Saltar ao contido

Follas novas/En Cornes

En Galifontes, o Wikisource en galego.
(Redirección desde «En Cornes»)


IV. D'a terra (Follas novas)       Rosalía Castro      
 



EN CORNES



I

  Formoso campo de Cornes,
Cando te crobes de lirios
Tamen se me crobe á yalma
De pensamentos sombrisos.
De Cornes lindo lugare
Que cruzan tantos camiños,
Anque cuberto de rosas,
As rosas, tamén fan guizos.

  Antr'as pedras, alelises,
Antr'os toxos, campanillas,
Por antr'os musgos, violas,
Regos, por antr'as curtiñas,
Río abaixo está o moiño,
Compostela, río arriba...
Río arriba, ou río abaixo,
Todo é calma na campía.

  Convidando á meditare,
Soan de Conxo as campanas,
Beben os bois n'o teu río
Y o sol alegra á escampada.
D'as tuas casas terreñas
Say fume e os galos cantan...
¡Quen en tan fresco retiro
Dirá que as dores fan lama!

  Donde hay homes hai pesares,
Mais n'os teus campos, ña terra,
Maxiño que os hay mais fondos,
Cando t'amostras mais leda.
¡Por qu'eses trios d'os páxaros,
Eses ecos y esas brétemas
Vaporosas, y esas frores,
N'alma triste, canto pesan!

  Po-las silveiras errante
Vexo un-ha meniña orfa
Que triste vay marmurando,
-Ña Virxe, quen rosa fora!
-¿Porque qués ser rosa, nena?
Lle preguntei cariñosa,
Y ela contesta sorrindo,
-Porque non ten fame as rosas.

  Cost'arriba, cost'arriba,
Desandemo-lo camiño,
Fuxamos d'este sosego
Dos pesares enemigo.
¡Que negro contraste forman,
D'a natureza o tranquilo
Reposo, co as ansias feras
Que abaten o inxel esprito!

II

  Cruceiro de Ramirez que t'ergues solitario
D'os agros n'a expranada, ant'ras rosas d'os campos,
O sol d'a tarde pousa, en tí ó postreiro rayo
Coma n'un alma triste, pousa un soño dourado.

Algun-ha vez n'o estio, en o teu pé sentada
Escoito silenciosa, mentras á tarde acaba:
Baixo d'as pedras mudas, que teu secreto gardan
Maxino que resoa o brando son d'un arpa,
¡Musica incompresible que d'outros mundos fala!

  ¡Tal de Memnon s'oian ó amañcer n'a estatua,
Aqueles son divinos que as almas encantaban!

III

  Ódiote campo fresco,
C'os teus verdes valados,
C'os teus altos loureiros
Y os teus camiños brancos
Sembrados de violetas,
Cubertos d'emparrados.
  Ódiovos montes soaves
Que o sol poniente aluma,
Qu'en noites mais sereas
Vin o fulgor d'a lua,
Y ond'en mellores dias
Vaguey po-las alturas.
 E tí tamén, pequeno
Rio, cal n'outro hermoso
Tamén aborrecido,
És antr'os meu recordos...
¡Porque vos amey tanto,
E porque así vos odio!



<<<< >>>>