¡A probiña, que está xorda...!

En Galifontes, o Wikisource en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura


IV. D'a terra (Follas novas)       Rosalía de Castro      
 



¡A probiña, que está xorda...!

"Alá enriba da montaña,

sai fume das chamineas...

Valor, meu corpiño vello.

Leváime aló, miñas pernas.

Paseniño, paseniño,

aquí para, alí te sentas,

irás chegando, Xuana,

adonde as casas fomegan.

¡Dios diante, a Virxe che valla!,

qu hoxe, seica... seica... seica...

has de comer sete cuncas

de bon caldo, coa da cea,

e máis compango do porco

ou de sardiñas salpresas,

que os montañeses son homes

que cando dan, dan de veras.

Dempois, quentaráste a un lume

grande coma unha fogueira,

e cando xa estés ben quente,

¡a dormir... e que ameñeza!"