Bando do Concello de Vigo do Día das Letras Galegas de 2001
BANDO CO GALLO DO
DÍA DAS LETRAS GALEGAS
Xela Arias Castaño 17 de maio de 2001
A nosa si é unha lingua de encontro. Foino, hai xa ben séculos, de reis e trobadores que lembramos a transcibi-la que manexaban campesiñas e mariñeiros. Poder ser hoxe en escolas e mercados, en barcos, bancos e centros comerciais. Pode selo hoxe entre rapaces, meniños e maila xente de tropa que todos conformamos.
A nosa si é unha lingua de encontro. Nela encóntranse os emigrantes e traballadores galegos fóra da terra. Nela encontrámono-los galegos e galegas cando ousamos manexala para calquera rexistro que lle apoñamos.
E máis dunha vez na historia, e aínda tantas veces (quizais como tódalas linguas), precisa dos folgos da xente con paixón, dos apaixonados da xustiza e as procuras, para ser, para toca-los pasos todos da vida cotiá, tódolos ritmos.
E porque os vigueses sabemos, desde a orixe, de mesturas e combinacións, somos xente apaixonada. ¡Que iso nos conduza a recoñece-la voz dos nosos pais e dos pais dos nosos pais! ¡Que iso nos conduza a recompoñe-las desordes da historia e facérmonos donos do seu uso!
Porque estamos en presente sómo-lo futuro que aconteza.
Pero nós tamén sómo-lo futuro dun afastado 1863, do que en tal día coma hoxe asinaba Rosalía de Castro, en dedicatoria a outra muller, tamén escritora, un exemplar de Cantares Gallegos: nacía o futuro da recuperación, rexurdía o recoñecemento dunha lingua, e xa que logo dun pobo. Porque só quen nomea é dono de si.
Díxonos Don Paco (D. Francisco Fernández del Riego) hai trinta e oito anos que era este un día que debiamos lembrar, festexar, aproveitar para recuperar e repasar tamén nós a nosa propia voz de cada día. Xa choveu, pero obedientes ós consellos dos bos e xenerosos, lembrámolo cada ano en toda Galicia. Primeiro foi un paso silandeiro; logo cada vez más afouto; hoxe en día coma unha festa no calendario das obrigas, como lecer grato e gozoso.
E constatamos cada ano escaparates e bibliotecas con máis voces que deixan na escrita referente dos soños dese pobo, desa xente apaixonada que quere respecta-lo idioma das nais, e das nais das nais, mesmo cando algunhas, e por cantas diversas razóns, non o tivesen da man. Pero é un respecto contrario á inmobilidade, é un respecto á lingua que nos é propia para alongala, para dilatala incluíndolle os propios desexos, as propias visións do mundo que nos envolve e no que nos desenvolvemos. Preña-lo idioma cos nosos berros ou agarimos en semente para os días dos nosos fillos, e porque eles poidan tamén ser donos deste verbo para inventarse novos outra vez.
Porque queremos aínda máis escaparates, porque precisamos aínda máis voces neste río que son os nosos días, porque reclamamos máis palabras que nos aseguren donos de nós, rendémonos ó noso laico santoral e celebramos, coa calor que esixe, o día las letras, o día das palabras galegas. Porque nós facémo-las palabras, ó nomealas sómonos: fannos independentes.
Se desexamos longa vida ás letras galegas, facemos votos pola vida da nosa palabra, a palabra dos galegos e galegas que queremos, é un dereito, témo-la obriga, inventarnos ó noso xeito.
Xela Arias Castaño |
Transcrición literal do bando escrito por Xela Arias Castaño con motivo do Día das Letras Galegas do 2001.
Nesta transcrición respectouse a ortografía orixinal. |