Saltar ao contido

Meus cabalos

En Galifontes, o Wikisource en galego.


Meus cabalos       Roberto Blanco Torres       1929
 




Ô trote, ô trote, cabalos,
meus cabalos ardesíos;
ô trote pol-a encañada,
pol-os curutos altivos,
pol-as taciturnas gándaras.
Ô trote, ô trote, que zoa
por cómaros e valgadas,
no vento que leva fogo
fundindo o eco nas almas,
o clarín dos adalides
convocando pra batalla.

Ô trote, ô trote, voade,
meus cabalos ardesíos,
ideas transfiguradas
en aéreos hipogrifos.

A galope, meus cabalos,
os de com'o vento brío.
A galope, que ja ondean
alá nos cumes esquivos
os críns alados de lume
dos meus cabalos invictos.



Publicouse en:


Tódalas obras orixinais deste autor atópanse no dominio público. Isto é aplicábel en todo o mundo por mor de que finou fai máis de 80 anos.
As traducións poden non estar en dominio público.