A fragata vella
Aparencia
A fragata vella (De catro a catro) Manuel Antonio 1928
Te-los ollos distantes
decorados de rostos xoviaes
que os vellos mariñeiros
permutaron pol-os climas antípodas
Levas n-o leme
un pulo de brazos tensos
que retorceron os largacíos
horizontes d'o mar
O vento
atortorando
desfollou dos velamios
outonos de mocedades
Mercabas colares circunmeridiáns
n-os bazares d'estrelas
Amarrabas faros dispersos
c'o simblador calabrote d'o ronsel
Floreceches n-o mar
primaveiras amargas
de foulas e escamallos
Inda que o vento encalme
tremela n-as túas velas
unha rafega de transmigracións
N-ese teu corazón innumerábel
tamén enchen e devalan
as mareas d'o meu corazón.
<<<< | >>>> |