Conto (Dous rapaciños rifaron...)
C O N T O Antón Losada Diéguez Maio de 1921
D ous rapaciños rifaron, y-estábanse batendo cegos. Un d’iles san e rexo, y-o outro un malpocadiño que choraba. Dúas mulleres apartáronos e levaron ó meniño dos choros dándolle bicos. O outro, o san e forte, sollo, vermello de vergonza quedaba sin agarimo, cheo de tristura, e foise indo paseniño. Fíxenlle unha festa ó probe do rapás e dixen pra min «tamén os fortes dan compasión ás veces», lembrándome d'un sucedido.
O sucedido foi esto. Había unha vés n-unha aldea veira mar, n-a ría de Marín, dous mozos mariñeiros. Chuco e Manoel. Eran tempos n-os qu’aínda non ian as motoras a buscar sardiña a Leixões, nin xiquera as artes da traíña eran donas das rías. Os barcos xeitosos ían mar afora máis alá d’a illa d’Ons e chegaban moitas veces a Finisterre.
Manoel era un rapás ergueito e finiño, churrusqueiro y-amigo das rapazas. Chuco era un mozo forte e valente que se desfacía de bó; ninguén bogaba coma il que pasaba horas sin arrial-o remo, e sin falar, nin se conocía nadador coma il n-a ría.
E Chuco e Manoel tiñan tolería por Carmela, unha meiga rapaza d’ollos mouros, moi beiladora. Cada un d’os mariñeiros á sua maneira lle buscaba as voltas, y-ela por ningún s’acraraba. Con Manuel ría e parolaba a desfacerse, diante de Chuco baixaba os ollos, e toda s’alcendía.
Pasou o caso cando Manoel e Chuco saíron ó mar n-o mesmo barco con oito homes máis. O barco era nóvo e foron á despedida vellos, nenos e mozas, y-antre eles Carmeliña que non separaba os óllos de Chuco, nin Chuco d’ela. Foron as miradas unha promesa d’amore, e Chuco bogou con máis forza que nunca, cheo de vida.
Non se soupo bén nunca, porque estas cousas non se saben bén endexamais. O mar estivera calmo, e batía un pouco de Nordeste. Fixéranse dous bos lances n-a illa, y-o barco voltaba pra terra cando caía o sol, con toda a vela pra aproveitar as frías. Debeu ser com’un lóstrego a nortada, a escota non correu a tempo, a carga foise a unha banda, calquer cousa, o conto foi que d’un soilo batido o vento dou volta ó barco y-os homes fóronse ó mar co’a sorte de se poderen por a salvo n-a quilla.
Xa todo se cerrara d’escuma, e rompendo avantaban as augas. Non se vía un barco, zoaba o vento y-a noite chegaba. Foi estonces cando Chuco, o máis forte nadador de todol-os xeiteiros, botouse ó mar confiado e surrindo a buscar en terra axuda pr’ós probiños que alí se quedaban engarrados no barco deitado n-as olas. Todol-o viron loitar, avantando en longas brazadas con toda seguranza e ninguén dubidou que conseguise o proposto.
O tempo pasou en balde, e n-a noite coidaron os mariñeiros morrer moitas veces, mollados y-esmoreados de frío. Pol-a mañán unha motora topou o barco perdido e salvou ós nove homes.
Aquela misma mañán apareceu Chuco morto n-a area de Beluso despois de nadare cinco millas: o seu esforzo fixo soster a espranza n-os que quedaban n-o cativo amparo d’as madeiras do barco. Os probiños salváronse y-o mozo forte morreu.
Non pasou un ano e a Carmeliña sempre meiga e beiladora casábase con Manoel, de cote finiño e churrusqueiro. E certo que co’a lembranza de Chuco pódese decir qu’os fortes dan compasión ás veces e que non está de máis o pregar por eles.
Pontevedra-Mayo-1921
Notas
[editar]- ↑ "Conto" (n.º 5 da revista Nós) en Galiciana, Biblioteca de Galicia.