Proposta de Estatuto para Galicia do BNG no 2005/Título preliminar
Proposta de Estatuto para Galicia Bloque Nacionalista Galego 2005
Título preliminar
[editar]Artigo 1. A Nación galega
[editar]1. A Nación galega constitúe unha comunidade política, democrática, social e de dereito que propugna como valores superiores do seu ordenamento xurídico a dignidade humana, a liberdade, a xustiza, a igualdade e o pluralismo político, e se integra como comunidade autónoma no seo do Estado español.
2. Os poderes públicos galegos asumen como tarefas principais a defensa e afortalamento da identidade e dos intereses do país así como a promoción da solidariedade entre os cidadáns e cidadás de Galiza e a súa participación na vida social, cultural, económica, científica e política da Nación.
Artigo 2. O territorio de Galiza
[editar]O territorio de Galiza abrangue o dos concellos que actualmente forman parte da Comunidade Autónoma de Galiza.
Artigo 3. A língua galega
[editar]1. O galego é a lingua propia e oficial de Galiza. Todos os cidadáns e cidadás galegas teñen a obriga de coñecelo e o dereito a usalo.
2. O castelán será co-oficial no territorio de Galiza.
3. Os poderes públicos de Galiza garantirán os dereitos lingüísticos dos galegos e galegas, potenciarán o emprego da lingua galega en todos os eidos da vida pública, cultural e informativa e disporán os medios necesarios para facilitar o seu coñecemento. Todos os funcionarios e traballadores ao seu servizo teñen a obriga de o usar no desempeño da súas funcións. O emprego do castelán realizaráse a pedimento de parte.
4. Ningúen poderá sufrir discriminación por razón da lingua.
5. O galego, como lingua propia, é:
a. A lingua de todas as institucións galegas, e en especial da Administración
galega, da Administración local, dos seus entes dependentes, das corporacións
públicas, das empresas e os servizos públicos, dos medios de comunicación
institucionais, do ensino e da toponimia.
b. A lingua preferentemente utilizada pola Administración do Estado e demais
entes estatais en Galiza na forma que ela mesma determine, polas demais
institucións e, en xeral, polas empresas e entidades que oferecen servizos á
cidadanía.
6. O idioma galego será a lingua oficial no ensino en todos os niveis educativos,
e tal efecto:
a. O alumnado terá dereito a receber o ensino en lingua galega, nomeadamente
no primeiro ensino.
b. O persoal docente deberá facer uso da lingua galega no exercicio das súas
funcións educativas conforme se estabelecer legalmente.
c. A lingua galega será materia de ensino obrigatorio en todos os centros
educativos.
d. As administracións educativas promoverán o uso progresivo do galego como
lingua vehicular en todos os niveis educativos.
7. O coñecemento da lingua galega será requerimento obrigado para o exercicio en Galiza da representación política e das funcións administrativas, notariais, rexistrais e xudiciais.
8. Os topónimos terán como única forma oficial a galega. Correspóndelle ao Goberno galego a determinación dos nomes de lugar de Galiza.
9. A competencia sobre a fixación da variedade estándar da lingua galega correspóndelle á Real Academia Galega, dacordo cos informes das universidades galegas e das organizacións dinamizadoras do uso público do galego.
10. O Goberno galego fomentará o emprego do galego nas zonas galegofalantes do exterior de Galiza.
11. A lingua galega, como parte do sistema galego-portugués, será difundida, en toda a súa produción cultural, nos países de lingua portuguesa.
Artigo 4. A cidadanía galega
[editar]1. Son cidadáns e cidadás de Galiza todas as persoas con veciñanza administrativa nalgún dos concellos galegos.
2. Unha Lei do Parlamento de Galiza regulará os procedementos de adquisición, conservación e perda da cidadanía galega, que deberá ter en conta a situación de todas as persoas residentes fóra de Galiza, que dispuxesen da súa última veciñanza en territorio galego, e a da súa descendencia.
Artigo 5. As Comunidades Galegas
[editar]1. Os poderes públicos galegos fomentarán o vencellamento social, económico e cultural cos membros das colectividades e centros galegos asentados no exterior.
2. Por lei do Parlamento de Galiza regularanse as relacións con estas entidades, así como a prestación dos dereitos que en cada caso lles correspondan.
Artigo 6. Os símbolos de Galiza.
[editar]1. Por Lei do Parlamento de Galiza fixaranse os símbolos distintivos de Galiza, que son a bandeira, o escudo e o himno. 2. A bandeira e o escudo figurarán en lugar preferente nos edificios públicos situados no territorio galego e nos actos públicos que se celebren en Galiza. 3. Institúese 25 de Xullo como Día da Nación Galega.
Artigo 7. A capital de Galiza
[editar]A capital de Galiza radica na cidade de Santiago de Compostela, onde fixan a súa sede permanente o Parlamento e o Goberno, sen prexuízo de poderen desenvolver as súas funcións descentralizadamente noutras localidades de Galiza.
Anterior: Preámbulo |
Proposta de Estatuto para Galicia do BNG no 2005 | Seguinte: Título I |