Saltar ao contido

Conto de guerra

En Galifontes, o Wikisource en galego.


Conto de guerra       Camilo Díaz Baliño       1928
 



C O N T O   D E   G U E R R A


     O redor da lareira do vello pazo de San Fiz i-a carón do lume, nas noites d’invernía, meu abóo Xohan Ramón contábanos contos de loitas, contos de guerras, lembranzas da francesada, que tío Lourenzo, que fora cadete dos Reales Exercitos nos seus tempos mozos, e logo mandara unha Alarma, contáralle a él, cando el era como nós, no mesmo sitio ô redor d’aquel lar que era pol-a tradizón da casa, o altar onde nos moldeaban o corazón ôs da miña caste.

     Hoxe no pazo se San Fiz xa non arde o lume na lareira nin queda d’el mais que os meus recordos. Non hai d’él pedra sobre pedra. O desleigamento dos uns e a ruindade dos outros, desfixeron o pazo e co pazo a ara.

     Un d’aqueles contos eran do tempo da francesada.

     Os exércitos ingreses retirábanse pra embarcar pol-a Cruña. Era unha retirada tráxica... de morte.

     As nosas Alarmas axudábanlles á se salvar.

     A do tío Lourenzo saíu pra protexer as derradeiras forzas onde viñan os doentes e os feridos.

     N’un istantiño, o exército gabacho chegou perto d’eles.

     Alí non quedaban xa pra loitar mais que uns cantos homes da nosa Alarma; entón, á presa, de calquer xeito rubiron ôs feridos á un castro que d’alí á pouco estaba. Entre aqueles héroes houbo un que non puido chegar. A morte tíñalle espetadas xa as suas poutas; era un alférez galés que morría de dôr e de saudade.

     O tío Lourenzo ficou â sua beira, non podía deixar esquencido a aquel home que era un irmán de loita, e de raza; que viñera axudarnos e morría por nós.

     O abóo Xohan Ramón cando nos decía que a Saudade era todo, na nosa raza, contábanos sempre este conto...

                                                                                 e decía...
     
 “Ergueme un pouco, irmán, que vexa aló o confín, deixa que vexa o mar, o mar da miña arela, ese mar desexado que está xa perto, pertiño, que bica a miña terra!”

     Iba xa erguel-o un pouquichiño para que vira o que tanto degoiraba, e outra vez a metralla nemiga bateu contra o cómaro que de trincheira nos servía. Os petoutos e a terra voltaron á nos cubrir cuasemente.

     O sangue do galés xa empapaba a sua guerreira e os dourados embremas non relocían xa. Eu vía que a vida íase d’aquel corpo; teño pra mín que solamentres a grande e forte arela da Matria lonxana sostiña o seu alentar.

     E seguía tronando a terra; os laios de delor arrodeábannos, e mais arripio facían nos meus azos, que as fungadoras balas que súpetas pasaban riba de nós.

     “Mira tí, irman, veñen xa? – Señor meu Deus, permítelles que cheguen e nos salven! Non ves meu Deus que xa non podo! Que nin fusil nin espada xa me quedan! Déixame bicar ôs meus. Unha vez soiamente! e morrerei en paz. – Mira, irmán, mira outra vez. – Pol-o teu Deus cho prego!”

     Eu xa non podía mais, no chan vía unha poza onde o meu sangue confundíase co sangue do galés. Mais non quero que o meu irmán de morte morra sen cumprir o seu desexo derradeiro, e n’un supremo esforzo conquiro erguel-o seu corpo xa cuase sin vida.

     Abríronse os seus ollos azúes, abríronse moito, parescían os ollos d’un xigante, miraba con ledicia... era xa o derradeiro ollar..., e outra bala, outra ruín e malfadada bala veu á ferir de novo o seu maltreito peito.

     “Eu morro irmán, eu morro; xa vexo lonxe, como nunca a miña terra, xa o cheiro bendito do mar non chega a min”.

     Perdín as forzas e os dous rolamos pra o fondo d’aquela corredoira. Vin morrer o galés. Ainda parez que trona nos meus ouvidos con mais forza que os cañóns do maldecido gabacho a sua maldición:

     “Malia tí, ladrón da miña vida!

     Malia tí que me fas morrer en terra allea, sin ter ô meu carón os meus filliños, a miña mulleriña, a miña Santa Vella!

     Que o Deus que ch’ampara non che dê mais ben que o mal que trai a guerra!”


Tódalas obras orixinais deste autor atópanse no dominio público. Isto é aplicábel en todo o mundo por mor de que finou fai máis de 80 anos.
As traducións poden non estar en dominio público.