Saltar ao contido

Documento de presentación da FPG

En Galifontes, o Wikisource en galego.

Limiar

[editar]

Só a radical ruptura da dependéncia colonial da Galiza a respeito do Estado Imperialista Español, concretada na Independéncia Nacional, pode procurar un futuro digno ás clases traballadoras galegas. Este é pois o obxectivo que obriga a que diferentes organizacións políticas e colectivos nacionalistas nos unamos para constituir a FRENTE POPULAR GALEGA co fin de organizarmos ao noso povo para a liberación nacional e social da Galiza.

Todos os que contribuimos ao nascimento da FPG temos un común denominador na nosa militáncia nacionalista identificada cos intereses das clases populares galegas.

Non é casualidade que a FRENTE POPULAR GALEGA naza cando o noso país sofre unha forte agresión e expoliación das suas riquezas que provoca unha agudización da situación de miséria que vivemos (desmantelamento industrial, paro encuberto cunha taxa real superior á media do Estado español, subemprego e sobre explotación...). Agresión e expoliación constantes ás que non é posível dar solucións globais axeitadas no actual marco democrático-burgués. A Constitución española e o Estatuto de Autonomía so serven para perpetuar o actual estado de cousas e asegurar que as estruturas do sistema e os priviléxios dos explotadores se manteñan en contra das clases populares.