo aquel formigueiro convirteuse nunha media vila, na cual nada faltaba, nin dormitorios, nin comedores, nin cociñas, cos seus leitos, mesas, tallos e demais axuar; e hastra había a súa correspondente capela.

Nesto o alcaide, que estaba polo Arcibispo no castelo de Millí, que xa puxera esculcas de quen era aquela xente e de que era o que viña buscando, presentouse no acampamento de Alvaro Páez, convidándoo para pasar a noite na fortaleza cas presonas que fosen do seu agrado. Tamén saleu a comprimentalo o P. Menistro do convento de Sancti Spíritus, que poucos anos antes se fundara dentro da vila e que andando o tempo había de ser a residencia habitual do Xeneral dos Terceiros de San Francisco en Galicia. O propio fixeron algúns dos prencipales viciños de Millí.

Despois dalgunhas porfías Alvaro Páez acetou a invitación do alcaide, e foi a pasar aquela noite ca filla no castelo de Millí. Alí tivo ocasión de enteirarse polo certo do paradeiro de Gonçalo Ozores; pois anque o supoñía en Curbián, non o sabía de fixo; e viñera así ao cho. El pensara pirmeiro ir direitamente a Curbián; pero dempois decatouse de que, co tren que levaba, mal podería facer por alí o viaxe; e logo el tamén iba con máis gusto por camiños transitantes pra que todo o mundo vise e adimirase o convoi e o aparato que o acompañaba. De Lalín, pois, sigueu pola vereda de Goiás hastra Cadrón; atravesou o Arnego pola Ponte de Vilariño, subeu despois pola Agolada, pasou o Ulla na ponte do Arcidiago; e logo no Borreiro, preto de Boente, colleu o camiño francés.

Ao outro día ben cedo dispideuse do casteleiro e púxose en marcha pra Curbián sin mandarlle ningún aviso nin recado a Gonçalo Ozores, pois quiría collelo de socato. O de Ulloa, por eso, sorprendido e todo recebeuno con todo o agasallo e atenciós propias dun gran señor.

Despois das saúdes, noraboas e parabéns de adoito, despois de habérense abrazado unha e máis veces, Alvaro Páez e Gonçalo Ozores entraron a parolar largo das súas coitas. E tiñan pra un pouco, mormentes o segundo, que dende a última vez que se viran, pasáraas gordas. E aínda o de Soutomaior, pola súa parte, con moi sentidas e non cortas razós doieuse das desgracias do seu amigo, tanto como se folgaba agora dos seus bons sucesos.

Dunhas noutras foi chegando a hora do xantar, ao cal ningún dos alí presentes lle iba xa poñendo mala cara. Non estamos agora de chola para ir discribindo punto por punto a vaxilla da mesa, nin os manteles, nin as viandas, nin as cirimonias, nin as demais cousas tocantes ao convite. A mesa foi moi chea e brandida; e nada faltou alí de canto poidese cobizar o máis asixente e descontentadizo en materia de guisos e piperetes.

Cando a xente, como é de adoito en taes casos, se foi animando, e as língoas comezaron de irense soltando e espricando, Alvaro Páez ripiteu as súas portestas de confradamento e amistá, chegando a dicir que miraba as cousas de Gonçalo Ozores como as súas propias; que xa antes de agora xurara que había de deixar de chamarse Alvaro Páez, e non consintir que o seu amigo continuase despoxado das súas terras e facendas; que sempre o tivera en grandisma estima, pero moito máis cando o vira tan acurrado e persiguido; que todo canto el era, e todo canto tiña, todo o poñía aa súa disposición; e que para amostrarlle can verdadeira e enxebre era a súa amistá, que lle quixera trajer para máis honralo a millor alhaxe que tiña na casa. E esto dicíao cenando pra súa filla doña María.

E despois doutros comprimentos, con marcado acento de firme convinción iñideu que a cousa que máis podería deseiar neste mundo era depositada tal alhaxe nas súas maas, é dicir, nas de Gonçalo Ozores; que as dúas casas dos Ulloas e dos Sotomaiores sempre andaran moi unidas e enlazadas; pero que este último lazo era mismo poñer o sello aa máis estreita e íntima unión entre as dúas familias.

¿Quen che vía a Gonçalo Ozores asemade empezou a sintir o chaparrón que se lle viña incima? Púxose rubio coma a graa, e logo páledo, marelo, verde, e quedou estatoado sin dar fala. Alvaro Páez, que non reparara na turbación do seu amigo, ou si reparou, non a botara a mala parte, sigueu pra diante ca súa perorata, poñendo cada vez máis en visibre aperto a Gonçalo Ozores que se retorcía na súa cadeira como si estivera sentado sobre un niño de cobras.

Quizaibes pensou el que aquel atoramento do de Ulloa era efeuto do impensado da porposición que lle iba facendo, ca cal, pra o seu xuício, non podía menos Gonçalo Ozores de reverse e antusiasmarse. Polo cual maxinou que o millor era que o mesmo intresado fose remoendo a cousa e tomándolle o paladar hastra que se lle volvese a boca auga, e se convencese el así mesmo de que era certo e positivo o ben que se lle propoñía.

Naquel día non volveu, pois, a ensistir máis; pero ao outro sigueu ca súa tema non perdendo a menor acasión que se lle persentase de espoñer os seus deseios e pensamentos; e por máis arredas que lle poñía Gonçalo Ozores percurando tornar sempre a conversación para outro lado, el ao pouco tempo volta a mallar alí. E aínda chegou a sinificarlle, ao pirmeiro por arrodeios e dempois polo craro que o prencipal ouxeto da súa vinda fora o concertar o casamento del ca súa filla; pois non alcontrara outro a quen con máis gusto e tranquilidá poidera confiar aquel tesouro, aquel ánxel, que era súa filla María. E máis lle dixo: que si se dicidira a dar aquel paso, foi porque estaba ben persuadido de que a súa porposición non había de ser desbotada. E tanto o apertou, que, ao fin, Gonçalo Ozores receando que chegase a resentirse e ofenderse, con acento que rebordaba amor e gratitú tivo que romper, que sempre o xuzgara por moi boismo e xeneroso, pero que nunca creera que a tanto chegara a súa bondá; que o favor que lle facía era tal, que o abrumaba e non lle deixaba alento sinón pra dicir que sempre e sempre había de ser seu; pero como queira que se trataba dun asunto de tanta importança e trascendencia inxente de que nin el mismo sabía hastra que punto era dino e merecedor da honra que se lle quiría facer, que o desafiaba para darlle de alí a tres días unha solene e competente resposta, cal compría aa sinceridá e nobreza dos seus sentimentos, ao dilicado do negocio que se trataba e máis aínda ao decoro e ben parecer de todos.

Ningunha dificultá puxo Alvaro Páez en acetar as trégoas que se lle pidían; para canto máis que el non dubidaba de que a resposta había de ser terminante e ao seu gusto. Quedaron, pois, aferidos para de alí a tres días.

XVIII


A EMBAIXADA DE FERNÁN VÁZQUEZ


O día antes de acabarse o prazo convenido antre Alvaro Páez e Gonçalo Ozores, aa porta da casa en que moraban os señores do Vilar de Mella, na parroquia de Rodieiros a eso das tres da tarde apeábase un cabaleiro montado nun faco, o cal, si habemos de dicir a verdá, non podía chamarse un Pegaso o un Babieca, pero tampouco non era un barrufeiro. O xenete era Fernán Vázquez que, dando por suposto que os donos habían de estar na casa, deixoulle a besta a un criado que se achaba alí preto, e sin máis cirimonias meteuse polo zaguán adiante peguntando a voces si había licencia e onde estaba a xente da casa. Como era algo parente de Eldonza, por eso entraba con aquela franqueza e desenvoltura.

Non tardaron os donos en decatarse do que pasaba, saíronlle ao encontro, e despois dos saúdes e parabéns do caso, fixérono subir a un dos sobrados.

- Parece que andamos fuxidos uns dos outros -dicía Eldonza entrando na cámara-; xa non me acorda a última vez que nos vimos.

- Deso a Fernán Vázquez non hai que volverlle toda a culpa -saleu Vasco Fernández-; nos sómo-los que estamos faltando, que inda tan siquera lle dimos as gracias aa direita polo que por nós fixo.

- O que eu fixen non é cousa que non se poida dicir, é verdá; pero non vexo por que haxa que darme as gracias.

-¿E pensades que non sabemos o que fixestes por nós no Castro das Seixas?

-¡Boite! o que vos vai acordar agora.

-Inda nunca nos esqueceu pra que deisemos de telo un soilo momento presente.

-Pois morra o conto. Eu si non fixen nada, non hai que agradecerme; si fixen algo, ¡moito fixen demais! Pero agora, podendo ser, quiríalle unha palabriña a Beringuela.

Andaba ela gravexando pola casa adiante; e tan pronto lle veu o recado, presentouse na visita. Retiráronse os pais, e quedou ela soila con Fernán Vázquez. O cal, despois dun momento de silencio, en que amostrou ter non menos trabado o esprito que a léngoa, rompeu ao fin a falar na maneira siguente:

-Traio para vós unha encomenda, e tráiovola como quen ven arrasto. Xa son vello, e vos ben vedes como vou mirrando a todo paso pra as engurras, qu'a delor e os anos non se compran; téñome visto en moitos lances e apertos de todas sortes, pois non é porque eu o diga, pero a poucos conozo que tivesen unha vida tan arrastrada e tan traballada como a que eu tiven, e eso que pola misericordia divina nunca me faltou un pedazo de pan. Mais por eso, que mo creades, que non mo creades, nunca me vin tan acorado, nin con tantas tentacións de retroceder e de largarme pra a casa, ou para un monte, coma na acasión presente. Nunca me cansei de andar ao retrouteiro, ben o sabe Dios; pero desta vez paréceme que as pernas se me quedan baradas e tolleitas, que o folgo me falta, e que as palabras se me callan e engalatan na gorxa.

Si eu non vos conocera tan ben como xa de vello vos conozo, non porque eu collera esta encarga por moito que lle pesase ao Sr. Gonzalo Ozores; pero a bondá do voso caraute, o acaída que sodes na razon...

-Pero ¿que encarga é esa que tanto vos fai tecer e cavilar? -perguntou Beringuela.

-O Sr. Gonzalo Ozores non é home que se atote por cousa ningunha deste mundo; pero mil vidas que tivera, mil daría antes que vir onda a vós con ela. Mais vamos ao caso. Non sei si saberedes que fai dous ou tres días chegou a Curbián o Sr. Alvaro Páez de Soutomaior. Trouxo consigo aa súa filla Dª. María; e por canto non se lle meteu na cabeza o facela casar co señor Gonzalo Ozores.

Como non iñorades, moito é o que lle debe o Sr. Gonzalo Ozores ao Sr. Alvaro Páez; anque o de Soutomaior fora o seu pai, non podía facer máis por el do que fixo. Polo consiguente, ¿que arredas, que escusas lle iba a poñer o Sr. Gonzalo a estes deseios, a esta proposición que despois de todo non tiña nada de descamiñada, nin por qué houbese que repochar? ¡E aínda si fora esto solo! Mais, tódolos vasallos de Curbián así que viron a Dª. María, todos deron en decir aa unha, ¡que boa compañeira pra o Sr. Gonzalo Ozores! ¡Mismo parece que a mandou Noso Señor para encher e alegrar esta casa! ¡Que matrimonio máis parexo non farán! E estes ditos, e estas acramacións repítenas a cada hora máis polo craro, des que decataron das intenciós do Sr. Alvaro Páez.

Eu, do riquismo que é, e poderoso, o señor de Soutomaior, da súa fachenda e dos seus fumes, non vos quero dicir nada, porque é púbrico e notorio en toda a Galicia; como tamén o é que as casas de Soutomaior e de Ulloa por ahí se xogan, e que, sinón son dunha mesma igoaldá, pouco será o que esquipe unha da outra. E xa comprenderedes o que lles ha de contentar aos vasallos da casa de Ulloa o que o seu señor se acomode cunha dona da súa igoaldá, e que na súa man non decaia o nome e a sona da súa nobre casa[1].

Nengunha destas razós e mais doutras que eu poidera dicir e remexer se lle esquece ao Sr. Gonçalo Ozores; pero máis elas foran, que el por nada deste mundo se estrevería a faltar no máis minemo aos compromisos que con vós ten. Por eso mandoume onda vos pra que vos enteirase e puxese ao corrente de todo. Si eu fose a pintarvos agora a pena e a turbaçon...

-Escusades molestarvos máis -enterrumpeu a esto Beringuela- porque xa estou de volta de todo canto queredes contarme. Dicídille a voso señor que faga conta de que eu para el non esisto, e de que estamos como si nunca nos viramos nin faláramos. E non digo esto por despeito nin por rancura, pois sempre percurei conformarme ca miña sorte. E pra certificarvos desto e para que así o poidades dicir a voso señor, vouvos a dar a maior proba que de min se poidera asixir.

E esto dito, foise ao seu cuarto, abreu unha arquetiña de chapas de marfil que tiña sobre da mesa, sacou dela aquela mesma carta que lle guindara o propio Fernán Vázquez polo bufarro do calabozo, e volveu con ela na man dicíndolle a entrar pola porta ao amo de Gonçalo Ozores:

-Supoño que conoceredes este papel. Aquí tendes o nome do voso señor.

E sin máis, arrimouse a unha fiestra que estaba aberta, e comezou de poñer a mensiva de Gonçalo Ozores en miúdos anaquiños, que o vento iba levando e esparexendo polo espacio.

-Razón tiña eu -dixo Fernán Vázquez algo varado asemade a veu naquela aperación- en non querer vir diante de vós con esta encomenda, para presenciar este cuadro, en que me rachades a alma como rachades ese papel. Moito do que vos erades xa eu o tiña pra min; pero nunca sospeitei que a tanto chegase o tempre da vosa alma.

Mais Beringuela, así que acabou de facer fiñascos a carta, sentouse a unha mesa que estaba na mesma cámara, púxose á esquirbir a carta que vamos a ver, non sin dicirlle antes a Fernán Vázquez:

-Por si non basta o que vístedes e oístedes, para que voso Señor quede máis conforme, quero poñer aquí unhas catro letras.


"Señor: a acesa pasión que eu, des que vos vin e des que soupen a vosa hestoria, sintín aló no máis fondo do meu peito, sempre foi miña intinción gardala sacreta antre os pregues máis escondidos das miñas entrañas, sin que a alma deste mundo lle quedara resquicio para que poidera apelumbrala. En vos pendeu, señor, que ela se manifestara, e se manifestara máis do convenente. Si, pois, é voso gusto, ou máis, si a vós cómpre que ela volva ao escondidixo, de onde nunca debera de haber saído, comigo a enterrarei; que nunca quixen que os latidos do meu corazón fosen contra o xeito dos do voso. Como ben sabedes, señor, non é esta cousa que sofra partillas, nin compartos; que vivir enteira, ou morrer enteira. Eu perferín esto último; pois pra min sempre siría un agudo cravo o haber sido impeditivo pra que vós poidésedes poñer o voso corazón onde máis vos prouguese. Delo poderá certificarvos voso criado Fernán Vázquez."

BERINGUELA


Concruída e dobrada a carta, púxolla na man a Fernán Vázquez; o cal achábase tan confuso que lla colleu tatarañando.

-Cando vin pra aquí -dixo- non había pernas que me trouxesen; e agora que teño que marchar, non hai pernas que me leven. En todas las encargas que se me fixeron, que foron moitas, sempre foi pra min unha gran satisfaución, e era natural, o salir co meu intento. Desta vez socédeme todo o contrario; e a boa ventura que tiven ca miña encomenda é sogueira que me esgaza a alma. E ié, porque sinto agudos remordementos; sinto remordementos, pois eu cas miñas palabras fun o coitelo con que consumástedes o voso sacrificio.

Mentras o amo de Gonçalo Ozores se estaba espresando desta maneira, Beringuela, como maquinalmente, arrimouse aa fiestra, colleu unha rosa que tiña presa no cabelo e foina piniscando folla por folla, hastra que non lle quedou máis que o carozo, e logo gardouno no mesmo sitio de onde sacara a carta.

E volvendo aa cámara, contestándolle ao caso a Fernán Vázquez, díxolle:

-Non é sacrificio; é poñerme no camiño, de onde eu certamente nunca debera de haber saído.

-Ese non é o meu feito; tanto non é meu feito, que nunca me parecéstedes tan grande e tan dina como agora. A vena que teño eu do voso sangre nona cambiaría pola mellor de calquera. Podrán outras levarvos maiorsía en verbo de riquezas, ou de nome, ou de xerequía; en outras prendas e calidades poucas vola empatarán. E non o digo por engaratusarvos, que podo dicir que nunca tiven esta chata, sinón porque o sinto con toda verdá.

Nin miga de infinximento había en todo o que dixera Fernán Vázquez. Dispideuse, pois, cas mellores razós que pudo e lle acertaron a vir aa boca, e como si o tiraran por unha corda, foi a dar parte ao seu señor do resultado da súa embaixada. E nafeuto, cunha corda iba amarrado o boo do home, cunha corda feita de tres cabos, o respeito, o cariño e a prontitú con que sempre acustumara a obedecer ao seu señor.

Con esto ao prazo convenido pudo Gonçalo Ozores dar a resposta que se lle pidira; e de alí a un mes celebrar o seu casamento ca filla de Alvaro Páez. Ao seu finamento enterráronse ambos e dous en Sobrado, Dª. María ao pee do facistol do coro baixo, si mal no me alembro. Deixaron un fillo, Lope Sánchez de Ulloa.

Órasme Beringuela tivo a probe que buscar outro acomodo; e parece que houbo indicios de que non perdera no cambio. Non foi, non, a aguia do Pambre; máis ben, si, pomba piisma nun escuro, pero agarimoso pombal.



[1] Naquela época escupulábase e reparábase moito nesto de que a condición dun novio e mais doutro fora, en canto poidese ser, a mesma. Moito desto é discurrido; pero en proba do esauto das miñas apreciacións citarei o feito de Gómez Pérez das Mariñas, o cal aló á mediados do sigro xv porque a súa filla Dª. Costanza contraxo matrimonio co cabaleiro Fernán Pérez Parragués, tanto se asañou e tal carraxe tomou, porque lle paricía que o novo non era da igoaldá da súa filla, que dempois mentres viveu sempre andouvo de loito e trajía decote cuberta a cabeza cun capucho. Así nolo dice Vasco da Ponte.


ENGADEMENTO AA LEENDA


Unhos nove ou dez anos despois dos acontecementos con que comenzámo-lo noso conto, nunha mañán bretemosa de Outono a cousa das dez, arrentes da cerca do convento de S. Cristobo de Dormeá iban trotando tres xenetes en tres cabalgaduras, que ben podían dicirse señoras cabalgaduras.

Erguíase o mosteiro, convertido hoxe en eirexa parroquial, no medio dunha mimosa veiga regada polo Iso, a cual, rodeiada como estaba de altas e rapadas montañas, paricía un estenso xardín posto alí aa mantenta. Fora fundado no ano 1152 pola condesa Dª. Lupa, filla do conde de Traba, D. Pedro Froilaz, e muller do conde de Monterroso, D. Munio Pelaez; é dicir, a eirexa xa a había, pois sona nun decumento do mosteiro de Cinis do ano 1063, co nome de Dormiana; o que fixo Dª. Lupa foi agrandar o adificio e poñer alí unha cumunidá de monxas de S. Benito, que estivesen adicadas ao servicio e aas alabanzas divinas e máis a pidir a Dios por ela e por toda a súa xente. Firmaron a esquirtura de fundación os cinco fillos de Dª. Lupa e máis os seus dous irmáns D. Fernando e D. Bermudo, restoiradores do convento de Sobrado e tamén o Arcibispo de Compostela. Cinco anos despois desto o Rei D. Fernando II confirmou a fundación e encotou os diestros do convento pra que ningun xuez, nin outro ninguén non entrase neles sin ser chamado polo moordomo do couto. No tempo

dos Reis Católicos xuntaron este mosteiro co de S. Paio de Santiago.

Mais volvendo aos nosos xenetes, o que iba diante era todo un cabaleiro. Montaba un cabalo vermello ou alazán, que palillaba as patas, que paricía que non as pousaba no chan. De pés a cabeza iba cuberto de aceiro, tan puído e relucente, que se podía ver a cara nel. A continencia desto eran os arreos da besta; silla aa xineta cos estribios ben altos; freno, cabezada e petral adornados de bullóns e colgarexos de prata; galdrapas de terciopelo verde con galóns e boiras de ouro e bordados os quince escaques dos Ulloas, divididos cada un por tres faixas azules. Detrás, nun faquiño baio iba un pícaro garrido coma un caravel, que anque escapullido tendría, a todo ter, de oito a nove anos. Vestía un xubón e unhas calzas de terciopelo verde abotoados con corales; calzaba uns borciguis altos e puntiagudos de piel dourada, e na cabeza levaba unha gorra de terciopelo da mesma coor verde adornada cun galón de ouro e cunha pruma encarnada coma a graa. A súa besta iba tamén ricamente aparellada con gran caramiñol de seda na testa; pero levaba silla rasa ou aa brida. O terceir xinete viña nun cabalo negro como a acibeche; e anque iba tamén vestido de ferro, por eso a súa armadura non era tan relumbrante e compreta coma a do pirmeiro. A súa besta iba arreada con silla de cadeiras e polo consiguente con estribios largos.

Así que chegaron aa portaría do convento, apeáronse os tres; e mentres o cabaleiro que iba detrás quedou fóra reparando polas bestas, ou outro cabaleiro, levando da man ao rapaciño, meteuse dentro do portal, que era espacioso e cuase cadrado hastra chegar aa roda ou torno que estaba nun recanto do portal. Dou unhos golpes ca man dicindo ao mesmo tempo:

-¡Alabado sea Dios!

-Por sempre sea bendito -lle contestou logo a porteira desde dentro. E como el lle perguntase si se podería ver aa fraira Dª. Beringuela, respondeulle ela que iba a avisala insiguida.

Ao pouco tempo apareceu de novo a porteira na gradicela que estaba a carón do torno, dicindo que Dª. Beringuela iba a baixar. Por eso inda tardou; e o cabaleiro, pra entreter o tempo, trabou conversación ca porteira, perguntándolle, antre outras cousas, si Dª. Beringuela se afixera ben no convento.

-¡E non había de afacerse? -contestou a fraira-. É a alhaxe da casa. Ela borda, ela cose, ela varre, ela cociña, ela frega hastra os pisos si é perciso, e, en fin, fai todas las labores desde a máis fina e esquisita hastra a máis baixa e ordinaria. E sinte esto, ela canta e salmea coma un anxel, ela toca o clavicordio e asiste ao coro con tanta puntualidá, con tanta homildá e recollemento que adifica e move aa devoción. E logo pra todas ten palabras de amor e de agarimo; para todas é tan querendosa, que ningunha de nós pode estar triste nin afrixida con ela. Cando ve algunha así, tómaa da súa man, e mentras non se convenza de que se esparexeu e disipou aquela nube de tribulación, non para, nin descansa.

Tal é a bondá da súa alma e do seu corazón, que parece que toda ela despide un vao de unción e ternura que a todos atrae e anamora.

Soilo para sí non sabe sinón ter palabras duras e aldraxosas. Cuase sempre, cando ten vagar, non se acupa noutras cousa que en alabar e ponderar a misericordia que Noso Señor usou ao adimitila e darlle pousada esta santa casa a ela, que era o refugallo do mundo e de quen o mundo fixera rastollo. E esto díceo con tal fervor e con tal esprito e con tal compunción, que a nós todas déixanos varadas e confundidas.

Toda esta conversación pasara na gradicela que servía de estrema aa clousura. O cabaleiro, sin soltar da man ao picariño, todo estivo oíndo con moita atención, pero ao mesmo tempo sin dar mostra de que lle causare estrañeza ningunha das cousas que se lle refirían da fraira Beringuela.

Mais por fin, despois dun anaco, apareceu tamén na gradicela a fraira por quen perguntara o cabaleiro. Nin ca cinguida touca, nin co velo, nin ca ancha cogula, nin co escapulario, se despintaban as fauciós, o porte, os ademas de Beringuela; antes ben, aquel vestir grave e maxestuoso dáballe máis realce e aparencia. Ao chegar, dirixeu unha ollada ao cabaleiro e outra ao pícaro; pero o ver a este e botárselle encima e querer comelo a bicos a través da grade, foi todo un. Poucas veces se viría unha esplosión tan espontánea e tan intensa de cariño, como a que alí tuvo lugar. Mais de pronto, como si fora movida polo istantáneo impulso dun resorte, cesou na súa aperación é púxose direita, ao mesmo tempo que unha nube de rubor e amargo sentimento lle cubría e toldaba o rostro.

O cabaleiro, que a todo esto estivera mudo e como estático, saludouna cortesmente; pero dempois non ousou pernunciar palabra, ¡tal foi a turbación e o anoto que o atuira!

A fraira, como pra sacalo do seu aturrullamento, perguntoulle como iba a obra de Pambre. Mais, cal si esta pergunta fora un puñal invisibre que se cravara no máis sotil e delicado do corazón, de tal maneira descompuxo ao boo de Gonçalo Ozores, e xa non deixaremos de chamalo polo seu propio nome, que páledo e lívedo como un calabre pra non caer tivo que collerse a un dos paus da gradicela. E a fraira fixéralle aquela pergunta sin máis intinción que a de darlle pee a el pra saír do seu atoamento; pero foi espertar o recordo de certas ideias e de certos sucesos que quixera el ter ben esquencidos, e que naquelas circunstancias eran pra el outros tantos aguaciles e pergóns que o acusaban e axecutaban polo que máis podía ofender e lastimar a un cabaleiro, abichornándoo e sonroxándoo como aleve e fementido.

Beringuela procatouse pronto da turbación e congoxa porque estaba pasando o cabaleiro; e aínda quixo ir correndo a buscar algunha maeciña ou cousa das que se usan nos pasamentos.

-Non é nada, non é nada -ripitía él enxugando co pano o sudor frío que lle bañaba a frente.

-Quizaibes o vir sudando e despois quedar parado foi o que me perduxo esta especia de vaído.

A fraira con moito disimulo e coma quen non ve de que sofocarse, mudou de conversación e foi dando dunhas cousas noutras hastra que lle perguntou si consiguira que lle volvesen os estados da Ulloa.

-Por agora inda estamos na mesma -contestou el medio encotomiñado, anque xa algo reposto do aperto que levara-; pero teño palabra certa do Condestabre de que mos ha de volver, e aspero que ma ha de comprir moormentes agora que casou ca filla de D. Alvaro de Castro.

-O Condestabre sei que é home pra facelo polo que del teño oído dicir -ouservou ela-; pero por eso élle de agradecer a aución, pois poucos farían outro tanto.

Así estiveron un pouco parolando de cousas indifrentes, hastra que como viña chegando a hora do rifitorio, Gonçalo Ozores tratou de despidirse, pra o cual quixo coller no colo ao picariño para presentarllo aa fraira. E foino a coller a tal punto, que el acababa de facer unha aperación ca que estivera moi enfaenado. E fora que coma a el lle chamara tanto a atención o hábito da monxa, moormente as mangas, púxose moi afouto a atar a punta dunha delas contra os paus da gradicela cunha baraza de seda encarnada que sacara do bolso. Cando Gonçalo Ozores se decatou, non soupo si rifarlle, si rirse; pero reparando que Beringuela estaba tan embobada contemprándoo, tamén el acabou por sonrirse, e tomándoo, ao fin, no brazo:

-Quixenvos trajer este mozo -dixo- pra que véxades que guapo e que garrido está. Pra todos é un encanto; todo o mundo ten na boca a Gonçaliño; pois como el é tan estrebillante, que parece que ten o formigo, non hai ninguén con quen non vaia a bater, nin ninguén que non teña que ver con el.

Mentres o cabaleiro así se expresaba, Beringuela baixando a cabeza como si lla atundira o peso dalgún grave e triste recordo, colleu maquinalmente a manciña do neno e bicoulla unha e máis veces ao mesmo tempo que unha grosa bagulla se lle desprendía das perfebras. E logo con certo acento cheo de solenidá e melanconía iñideu:

-Eu paréceme, que en canto en min estuvo, fixen o que era de miña obligación. Resta que vos cumprades ca vosa.. -E ao dicir esto miraba fixo, fixo pra o pícaro.

Gonçalvo Ozores, apertándoo máis contra o peito:

-Este, este -dixo- sempre ha de ser un Ulloa.

E con esto, despois das saudes d'adoito separouse d'alí algo varado e inda parece coma encollido e avergonzado; e encamiñouse pra onde deixaran as bestas, e montadas que as houberon, botaron a andar polo mesmo camiño que trouxeran.

¿Como e descantá estaba Beringuela naquel convento? poida que pergunte algún leitor si é que lle dou a peta de chegar hastra aquí. Pois foi que os desengaños que levara co conto do casamento de Gonçalo Ozores, non deixaron de causar nela o seu efecto; e a probe da muller, por máis que fixo non poido disimular que aquel axe, aínda por ela hastra certo punto consintido, chegáralle adentro da alma. Pra ela, para quen neste mundo non había outro home coma Gonçalo Ozores; pra ela, que en Gonçalo Ozores tiña embutida a mitá da súa alma, ter (cuasimente no punto en que ela estaba máis chea e afouta con este pensamento) que cachear os máis fondos rincóns do seu peito e arrincar ela pola súa man o máis miúdo recordo daquel home que hastra estonces fora a imaxe e prenda da súa soñada filicidá, fou un trago, un solimán que lle empezoñou as entrañas e lle puxo o sangre como fel. De alegre, lizgaira, souril, algareira e conversibre que era, dou en poñerse mucha, ensemismada e engoumada, como si quedara orfa daquela vida e animación que denantes lle estaba sempre buligando dentro.

Moitas veces víralle ao pensamento o deixar o mundo e retirarse a algún mosteiro; pero logo empezaba a cavilar con que cara iba a pidir que a adimitisen antre as monxas a ela, que, a ben ser, non era máis que un aldraxo, dina soilo do desprecio de todos, a quen o mundo acababa de dispidir cun couce.

Nesta pelexa e congoxa estivo ela xemendo un ano largo; mais un xueves santo foi como de costume a Sobrado a recoller a bola bendita que naquel memorabre día repartían no convento a todos cantos fosen por ela; e tanto a conmoveu o espeutáculo que ofricía aquela infinidá de xente de todas crases e condicións, que ca maior reverencia e agradecemento recollían aquel pan e marchaban tan ledos con el pra a casa, que tódolos seus temores e receos se esparexeron e desvaneceron coma o fume. "Para todos sin distinción houbo pan -iba ela ripitindo para os seus adentros ao retirarse pra a casa-; tamén pra todos sin distinción ha de haber amor e misiricordia". E logo, erguendo os ollos ao ceo, cada vez máis comovida, continuaba: "¡Ai! Señor, por piedade non desbotedes do voso paternal seo este pequeno átimo, no cual vós con tenrura e agarimo propios soilo dun Dios gravástedes a vosa sobrana imaxe. Non busquedes agora nel a vosa divina semella, que eu ¡torpe de min e ingrata! luxei, afeei e cuase borrei; mirade aos meus remordementos que son aa vez o pasto e o roedor diario da miña alma. ¿Por que o meu corazon ha de ser tan frío e o meu sangre tan froxo que non salte en bágoas para amostrar o meu arrepentimento?"

E desde aquel día xa non pensou noutra cousa que en ir aviando todo o perciso para consiguir o seu ouxeto. Unha gran dificultá se lle atravesaba diante; e era o outer o consentimento dos pais, que non quirían oír que Beringuela os abandonase e se separase deles. Aa nai aínda non lle costou moito traballo o convencela; pois como ela era tan boa alma e tan boa cristiana, non tutubeou en ofrecer a Noso Señor o sacrificio de canto máis amaba e quiría neste mundo. Corda, a dicir verdá, no corazón non houbo unha que non lle quedase sintida; pero cando a apertaba a pena e a africión, percuraba restoirarse co bálsamo que lle proporcionaba o recordo da angustia porque pasaría Nosa Señora ao entregar por noso ben ao seu Santísimo Fillo.

Ao pai achouno máis duro. Moito tivo que moler e matinar antes de chegar a consiguir que poidese ouvir sin asañarse que Beringuela quiría facerse fraira. Mais ela, como era tan liida, sacáballe mil testos e mil enxempros para abrandalo e facelo vir aas boas. Antre outros citáballe o feito daquel antigo xuez do poboo de Israel, chamado Jephté, o cal por medo de non ofender a Noso Señor non dubidou sacrificar aa súa filla única Seila. Así, unha xeira despois doutra, foino ao fin traendo ao rego. E escusado é dicir, que tan pronto ela veu reducidos e convencidos aos pais, cada día que pasaba, tardáballe un sigro mentres non dou todo aviado pra ir para o convento.

E aquí ten o leutor cortés, como e por que topamos a Beringuela de fraira en Dormeá.

Mais ¿cal era aquela obra de Pambre, a pergunta da cal tanto tilín lle fixo a Gonçalo Ozores, que o deixara varado e cuase esmorecido? Esta obra era a do castelo de Pambre, do que el tanto lle falara noutros tempos en que o mundo para eles se presentaba tan cheo de ilusiós e das máis engaratusantes e comprometedoras aparencias; a obra daquel castelo no cal algún día Gonçalo Ozores se figurara ver a Beringuela como aguia no seu niño.

E nafeuto, Gonçalo Ozores puxérase aa obra xa facía tempo, e levábaa boa de arrematar, pois compríalle moito o estender por aquela parte a rede das súas fortalezas pra asegurar desde alí as cumunicacións cas terras que tiña da outra banda do Ulla, e mais para ter arrecadados aos de Millí.

E tratándose, como se trata, dunha obra en que tanto se esmerou Gonçalo Ozores, e que tanto se relaciona co noso conto, no me levarán a mal os meus leitores que eu queira dicirlles algo de tan famoso adificio.

Levántase nun polmontorio que se avanza de Sudeste a Noroeste sobre o río Pambre. A ladeira que mira ao Nordés está cuberta de arbolado e de erbeiras, e parece un terreno tan boo, como si poidera dar o azafrán; pero a do outro lado presenta un paisaxe do máis hórrido e agreste que poida maxinarse. Si gustades del formarvos algunha ideia, fegurádevos un descomunal ourizo cuberto, en vez de pugas, de agudos e disformes peñascos. No fondo vese o río correndo mal a gusto por antre un leito de penas e croios e salpicando escuma por todas partes.

A cabalo, pois, deste polmontorio érguese o castelo coma un fero e soberbio xigante, ceñudo, de nervudos membros, e que na súa arrogancia pertende que a súa fegura se destaque antre as nubes. Costa traballo borrar da alma a empresión que se sinte ao contemprar desde abaixo, desde a ponte de Pambre, aquela masa, non informe, sinón convenentemente arranxada, que resalta sobre o azul do firmamento, imponente, ameazadora e como facendo un mudo, pero solene requiremento.

Esto que digo esprimentámolo ben esprimentado uns cantos amigos nunha acasión que se nos presentou, ou máis ben buscamos, de ademirar desde a susodita ponte aquel formidabre conxunto de rimas de pedras tan ben entre si trabadas e tan irtas e direitas como velas. Mais, por eso, non tomamos a mala parte o emprazamento; antes ben, subindo pola agra ladeira Nordés do polmontorio, ansiosos e ufanos como quen quer corresponder ao desafío dun cortés amigo, siguindo as voltas que vai dando o camiño ao consolante do tarreo, fúmonos chegando ao castelo para ver máis por miúdo a súa dispusición e as súas formas.

Xa no cruto do monte, despois dunha subidichiña pouca, atravesamos unha ponte pequena, e logo unha porta flanqueada de recias troneiras aberta no primeir recinto fortificado; e sin máis vímonos dentro dun irregular e estenso patio acupado noutro tempo con almacéns, casetas, cortes e outras dependenças, hoxe cun mal horno e tal cual pendello medio desasurado[1].

A un lado do patio érguese o castelo propiamente dito, o cal áchase dividido en dous recintos, un central, e outro estrior que o rodeia. O central ven a ser unha gran torre de pranta cadrada de 10 metros e 80 cents. por lado medidos pola parte de afora. O altor ha de chegar hastra vinte metros, sin contar as almeas. Compoñíase de catro altos, pero dos sobrados que os separaban, non quedaron máis que os canzorros en que pousaban as trabes. A porta de entrada estaba ao univel do primeir piso, ou seia a catro metros e setenta cents. do chao; de modo que para pasar adentro, había que subir ao sobrado do recinto estrior que rodeiaba a torre; o cal sobrado, como é de supoñer, nesta parte debía ser unha trapa para cortar o paso cando fose perciso.

Dábanlle luz tal cual estreita fiestra, distribuídas non con moita simetría, unha en cada piso; por eso, unha delas ten dous huecos, coma as aximezadas, separados por unha culuna; e cerrábase con dúas follas de madeira corredías antre dúas pestanas salentes que inda hoxe se ven de afora, unha enriba e outra abaixo da ventaa.

As puntiagudas almeas son voladizas, e fúndanse nunha moi salente fileira de rebustos canzorros que rodeia toda a coroa da torre.

As paredes teñen tres metros de ancho; pero conforme van subindo, van morrendo, de sorte que no máis alto soilo tenderán dous metros ou dous e medio de espesor. E de creer que no gordor das paredes estea feita algunha escaleira sacreta para cumunicárense unhas cas outras as cámaras da torre.

O que é de adimirar é o ben costruídas que están tanto estas paredes, como as do recinto estrior de que logo falaremos. Os sillares parez que están cortados aa navalla da barba, ¡tan ben labrados, tan desempenados e tan ben asentados están! Así é que a edra e outras prantas parásitas trepan polos muros arriba, pero sin que achen moito modo de enfiar nas xuntas as súas raíces. Onde se ve tamén o crusarios que eran aqueles canteiros é nun lenzo de parede do recinto estrior, que inda conserva o marco dun postigo hoxe tapeado, e que cuase todo el está acimentado nun desconforme penedo. Os cortes dos sillares están tan ben aditados cos dentes arregañados do croio, que pena e parede parecen unha soila peza enteiriza, riscada en sitios para máis ben parecer.

Pasando agora ao recinto estrior, diremos que a súa pranta é un cadrilongo, dentro do cal, pero terciada pra un lado, se levanta a torre. Tiña dous pisos: o piso baixo e mailo sobrado, que, por suposto, no lado de adentro fundábase nos muros da torre. Nun dos lados deste recinto estrior había unha espaciosa cámara cunha gran chaminea, as cambotas da cal apoiábanse en dúas repisas en forma de cabezas de mouro.

Das almeas que antigamente o coroaban, hoxe apenas quedou unha; anque si os salentes canzorros sobre que se erguían.

O que máis chama a atención neste recinto son os catro torreós das esquinas, a pranta dos cales non é redonda como sol ser a da maior parte dos daquela época sinón cadrada. Compóñense de tres pisos separados uns dos outros por bóvedas de cantería, e rematan con almeas polo estilo das da torre grande. O espesor das súas paredes é de dous metros e nove centímetros, e o espacio que encerra cada un ten dous metros e ochenta e catro centímetros de longo, por dous e corenta e cinco de ancho. Escusado é dicir que o blasón dos quince escaques propio dos Ulloas campea por tódolos lados do castelo.

Pero por eso a edra vai consiguindo o seu feito; e axudada da soledá e dos anos vai envolvendo pouco a pouco a torre naquel verdoso manto, que é como a mortaxa dos monumentos sentenciados a perdurabre olvido.

Nun dos pisos da torre grande, e xa me esquecía, arrimada aa parede hai unha gran roída de pedra, posta non de prano sinón de canto, e sostida antre dous canzorros. Poida que estivese alí pra servir de lareira cando fose perciso, ou quizaibes de trapa para tapar con ela a entrada da escaleira sacreta.

Tal é en resumen, o famoso castelo de Pambre; o castelo máis antigo dos que se conservan na nosa Galicia; o castelo en que non poideron fincar o dente, nin os ermandinos do ano 1431, nin os do ano 1467, que, como é sabido, arrasaron tódolos do noso país.

Non sabemos si Gonealo Ozores, cando estaba costruindo esta fortaleza, tendería moi presente na mamoria a Beringuela; pero o que é certo é que si o nobre cabaleiro se porpuxo levantar alí un castelo que fose símbolo e solene portesta e aa vez escudo da súa lealtá, como en máis dunha acasión llo ripitira aa filla do señor do Vilar, si esto foi, volvo a dicir, o que se porpuxo, consigueuno aas cheas; que mentras os demais castelos do seu tempo ficaron todos no chan, este permaneceu erguido e direito coma para amostrar a firmeza e fidelidá do seu ilustre fundador[2].

Agora pra poñer o ramo aa obra, enxirirei nesta derradeira páxina unha carta do boo de Gonçalo Ozores, contida nun decumento que ten no seu poder un dos amigos a quen adiquei esta probe ringuiolada.

"Sabean todos quantos esta carta viren como nós don frei Afonso Eans, abade do mosteiro de Santa María de Sobrado por nós e pelo convento do dito mosteiro, sendo eno dito mosteiro e en mina cámara arrandamos e aforamos a vós a vós (sic) escudeiro que sodes de Gonçalvo Osores por poder de un alvala do dito Gonçalvo Osores de Ulloa escripto en papel e robrado de seu nome, según por el parescía; do qual o tenor atal é:

"Don Abade de Sobrado, eu Gonçalvo Osores vos envío fazer a saber, que dos tres casares que habedes de aforar a Gomes Conde, que lle ponades de Renda en cada casal dúas faneigas de pan en cada un ano e non mais; e douvos poder que llos posades aforar sen pena algua por esta mesma renda. E non fagades ende al. E por (que) creades, escripvín aquí meu nome feita XX e dous días de setembre (ano 1391)".

Gonçalvo Osores


[1] Xa indicamos noutro sitio que no patio quedara incruida a antiga eirexa parroquial de Pambre.

[2] Esto pudémolo dicir cando ibamos esborranchando estas cuartillas; hoxe, do que é mal, xa non podemos dicir outro tanto.

O castelo de Pambre foi vendido; foi vendido para poderen aproveitar algunhas pesetas que poideran dar os seus sillares voando polo aire ca dinamita. Quizaibes sea fada da nosa epoca o borrar tódolos recordos groriosos que nos quedan doutros tempos.