Saltar ao contido

Cantares gallegos/Pasa rio, pasa rio

En Galifontes, o Wikisource en galego.


Cantares gallegos       Rosalía de Castro       1863
 




17.


     Pasa rio, pasa rio,
 Có teu maino rebulir,
 Pasa pas' antr' as froliñas
 Color d' ouro e de marfil,
 A quen c' os teus doces labios
 Tan doces cousas lle dis.
 Pasa, pasa, mais non vexan
 Que te vas á ó mar sin fin,
 Por qu' estonces ¡ay! probiñas!
 Canto choráran por tí!
 Si souperas qu' estrañeça,
 Si souperas que sofrir,
 Desque dél vivo apartado
 O meu coraçon sentiu!
 Tal m' acoden as soidades
 Tal me queren afrixir,
 Qu' inda mais feras m' afogan,
 Si as quero botar de min,
 Y iay! que fora das froliñas
 Vendote lonxe de si
 Ir pó la verde ribeira,
 Da ribeira dó Carril!

      Pasa, pasa caladiño,
 Có teu manso rebulir,
 Camiño dó mar salado,
 Camiño dó mar sin fin,
 E leva estas lagrimiñas
 Si as de chegar por ali
 Pretiño dos meus amores
 Pretiño dó meu vivir.
 Ay! quen lagrimiña fora!
 Prá ir meu ben unda tí...
 Quen fixera un camiñiño
 Para pasar, ay de min!
 Si o mar tibera barandas
 Forate ver á o Brasil;
 Mais ó mar non ten barandas,
 Amor meu, por dond' ey d' ir?



<<<< >>>>