Saltar ao contido

Aquel romor de cántigas e risas

En Galifontes, o Wikisource en galego.


"Aquel romor de cántigas e risas,
Ir, vir, algarear;
Aquel falar de cousas que pasaron
Y outras que pasarán;
Aquela, en fin, vitalidade inquieta
Xuvenil, tanto mal
Me fixo, que lles dixen:
Ivos e non volvás.


Un a un desfilaron silenciosos
Por aquí, por alá,
Tal como as contas dun rosario
Se espallan polo chan.
I o romor dos seus pasos, mentres se iñan,
De tal modo hastra min veu resoar,
Que non máis tristemente
Resoará quisais
No fondo dos sepulcros
O último adiós que un vivo ós mortos dá.
I ó fin soia quedei, pero tan soia
Que hoxe da mosca o inquieto revoar,
Do ratiño o roer terco e constante,
E do lume o chis chas,
Cando da verde pónla
O fresco sugo devorando vai,
Parece que me falan, que os entendo,
Que compaña me fan;
I este meu corazón lles di tembrando:
¡Por Dios...!, ¡Non vos vaiás!


¡Que dóce, máis que triste
Tamén é a soledad!"