Lei 36/2002, do 8 de outubro

En Galifontes, o Wikisource en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura

Lei 36/2002, do 8 de outubro, de modificación do Código Civil en materia de nacionalidade.

Juan Carlos I,

Rei de ESPAÑA

A tódolos que a presente viren e entenderen. Sabede:

Que as Cortes Xerais aprobaron e Eu sanciono a seguinte Lei.

Exposición de motivos[editar]

I[editar]

Dende a promulgación do Código Civil en 1889, a regulación xurídica da nacionalidade, concebida como vínculo político e xurídico que liga a unha persoa física co seu Estado, foi obxecto de sucesivas reformas, motivadas, unhas veces, pola necesidade de adapta-la lexislación a novas realidades que surxiron, e outras, a partir de 1978, pola esixencia de dar cumprimento ós mandatos da Constitución Española. En concreto, ten que terse ben presente o encargo que contén o artigo 42 da mesma cando encomenda ó Estado a misión de velar pola salvagarda dos dereitos económicos e sociais dos traballadores españois no extranxeiro, á que engade a obrigación de orienta-la súa política cara o seu retorno. Facilita-la conservación e transmisión da nacionalidade española é, sen dúbida, unha forma eficaz de cumprir este mandato e éste é o principal obxectivo da presente Lei.

II[editar]

Neste sentido, introduciuse no artigo 20 a posibilidade de que as persoas cuio pai ou nai fose orixinariamente español e nacido en España poidan optar pola nacionalidade española sen límite de idade. Deste modo, dase cumprida resposta, por un lado, á recomendación contida no informe publicado no Boletín Oficial das Cortes Xerais o 27 de febreiro de 1998, elaborado pola Subcomisión do Congreso dos Deputados, creada para o estudio da situación dos españois que residen no extranxeiro e, por outro, ás reclamacións que éstes fixeron chegar ó Consello da Emigración pedindo que se superara o sistema de prazos preclusivos de opción establecidos sucesivamente polas Leis 18/1990, 15/1993 e 29/1995.

Na mesma orde de cousas, modificouse o artigo 24 para establecer un sistema que permitise ó que se atopase nalgún dos supostos contemprados no apartado 1 dese artigo, e antes de que se cumprise o prazo establecido no 2, impedi-la perda que, doutra forma, se producía automáticamente ó transcorre-lo prazo establecido. En coherencia con todo iso, reformouse igualmente o artigo 25, do que ademáis desapareceu o suposto de perda da nacionalidad como pena, ó non contemplarse xa a mesma no Código Penal.

Nesta mesma líña, suprimiuse do artigo 26 o requisito de renunciar á nacionalidade anterior, posto que o mesmo supuña na práctica un obstáculo insuperable para a recuperación da nacionalidade española. Desta forma, aténdese á esixencia contida no punto seis da moción aprobada polo Pleno do Congreso dos Deputados o 18 de outubro de 2000, sobre medidas para mellorar, xurídica e económicamente, a situación dos emigrantes españois.

III[editar]

Por outro lado, considerouse convinte facer nos textos vixentes as melloras técnicas que a experiencia acumulada na aplicación dos mesmos, a actividade lexislativa acaecida dende a súa aprobación ou a xurisprudencia fixeron aconsellables e que teñen un desigual alcance.

Así, a modificación introducida no artigo 22.3 ten por obxecto deixar sentado que a residencia, a efectos de servir de base para a adquisición da nacionalidade española, ten que ser efectiva, resolvendo así as dúbidas acerca de como tiña que interpretarse a necesidade de que fosa legal e se iso comprendía ou non a residencia física. Por outro lado, a reforma é acorde cos prantexamentos da sentencia do Tribunal Supremo do 19 de novembro de 1998, que concibe o requisito de residir como a proba de que existe, no ánimo do interesado, a vontade de integrarse na comunidade española.

Tamén desapareceu do artículo 26.2 o requisito previo da habilitación do Goberno para a recuperación da nacionalidade española cando non se cumpriu o servicio militar ou a prestación civil sustitutoria.

A disposición adicional primeira ten por finalidade adecua-los procedementos relativos á nacionalidade española á normativa da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de Réxime Xurídico das Administracións Públicas e do Procedemento Administrativo Común, sinalándose un prazo máximo dun ano para a resolución dos expedientes, tida conta da complexidade que entraña a súa tramitación e resolvéndose o silencio administrativo en sentido negativo, en consideración ós efectos prexudiciais que a solución contraria tería.

Por último, a presente Lei díctase ó amparo da competencia que en exclusiva corresponde ó Estado conforme á regra 2. do artigo 149.1 da Constitución Española.

Artigo único[editar]

Os artigos 20, 22, 23, 24, 25 e 26 do Código Civil quedarán redactados da forma seguinte:

Artigo 20

1. Teñen dereito a optar pola nacionalidade española:

a) As persoas que estexan ou estivesen suxeitas á patria potestade dun español.

b) Aquelas cuio pai ou nai fose orixinariamente español e nacido en España.

c) As que se atopen comprendidas no segundo apartado dos artigos 17 e 19.

2. A declaración de opción formularase:

a) Polo representante legal do optante, menor de catorce anos ou incapacitado. Neste caso, a opción require autorización do encargado do Rexistro Civil do domicilio do declarante, previo dictame do Ministerio Fiscal. Dita autorización concederase en interés do menor ou incapaz.

b) Polo propio interesado, asistido polo seu representante legal, cando aquél sexa maior de catorce anos ou cando, aínda estando incapacitado, así o permita a sentencia de incapacitación.

c) Polo interesado, por sí só, se está emancipado ou é maior de dezaoito anos. A opción caducará ós vinte anos de idade, pero se o optante non estivese emancipado segundo a súa lei persoal ó chegar ós dezaoito anos, o prazo para optar prolongarase ata que transcorran dous anos dende a emancipación.

d) Polo interesado, por sí só, dentro dos dous anos seguintes á recuperación da plena capacidade. Exceptúase o caso no que caducase o dereito de opción conforme ó parágrafo c.

3. Non obstante o disposto no apartado anterior, o exercicio do dereito de opción previsto no apartado 1.b deste artigo non estará suxeito a límite algún de idade.

Artigo 22

1. Para a concesión da nacionalidade por residencia requírese que ésta durase dez anos. Serán suficientes cinco anos para os que obtivesen a condición de refuxiado e dous anos cando se trate de nacionais de orixe de países iberoamericanos, Andorra, Filipinas, Guinea Ecuatorial ou Portugal ou de sefardís.

2. Bastará o tempo de residencia dun ano para:

a) O que nacese en territorio español.

b) O que non exercitase oportunamente a facultade de optar.

c) O que estivese suxeito legalmente á tutela, garda ou acoxemento dun ciudadán ou institución españois durante dous anos consecutivos, incluso se continuase nesta situación no momento da solicitude.

d) O que ó tempo da solicitude levase un ano casado con español ou española e non estivese separado legalmente ou de feito.

e) O viuvo ou viuva de española ou español, se á morte do cónxuxe non existise separación legal ou de feito.

f) O nacido fora de España de pai ou nai, abó ou aboa, que orixinariamente fosen españois.

3. En tódolos casos, a residencia terá de ser legal, continuada e inmediatamente anterior á petición.

Ós efectos do previsto no parágrafo d do apartado anterior, entenderase que ten residencia legal en España o cónxuxe que conviva con funcionario diplomático ou consular español acreditado no extranxeiro.

4. O interesado deberá xustificar, no expediente regulado pola lexislación do Rexistro Civil, boa conducta cívica e suficiente grado de integración na sociedade española.

5. A concesión ou denegación da nacionalidade por residencia deixa a salvo a vía xudicial contencioso-administrativa.

Artigo 23

Son requisitos comúns para a validez da adquisición da nacionalidade española por opción, carta de natureza ou residencia:

a) Que o maior de catorce anos e capaz para prestar unha declaración por sí xure ou prometa fidelidade ó Rei e obediencia á Constitución e ás leis.

b) Que a mesma persoa declare que renuncia á súa anterior nacionalidade. Quedan a salvo deste requisito os naturais de países mencionados no apartado 1 do artigo 24.

c) Que a adquisición se inscriba no Rexistro Civil español.

Artigo 24

1. Perden a nacionalidade española os emancipados que, residindo habitualmente no extranxeiro, adquiran voluntariamente outra nacionalidade ou empreguen exclusivamente a nacionalidad extranxeira que tivesen atribuida antes da emancipación. A perda producirase unha vez que transcorran tres anos, a contar, respectivamente, dende a adquisición da nacionalidade extranxeira ou dende a emancipación. Non obstante, os interesados poderán evita-la perda se dentro do prazo indicado declaran a súa vontade de conserva-la nacionalidad española ó encargado do Rexistro Civil.

A adquisición da nacionalidade de países iberoamericanos, Andorra, Filipinas, Guinea Ecuatorial ou Portugal non é bastante para producir, conforme a este apartado, a perda da nacionalidade española de orixe.

2. En todo caso, perden a nacionalidade española os españois emancipados que renuncien expresamente a ela, se teñen outra nacionalidade e residen habitualmente no extranxeiro.

3. Os que tendo nacido e residindo no extranxeiro ostenten a nacionalidade española por ser fillos de pai ou nai españois, tamén nacidos no extranxeiro, cando as leis do país onde residan lles atribúan a nacionalidade do mesmo, perderán, en todo caso, a nacionalidade española se non declaran a súa vontade de conservala ante o encargado do Rexistro Civil no prazo de tres anos, a contar dende a súa maioría de idade ou emancipación.

4. Non se perde a nacionalidade española, en virtude do disposto neste precepto, se España estivese en guerra.

Artigo 25

1. Os españois que non o sexan de orixe perderán a nacionalidade:

a) Cando durante un período de tres anos empreguen exclusivamente a nacionalidade á que declarasen renunciar ó adquiri-la nacionalidade española.

b) Cando entren voluntariamente ó servicio das armas ou exerzan cargo político nun Estado extranxeiro contra a prohibición expresa do Goberno.

2. A sentencia firme que declare que o interesado incurriu en falsedade, ocultación ou fraude na adquisición da nacionalidade española produce a nulidade de tal adquisición, se ben non se derivarán dela efectos prexudiciais para terceiros de boa fe. A acción de nulidade deberá exercitarse polo Ministerio Fiscal de oficio ou en virtude de denuncia, dentro do prazo de quince anos.

Artigo 26

1. Quen perdese a nacionalidade española poderá recuperarla cumprindo os seguintes requisitos:

a) Ser residente legal en España. Este requisito non será de aplicación ós emigrantes nin ós fillos de emigrantes. Nos demáis casos poderá ser dispensado polo Ministro de Xustiza cando concorran circunstancias excepcionais.

b) Declarar ante o encargado do Rexistro Civil a súa vontade de recupera-la nacionalidade española.

c) Inscribi-la recuperación no Rexistro Civil.

2. Non poderán recuperar ou adquirir, no seu caso, a nacionalidade española sen previa habilitación concedida discrecionalmente polo Goberno, os que se atopen incursos en calquera dos supostos previstos no artigo anterior.

Disposicións adicionais[editar]

Primeira

As solicitudes de adquisición por residencia e de dispensa do requisito de residencia legal para recupera-la nacionalidade española haberán de ser resoltas no prazo máximo dun ano dende que tivesen entrada no órgano competente para resolver, transcorrido o cal, sen que recaise resolución expresa, entenderanse desestimadas, de acordo co disposto na disposición adicional segunda da Lei de Rexistro Civil.

Segunda

A causa de perda prevista no artigo 24.3 do Código Civil só será de aplicación a aqueles que cheguen á maioría de idade ou emancipación despois da entrada en vigor da presente Lei.

Disposición derrogatoria[editar]

Única

Quedan derrogadas as disposicións de igual ou inferior rango que se opoñan ó disposto na presente Lei.

Disposición derradeira[editar]

Única

A presente Lei entrará en vigor ós tres meses da súa publicación no «Boletín Oficial del Estado».

Por tanto,

Mando a tódolos españois, particulares e autoridades, que garden e fagan gardar esta Lei.

Madrid, 8 de outubro de 2002.

JUAN CARLOS R.

O Presidente do Goberno,

JOSÉ MARÍA AZNAR LÓPEZ.