Declaración política Galeuscat (2006)
Declaración política Galeuscat
Galeuscat, a alianza política a prol dun estado plurinacional BNG, CDC, EAJ-PNV e UDC 25 de xaneiro de 2006
Antecedentes históricos
[editar]A Alianza entre as forzas nacionalistas vasca, galega e catalá vén de lonxe: o noso proxecto común recorreu un longo camiño cara á definición dunha estratexia compartida e unha unidade de actuación co obxectivo de acadar o recoñecemento xurídico-político das nosas realidades nacionais.
A principios do século XVIII estabelécese o modelo de estado español baseado no centralismo e o uniformismo e consolídase no século XIX, o que trae consigo un profundo deterioro das realidades pluriculturais, plurilingües e plurinacionais.
Ante a práctica negación das nosas realidades nacionais, o sentimento identitario vai tomando conciencia en Euskadi, Galiza e Catalunya: vanse creando asociacións e entidades culturais de prestixio, movementos cidadáns a favor da lingua e a cultura nacionais, formacións políticas, sindicatos, etc. con vocación de construír nación.
Nese contexto, as forzas nacionalistas de Galiza, Euskadi e Catalunya comezan a traballar conxuntamente na busca dunha estratexia concertada:
- O 11 de setembro de 1923, Diada Nacional de Catalunya, asínase en Barcelona o Pacto da Tripla Alianza avalado por Francesc Maciá, Nicolau d'Olwer, Ventura Gassol e Antoni Rovira i Virgili por Catalunya; Manu Egileor, Eli Gallastegi, Uribeetxebarria e Manu Roble Aranguiz por Euskadi e Alfredo Somoza e Franciso Zamora por Galiza.
- Dez anos máis tarde, asínase o Pacto de Compostela no Pazo de Fonseca en Galiza, creándose Galeuzca coa participación, entre outros destacados nacionalistas, de Batista i Roca, Nicolau d'Olwer, Castelao, Suarez Picallo, Alonso Rios, Irujo e Rezola.
- A Alianza Galeuzca quedou truncada pola sublevación militar do 36. A guerra, a derrota e a interminábel ditadura non puideron co compromiso daquela xeración de persoas comprometidas coa democracia e as liberdades. Mesmo durante os duros anos do exilio, o lehendakari Agirre, Castelao e Pi i Sunyer traballaron por manter vivo o acordo e sobre todo, a memoria das realidades nacionais de Galiza, Euskadi e Catalunya.
Por todo isto, perdurou, e segue vivo, un sentimento de irmandade e solidariedade entre as sociedades galega, vasca e catalá. E tamén unha certa complicidade social e política que se mantivo mesmo nos anos máis negros do franquismo, evidenciando que a tenacidade democrática e as aspiracións dos pobos son superiores en fortaleza á negación dos dereitos individuais e colectivos e a inxusta agresión ás liberdades e á cultura.
En xullo de 1998 subscríbese a Declaración de Barcelona polo Bloque Nacionalista Galego, Convergència Democrática de Catalunya, Unió Democrática de Catalunya e Euzko Alderdi Jeltzalea- Partido Nacionalista Vasco, retomándose e anovándose así o vello e permanente obxectivo de traballar, a través da acción coordinada, para lograr o recoñecemento xurídico-político das nosas realidades nacionais.
A Declaración de Barcelona inicia unha nova etapa, unha nova oportunidade para o traballo coordinado, nun escenario moi distinto ao que coñeceu a vella Galeuzca, un escenario marcado por unha Europa en proceso de articulación económica e política e que avanza, a medio prazo, cara a unha nova redistribución do poder político.
Hoxe, transcorridos case oito anos, seguimos reivindicando a súa vixencia e por iso:
- Facemos un chamamento á sociedade española para dialogar sobre unha nova cultura política e promover unha concienciación colectiva da súa plurinacionalidade.
- Ofrecemos a Europa e ao mundo as nosas propostas en defensa da diversidade, desde a convición de que é posíbel a convivencia positiva e creativa.
- Comprometémonos, así mesmo, coa colaboración entre os sectores máis activos da cidadanía nos eidos intelectual, cultural, educativo, profesional e empresarial, co obxectivo de dialogar acerca das nosas propostas e difundilas.
Asumimos estes compromisos desde o necesario respecto á especificidade das nosas respectivas nacións e desde o respecto ás decisións estratéxicas que cada partido adopte, en función do seu diagnóstico, análise e ideario político.
O reto político de GALEUSCAT: tempo de encrucillada, tempo de oportunidade
[editar]O recoñecemento pleno dos feitos nacionais de Euskadi, Catalunya e Galiza esixe tecer unha complexa rede de acordos políticos e escrupuloso respecto democrático ás decisións cidadás.
Neste tempo de encrucillada, o Estado español representa para as formacións políticas de GALEUSCAT unha ameaza e unha oportunidade:
- por unha banda, o Estado español é a institución que nos nega como nacións, que ignora os nosos dereitos nacionais. É un Estado que non cre na diversidade e non acepta, na práctica, o pluralismo -a plurinacionalidade- mesmo cando o declare retoricamente e mesmo trate de interpretalo segundo a súa exclusiva perspectiva política.
- o Estado é, ao mesmo tempo, o espazo político prioritario da nosa acción concertada.
A estratexia que seguen as forzas políticas maioritarias do Estado respecto aos nosos dereitos nacionais está ben articulada. Son exemplos disto:
- A aposta pola homoxeneización artificial do sistema autonómico que trata de ocultar e diluír as nosas institucións e realidades nacionais.
- A presentación das nosas esixencias democráticas como extravagancias ou privilexios cos consecuentes retrasos e/ou bloqueos estatutarios, creando á vez a imaxe de “insaciabilidade” do nacionalismo.
- Un discurso de deslexitimación social do nacionalismo no conxunto español (violencia en Euskadi, presión económica catalá, proxección da falsa visión de que o progreso de Galiza é inviábel sen a presunta solidariedade exercida polo Estado, etc.);
- A negación da participación directa das nosas institucións nacionais na UE e nos foros internacionais en xeral, o que afecta directamente ao desenvolvemento dos proxectos nacionais de Euskadi, Catalunya e Galiza.
Ante tal situación, a nosa decisión de fortalecer e consolidar definitivamente a acción política conxunta de GALEUSCAT leva consigo os seguintes compromisos e tarefas:
- Impulsar as relacións con outras forzas políticas que consideran un valor democrático o recoñecemento á plurinacionalidade e ás nacións como realidades vivas que han de ser recoñecidas como tais polos estados.
- Traballar na análise, a adecuación permanente e a actuación conxunta nos programas que sustentan as políticas máis coherentes coa plurinacionalidade dos Estados.
- Difundir as nosas propostas políticas ao conxunto da sociedade, e tomar a iniciativa, de forma conxunta e proactiva, para superar as actitudes políticas hostís.
- Afondar nas relacións coa sociedade civil organizada como forma de comunicación, intercoñecemento e colaboración e impulsar tamén as relacións entre elas.
- Avanzar na coordinación política no Congreso dos Deputados e no Senado e no impulso conxunto á reforma da estrutura institucional do Estado.
A alianza GALEUSCAT entre BNG, CiU e EAJ-PNV constitúe a única alternativa política á idea de Estado-Nación. Xuntos, constituímos a terceira forza política do Estado. Desde esa convición comprometémonos a actuar desde a reflexión sincera e leal sobre as prioridades e a eficacia da nosa actuación e a facernos cada vez máis presentes na vida social e política non só de Galiza, Euskadi e Catalunya, senón tamén na política estatal e europea.
A historia do Estado español ensínanos que os avances no recoñecemento da diversidade de nacións que o compoñen e a maior calidade da democracia sempre foron procesos paralelos.
Desde esta convición, as forzas nacionalistas maioritarias de Galiza, Euskadi e Catalunya ofrecemos a nosa contribución para demostrar que outro modelo de Estado é posíbel e que a oferta política de GALEUSCAT significa avanzar na convivencia entre os distintos pobos que conforman o Estado español, no afondamento da democracia e na modernización das estruturas do Estado.
Os novos escenarios e os novos retos aos que nos enfrontamos nas nosas nacións poñen de manifesto que o noso obxectivo de construír un auténtico Estado plurinacional é de máis actualidade e ten máis sentido que nunca e xustifica as respectivas reformas estatutarias iniciadas.
Neste contexto, o 2006 debe ser un ano decisivo para consolidar aínda máis o noso compromiso común de proxectar e promover un modelo de Estado plurinacional en España, unha terceira vía entre o modelo centralista do PP e o modelo neoautonomista do PSOE.
É unha dura e fermosa tarefa que abordamos sen complexos. Somos unha alianza política con vocación e decisión de futuro. Temos a convición de que imos avanzar nos nosos obxectivos, despregando os tres ámbitos imprescindíbeis para iso:
- a consolidación da acción conxunta CiU, BNG e PNV.
- o diálogo, o debate e o acordo coas restantes forzas políticas, por riba dos lexítimos intereses partidistas.
- a posta en marcha do Programa de Actuación GALEUSCAT 2006.
Debémosllo a aquelas persoas que, en tempos máis difíciles ca os actuais, foron quen de crear e soster GALEUSCAT. Debémosllo en definitiva á cidadanía de Galiza, Euskadi e Catalunya.