Saltar ao contido

¡Cereixas, boas cereixas!

En Galifontes, o Wikisource en galego.


¡Cereixas, boas cereixas!       Luís Otero Pimentel, Follas Novas (A Habana) n.º 489.       1906
 


___

   Cheguei á miña terra no tempo delas, e toleo véndoas. ¡Que ramiños tan roxos e tan cargados! ¡Canto dera por poder arrincar e mandarvos unha cereixeira!

   De Cades á Cruña, vin embarcado, dando un brinco onde descansei e comín unha pescada. ¡Que boa estaba!

   Despois din outro brinquiño, asta Villagarcía, onde comín medio lacón con caldo de crego; millor que aquel que nos deron a Álvaro da Igrexa, a min e outros amigos, no restaurant “Suízo”...

   Antes de volver pró barco, cheguei a Carril, que está pretiño daquela vila, e alí merendei como un frade, dos que teñen boas gorxas.

   Villagarcía e Carril son dúas irmás moi bonitas, que teñen gracia na cara e alegría no peito. Medraron algo, desque eu as vira, aló polo ano de 1861... Xa vedes que non falo de onte. Pero, decíndovos a verdade, aínda pensaba velas máis medradas.

   En poucas horas o barco chegou a Marín, onde comín unha cunca de grelos e catro sardiñas, servidas por unha nena moi garrida que, entre outras palabriñas moi doces, díxome: – Que pouco come, señor; ¿non lle gusta o que lle trouxen?

   —Si, está moi bo, –respondille– pero desque te vin penso na imaxen da primeira rosiña que froleou ó meu camiño.

   —Non o entendo, señor, –dixo ela coa maior inocencia.

   —Ese é o meu sentemento. Antes entendíanme todas, aunque non falase: agora os meus ollos e as miñas palabras pérdense no mar das soedades.

   —¿Quere que chame a miña nai, por si o entende?

   —Non; non a chames, Rosiña... que pra vello basto eu...

   Botou o barco outra carreira, e chegamos á Cruña. Cando eu poñía os meus pés naquela terra que, si non me chamasen tolo, baixaríame pra bicala, como a testa coroada da nosa Galicia; vendo que ninguén me agasallaba, non puden menos de decirlle:

            Terra de María Pita,
            de Marola e do Orzán,
            bota as campanas ó vento
            que non chega ningún can...

            ¡Que toleada! ¡As campanas ó vento!...

   ¿E que demos fixen pra merecerlo?

   ¿Que diñeiro teño, a cantos esfolei e que preitos ganei pra que me agasallen?

   Correr mundo, traballar, sufrir, pensar, amar, chorar e morrer polo nome, polo ben e pola honra da patria querida, non son cousas de tanta monta que merezan os agarimos da misma...

   —¡Cereiras, boas cereixas!

   —¿De donde son, rapaza?

   —Sonlle de Meirás.

   —¿Canto queres por elas?

   —Por todas, seis reás.

   —Toma: lévamas á fonda.

   —Espere toma a volta.

   —Non tes que volverme nada: as cereixas valen eso.

   —Non señor: eu non pido limosnas...

   —Non seas orgullosa, nena; este vello non te ofende.

   —Moitas gracias, señor.

   —¿Que pasou?

   —Este señor que me dou veinte reás polas cereixas.

   —Será moi rico.

   —Non son rico: é unha promesa.

Véxase tamén

[editar]

Bibliografía

[editar]


Tódalas obras orixinais deste autor atópanse no dominio público. Isto é aplicábel en todo o mundo por mor de que finou fai máis de 80 anos.
As traducións poden non estar en dominio público.