Contos da miña terra
CONTOS DA MIÑA TERRA POR
ROSALÍA CASTRO DE MURGUÍA 1864
Un día de inverno ó caer d'a tarde, dous amigos qu'eran amigos desd'a escola, e que contaban d'anos o maldito número de tres veces dez, camiñaban a bon paso un sobre unha mula branca, gorda e de redondas ancas, y-outro encima dos seus pés, que non parecían asañarse das pasadas lixeiras que lle facía dar seu dono.
O da pé corría tanto com o de acabalo que vendo o sudor que lle corría ó seu compañeiro po-la frente y-as puntas dos cabelos díxolle:
—¿E tí, Lourenzo, por qué non mercas un come-toxos que te leve e te traya por estes camiños de Dios? que esto de andar leguas a pé por montes e areales é bó pro'os câs.
—¡Come-toxos! Anda e que os monten aqueles pra quen se fixeron que n'é Lourenzo. Cabalo grande, ande ou non ande, e xa que grande n'o pode ter, sin él me quedo e sírvome dos meus pés que nin comen, nin beben, nin lle fan menester arreos.
—Verdade é que o teu modo de camiñar é mais barato que ningún ¡negro de min! que hora teño que pagar o portasgo solo porque vou en besta, e non coma ti, nestes pés que Dios me dou. Pro... así como así, gusto de andar as xornadas en pernas alleas pra c'as de un non cansen, e xo dixen: debías mercar un farroupeiro pra o teu descanso. Mais tí fas coma o outro, oxe o gano, oxe o como, que mañán Dios dirá. Nin tes arrello, nin cousa que o valla; gústanche os virvirichos y-as virviricheiras, o viño do Riveiro e fas ostras do Carril ¡Lourenzo!, debías casarte que ó fin o tempo vay andando, os anos corren, e un probe de un home faise vello e cróbese de pelos brancos antes de que poida ter manta na cama, e aforrar pra un-ha ocasión; e esto, Lourenzo, non se fay sin muller que teña man da casa e garde o diñeiro que un gana.
—Boy solto, ben se lambe.
—¡O vento! esas sonche faladurías. ¿O derradeiro, pra que os homes naceron si non é pra axuntarse cas mulleres, fillo da tua nay? (Lourenzo tuse). Seica te costipaches co resío da serán, malo de tí. (Lourenzo volve a tusir). Lévemo Dios si n'e certo, e tanto non tusiras si ora viñeras a carrancha perna enriva de un farroupeiro.
—Costipado eu. Non estiven na miña vida e penso que ora tampouco. Pro... sempre que me fala de casar dame unha tos que... ¡hem!... ¡hem!... seica esto n'e boa siñal ¿Non cho parece, Xan?
—O que me parés é que eres rabudo como as uvas do cacho, e eso venche xa de nacenza, que non po-lo ben que te estimo deixo de conocer que eres atravesado coma os cangrexos. Nin podo adiviñar por que falas mal das mulleres que tan ben te queren e que te arrolan nas fiadas e nas festas coma a fillo de rey e sabendo que tua nay foy muller e que si tua nay non fora ti non viñeras ó mundo coma cada un de tantos.
—Nin moito se perdera anque nunca acá chegara. Que mellor que sudando po-los camiños pra ganar o pan da boca e mellor que rechinar nas festas e non nas festas con meniñas que caras se venden sin valer un chavo, engañando os homes, estaría aló na mente de Dios.
—¡Diancre de home! que mesmo âs veces penso se eres de aqueles que saúdan ó crego solo por que non digan. E pois ti es dono de decir canto queiras, pro eu tamen che digo que me fai falta un acheguiño, e que me vou casare antes da festa, así Dios me dé saúde.
—E premite el Señore que non sudes moito, Xan, aunque ora é inverno, que entonces si que inda tusirás mais que eu cando de casar me falan. E adivirto-che que teñas tino de non matar carneiros na festa, que é mal encomenzo pra un casado por aquelo dos cornos retortos que se guinda o pé da porta e xa se sabe que un mal tira por outro. ¡Diono-libre!
—¿E ti ques saber que xa me van parecendo contos de vella todo eso que se fala de cornos e de maldade das mulleres?, pois cando nesta nosa terra se da en decir que un can rabiou sea certo ou non sea certo, corre a bola e matase o can. Mais eu por min che aseguro que n'atopey nunca muller solteira que non se fixese muy rogada, nin casada que o seu home comigo falase; e paréseme que ainda non fago tan mal rapaz, aunque o decilo sea fachenda.
—E que eso vay no axeitarse e ti seica n'acertache, Xan; c'ó demais coma un home queira, non queda can tras palleiro. Eu cho digo, n'ay n'este mundo mais muller boa pra os homes que aquela que os paríu, y así arrenega de elas coma do demo, Xan, que a muller demo é, según di non sei que santo moy sabido; y-o demo hastra á cruz lle fay os cornos de lonxe.
—Volta cos cornos.
—E tan sabido que si tanto mal che fay anomealos, é porque xa che dan sombra dende o tellado da que a de ser tua muller.
—¡Seica me queres aqueloutrare! Pouco a pouco, Lourenzo, que nin debes falar así de quen non conoces, nin todas las mulleres han de ter o ollo alegre, que por moitas eu sey por quen se poidera poñer, non unha, senón cen vidas.
—O dito, dito queda, que cando eu falo é con concencia; e repítoche que sendo muller, non quedo por ningunha anque sea condesa ou de sangre nobre, como solen decir, que unhas e outras foron feitas da mesma masa e coxean do mesmo pé. Dios che mas libre do meu lar, que ora no lar alleo ainda n'as cuspo.
—¡Ah! ladrón de honra allea, léveche o deño si eu quixera que cospiras na do meu, que o pensamento de que quixais terei que manter muller pra un rabudo coma ti faime por os cabelos dreitos, e o intendimento pensatible. Pro... falemos craros, Lourenzo, coma bos compañeiros que somos. Ti es mais listo que eu, ben o vexo e por donde andes sábeste amañar que adimira, mentras que eu me quedo o pé do lume vendo como o pote ferve e cantan os grilos. Sé conto, conto vai no amaño... pro esto de que as as de votar todas nu'ha manada, sin deixar unha pra min, vállame todos-los santos que me fay suare. ¡Vaya! dime que ainda viches mulleres boas, é que non todas lle saben poñer a un home honrado os cornos na testa.
—Todas, Xan, todas e pra os Xans ainda mais; que mesmo parés que o nome as atenta.
—¡Condenicado de min, que seique é certo! Pro meu pay e miña nay casáronse e yeu tamen me quero casare, que mesmo se me van os ollos cando vexo o anoitecido un matrimonio que fala paseniño sentado á porta da eira, mentras corren os meniños á luz do luar por embaixo das figueiras.
—¡O aire, ó aire! ¡e déixate de faladurías! paseniño que paseniño tamen se dan veliscos e rabuñadas, e paseniño se dan as figas.
—En verdade, malo me vai parecendo o casoiro, pro moito me temo que a afición non me faga prevaricare; mais sempre que me case, casareime cun-ha do meu tempo, cheiña de carne, con xuicio e facendosa, que poida que neso n'haxa tanto mal... ¿Qué me dis?
—Que es terco coma unha burra. Ti te-l'o deño, Xan, y ora estache facendo as cóchegas co casoiro. Pro ten entendido que non hay volta sinón que Dió lo mande, que tratándose de aquelo da franqueza das mulleres, todas deitan comas cestas e can coma si non tivesen pés.
Así falando Xan e Lourenzo, iban chegando á cerca de un lugar; e como xa de lonxe empezasen a sentir verros e choros, despois de un alto, por saber o que aló pasaba, viron que era un enterro, e a un rapaz que viña po-lo camiño preguntáronlle po-lo morto, e respondeulles que era un home de unha muller que inda moza quedaba viuda e sin fillos que nunca tivera, e que o morto non era nativo de aquela aldea, pro que tiña n'outra hardeiros.
Foise o rapaz, e Lourenzo chegándose a Xan díxolle entonces:
—¿E ti qués, Xan, que che faga ver o que son as mulleres, que ora a ocasión é boa?
—¿E pois cómo?
—Facendo que esa viuda que non sey quen é, nin vin na miña vida, me dé nesta mesma noite palabra de casamento pra de aquí a un mes.
—¿E ti estás cordo, Lourenzo?
—Mais que ti, Xan; ¿qués ou non qués?
—E pois ben, tolo. Vamos a apostare e si ganas perdo a miña mula branca que herdei do meu pay logo fará un ano, e que a estimo por isto, e por ser boa como as niñas dos ollos. Curareime entonces do mal de casoiro; pro si ti perdes, tes que mercar un farroupeiro e non volver a falar mal das mulleres, miñas xoyas, que ainda as quero mais que a miña muliña branca.
—Apostado. Báixate, pois, da mula, e fay desde ahora todo o que che eu diga sin chistar, e hastra mañan po-la fresca, nin ti es Xan nin eu Lourenzo, sinón que ti és meu criado y eu son teu amo. Agora ven tras min tendo conta da mula, que eu irei diante, e dí a todo amén.
Meu dito meu feito.
Lourenzo tirou adiante e Xan botou a pé indo detrás ca mula po-las bridas que eran monas así coma os demais arreos, e metían moita pantalla.
O mesmo tempo que eles iban chegando ô Campo Santo, iba chegando tamén o enterro, rompendo a marcha o estandarte negro e algo furado da párroquia, o crego y-as mulleres que lle facían o pranto, turrando, turrando po-los pelos como si fosen cousa allea, berrando hasta enroucare e agarrándose â tomba de tal maneira que non deixaban andar ós que a levaban.
—¡Ay Antón! ¡Antón!, decía unha poñéndose como a Madalena cas mans encruzadas enriba da cabeza, Antón, meu amigo, que sempre me decías: ¡Adiós Mariquiña! cando me topabas no camiño. Adiós, Antón, que xa non te verei mais!
Y-outra indo arrastro atrás da caixa, e pegando en si, desía tamén:
—¿En onde estás, Antón, que xa non me falas? Antón, malpocadiño, que che fixeron as miñas más uns calzós de lenzo cruo e n'os puxeches, Antón; ¿quen ha de por agora a tua chaqueta nova y-os teus calzós, Antón?
Y a viuda, y un-has sobriñas da viuda, todas cubertas de bágoas, vestidas de loito e os periquitos desfeitos de tanto turrar por eles e os panos desatados, berrando ainda mais; sobre todo a viuda, que indo de cando en cando a meterse debaixo da misma tomba, de donde a tiñan que arrancar por forza, decía:
—¡Ay, meu tío! ¡Ay, meu tío, bonito como unha prata e roxiño como un ouro, que cedo che vai comel-a terra as tuas carniñas de manteiga! ¡E ti vaste, meu tío! ¿Ti vaste? ¿E quen será agora o meu acheguiño, e quen me dirá como me decías tí, meu ben: —Come Margaridiña, come pra engordare, que o teu é meu, Margaridiña, e si tí coseas, tamen a min me parece que estou coxo? Adiós, meu tío, que xa nunca mais dormiremos xuntiños nun leito! ¡Quen me dera ir contigo na tomba, Antón; meu tío, que ô fin contigo, miña xoíña, entérrase meu corazón!
Así a viudiña se desdichaba seguindo ô morto, cando de repente, meténdose Lourenzo entre as mulleres, cubertos os ollos cun pano e saloucando como si lle sahise da yalma, escramou berrando ainda mais que as do pranto:
—¡Ay, meu tío!, ¡ay, meu tío que ora vexo ir mortiño nesa tomba! Nunca eu aquí veñera pra non te atopar vivo e n'é po-lo testamento que fixeches en favor meu deixándome por hardeiro, que sempre te quisen como a pay, e esto que me habías de chamar para despedirte de min e que tey de ver xa morto párteme as cordas do corazón. ¡Ay, meu tío!, ¡ay, meu tío! que mesmo me morro ca pena.
Cando esto oiron todas as do pranto puxeron arredor Lourenzo, que mesmo se desfacía â uña de tanto dor como parecía ter.
—¿E logo tí como te chamas, meu fillo? lle preguntaron moy compadecidas de él.
—Eu chámome Andruco, e son sobriño do meu tío que me deixou por hardeiro e me mandou chamare por unha carta pra se despedir de min antes de morrer; pro como tiven que andar moita terra, xa solo o podo ver na tomba. ¡Ay, meu tío! ¡Ay, meu tío!
—¿E tí de ondés, mozo?
—Eu son da terra do meu tío, volveu a desir Lourenzo saloucando hasta cortárselle a fala.
—¿E teu tío de donde era?
—Meu tío era da miña terra.
E sin que poideran quitar de esto, Lourenzo, proseguindo co pranto, foise achegando â viudiña, que ainda por entre as bágoas que a curbían poido atisvare aquel mozo garrido que tanto choraba po-lo seu tío. Despois que se viron xuntos, logo lle dixo Lourenzo que era herdeiro do difunto, y-ela mirouno con moy bos ollos, e, acabado o enterro, díxolle que tiña que ir co ela á sua casa, que n'era xusto parase n'outra o sobriño do seu home, e que así chorarían xuntos a sua disgracia.
—Disgrasia moita. ¡Ay, meu tío!, dixo Lourenzo; pro consoládevos que co que él me deixou conto facerlle decir moitas misas po-la yalma, para que él descanse e poidamos ter nós mayor consolo acá na terra cô fin ña tía, Dios mándanos ter pacencia cos traballos e... que queiras que non queiras, como dixo o youtro, a terriña cai enriba dos corpiños mortos e... ¿qué hay que facer? nos tamén temos que ir, que así é o mundo.
Así falando e chorando, tornaron camiño da casa da viuda, e Xan que iba detrás ca mula e que nun principio non entendera nin chisca do que quería facer Lourenzo, comenzou a ensergare e pasoulle así po-las carnes unha especie de escallofrío, pensando en si iría a perder a sua muliña branca. Anque a ver o dor e as bágoas da viudiña que non lle deixaban de correr a fío po-la cara afrixida, volveu a ter confianza en Dios e nas mulleres a quen tan ben quería.
—E vos, ña tía, terés un sitiño pra meter esta mula y-o meu criado, que un e outro de tanto camiñare veñen cansados coma raposos?
—Todo terey pra vos, sobriño do meu tío, que mesmo con vervos paréceme co estou vendo e sérveme de moito consolo.
—Dencho ca viudiña os consolos que atopa, marmurou Xan pra si metendo a mula no pesebre. Pro de esto a casarse, añadeu contento de si mesmo, ainda hay la mare.
E co esta espranza póxose a comer con moitas ganas un bó anaco de lacón que a viuda mollándoo co unha cunha de viño do Ribeiro que ardía nun candil e que lle alegrou a pestana mentras tía e sobriño estaban aló enriba no sobrado, falando da herencia e do morto cos que os acompañaban.
De esta maneira pasouse o día e chegou a noite e quedaron solos na casa a viuda, Lourenzo e Xan que, desque viu cerrar as portas estuvo â axexa, co corazón posto na muliña branca, a yalma en Lourenzo e a espranza en Dios que n'era pra menos. E non sin pena veu coma a viudiña e Lourenzo foron ceando, antre as bágoas, uns bocados de porco e de vaca que puñan medo ôs cristianos e uns xarros de viño que foran capaces de dar ánfimos ô peito mais angustiado. Pro ô mesmo tempo nada se falaba do particulare e Xan non podía adiviñarse como se axeitaría Lourenzo, pra ganar a aposta que vía por sua.
O fin trataron de se ir deitar, e a Xan puxéronselle os cabelos dreitos cando veu que en toda a casa n'había mais que a cama do matrimonio e que a viudiña tanto petelescou pra que Lourenzo se deitase nela que aquel tivo que obedecer, indo ela, envolta nun mantelo a meterse detrás de un trabado que no sobrado había.
Xan, ca yalma nun fío, víu, desde o fayado, donde lle votaron un-has pallas, coma a viudiña matou o candil e todo quedou âs escuras.
—Seica quedarás comigo, miña muliña branca, y abofé que te vin perdida, escramou entonces; o fin as mulleres foron feitas de unha nosa costilla e algo han de ter de bô. Sálvame, viudiña, sálvame de este apreto que inda serei capaz de me casar contigo.
Deste modo falaba Xan pra sí, aunque ô mesmo tempo non podía cerrar ollo, que a cada paso lle parecía que ruxían as pallas.
Así pasou unha hora longa, en que Xan, contento, xa iba dormir descoidado, cando de pronto oyeu primeiro un sospiro, e despois outro, cal si aqueles sospiros fosen de alma do outro mundo; estremeceuse Xan e erguese pra escoitar mellore.
—¡Ay! ¡meu tío! ¡meu tío! dixo entonces a viudiña; ¡qué fría estou neste taboado, pro mais frío estás tí, meu tío, nesa terriña que te vai comere!
—¡Ay! ¡meu tío! ¡meu tío! escramou Lourenzo da outra banda, como si falase consigo mesmo; canto me acordo de tí, que eu estou no quente e ti no Campo Santo, nun leito de terra donde xa non tés compañía.
—¡Ay! ¡Antonciño! vovleu a decir a viuda, ¡qué será de tí n'aquel burato, meu queridiño, cando eu que estou baixo cuberto! ¡bu, bu, bu!... ¡qué frío vay! ¡tembro como si tuvese a perlesía! ¡bu, bu, bu!...
—¡Miña tía!
—¿E seica non dormes, meu sobriño?
—E seica vos tampouco, miña tía, que vos sento tembrare como unha vara verde.
—¿Cómo qués tí que durma, acordándome nesta noite de xiada do teu tío que ora dorme no Campo Santo, frío como a neve cando si él vivira dormiríamos ambos quentiños nese leito donde tí estás?
—¿E non podiades vós poñervos aquí nun ladiño, anque fora envolta no mantelo coma estades, que antre tía e sobriño é o mesmo que entre nay e fillo, e ainda mais habendo necesidad como agora, xa que non querés que eu vaya dormir ô chan que mesmo pode darvos un frato co dor e co frío y-é pecado, ña tía, tentar contra a saúde?
—Deixa, meu fillo, deixa que aunque penso que mal n'houbera en que eu me deitase ô lado de un sobriño como ti, envolta no mantelo e por riba da roupa, estando como estou tembrando ¡bu, bu, bu!., quérome ir afacendo que moitas de estas noites han de vir pra min no mondo, que si antes fon rica e casada, agora son viuda e probe; e canto tiven meu agora teu é, que a min non me queda mais que o ceo y-a terra.
—E... pois, miña tía... Aquí pra entre dous pecadores, e sin que naide nos oya mais que Dios, vouvos a decire que eu sei de un home rico e da sangre do voso difuntiño que si vos queixérades tomaríavos por muller.
—Cala, sobriño, e no me fales de outro home... que inda parés que o que tiven está vivo.
—Deixá, miña tía, que así non perderedes nin casa, nin leito, nin facenda, que é moito perder de unha vez; sin contar co meu tío, a quen lle ei de dicir moitas misas, como días ten o ano pra que descanse e non vos veña a chamar nas noites de inverno. Así él estará aló ben, e vos aquí; e si él vivira, non outra cousa vos aconsellara, senón que tomáredes outra ves home da sua sangre a quen lle deixou o que él e vos coméchedes xuntos na sua vida.
—E seica tés razón, meu sobriño, pro... ¡si este era o teu pensamento, Antón, meu tío! ¿por qué no mo dixeche antes de morrer que entonces eu o fixera anque fora contra voluntade, solo por te servire?
—Po-la miña conta, ña tía, que si meu tío nada vos dixo, foy porque se lle esquenceu co conto das agonías e non vos estrañe que a calquera lle pasara outro tanto.
—Tés razón, tés, a morte é moy negra e n'aquela hora se esquence. ¡Ay! ¡meu tío! ¡meu tío! ¿Qué non fixera eu por che dar gusto? ¡bu, bu, bu!... ¡qué frío vay!
—Vinde pra aquí, que, si non vos asañás, direivos que eu son o que vos quer por muller.
—¿Tí que me dís, home? pró-á ver que o adiviñei logo, que solo un sobriño do meu tío lle quixera cumprir así voluntade...
—Pró é ser, tiña que ser de aquí a un mes que despois teño que ira a Cais en busca de outra herencia e quixera que antes quedáredes outra vez dona do que foy voso. O que ha de ser, sea logo, que ô fin meu tío hayo de estar deseando desde a tomba.
—¡Ay! ¡meu tío! ¡meu tío! que sobriño che dou Dios que mesmo de oílo paréceme que te estou oíndo; pro... meu fillo... é ainda moy cedo, e anque ti mais eu nos volvéramos a casar ca intención de lle facer honra e recordar ô difunto, o mundo murmura... e...
—Deixavos do mundo, que casaremos en secreto e nadie o saberá.
—E pois ben, meu sobriño e solo pró que és da sangre do meu tío, e xa que me dis que se ha de alegrar na tomba de vernos xuntos... co demais... ¡ay! Dios me valla... ¡eu queríalle moito a meu tío! ¡bu, bu, bu!... ¡cómo xía!
—Vinde p'onda min envolta no mantelo, que n'é pecado xa que habés de ser miña muller.
—Pro... ainda n'a son, meniño, e teño remorsos... ¡bu, bu, bu! qué frato me da po-la cabeza e po-lo corazón.
—Ña tía, vinde e deixavos de atentar contra a saúde, que s'e al pecásedes antes de casar témonos que confesare.
—Irey, logo... irey, que necesito un pouco de caloriño.
Entonces sintíronse pasadas, ruxiron as pallas, e a viuda escramou con moita dolore:
—¡Ay, miña Virgen do Carmen que axiña te ofendo!
—Ay, miña muliña branca que axiña te perdo! marmurou entonces Xan, con sentimento e con coraxe. E chegándose enseguida á porta do sobrado, berrou con forza:
—¡Meu amo, a casa arde!
—Non arde, home, non, que é rescoldo.
—Pois rescoldo ou lúa, si agora non vindes voume ca mula.
E Lourenzo, saltando de un golge ó chan, dixo: —Aguarda logo.
—Esperaime, ña tía, que logo volvo.
E hay cen anos que foi ésto, e ainda hoxe espera a viudiña po-lo sobriño do seu tío.
Vexa o artigo da Galipedia acerca de Contos da miña terra |
- ↑ Contos da miña terra Galiciana. Biblioteca de Galicia.