Saltar ao contido

Ladraban contra min que camiñaba

En Galifontes, o Wikisource en galego.


Ladraban contra min, que camiñaba
         cási-que sin alento,
sin poder c'o meu fondo pensamento
Y á pezoña mortal qu'en min levaba.
         Y a ẍente que topaba,
         ollándome a mantenta,
d'o meu dor sin igual y á miña afrenta,
         traidora se mofaban.
Y eso que nada máis qu'á adiviñaba.
         si á souperan ¡Dios mío!,
-pensei tembrando-, contra min volvera
         a corrente d'o río.

                    __

Buscand'ó abrigo d'os máis altos muros,
         n'os camiños desertos,
ensangrentando ôs pés nos seiẍos duros,
fun chegando ô lugar d'os meus cariños,
maẍinando espantada:—os meus meniños
         ¿Estarán ẍa espertos?
¡Ay, qu'ó verme chegar tan maltratada,
chorosa, sin alento e ensangrentada,
darán en s'afriẍir... mal pocadiños!
         por súa nay malfadada.

                    __

         Pouco á pouco fun indo,
i as escaleiras con temor subindo,
c'o triste corazón sobresaltado:
¡Escoitei!… nin as moscas rebullían.
No berce ind'os meus anẍeles dormian,
         c'a virẍen ô seu lado.