Saltar ao contido

Lei de ordenación do sistema universitario de Galicia

En Galifontes, o Wikisource en galego.

Lei 11/89, do 20 de xullo

Exposición de Motivos

[editar]

A presente Lei persegue dous obxectivos principais: supera-las actuais carencias universitaria de Galicia e reordena-lo sistema universitario de Galicia atendendo a criterios de desenvolvemento e renovación.

A universidade é un servicio público que debe estar aberto á sociedade que a sustenta e contén sobrados elementos para se revelar como unha instancia dinamizadora da sociedade na que se insire. Na medida en que sepoñan os medios para aproveita-las posibilidades de innovación que leva implícitas, esta institución pódese converter nun instrumento importante dos cambios sociais e culturais e garanti-la asunción dos avances científicos e técnicos.

Esta Lei pretende contribuír a que a Universidade galega cumpra adecuadamente o papel que a sociedade ten dereito a lle asignar. Na medida en que é un ben colectivo é necesario un esforzo permanente por achega-los seus servicios a tódolos cidadáns tratando de supera-las barreiras sociais e económicas que poidan impedilo.

Faise preciso afrontar con vontade superadora as tradicionais carencias e os actuais desaxustes que padece a Universidade en Galicia. A actual oferta universitaria galega caracterízase por unha deficiente escolarización universitaria, concretada nunha das máis baixas taxas de escolarización universitaria de Europa. Debe resaltarse o incompleto e deficiente abano de titulacións que poden cursarse en Galicia; a oferta é especialmente raquítica nas áreas tecnolóxicas e naquelas máis ligadas coas actuais e futuras demandas laborais. É de destaca-la saturación existente nun gran número de centros de ensino universítario así como gran número de centros de ensino universítario asi como as deficencias infraestructurais no tocante á docencia, ó estudio e á investigación, e tamén no que atinxe ós recursos humanos, especialmente de profesorado. Hai que sinala-las carencias naqueles servicios universitarios que poden favorecer un máis doado acceso das clases sociais máis desfavorecidas ó ensino universitario, contribuíndo a supera-las discriminacións económicas e territoriais, así como polo que atinxe a servicios da comunidade universitaria. Finalmente, e incidindo en todo o anterior, hai que salienta-lo raquítico financiamento do actual sistema universitario de Galicia, cun nivel de gastos por alumno moi por baixo da medida estatal, que é por outra banda, das máis deficientes de Europa.

A esta precaria situación súmase a crecente demanda de estudios universitarios en Galicia, que está a desbordar nos últimos anos tódalas posibilidades de oferta. De aí a necesidade de se formula-la expansión do actual sistema universitario, tratando á vez, cun obxectivo decididamente reformador, de amplia-la oferta e supera-las carencias sinaladas co obxecto de garantir uns estándares mínimos de calidade do ensino e da investigación. Trátase, pois, de garanti-la expansión se que esta supoña degradación do ensino universitario, senón, pola contra, renovación e superación.

Ante estas circunstancias, os poderes públicos da Comunidade Autónoma de Galicia teñen ineludiblemente que dar unha resposta axeitada, de modo que o sistema universitario de Galicia se convirta nun eficaz instrumento de transformación social.

Faise necesario, polo tanto, modifica-la actual estructura do sistema universitario de Galicia coa creación de dúas novas Universidades e unha axeitada regulación dos seus Campus e das súas titulacións. Esta medida ten a virtualidade de facilita-lo achegamento deste servicio público a un maior número de cidadáns galegos, ó tempo que se logra unha dimensión funcional de cada Universidade e dos seus Campus.

De acordo co previsto no artigo 13.2 do Estatuto de Autonomía de Galicia e 24 da Lei Reguladora da Xunta e do seu Presidente, sanciono e promulgo , no nome de El-Rei, a Lei de Ordenación do Sistema Universitario de Galicia.

Artigo 1.-

[editar]

1. A presente lei desenvolve o sistema universitario de Galicia.

2. É obxecto desta Lei establece-las bases de ordenación territorial, funcional e financeira do sistema universitario de Galicia, así como os criterios para a implantación de novas titulacións e a creación dos correspondentes centros, tendo en conta as características e esixencias demográficas, científico-educativas, socio-económicas e socio-culturais da sociedade galega.

Artigo 2.-

[editar]

Dentro dos obxectivos e finalidades propios do sistema universitario de Galicia, teranse especialmente en conta:

1) A formación e capacitación de cidadáns no plano científico-técnico e no correlativo plano profesional.

2) O favorecemento dunha mobilidade social ascendente no seo da sociedade galega.

3) A creación e difusión da innovación científica e técnica.

4) A irradiación da cultura e a promoción do desenvolvemento cultural de Galicia a través da dimensión universitaria.

5) A promoción do galego, lingua propia de Galicia como idioma vehicular no ensino superior, na investigación científica e na creatividade artística e cultural.

Artigo 3.-

[editar]

1. Creánse por esta Lei a Universidade de Vigo e a Universidade da Coruña.

2. O sistema universitario de Galicia estará constituído pola Universidade de Santiago de Compostela, a Universidade da Coruña e a Universidade de Vigo.

3. Encoméndaselles ás tres Universidades o servicio público do ensino superior en Galicia, mediante o exercicio da docencia, o estudio, a investigación e a creación de coñecemento.

Artigo 4.-

[editar]

Cada Universidade goza de personalidade xurídica e patrimonio de seu, rexéndose pola presente Lei, pola lexislación autonnómica e estatal aplicable e polos seus respectivos Estatutos.

Artigo 5.-

[editar]

A Universidade de Santiago de Compostela, cidade onde seguirá a radica-la súa sede, contará ademais co Campus de Lugo. A Universidade de Vigo terá a súa sede nesta cidade incluíndo os Campus de Pontevedra e de Ourense. A Universidade da Coruña terá a súa sede na cidade do mesmo nome, integrándose nela o Campus de Ferrol.

Artigo 6.-

[editar]

Cada Campus deberá ter ou, noutro caso, ser dotado dun mínimo de dous centros con rango de Facultade ou Escola Técnica Superior.

Estructurarase á súa vez internamente tendo en conta o criterio de complementariedade interdisciplinar dentro de cada grande área de coñecemento científico e técnico.

Cada Campus contará cuns mínimos cualitativos e cuantitativos en dotación docente, de administración e servicios, de infraestructura en edificios e de equipamentos en servicios complementarios á docencia e investigación e en servicios comunitarios.

Artigo 7.-

[editar]

Sen prexuízo dos novos centros que poidan crearse, as novas Universidades contarán inicialmente con aqueles onde se ubican na actualidade as Facultades, Escolas Técnicas Superiores, Colexios Universitarios, Escolas Universitarias, así como coas instalacións complementarias situadas nos Campus da Coruña, Ferrol, Vigo, Pontevedra e Ourense, pertencentes á Universidade de Santiago, segregándose da mesma.

Artigo 8.-

[editar]

O repertorio de titulacións do sistema universitario de Galicia atenderá ó principio de completude, en virtude do cal debe tender a abranguer e incorpora-la totalidade do repertorio de titulacións existente, por área de coñecemento, no estado actual da ciencia e da técnica.

Só excepcionalmente se poderá deixar de aplicar este principio, de xeito individualizado, en atención á desmesurada distorsión que implique na asignación dos recursos humanos e financeiros ou atrancos insolubles para a súa cobertura co nivel de calidade científico-docente razoablemente esixible.

Artigo 9.-

[editar]

A creación e localización de novas titulacións e centros e, en definitiva, a ordenación do sistema universitario de Galicia seguirán unha programación que atenda a demanda universitaria e maila disponibilidade dos recursos económicos e docentes necesarios , e axustaranse ós seguintes criterios:

a) Cubri-las necesidades de titulados para o desenvolvemento económico, cultural, científico e técnico de Galicia.

b) Achega-la oferta á demanda e ás previsións de postos de traballo.

c) Corrixi-los desequilibrios existentes nos actuais Campus.

d) Acada-la especialización dos Campus, aínda que mantendo a coexistencia de ensinanzas técnicas e de humanidades.

e) Evita-la multiplicidade de titulacións na Comunidade Autónoma, salvo cando coincidan a demanda real de estudiantes e a necesidade social de titulados.

f) Agrupa-las titulacións por grandes áreas científicas para favorece-la consolidación de unidades departamentais e lograr un máis doado aproveitamento dos recursos infraestructurais e a xeración de solidas liñas de investigación.

g) Transformar positivamente os actuais Colexios Universitarios, incardinando este proceso na expansión xeral da oferta.

Artigo 10.-

[editar]

Os estudiantes poderán acceder a calquera das universidades da comunidade Autónoma, sempre que reúnan os requisitos académicos necesarios, aplicandose o procedemento coñecido como distrito único.

Artigo 11.-

[editar]

1. A coordenación e planificación do sistema universitario de Galicia, constituído polas tres Universidades, corresponderalle á Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.(2)

DISPOSICIÓNS ADICIONALES

[editar]

DISPOSICIÓN ADICIONAL PRIMEIRA

[editar]

A Xunta de Galicia dictará as oportunas disposicións para a segregación dos centros da Universidade de Santiago ós que se refire o artigo 7 e a correspondente integración dos mesmos nas novas Universidades.

Esta segregación que se establecerá mediante un Decreto da Xunta de Galicia, logo dos trámites oportunos ante o Consello Social da Universidade de Santiago, terá lugar con tódolos seus medios materiais e humanos. En particular, o persoal a eles adscrito pasará a prestar servicio na Universidade na que tales centros se integren, respetándoselle os dereitos que posúan no momento da segregación.

O equipamento e pleno desenvolvemento das actividades docentes e de investigación dos centros segregados farase con cargo ó plan de financiamento das Universidades contemplado na Disposición Adicional cuarta desta Lei.

DISPOSICIÓN ADICIONAL SEGUNDA

[editar]

As novas Universidades darán comenzo ás súas actividades académicas logo de producirse a integración efectiva dos centros segregados da Universidade de Santiago, ou a creación doutros novos se é o caso , e a constitución dos órganos de goberno previstos na Disposición Transitoria Primeira.

DISPOSICIÓN ADICIONAL TERCEIRA

[editar]

A Xunta de Galicia, logo da aprobación do plan de financiamento das Universidades ó que se fai referencia na Disposición Adicional cuarta, adoptará as medidas oportunas para a extinción dos Colexios Universitarios, e a súa transformación en Facultades, Escolas Técnicas Superiores, Escolas Universitarias ou outros centros de ensinanza superior.

DISPOSICIÓN ADICIONAL CUARTA

[editar]

1. A Xunta de Galicia deberá presentarlle ó Parlamento o plan de financiamento das Universidades de Galicia, no que figurarán, como mínimo os seguintes aspectos:

a) Transferencias correntes ás Universidades.

b) Investimentos reais previstos para a construcción de novos centros, Institutos de investigación, bibliotecas, residencias e outras instalacións e servicios.

c) Gastos correspondentes á dotación e formación do profesorado.

d) As transferencias de capital para gastos de investigación, de acordo co previsto na Lei 8/1988, do 18 de xullo, do plan seralde investigación científica e técnica de Galicia.

e) Gastos de bolsas para estudiantes.

2. Os Presupostos da Comunidade Autónoma para o período 1990/96 contemplarán os gastos previstos no plan.

3. Autorízase ó Goberno Galego a asumi-los créditos ou emitir Débeda Pública precisos para garanti-lo cumprimento do plan.

DISPOSICIÓNS TRANSITORIAS

[editar]

DISPOSICIÓN TRANSITORIA PRIMEIRA

[editar]

Creánse os seguintes órganos nas novas Universidades para o desenvolvemento das funcións de goberno e administración necesarias para o comenzo das súas actividades:

a) A Comisión de Goberno, á que lle corresponderán as funcións organizativas de goberno no ámbito académico. Estará composta por cinco membros, nomeados pola Consellerís de Educación e Ordenación Universitaria, debendo ter catro deles acondición de profesor numerario da universidade, con destino actual nalgún dos centrosradicados na área territorial correspondente á nova Universidade. O quinto membro será o Xerente da Universidade, que deberá te-la condición de funcionario.

A Xunta de Galicia, por proposta do conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, nomeará o Rector da Universidade, que presidirá a Comisión de Goberno. A citada Comisión estructurarase funcionalmente en dous Vicerrectores, un Secretario Xeral e o Xerente.

b) o Consello Económico, que desempeñará as funcións de carácter económico e financeiro atribuídas pola lexislación vixente ó Consello Social. Estará composto por seis membros, sendo o seu Presidente e dous dos mesmos nomeados pola Xunta de Galicia, dous polo Parlamento de Galicia e un pola respectiva Comisión de Goberno.

DISPOSICIÓN TRANSITORIA SEGUNDA

[editar]

No prazo máximo de tres meses, a partir da entrada en vigor da presente Lei, a Xunta de Galicia procederá á designación dos Rectores e dos membros das Comisións de Goberno das novas Universidades. No mesmo prazo adoptará as medidas necesarias para a constitución dos respectivos Consellos Económicos.

DISPOSICIÓN TRANSITORIA TERCEIRA

[editar]

O Consello Universitario deberá constituísrse no prazo de seis meses, a partir da entrada en vigor da presente Lei. Os Presidentes dos Consellos Económicos ocuparán o lugar previsto na Lei 5/1987, do 27 de maio, para os Presidentes dos Consellos Sociais.

DISPOSICIÓN TRANSITORIA CUARTA

[editar]

No prazo máximo de tres meses, desde a súa constitución, cada Comisión de Goberno eleborará e someterá á aprobación da Xunta de Galicia o seu Regulamento de rexime interno e as normas estatutarias provisorias, polas que se rexerán as novas Universidades en tanto non se aproben os seus Estatutos.

DISPOSICIÓN TRANSITORIA QUINTA

[editar]

No prazo de dous anos , a partir da entrada en vigor desta Lei, as novas universidades procederán á elección do respectivo Claustro universitario Constituínte. Este Claustro elixirá o Rector e, no prazo máximo de seis meses, desde a súa constitución elaborará os Estatutos e someteraos á aprobación da Xunta de Galicia.

Se transcorrido o prazo fixado no parágrafo anterior non se sometesen os Estatutos á mencionada aprobación, a Xunta de Galicia determinará a normativa singular reguladora da actividade universitaria ata aprobación dos mesmos.

En tanto non se aproben os Estatutos das novas universidades, a Xunta de Galicia exercerá as competencias que a lexislación lles atribúe ás Universidades, sen prexuício das que lles correspondan ás respectivas Comisións de Goberno e ós Consellos Económicos, así como das que figuren nas normas estatutarias provisorias.

DISPOSICIÓN TRANSITORIA SEXTA

[editar]

Inmediatamente despois da elección do Claustro procederase á constitución dos correspondentes Consellos Sociais, que se integrarán de acordo co previsto na Lei 5/1987, do 27 de maio, do Consello Social e do Consello Universitario de Galicia, de conformidade co establecido nesta Lei.

DISPOSICIÓN TRANSITORIA SÉTIMA

[editar]

En tanto non se constitúa o Consello universitario de Galicia, o Goberno nomeará unha Comisión de titulacións, coi fin de lle dar cumprimento ó previsto no artigo da presente Lei.

DISPOSICIÓN TRANSITORIA OITAVA

[editar]

O Goberno deberá aproba-lo plan de financiamento no prazo de vinte días desde a publicación desta Lei, para efectos de lle dar cumprimento ódisposto na Disposición Adicional cuarta.

DISPOSICIÓNS DERRADEIRAS

[editar]

DISPOSICIÓN DERRADEIRA PRIMEIRA

[editar]

Autorízase á Xunta de Galicia a dictar cantas disposicións considere necesarias para aplicación e o desenvolvemento da presente Lei.

DISPOSICIÓN DERRADEIRA SEGUNDA

[editar]

Esta Lei entrará en vigor a partir da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.


Esta obra está no dominio público, porque o "Real Decreto Lexislativo 1/1996, de 12 de abril, polo que se aproba o Texto Refundido da Lei de Propiedade Intelectual, regularizando, aclarando e harmonizando as disposicións legais vixentes sobre a materia" establece: "Artigo 13. Exclusións. Non son obxecto de propiedade intelectual as disposicións legais ou regulamentarias e os seus correspondentes proxectos, as resolucións dos órganos xurisdicionais e os actos, acordos, deliberacións e ditames dos organismos públicos, así como as traducións oficiais de todos os textos anteriores."