Doazón de Constantino
A doazón de Constantino (latín: Donatio Constantini) é un decreto imperial apócrifo atribuído a Constantino I segundo o cal, ao tempo que se recoñecía ao Papa Silvestre I como soberano, se lle doaba a cidade de Roma, así como as provincias de Italia e todo o resto do Imperio Romano de Occidente. A autenticidade do documento foi posta en dúbida xa durante a Idade Media. Pero foi o humanista Lorenzo Valla quen en 1440 puido demostrar definitivamente que se trataba dunha fraude da curia romana: a través da análise lingüística do texto demostrou que non podía estar datado arredor do ano 300.
Texto da Donatio Constantini
[editar][...] Xunto con todos os maxistrados, co senado e os magnates e todo o pobo suxeito á gloria do Imperio de Roma, Xulgámonos útil que, como san Pedro foi escollido vicario do Fillo de Deus na terra, así tamén os pontífices, que fan as veces do mesmo príncipe dos Apóstolos, reciban de parte nosa e do noso Imperio un poder de goberno maior que o que posúe a terrea clemencia de nosa serenidade imperial, porque Nós desexamos que o mesmo príncipe dos Apóstolos e os seus vicarios nos sexan seguros intercesores xunto a Deus. Desexamos que a Santa Igrexa Romana sexa honrada con veneración, como nosa terrea potencia imperial, e que a sede santísima de san Pedro sexa exaltada gloriosamente aínda máis que o noso trono terreo, xa que Nós lle damos poder, gloriosa maxestade, autoridade e honor imperial. E mandamos e decretamos que teña a supremacía sobre as catro sedes eminentes de Alexandría, Antioquía, Xerusalén e Constantinopla e sobre todas as outras igrexas de Deus en toda a terra, e que o Pontífice reinante sobre a mesma e santísima Igrexa de Roma sexa o máis elevado en grao e primeiro de todos os sacerdotes de todo o mundo e decida todo o que sexa necesario ao culto de Deus e á firmeza da fe cristiá [...].
[...] Acordamos ás igrexas dos santos Apóstolos Pedro e Paulo rendas de posesións, para que sempre estean acesas as luces e estean enriquecidas de formas varias; aparte, pola nosa benevolencia, con decreto da nosa sagrada vontade imperial concedemos terras en Occidente e en Oriente, para o norte e para o sur, a saber en Xudea, en Tracia, en Grecia, en Asia, en África e en Italia e en varias illas, coa condición de que sexan gobernadas polo noso santísimo pai o sumo pontífice Silvestre e os seus sucesores [...].
[...] Desde este momento concedemos ao noso santo pai Silvestre, sumo pontífice e papa universal de Roma, e a todos os pontífices sucesores seus, que ata o fin do mundo reinen sobre a sede de san Pedro: o noso palacio imperial de Latrán, a diadema, ou sexa o noso deambulatorio, a tiara, o humeral que adoitan levar os emperadores, o manto purpúreo e a túnica escarlata e calquera outra indumentaria imperial, a dignidade de cabaleiros imperiais, os cetros imperiais e todas as insignias e estandartes e os diversos ornamentos imperiais, e todas as prerrogativas da excelencia imperial e a gloria do noso poder. Queremos que todos os reverendísimos sacerdotes que serven á mesma santísima Igrexa Romana nos seus diversos graos, teñan a distinción, potestade e preeminencia coas que se orna gloriosamente o noso ilustre Senado, é dicir, que se convertan en patricios e cónsules e sexan investidos con todas as outras dignidades imperiais. Decretamos que o clero da Santa Igrexa Romana se orne como o exército imperial. E como a potencia imperial se circunda de oficiais, camarlengos, servidores e gardas de todo tipo, así tamén queremos que a Santa Romana Igrexa estea ornada cos mesmos. E para que resplandeza magnificamente o honor do Pontífice, decretamos así mesmo o seguinte: que o clero da Santa Igrexa Romana orne os seus cabalos con arreos e galdrapas de liño branco e así cabalgue. E como os nosos senadores levan calzados brancos de pelo de cabra, así os leven tamén os sacerdotes, para que as cousas terreas sexan ornadas como as celestiais, para gloria de Deus. Ademais, ao noso santísimo pai Silvestre e aos seus sucesores dámoslles autoridade de ordenar a quen queira que desexe ser crego, ou de agregalo ao número dos relixiosos. Ninguén actúe con arrogancia respecto a isto. Tamén decidimos que el e os seus sucesores leven a diadema, ou sexa a deambulatorio de ouro purísimo con xemas preciosas, que de nosa cabeza lle concedemos. Pero porque o mesmo beatísimo Papa non quixo levar un deambulatorio de ouro sobre o deambulatorio do sacerdocio, que leva a gloria de san Pedro, Nós coas nosas propias mans puxemos sobre a súa santa cabeza unha tiara brillante de cándido esplendor, símbolo da Resurrección do Señor e por reverencia a san Pedro sostivémoslle as rédeas do seu cabalo, cumprindo para el o oficio de cabaleiro: establecemos que tamén todos os seus sucesores leven en procesión a tiara, cun honor único, como os emperadores. E para que a dignidade pontificia non sexa inferior, senón que teña maior gloria e potencia que a do Imperio terreo, Nós damos ao mencionado santísimo pontífice noso Silvestre, papa universal, e deixamos e establecemos no seu poder grazas ao noso decreto imperial, como posesións de dereito da Santa Igrexa Romana, non soamente o noso palacio, como xa se dixo, senón tamén a cidade de Roma e todas as provincias, lugares e cidades de Italia e do Occidente. Xa que logo, consideramos oportuno transferir o noso imperio e o poder do reino para Oriente e fundar na provincia de Bizancio, lugar óptimo, unha cidade co noso nome, e establecer alí o noso goberno, posto que non é xusto que o emperador terreal reine alí onde o Emperador celestial estableceu o principado dos sacerdotes e o Corpo da relixión cristiá. Decretamos que todas estas decisións que sancionamos cun sagrado decreto imperial e con outros divinos decretos, permanezan inviolábeis e íntegros ata o fin do mundo. Polo tanto, en presenza de Deus vivo que nos ordenou reinar, e diante do seu xuízo tremendo, decretamos solemnemente, con este acto imperial, que a ningún dos nosos sucesores, magnates, maxistrados, senadores e súbditos que agora, ou no futuro estiveren suxeitos ao imperio, sexa lícito infrinxir isto ou alteralo de calquera modo. Se algún —cousa que non cremos— desprezase ou violase isto, sexa acadado polas mesmas condenas e lles sexan adversos, tanto agora como na vida futura, Pedro e Paulo, príncipes dos Apóstolos, e co diaño e con todos os impíos sexan precipitados a queimarse no profundo do inferno.
Puxemos este, o noso decreto, coa nosa sinatura, sobre o venerábel corpo de san Pedro, príncipe dos Apóstolos. [1]
Nota
[editar]Véxase tamén
[editar]Vexa o artigo da Galipedia acerca de Doazón de Constantino |