Saltar ao contido

Constitución da Xunta de Lobeira

En Galifontes, o Wikisource en galego.

Esta Xunta reunida na vila real de Lobeira, composta dos vogais D. Manuel Martínez Rao, abade, cura párroco de San Martiño de Araúxo, alcaldía de Lobios; o tenente coronel de Andalucía D. Manuel García del Barrio, comisionado pola Suprema Xunta Central; D. José Martínez, auditor e consultor; D. Roque Francisco de Trava, cura párroco de Vilanova dos Infantes; o licenciado D. Bernardo Antonio González, cura párroco de San Paio de Abades; D. Luís García Montenegro, ministro de Facenda; D. Francisco Carrión, avogado da Audiencia deste Reino; o comandante xeneral do partido de Trives e da súa comarca; D. Juan Antonio de Ribera e Travieso, abade de San Mamede de Grou (Lobios); D. Manuel Rodríguez Pérez, avogado dos Reais Consellos, tesoureiro; D. frei Francisco Carrascón, predicador do número da Orde de San Bernardo no convento de Melón, comandante xeneral dos patriotas do Ribeiro; D. Benito Fernandez Ojea, avogado de Cámara do ilustrísimo señor Quevedo, secretario da Xunta, e demais individuos dela autorizados pola superioridade, coas máis amplas e lexítimas facultades, dispón e ordena o seguinte:

Sendo indispensábel o armamento para o segundo batallón do rexemento de voluntarios de Lobeira, que se está a formar, e os demais corpos que doravante se formen; os caudillos, e pola súa ausencia ou impedimento lexítimo os xefes que os seguiren no comando, han recoller e remitir a esta Xunta tódolos fusís, municións e pedras de chispa que houber nos seus respectivos caudillatos e deberen estar en poder dos seus súbditos.

A este obxecto as xustizas han recoller tamén as armas, tanto de fogo como de corte e punta que tiveren os seus xurisdicionais, ou outras persoas calquera que moren dentro das súas xurisdicións, aínda que sexan as máis privilexiadas, sen distinción de pertenceren ó Estado ou particulares, dando recibo da súa entrega ós seus donos e retentores, e hanas remitir á Xunta, con listaxe testemuñada do número delas e a súa pertenza.

Todo o cal han cumprir uns e outros na parte que lles toca, no perentorio termo de oito días, so as severas penas que pola súa omisión ou ocultación maliciosa se han impor ós infractores, con consideración á crítica situación en que se acha a nosa aflixida patria.

Han remitir así mesmo as xustizas, razóns ou estados os máis exactos de toda especie de contribucións ou efectos reais das súas respectivas xurisdicións dentro do termo que vai designado, so o apercibimento indicado, especificando cales sexan os seus colectores e depositarios; e han prever a estes se presenten dentro do referido termo a render contas na Xunta dos efectos cobrados e vencidos, documentándoas cos últimos recibos e incluíndo nelas os produtos das bulas do ano próximo pasado de oitocentos e oito.

Igualmente han dar razón de tódolos fondos públicos, eclesiásticos, píos e temporais, calquera que for o seu destino ou obxecto a que deban ser aplicados segundo a súa natureza ou primitiva fundación; e dos administradores e mordomos que perciban nos seus respectivos distritos xurisdicionais rendas, dereitos ou outros emolumentos calquera pertencentes a señores particulares ausentes deste Reino de Galiza. E para ter efecto tan importante obxecto e breve execución, as xustizas da marxe han circular esta sen perda do menor intre, pondo recibo deseguido, con expresión da hora en que se recibe, e despacho á seguinte, remitíndoa a última a esta Xunta para o seu recoñecemento.

Deus garde V. md. moitos anos.

Lobeira, Marzo 27 de 1809.

Roque Francisco de Trava, vicesecretario
Como comandante dos Caudillos, Francisco de Haro.
Licenciado Francisco Ojea, secretario.[1]

  1. "Documentos". Junta de Lobeira (en castelán). Arquivado dende o orixinal o 12 de setembro de 2012.