Saltar ao contido

A peneda negra

En Galifontes, o Wikisource en galego.


A peneda negra       Alfredo Fernández       1900
 


El Eco de Galicia n.º 300, Buenos Aires, 20/02/1900.
A miña irmá Carmen
Allariz

   —Non o doides, miña Rosiña; quérote máis que á miña vida. Poides estar sigura de que as túas doidas son infundadas.

   —Quizaves que non... Eu ben sei que a Enriqueta non lle pareces costal de palla, nin ela a ti tampouco, pois xa poiden ver moitas veces que a miras dunha maneira moi...

   —¿Moi que?

   —Moi... ¡Vamos!... Non sei espricarcho, pro o certo é que che gusta moito, e que lle dis galanteos, e que sei eu cantas cousas.

   —¡Bah! non fagas caso, ¡bobiña! Xa cho teño dito é ripitireicho sempre, que a ti é a quen quero e adouro de verdade.

   —Nunca será tanto coma eu a ti; e si soupera que a ningunha que non fose a túa Rosa, lle dirixías palabras amorosas... vamos... non sei o que faría, e si algún día —o que Dios non queira— chegases a engañarme...

   —¿Que?

   —Quen sabe!... Porque nun caso ansí... Que se astreva esa fantasmona de Enriqueta a roubarme o teu cariño, e xa verás o que fago dela... e de ti.

   —Boeno, boeno; non sexas tan celosiña... e astra a noite.

   —¿Xa te vas?

   —Si. Teño moito que facer hoxe i é priciso non abandona-lo traballo. Ademais, olla as túas ovellas, xa por onde van, poideches perder algunha, e despoixas...

   —Non hai cuidado; todas saben ben o camiño e obedecen ó meu chamado como si foran cristianos...

   —¿Onde as levas hoxe?

   —Ó lameiro das laxas. Como xa se fixo a recoleución da herba, alí terán onde pacer millor que no outeiro.

   —Pois... astra a noite, miña Rosiña.

   —Adiós, meu Francisco.

   Esta conversa dos dous namorados, tiña lugar no camiño que conducía ás montañas que, coal máxica cadea, circundaban, aprisioando no seu centro e fondo, unha pequena aldea da provincia de Ourense.

   Era Rosa, a pastora, unha cándida rapaza de dazasete abriles, de simpática presenza i estremada hermosura, que en moita parte acultaba a color morea da súa cara, queimada polo abrasador sol do vrau, os ventos do outono i os crudos fríos do inverno, ós que estaba exposta o ano enteiro antre as escabrosidades da montaña.

   Seu trato era sinxeliño, seu caráuter cariñoso e amabre, dunha alma moi nobre, e dun corazón apasionado e bondadoso.

   A pesar das súas dazasete primaveiras mal cumpridas, estaba tenramente namorada de Francisco, ó que lle profesaba un amor puro e acendrado, cariño que si era correspondido, non era en verdade plenamente recompensado polo afortunado galán, do coal Rosa tiña sospeitas según se poide apreciar pola entrevista narrada.

   Cambeadas que foron as últemas palabras antre ambos amantes, tomou Francisco camiño da aldea, namentras que Rosa corría presurosa tras das súas ovellas que, sin estar atentas á charla da xoven i hermosa zagala, seguiran camiño adiante, tomando unha considerabre distanza.

   Francisco, que camiñaba pensativo, parouse de súbeto dando volta pra ver a Rosa que seguía correndo tras do rebaño.

   —¡Pobre Rosa!... —marmuraba— ¡Canto me quer... e canto a quero!... Encántame e sedúceme á par que a súa hermosura, súa candidez. Ten celos de Enriqueta... ¡e con coanta razón!... ¡Oh! Non merece en verdade que eu me porte tan mal con ela. Si, é priciso, e hoxe mesmo farei que acaben as miñas infames relaciós coa Enriqueta. ¡Rosa!... ¡Que nome tan dolce! ¡Que rapaciña anxélical! Espello da inocencia, modelo de honradez, símbolo da virtú que arrouba e atrae!... ¡Rosa, eres unha verdadeira rosa! —dixo levantando a voz coal si quixera que ela o ouvise; e volvendo logo a seu estado reflexivo, marmura: «I Enriqueta, a muller de mundo, a muller despreciable, indina do trato das persoas honradas ise diaño... con saias que astra repulsión e asco debería causarme estar ó seu lado! Nada, hoxe acabarei por sacrificar a un demo, pra facerme dino dun ánxel!»

   Ó ver que xa Rosa desaparecera antre as revoltas do quebrado i pedregoso camiño, tomou novamente cara á aldea, pro... tan pensativo e cabizbaixo que entrou no poblado sin se dar conta, astra chegar frente da casa de Enriqueta, unha goapa e robusta aldeana, que, coma de costume, esperábao á porta.

   —Que fas, ho? —díxolle Enriqueta ó velo daquel xeito— ¿En que pensas? ¡Ah! vamos... en Rosa, siguramente.

   Alzou el a cabeza, botándolle unha ollada de desprezo de enriba a embaixo e nun ton seco, díxolle: —Teño que falarche seriamente... Espérote... —quedouse un momento pensativo, decindo en seguida— esta tarde ás tres ó pé da peneda negra, adiós.

   Largouse sin decir máis encamiñándose á súa casa, namentras que Enriqueta se quedaba pensativa, como querendo adiviña-lo motivo de tan intempestiva entrevista.

   —¡Bah! —dixo ó fin repoñéndose— de fixo será algunha moxiganga coa pastorciña, como si o vira. Xa o farei volver dos seus desatinos cando me atope á súa beira. Moi pouco tendría eu que valer, pra que fose burlada por esa... rapaciña.

   Foise adentro cerrando a porta, tranquila e confiada en que as súas gracias i as súas infames caricias, terían un compreto triunfo sobre o amor i a virtú de Rosa.

   Francisco, ó mesmo tempo, iba pensando:

   —¡A peneda negra! En ningún sitio máis a propósito a poiden citar pra este rompimento. Esa peneda que é testigo dos gratos momentos que teño pasado coa miña querida Rosa, donde tantas veces lle xurei un amor eterno, será tamén testigo do auto que levarei a cabo pra facerme dino da muller adourable. Astra a causualidade paresce que quer axudarme nos meus propósitos, paresce que Dios houbese disposto iste día en que Rosa vai á lameira co seu rebaño, pra deixarme o Outeiro libre e poder ó pé desa peneda, sin coidado algún, lava-las culpas do meu erro, realizando un fin sagrado en ben do cariño da miña adourada pastorciña.

   Chegou á súa casa, i entrou pechando tras si a porta.

   Mentras na aldea tiñan lugar estas esceas, Rosa andaba a latigazos coas súas ovellas, as coales, acostumadas ó pastoreo da montaña, en coanto chegaron a ela encabritáronse polas alturas, non querendo seguir astra a lameira a pesar dos traballos de Rosa en facerlles seguir camiño, quen, ó ve-la inutilidá dos seus esforzos, resolveu deixalas pacer alí, tomando ela asento no sitio de costume, preto da peneda negra.

   Era esta unha pedra moi negra e moi grande, de unhos quince metros de altura, en forma coadrilonga, e apoiada en punta sobre unha ancha lousa que lle servía de asento, quedando pola parte de enriba a nivel de terra. No fondo, pola parte de abaixo, facía unha rinconada, onde Rosa se guarecía dos ventos e das chuvias i en donde tiña as súas amorosas citas con Francisco.

   Serían, aproximadamente, as coatro da tarde, cando Rosa, despoixas de dar algunhas voltas polo outeiro e de comerse a merenda que levara, dirixiuse á cima da peneda pra recorda-los dolces istantes que á beira do seu amado Francisco tiña pasado naquel rinconciño, canto, ó mirar pra abaixo, quedouse máis fría que a neve, ó ver no fondo, sentados ó pé da peneda, ó home a quen ela tanto amaba en compaña de Enriqueta, da muller por quen sentira celos i a quen tanto aborrecía.

   Si, alí estaban os dous en amoroso coloquio, ben axenos de que Rosa poidera velos, pois creíana no lameiro das laxas.

   Quizaves Enriqueta conseguira o seu intento a xuzgar polas aparencias, i o amor da materia triunfara sin duda sobre o amor virxinal e puro.

   —¿Querrasme así sempre? —dixo Enriqueta rodeando cos seus brazos o pescozo de Francisco.

   —¡Sempre! —contestou el, ó mesmo tempo que se ouvía o chasquido dun beixo.

   Rosa, ó sentir aquelo que foi como si lle cravasen un puñal no curazón, perdeu o coñecemento, e rodou ó fondo do precepicio, estrelándose diante mesmo da namoricada parexa que se quedou despavorida ó encontrarse tan inesperadamente co coadro tan aterrador.

   —¡Ela!... ¡Miña Rosiña!... —berrou Francisco desesperado e fóra de si, ó recoñece-lo magoado corpo da infortunada pastora. Sin poder articular nin unha soila palabra máis, levouse as maus á cabeza, e turrándose con rabia dos cabelos, fuxía... fuxía... sin saber pra onde.

   Enriqueta, levantouse despacio, tomando camiño da aldea e volvendo de vez en cando os ollos cara aquel corpo eisánime; i en lugar de rezar unha oración pola alma daquela infortunada, de cuia morte era ela causante, seus labios solo souperon marmurar: —¡Desgraciada!...

   A voluntade do Todopoderoso foi aquela vez contraria a dous seres humanos, i aquela peneda, que tiña que ser testigo dunha reparación que se lle debía a un amor puro e casto, foi testigo dunha innominia, do sacrificio dun ánxel, que a providencia parescía que dispuña pra castigo e remordimento de concencia daqueles dous herexes.

   Ó outro día, a xusticia, —sin coñece-lo verdadeiro motivo daquela morte, que todos achacaban a unha desgracia casual— cos requisitos da lei levantou o cadavre ó que se lle deu cristiana sepultura, poñendo unha cruz na cima da peneda e facendo gravar na pedra a seguente escriución:

Eiquí morreu Rosiña á pastora.
Rogade pol-a súa yalma
Alfredo Fernández

Buenos Aires, enero de 1900.


Publicado en
El Eco de Galicia (Buenos Aires) n.º 300, 20/02/1900 [1]


Tódalas obras orixinais deste autor atópanse no dominio público. Isto é aplicábel en todo o mundo por mor de que finou fai máis de 80 anos.
As traducións poden non estar en dominio público.