Saltar ao contido

Lei de creación do Colexio de Educadores Sociais de Galicia

En Galifontes, o Wikisource en galego.

Lei 1/2001, do 22 de xaneiro


O Real Decreto 1420/1991, do 30 de Agosto, establece o título universitario oficial de diplomado en Educación Social. As ensinanzas conducentes á obtención do título oficial de diplomado en Educación Social oriéntanse á formación dun educador nos campos da educación non formal, educación de adultos, inserción social de persoas desadaptadas e minusválidas, así como na acción socioeducativa.

A creación do Colexio Profesional de Educadores Sociais de Galicia, que permitirá dotar a estes profesionais dunha organización capaz de velar polos intereses e ordena-lo exercicio da profesión, enténdese como unha garantía para os sectores sociais máis desfavorecidos, ós que se dirixe a acción daqueles.

Dacordo co establecido no artigo 36 da Constitución Española, ó abeiro do previsto no artigo 27.29º do Estatuto de Autonomía de Galicia, na Lei Orgánica 16/1995, do 27 de decembro, de transferencias de competencias á Comunidade Autónoma de Galicia, no Real Decreto 16453/1996, do 5 de Xullo, de traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado en materia de colexios oficiais ou profesionais, e no Decreto 337/ 1996, do 13 de setembro, da Xunta de Galicia, sobre asunción de funcións e competencias a que se refire o real decreto citado, todo isto en relación co disposto no artigo 4.1º e demais concordantes da Lei 2/1947, do 13 de febreiro, de colexios profesionais, modificada pola 74/1978, do 26 de decembro, modificado tamén pola Lei 7/1997, do 14 de abril, de medidas liberalizadoras en materia de solo e de colexios profesionais, prevese con esta Lei a creación do Colexio de Educadores Sociais de Galicia.

Por todo o exposto o Parlamento de Galicia aprobou e eu, de conformidade co artigo 13.2º do Estatuto de Galicia e co artigo 24 da Lei 1/1983, do 23 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, promulgo en nome de O-Rei a Lei de creación do Colexio de Educadores Sociais de Galicia.

Artigo 1º

[editar]

Créase o Colexio de Educadores Sociais de Galicia, como corporación de dereito publico, con personalidade xurídica propia e plena capacidade de obrar para o cumprimento dos seus fins.

Artigo 2º

[editar]

O ámbito de actuación do colexio será o territorio de Galicia .

Artigo 3º

[editar]

1. Poderán integrarse no Colexio de Educadores Sociais de Galicia os profesionais que estean en posesión do título de diplomado universitario en Educación Social, así como aqueles que se atopen nalgún dos supostos previstos na disposición transitoria segunda, logo da correspondente habilitación.

2. Será requisito para exerce-la profesión de Educador Social no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia a incorporación ó Colexio de Educadores Sociais de Galicia cando o domicilio profesional único ou principal radique nesta comunidade.

Disposicións transitorias

[editar]

Primeira

1. Seis membros da Asociación de Educadores Sociais de Galicia e un número igual de representantes dos/as diplomados/as universitarios/as en Educación Social, designados éstes pola Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais, dacordo con criterios de representación territorial, actuando como comisión xestora, deberán aprobar no prazo de seis meses a partir da entrada en vigor desta Lei uns estatutos provisionais do Colexio de Educadores Sociais de Galicia. Nos citados estatutos deberá regularse a asemblea colexial constituínte, coa previsión da forma de convocatoria e do procedemento de desenvolvemento dela.

A convocatoria da asamblea constituínte deberá realizarse no prazo máximo dun mes, contado dende a finalización do procedemento de habilitación, e deberá anunciarse, como mínimo, con vinte días de antelación no Diario Oficial de Galicia e en dous xornais dos de maior difusión de Galicia.

2. A Asemblea Constituínte deberá:

a) Elaborar e aproba-los estatutos definitivos do colexio

b) Elixi-los membros dos seus organos colexiais de goberno

Segunda

1. A comisión xestora á que se refire a disposición transitoria primeira, constituída en comisión de habilitación, coa incorporación de tres representantes das universidades que imparten en Galicia os estudios de Educación Social e tres expertos designados por maioría dos anteriores, deberá habilitar, se procede, ós profesionais que soliciten a súa incorporación ó colexio.

2. Poderán integrarse no Colexio de Educadores Sociais de Galicia aquelas persoas que, logo de solicitude da súa habilitación dentros dos dezaoito meses seguintes á data da publicación desta Lei se atopen nalgún destes supostos:

a) Primeiro suposto

Aquelas persoas que cursasen estudios específicos dun mínimo de tres anos académicos, iniciados antes do curso 1994/1995, e xustifiquen documentalmente tres anos de dedicación plena ou principal nas tarefas propias do educador social, dentro dos doce anos anteriores á entrada en vigor desta Lei.

Considéranse estudios profesionais específicos os realizados, no ámbito de Galicia, na Escola de Educadores Especializados en Marxinación Social, e no ámbito do resto do estado, os debidamente xustificados.

b) Segundo suposto.

Todas aquelas persoas que acrediten titulación universitaria, licenciatura e/ou diplomatura, en estudios iniciados antes do curso 1994/1995, con tres anos de experiencia na profesión, con carácter de dedicación plena ou principal, acreditada documentalmente, dentro dos quince anos anteriores á entrada en vigor desta Lei.

c) Terceiro suposto

Todas aquelas persoas que acrediten documentalmente oito anos de exercicio e dedicación plena ou principal nas tarefas propias do/a educador/a social desenvolvidas nos vinte anos anteriores á entrada en vigor desta Lei.

Terceira

Os estatutos definitivos, logo de seren aprobados, xunto coa acta de asemblea constituínte, remitiránselle á consellería competente en materia de colexios profesionais para a cualificación da súa legalidade e, se e o caso, publicación no Diario Oficial de Galicia .

Disposición derradeira

[editar]

Esta Lei entrará en vigor ó día seguinte da súa publicación no Diario Oficial de Galicia

Santiago de Compostela, vintedous de xaneiro de dous mil un.

Manuel Fraga Iribarne
Presidente


Esta obra está no dominio público, porque o "Real Decreto Lexislativo 1/1996, de 12 de abril, polo que se aproba o Texto Refundido da Lei de Propiedade Intelectual, regularizando, aclarando e harmonizando as disposicións legais vixentes sobre a materia" establece: "Artigo 13. Exclusións. Non son obxecto de propiedade intelectual as disposicións legais ou regulamentarias e os seus correspondentes proxectos, as resolucións dos órganos xurisdicionais e os actos, acordos, deliberacións e ditames dos organismos públicos, así como as traducións oficiais de todos os textos anteriores."