Saltar ao contido

Fundación Penzol

En Galifontes, o Wikisource en galego.

DOG Núm. 60 Luns, 26 de marzo de 2001 Páx. 3.773

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE CULTURA, COMUNICACIÓN SOCIAL E TURISMO

ORDE do 6 de marzo de 2001 pola que se declara de interese galego a Fundación Penzol e se ordena a súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.


Visto o expediente de recoñecemento de interese galego e inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación Penzol, con domicilio en Vigo.


Supostos de feito:

Primeiro.-A fundación foi constituída en escritura pública outorgada en Vigo, o día 7 de abril de 1963, ante o notario do Ilustre Colexio da Coruña, Alberto Casal Rivas, co número mil dezaoito do seu protocolo, por Fermín Fernández-Penzol Labandera; e recoñécese, clasifícase e inscríbese como por Orde do 4 de marzo de 1982 do Ministerio de Cultura.


Segundo.-O 30 de xuño de 1988 solicitouse por parte de Blanca Jiménez Alonso a transferencia da Fundación Penzol do Ministerio de Cultura á Xunta de Galicia para a súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego. Con data 11 de outubro de 1988 transfírese á Xunta de Galicia a documentación da Fundación Penzol e con data 26 de xuño de 1998 o padroado aproba a adaptación dos seus estatutos á Lei 7/1983, do 22 xuño, de réxime das fundacións de interese galego, modificada pola Lei 11/1991, do 8 de novembro, e ó Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego; dito acordo elevouse a escritura pública outorgada o día 31 de decembro de 1998 ante o notario José Antonio Rodríguez González.


Terceiro.-Segundo consta no artigo seis dos estatutos, a fundación ten por obxecto e fin fundacional: «O sostemento da biblioteca formada por libros, revistas e papeis de tódalas clases referentes a Galicia, que o fundador coleccionou guiado polo amor á súa terra, e tamén polos fondos doados ou adquiridos con posterioridade co desexo de que estes fondos poidan servir de axuda coa maior eficacia a cantos queiran consagrarse ó estudio e investigación da historia e dos problemas da realidade cultural e social galega».


Cuarto.-Na escritura pública pola que se constitúe a fundación constan, entre outros, os seguintes puntos: acreditación da personalidade dos fundadores, dotación inicial da fundación, estatutos nos que consta a denominación da fundación como Fundación Penzol, capacidade xurídica, composición do órgano de goberno, réxime de adopción de acordos, domicilio e obxecto.


O padroado da fundación está composto polas seguintes persoas:

- Presidenta: Mª Blanca Jiménez Alonso.

- Vicepresidente: Alfonso Zulueta de Haz.

- Vocais: Francisco Fernández del Riego, Xaime Isla Couto, Domingo García Sabell, Xerardo Fernández Albor, Agustín Sixto Seco, Carlos Casares Mouriño, Olga Gallego Mouriño, Mª Xosé Rodríguez Galdo, Xulián Parga Rodríguez e Xulio Souto Bo.


- Secretario: Antón Vidal Andión.

Quinto.-En cumprimento do establecido no artigo 32.3º a) do Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, con data do 9 de febreiro de 2001, a Asesoría Xurídica delegada da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo emite informe favorable sobre a legalidade da declaración de interese galego da Fundación Penzol.


Fundamentos de dereito:

Primeiro.-O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral de acordo coa lei, e o artigo 27.26º do Estatuto de autonomía para Galicia outórgalle competencia exclusiva sobre o réxime de fundacións de interese galego.


Segundo.-Conforme o artigo 32.3º a) do Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, así como os artigos 1 e 4 do Decreto 8/1998, do 8 de xaneiro, polo que se desenvolve a estructura orgánica da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo, é competencia desta consellería a declaración de interese galego e inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación Penzol, dado o seu obxecto, coincidente coas competencias desenvolvidas pola Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo, asumindo as funcións que canto a protectorado lle corresponden á Xunta de Galicia.


Terceiro.-Ó abeiro do disposto no artigo 7.5º da Lei 7/1983, do 22 de xuño, á realización da finalidade fundacional débense destinar, cando menos, o oitenta por cento das rendas que obteña a fundación e dos outros ingresos que non formen parte da dotación dela.


Cuarto.-A Lei 11/1991, do 8 de novembro, dá nova redacción ó artigo 21.2º da Lei 7/1983, do 22 de xuño, establecendo a obriga de, por unha parte, formular e presenta-lo orzamento de ingresos e gastos ó protectorado con anterioridade ó inicio do exercicio económico e, por outra, efectuar un inventario-balance, pechado na data de finalización do exercicio, unha memoria das actividades realizadas ó longo do ano e da xestión económica do seu patrimonio, así como a liquidación do orzamento de ingresos e gastos do ano anterior, que deberán presentarse


ó protectorado no prazo de seis meses desde a data de peche do exercicio.

Este conxunto de obrigas débense entender asumidas pola fundación, aínda que non se recollan expresamente nos seus estatutos.


Quinto.-Á vista do exposto pódense entender substancialmente cumpridos os requisitos legais e regulamentarios para a declaración de interese galego e a súa inscrición no Rexistro de Fundacións da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo segundo se desprende dos artigos 5, 6, 7, 8, 11.1º e 18 da Lei 7/1983, do 22 de xuño, en relación cos artigos 2, 3, 4, 5 e 33 do Decreto 248/1992, do 18 de xuño.


Vistas as seguintes normas xurídicas: Constitución española; Estatuto de autonomía para Galicia; Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, modificada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro; Lei 30/1994, do 24 de novembro, de fundacións e incentivos fiscais á participación privada en actividades de interese xeral; Lei 7/1983, do 22 de xuño, de réxime das fundacións de interese galego, modificada por Lei 11/1991, do 8 de novembro; Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego; Decreto 8/1998, do 8 de xaneiro, polo que se desenvolve a estructura orgánica da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo; Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada por Lei 4/1999, do 13 de xaneiro; e demais normativa de pertinente e xeral aplicación.


DISPOÑO:

Primeiro.- Recoñecer e declarar de interese galego a Fundación Penzol.

Segundo.-Ordena-la súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo.

Terceiro.-Aproba-los seus estatutos e a composición do seu órgano de goberno.

Cuarto.-A dita fundación queda sometida ó disposto na normativa de xeral aplicación, en especial á obriga de dar publicidade suficiente ás súas actividades e á ausencia de ánimo de lucro na prestación dos seus servicios, quedando obrigada a render contas anualmente ó protectorado e a xustificar, a través dunha memoria anual, o cumprimento das cargas fundacionais, así como a presenta-lo proxecto de orzamento antes do último mes do exercicio económico anterior a aquel para o que se formula, debendo solicita-las preceptivas autorizacións do protectorado cando sexan necesarias.


Contra esta orde, que pon fin á vía administrativa, poderá interpoñerse potestativamente recurso de reposición ante este mesmo órgano, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ó da súa publicación, ou recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ó da publicación. Non se poderá interpoñer recurso contencioso-administrativo ata que sexa resolto expresamente ou se producise a desestimación presunta do recurso de reposición.

A presente orde entrará en vigor ó día seguinte da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.


Santiago de Compostela, 6 de marzo de 2001.

Jesús Pérez Varela

Conselleiro de Cultura, Comunicación Social e Turismo


Esta obra está no dominio público, porque o "Real Decreto Lexislativo 1/1996, de 12 de abril, polo que se aproba o Texto Refundido da Lei de Propiedade Intelectual, regularizando, aclarando e harmonizando as disposicións legais vixentes sobre a materia" establece: "Artigo 13. Exclusións. Non son obxecto de propiedade intelectual as disposicións legais ou regulamentarias e os seus correspondentes proxectos, as resolucións dos órganos xurisdicionais e os actos, acordos, deliberacións e ditames dos organismos públicos, así como as traducións oficiais de todos os textos anteriores."