Saltar ao contido

Carta de Antón Villar Ponte a Álvaro Cebreiro de 26 de decembro de 1928

En Galifontes, o Wikisource en galego.

Fragmentos dunha carta de Antón Villar Ponte a Álvaro Cebreiro.


Truncóuseme a vida. Fiquéi na máis fonda das melanconías. Desposeime co'a door para sempre [...] Era feliz d'abondo. Tiña un tesouro dos que poucos homes logran seren donos. Unha muller forte, doce, de craro senso, de rexo carácter que adoraba en min, que o daría todo por min, dina compañeira d'un loitador ou d'un sementador d'ideás. Non me cega a paixón, pero coido que si cada galego e cada español con temperamento de home de loita tivese unha muller com'a miña, o país sería outra cousa. Porque son cáseque sempre as mulleres na intimidade do fogar quenes tallan as aas dos loitadores. A maoría das claudicacións veñen dos consellos teimados e doces das mulleres no seo da familia. Pro a miña, tí ben o sabes, nunca foi plomo de cordura burguesa, sempre foi áa para min. Veume ameazado de morte e lonxe de me apoucar (inda sintindo andarlle a procesión por dentro) dábame azos. Véume no carce, e esperimentaba fondo orgulo por elo. Véume á morte e non saiu da beira do meu leito até que non puido mais (...) E no cimeterio está. I-eu na vida, sô, con dous pequeniños. Eu que non sei nada do trafego do fogar; eu inútil para todo o material! Eu que descansaba n'ela! Decátate da miña situación! Somentes dous consolos: un, que nin a Raíña podería morrer millor asistida do que ela. Outro, que da Coruña e de toda Galicia recibín probas d'amistade... [...] Agora serei com'o seu noivo eterno [...]. Moito perdín, moito. Pro teño o deber de vivir pra os cativiños.


                    Viveiro, a 26 de decembro de 1928

Véxase tamén

[editar]

Bibliografía

[editar]
  • Tudela, Mariano (1983). Álvaro Cebreiro. Vida y afanes de un creador. Ediciós do Castro. pp. 129–131. 

Ligazóns externas

[editar]