Saltar ao contido

Follas novas/Dedicatoria

En Galifontes, o Wikisource en galego.


Dedicatoria (Follas novas)       Rosalía de Castro       1880
 


OS SEÑORES DA XUNTA DIRECTIVA

E MAIS INDIVIDUOS QUE COMPOÑEN A

SOCIEDADE DE BENEFICENCIA D'OS NATURALES DE GALICIA

N'HABANA


   Un sentimento de gratitude faime oxe dedicarlles este meu libro. O dia en qu'os fillos de Galicia levaban á cabo n'Habana un d'os seus mais groriosos feitos (permitaseme chamarlle asi, porque tal o creio); o dia en qu'entr'o aplauso de todos, fundouse en tan lexana rexion á Sociedade de beneficencia d'os naturales de Galicia, houbo quen quixo santifical'ô seu modo volvendo pr'á sua patria os ollos y o corazon, unindo n'aquela obra de patriotismo ó recordo d'un libro que foi tamen ó esaltado fruto d'amor ô noso país.

   O xuntar ôs nomes d'os fundadores d'a Sociedade, o d'autora d'os CANTARES GALLEGOS (cousa que lles agradecin por que me via asi unida á obra de caridade mais grata ô meu corazon) xa sey que non foy mais que como un-ha espresion d'amor pr'á patria ausente, qu'eu cantara xa que non en bós versos, ô menos en versos afertunados. Séino ben; mais non por eso deixo de ter n'o que val aquel recordo, e de crêrme obrigada á dar á esa Sociedade un-ha pubrica moestra d'o meu agradecemento, xa que púbrica foy tamen á proba d'estimacion que á su vez me deron n'aquel dia os meus paisanos n'Habana.

   Reciban pois á dedicatoria d'este meu novo libro: trata d'as cousas d'a terra, e vay escrita n'a nosa lengoa. Recíbana, non pó-lo que val, sinon pó-lo que significa.

ROSALÍA CASTRO DE MURGUIA

Socia honoraria da Sociedade de beneficencia

d'os naturales de Galicia n' Habana


   Santiago 23 Febreiro 1880.



<<<< >>>>