Saltar ao contido

A Virxe do Cristal/Parte VII

En Galifontes, o Wikisource en galego.


Unha noite azul de agosto
como de vrau regalada;
Vilanova dos Infantes
toda é bulla e algazara.
Nunca misteriosa lúa
verteu por lus tanta prata,
nin nas silveiras a brisa
esparramou máis fragancia.
Pola praza e polas rúas
as mozas cantando pasan,
i os mozos van detrás delas
dando atruxos e palmadas.
Imporvisando un turreiro
á porta de cada casa,
por todas partes se escoita
són de pandeiros e gaitas.
De legua e media á redonda
os mociños da montana
saúdan aquela festa
coa lus dos fachós de palla.
As vellas de toda a vila
sán dos balcós ás barandas
i os nenos emporranchiños,
coa cabeciña rapada,
brincando e choutando enrédense
entre as pemas dos que bailan.
Esta noite os zapateiros
non queren collé-la chaira,
nin as rapaciñas fían,
nin os fomeiros amasan.
Esta noite en Vilanova
é noite de fuliada;
que así o dispuxo o Concello
i o señor Abade o manda.
O Abade de Vilanova,
que don Xan de Barros
chaman, pra congregar ós frigueses
mandou toca-las campanas.
Encasquetado o bonete,
vestido de estola e alba,
subiuse ó púlpeto e dixo
ós que debaixo escoltaban:
-Hirmauciños, xa sabedes
como fai catro somanas
se dinou Nosa Señora
pro medio dunha rapaza
vir visitar esta vila
pra facer nela morada.
De tanta mercé asombrado
como Dios nos dispensaba,
o señor Bispo de Ourense
quixo ve-la imaxe santa;
pero correu tantas terras
neste tempo a súa fama,
que cando o Bispo faguerlle
unha capilla pensaba,
o Rei don Fulipe Carto
que hoxe en paz gobema España,
coidando non fose certa
maravilla tan sonada,
mandouna pedir de presa
pra vela i adimirala.
Eu mandeilla moi envolta
entre outras reliquias váreas:
o Rei mirouna, tocouna,
volveu a vela e tocala,
e con ollos relampados
i a lengua de media vara,
dudaba de canto vía,
como Dídimo dudara.
¿I entón qué fixo? Temendo
que o cristal en que encerrada
está a Virxe fose cousa
en que pudese haber trampa,
chamou ós máis afamados
artífices á súa cámara,
díxolles que saminaran
o cristal con toda calma,
e declarasen en autos
canto de raro notaran.
Así se fixo: prateiros
e péretos da Real Casa,
homes de letras e cencias
xuntáronse nunha sala
do seu Pazo, na presencia
de mil xentes cortesanas,
e despois de grande estudio
i adimiraciós sin tasa,
dixeron todos a unha
que o que de ver acababan
non tiña no mundo enxempro
i así, que o cristal i a Santa
eran de orixe divino,
pois outro non lle atopaban.
"Despois deste Juramento
todos caíron ás prantas
da nosa Virxe, i estonces
Rei, cabaleiros e damas
fixéronlle ofrendas ricas
de xoias, de ouro e de prata,
pra que se lle erga unha ermida
no eido en que foi topada.
Todos estes pormenores
damos o Rei nunha carta
que unha posta de Madril
mesmo de entregarme acaba.
"A virxe xa volve estare
en Vilanova: iadoraina!
E namentres que os pedreiros
non lle levantan a casa,
vinde rezarlle a esta igrexa,
VIRXE DO CRISTAL chamándoa.
"l agora ídevos con Dios-,
e deste día en lembranza,
hoxe e maiñá, si Dios quere,
ninguén na vila traballa.
O mesmo quer o Concello,
cedendo ás miñas istancias.
De darvos a mesma orde
o pregoeiro se encarga".


Cando da igrexa saíron
cantos dentro dela estaban,
Martiño foise rondare
de Rosa baixo a ventana.
Rosa estaba no castelo,
de xentes arrodeada,
porque como era bonita
e vive en fama de santa,
dendes que gardando o gando
no val á Virxe topara,
a todos lle gusta, e todos
van, pra que peque, a tentala.
Xa fixo un mes que Martiño
tivo con Rosa palabras,
e inda as paces non fixeron,
porque a tesón nadia os gana.
Pero Martiño está seco
de celos, como onhas pallas,
e non pode aturar máis
un mal de que el mesmo é causa.
Por eso, como arastora,
veu moitas veces de husmada;
pero Rosa, ou non o vía,
ou por non velo, esviaba.
Levaba agora de espera
bo anaco baixo a ventana;
pero Rosa non saía;
como o outro que di... nin ganas.
Martiño tose que tose...
Martiño canta que canta...
Pasea que te pasea...
Pero o que é Rosiña... ¡nada!
Alá arriba o coitadiño
ouía gromas e cántigas,
e cecais Rosa se ría
mentres el se enrabexaba.
Por fin, cando xa Martiño
se iba meter na súa casa,
Rosa somouse, i estonces
trabaron estas palabras:
-Gracias a Dios, miña Rosa...
¿Dasme un ramiño de albahaca?
-Cando o que podo me piden,
nunca neguei nada a nadia.
-Dios che faga tanto ben
como lle dás á miña alma;
que dende que te non vexo
parece que algo me falta.
-Non te me veñas coesas,
Martiño, que... todo acaba...
¿Non te acordas xa da noite
que treidora me chamabas?
-¡A¡! Bo castigo me deches
i outro máis grande esperaba.
Dudei de ti.... un mal amigo
díxome... ¿quén non dudara?
Pero ese crime... custoume
si viras... ¡a¡! ¡tantas bágoas!...
-¿I arrepentíchete?
-Escoita:
esa noite malfadada
Dixécheme: "Estou tan limpa
como un cristal". ¡Ben falabas!
Porque á mañá do outro día,
sin que ti mas amostraras,
Dios mesmo me daba as probas
da pureza da túa alma.
O cristal que ti alcontraches
antes de que ti alcontraras,
eu cho topei, eu cho tiven
nesta mau callosa i áspora,
eu fun quen o vin caíre
i eu quen o tirei con rabia,
Sin conecer.. ¡malos demos!
cánta grandeza encerraba.
¡Ti sí que sorte tiveches...!
Dio-lo quixo i é moi sabia
súa divina voluntade.
-¡Quén sabe si me chamaba
Dios pra sí desa maneira,
Martiño!
-¿Qué dis?... ¿Qué falas?...
-Non xures por Dios, Martiño.
-¿Pensas morrerte, rapaza?
-¡Non, pero a conta éche a mesma:
penso casarme!...
-¡Acabaras!
Pois o que é por min... agora mesmo,
si queres.
-_Fai falla
ter dote: o señor Abade
de aportarma deu palabra.
-¿Dote? Ti non a precisas.
-Pois xa che vendín as saias
i o pano de frores... todo,
pra que haxa na festa gaita.
-¿Logo vas casarte emporra?
Si en ves de vender, compraras...
-É que... pró meu casamento
abóndarne unha mortaxa.
-¡Ouga! ¿Casarse é morrere?
-Cando con Cristo ún se casa,
morre pró mundo...
-¡Rosiña!
¿Monxa ti?
-¡Martiño, cala!
¡Cala... e vaite! Si eu non puden
¡que outra felice te faga!
-¿I así... me deixas..., Rosiña?...
-¡Martiño.... a Virxe mo manda!