Saltar ao contido

Cantares gallegos/Airiños, airiños aires

En Galifontes, o Wikisource en galego.


Cantares gallegos       Rosalía de Castro       1863
 




15.


     Airiños, airiños aires,
 Airiños da miña terra,
 Airiños, airiños aires,
 Airiños, leváime á ela.


      Sin ela vivir non podo,
 Non podo vivir contenta,
 Qu' á donde queira que vaya,
 Cróbeme un-ha sombra espesa.
 Cróbeme un-ha espesa nube
 Tal preñada de tormentas,
 Tal de soidás preñada,
 Qu' á miña vida envenena.
 Leváime, leváime airiños,
 Com' un-ha folliña seca,
 Que seca tamen me puxo
 A callentura que queima.
 ¡Ay! si non me levás pronto
 Airiños da miña terra,
 Si non me levás airiños
 Quisais xa non me conesan.
 Qu' á frebe que de min come,
 Vaime consumindo lenta,
 E no meu corazonciño
 Tamen traidora se ceiba.

      Fun n' outro tempo encarnada,
 Com' á color de sireixa,
 Son oxe descolorida
 Com' os cirios d' as igrexas
 Cal si un-ha meiga chuchona
 A miña sangre bebera;
 Vóume quedando muchiña
 Com' un-ha rosa qu' inverna.
 Vóume sin forzas quedando,
 Vóume quedando morena,
 Cal un-ha mouriña moura,
 Filla de moura ralea.

      Leváime, leváime airiños,
 Leváime á donde m' esperan
 Un-ha nay que por min chora,
 Un pay que sin min n' alenta,
 Un hirman por quen daria
 A sangre d' as miñas venas,
 E un amoriño á quen aIma
 E vida lle prometera.
 Si pronto non me levades,
 ¡Ay! morrerei de tristeza,
 Soya n' un-ha terra estraña,
 Dond' estraña m' alomean,
 Donde todo canto miro
 Todo me dic' ¡estranxeira!

      iAy! miña probe casiña,
 Ay! miña vaca bermella,
 Años, que valás nos montes,
 Pombas, qu' arrulás nas eiras,
 Mozos qu' atruxás bailando,
 Redobre d' as castañetas,
 Xás-co-rras-chás d' as cunchiñas,
 Xurre, xurre, d' as pandeiras,
 Tambor do tamborileiro,
 Gaitiña, gaita gallega,
 Xa non m' alegras dicindo:
 Muiñeira! muiñeira!
 ¡Ay quen fora paxariño
 De leves alas lixeiras!
 Ay! con que prisa voara
 Toliña de tan contenta,
 Para cantar á alborada
 Nós campos da miña terra!
 Agora mesmo partira,
 Partira com' un-ha frecha,
 Sin medo as sombras da noite
 Sin medo dá noite negra.
 E que chovera ou ventara,
 E que ventara ou chovera,
 Voarïa, e voarïa
 Hastra qu' alcanse á vela.
 Pero non son paxariño
 E irey morrendo de pena
 Xá en lágrimas convertida,
 Xá en suspiriños desfeita.

      Doces galleguiños aires,
 Quitadoriños de penas,
 Encantadores d' as auguas,
 Amantes d' as arboredas,
 Música d' as verdes canas
 Do millo d' as nosas veigas,
 Alegres compañeiriños,
 Run, run de tódalas festas,
 Leváime nas vosas alas
 Com' un-ha folliña seca,
 Non permitás qu' aqui morra
 Airiños da miña terra,
 Qu' ainda penso que de morta
 Ei de sospirar por ela.
 Ainda penso, airiños aires,
 Que dimpois que morta sea,
 E aló pó lo camposanto
 Dond' enterrada me teñan,
 Pasés na calada noite
 Runxindo antr' á folla seca,
 Ou murmuxando medrosos
 Antr' as brancas calaveras,
 Inda dimpois de mortiña
 Airiños da miña terra,
 Éivos de berrar: ¡airiños
 Airiños, leváime á ela!



<<<< >>>>