A Virxe do Cristal/Lenda
Rapazas de Vilanova,
ben vos podedes gabar;
que non hai Virxe no mundo
como a VIRXE DO CRISTAL.
(Cantar do pobo)
Almas ardentes pra chorar nacidas
unha cencia que Dios non quixo darvos;
volvoretas xentís, esparexidas
arredor dunha lus que ha de queimarvos;
almas cheas de duda, de fe espidas;
dunha eterna inorancia eternos parvos;
vermes envoltos no montón aceso
de ósos de mortos que chamás progreso:
Parade un pouquichiño o fatigoso
paso en que vades a rodar sin tino,
e non ó vento dedes, enganoso,
a balbucente vos dun peregrino,
sombra dun sol que nace esprendoroso,
póla esgallada de xigante pino,
recordo vivo dunha idá pasada,
entre o polvo dos tempos enterrada.
A vos amiga que hastra vós se astreve
é de xente de paz. Eu sonvos ave
de pío morosiño i aas de neve,
que só aniñar nos campanarios sabe.
Dende eles colle lus, dende eles bebe
o incenso en ondas que rubiu da nave.
e cando cai esborrallada a torre,
mirra as aliñas, e piando morre.
Cando teñades esta vos ouído,
cal eco de fantástica viola,
xa esta sombra terá desaparecido,
cinza sólo quizais será esta póla;
estonces, que tra-lo último queixido,
sólo será un cadavre esta ave tola,
¡almas, volvede ó voso afán, voade,
buscade o fin da cega humanidade!
¡Eu non podo seguirvos! Si amo tanto
o progreso i a lus, ¿por qué na frente
grabado hei de levar o desencanto
desta doce ilusión que o peito sente?
¿Por qué, cando profétecos levanto
ó porvir os meus ollos, tristemente,
tíreme a sen remordemento xordo,
e dos pasados tempos me recordo?
Medroña queixa espállase no vento
por cibdades e vilas á redonda,
que inda zoa con tanto sentimento
como na praia cando toupa a onda.
Ese triste queixido, ese lamento,
de alguén vos sai que sofre pena fonda...
iÉ o pasado que morre! A lira daime,
e si canto ese morto... perdonaime.
Sí, eu cántovo-la vida no pasado;
que outros canten a vida no futuro:
eu dun tesouro sei que está olvidado,
e pra sacalo á lus a terra furo.
Si o tempo é sempre o mesmo, i agarrado
vai o presente ó que pasou, seguro,
podia ser, ben na vila ben na aldea,
que útil pra moitos o meu canto sea.