Soberba

En Galifontes, o Wikisource en galego.



Cor de promo, amontónanse as nubes;

rodan lentas as ondas domar;

e zoando con son pavoroso,

ven o huracán.

¡Qué cargado está o ceo e qué triste;

qué escuro, qué negro tornándose vai!

Encendamo-la vela bendita,

que hai tempestá.

Cabalgando nas alas dos ánxeles,

por mandado de Dios correrán

as centelas que asombran ós malos

co seu lostregar.

Nove follas de olivo queimemos

porque alexen de nós todo mal,

que nos libren de raio e centela

que nos matar.

O trisaxio cantemos en coro...

Incrináivos i a dios adorái;

pois si trona, é que que recordarnos

que é grande e inmortal.

¡Santo, santo!, din todos a unha,

fillos e nai...

Todos non, que un, soberbo e sañudo,

calado está.

Mais os tronos afunden os ceos

e cega dos lóstregos o brilo fatal.

¡Ouh, qué noite...! ¡Qué noite terrible

de tempestás!

El Señor está airado... ¡Incrinémonos!

¡Ei, malvados da terra, tembrai!

O que salvo esta noite saíre,

que contar há.

-Ña nai, a vaca marela tembra coma vós na corte.

¿Fixo algún pecado ela?

¿Virá un raio a darlle morte?

-Si ela non fixo pecado,

mal cristiano, ti o fixeche;

que es pecador rematado

mesmo dendes que naceche.

-¿I a probe vaca marela

paga, decí, o que eu pequéi?

-Pagas ti; morrendo ela,

di, ¿con qué te manteréi?