Saltar ao contido

...Ao afogado

En Galifontes, o Wikisource en galego.


...Ao afogado (De catro a catro)       Manuel Antonio       1928
 


  Xa che levaran os ollos
  relingadores de lonxanías
e pescadores de profondidades

  Xa che levaran a voz
  asolagada n-a furna xiróvaga
por onde escoan as tempestades

  Xa che levaran os azos
  enmallados n-a rede sonora
d'os cordaxes ereutos

  O vento aínda escovaba
c'as poutas d'escuma
  n-a xerfa
          mais cadaleitos

  Ibas xuntando soedades
  Por un burato d'o Mar
chopaches un día a buscar-te

  A noiva goleta
  enloitada de branco
  que cose roitas esquencidas
  acena n-o vento as súas velas
como ese pano d'as despedidas.