Transliteración e adaptación do árabe: aplicación terminolóxica. Artigo completo
Introdución
[editar]Moitas son as palabras procedentes do árabe que xa de vello se utilizan en galego, algunhas en exclusiva dentro da Romania. As máis cotiás, por exemplo arroba ou aldea, evolucionaron desde os seus comezos no galego ata transformárense con resultados onde o orixinal queda algunhas veces irrecoñecible. Non pretendemos aquí facer unha análise de cales foron as causas da súa integración e as modificacións na súa evolución; xa contamos na Lingüística Galega con investigacións como as de Corriente Cordoba, Frías Conde e Peinado Gómez para estes aspectos, que se especifican no apartado de Referencias históricas. Queremos aquí fornecer instrumentos e aplicacións prácticas para adoptar na actualidade as novas incorporacións terminolóxicas baixo formas escritas realmente galegas.
Para comezar, presentaremos brevemente unha perspectiva teórica que axudará a comprender as tres variables principais que ao noso entender afectan ao proceso de adopción de palabras desde o árabe ao galego. Seguidamente exporemos as principais características do árabe coas que hai que contar á hora de adoptar as palabras con esta procedencia. Analizaremos logo algunhas das propostas existentes, tanto no contexto internacional como no galego, para crear as denominacións correspondentes: as súas vantaxes e inconvenientes permitirán no seguinte punto crear unha metodoloxía de adopción de arabismos (transliteración e adaptación) que teña unha base teórica que a afortale pero unha aplicación práctica factible, e que permita crear adopcións realmente galegas tanto desde a óptica teórica como desde a aplicada. Remataremos confrontando o galego con outras linguas nun extenso apartado práctico, aínda que non sistemático, para dar resposta a algunhas das demandas terminolóxicas que a nova sociedade galega esixe da súa lingua. Para aumentar a súa efectividade terminolóxica, incluímos xusto despois un índice para localizar as formas escritas mencionadas.
Consideramos que a eficacia dunha proposta que pretenda transliterar ao galego un alfabeto distinto depende de factores teóricos e prácticos como a versatilidade e exactitude, a comodidade, a intuitividade para os non iniciados e a capacidade de adaptarse á maior porcentaxe posible de casos para os expertos. Esperamos telo conseguido aquí.
Marco teórico
[editar]Por unha banda, un dos criterios que influirán na forma galega das palabras que proceden do árabe ou de calquera outra lingua é o de manter unha fidelidade á lingua orixinal ou a adaptación á estrutura do galego. O galego e o árabe están emparentados lingüísticamente, pero afastados dabondo entre si como para que estes dous criterios poidan considerarse coma opostos.
Por outra banda, tanto a lingua escrita como a lingua oral poden ser a base de partida, o cal pode producir oscilacións (Frías Conde 2006:123), que no caso do árabe en comparación co galego afecta fortemente ás vogais. Mentres que o mecanismo baseado na lingua oral se chama comunmente transcrición, os modelos baseados na escrita descríbense co termo de transliteración (ou transcrición grafémica). Esta denominación utilízase fundamentalmente cando os modelos de adaptación se basean en alfabetos distintos do galego. Cando o alfabeto da lingua orixinal é o latino (ou algunha das súas variantes) normalmente non recibe ningún destes nomes: en realidade, como en galego tamén usamos o alfabeto latino, o proceso non consiste máis que na importación ou perda dos diacríticos da lingua orixinal. En termos xerais, se o alfabeto ao que se verquen as palabras é o latino fálase de romanización ou latinización (e, polo tanto, se fose o cirílico sería cirilización).
Combinando estes dous criterios teremos entón seis posibles filosofías de aplicación (adaptar ou fidelizar; e basearse na fala ou na escrita) en dúas situacións distintas (polo menos no que se refire á escrita).
Fidelidade | Adaptación | |
Oral | Transcrición fonética | Adaptación fonolóxica |
Escrita distinta | Transliteración | Adaptación escrita |
Escrita igual | Conservación de diacríticos | Perda de diacríticos |
A ausencia de biunivocidade entre grafema e fonema entre as linguas que usan a grafía latina ou a árabe (Corriente 2002:362), obriga a optar entre transliteración ou transcrición, pero outro factor fundamental na maneira de adoptar arabismos é o público ao que está destinado. Non é o mesmo que unha palabra teña que aparecer nun telexornal que nunha clase de Lingüística comparada, polo que se deben distinguir dous niveis, o divulgativo e o científico, na transmisión destas palabras adoptadas. En realidade, isto segue acontecendo no galego coa que segue sendo a lingua referente e unificadora da cultura no noso contexto, o latín: conceptos como fibela, tella ou carballo americano poden aparecer escritos como fibula, tegula ou Quercus rubra e Quercus borealis en segundo que contextos, cunha intención evidentemente distintas. A función divulgativa tende máis cara a unha adaptación oral, mentres que a orientación científica sofre a chamada "tiranía da letra", pois busca normalmente unha transcrición exacta, sempre segundo as denominacións dadas no cadro anterior. Aínda así, existen casos intermedios de combinacións distintas dos dous criterios anteriores como, por exemplo, a forma escrita tégula. Para ampliar este marco de traballo, hai moitos máis factores que afectan aos procesos de emigración das palabras desde un idioma a outro. Un dos máis determinantes son as posibilidades técnicas: pode resultar curioso, pero a simplicidade é un factor que inflúe poderosamente na súa aplicación práctica. Está claro que se en tódolos teclados estivesen dispoñibles tódolos diacríticos estarían máis estendidos no seu uso, pero o certo é que en certos contextos (o subtítulo dun telexornal ou a capa dun libro) resulta difícil ler grafemas especiais probablemente debido a problemas técnicos.
Outra influencia son as linguas intermediarias: este é un dos problemas máis acuciantes para o galego e outras moitas linguas na actualidade. Moitas destas palabras chegan a nós a través do francés e do inglés, co cal o que se adoita facer é copiar directamente a súa grafía. Porén, a ortografía e, sobre todo, a lectura destes idiomas son en certos aspectos moi diferentes das do galego, e as súas solucións pouco teñen que ver coas que son esperables por parte dun lector galego. O coñecemento da lingua orixinal (e en xeral do mundo árabe) para os galegos aparece normalmente desde a perspectiva da demonización ou do exotismo, pero poucas veces cunha profundidade superior á do estereotipo. O descoñecemento da súa cultura é un impedimento para acceder de xeito efectivo ás fontes árabes orixinais. Existen poboacións que utilizan practicamente a mesma lingua con diferentes variantes escritas: croata e serbio, hindí e urdú ou romanés e moldavo son culturas prácticamente iguais que establecen as súas diferenzas baseándose en boa medida na existencia de escritas distintas. Aínda así, o seu coñecemento mutuo é normalmente bastante elevado e contan cun sistema de transcrición biunívoco que lles permite evitar complicacións na transcrición e adaptación. Se hai pouca distancia lingüística, pode darse o caso de transparencia significativa e provocar unha tradución semántica. Canto á diferenza nos criterios metaortográficos, é obvio que a ortografía árabe e a galega non teñen as mesmas normas xa que tratan con distintos grafemas. Trátase de que os criterios que definen as normas ortográficas son diferentes: por exemplo, no árabe o artigo escríbese proclítico ao substantivo ou no romanés vai enclítico, mentres que no galego forma un palabra gráfica diferenciada. A opción dun criterio de fiabilidade escrita para o galego debe dar conta de criterios ortográficos distintos dos habituais nosa lingua. Un último factor que comentaremos é a época de entrada na lingua e a tradición. Xa comezamos a nosa exposición con dous exemplos que están afianzados na nosa lingua de hai tempo. Hai casos intermedios nos que a introdución é recente e a forma definitiva non está aínda ben asentada, polo que pretendemos fornecer dun instrumento sistemático para decantalos. A nosa proposta restrínxese aos neoloxismos de nova incorporación, aínda que comentaremos algúns dos máis recentes.
Moitos outros factores máis poden gobernar esta práctica (cf. Corriente 2002:363), pero consideramos que os catro primeiros factores son determinantes no resultado da adopción: xa que logo, a escolla tomada no caso dos dous primeiros e a consideración da influencia de factores técnico-tipográficos e de contexto da divulgación serán as bases teóricas sobre as que se asente esta proposta.
A lingua de partida
[editar]Pode considerarse que o árabe, igual que o chinés, non é unha lingua, senón varias. A súa distribución xeográfica esténdese desde as costas atlánticas ata as do Golfo Pérsico, polo que a súa variación diatópica é pouco menos que inevitable: aínda así, tamén existe unha forte influencia cohesionadora. Así como no chinés o factor aglutinador é a escrita ideográfica, o árabe conta cunha variante escrita, arcaica e clásica, reflectida no principal texto relixioso islámico. A lingua do Corán establécese así como referente cultural para toda unha comunidade relixiosa que excede con moito os límites xeográficos onde o árabe pode considerarse lingua nacional. Por iso, a tradición cultural deste árabe escrito é tan poderosa que, nos países arábigos e norteafricanos onde coexiste con outras variantes principalmente orais, pode considerarse que existe unha diglosia de carácter benigno que unifica toda a comunidade de fe. Loxicamente existen variantes máis prestixiosas (por exemplo, o exipcio), pero o padrón segue a ser o árabe que se ven chamando clásico. As necesidades contemporáneas destas sociedades esixiron desde hai tempo a existencia dunha adaptación deste árabe clásico á vida moderna, o que motivou a creación do árabe estándar actual, que se ensina na actualidade aos falantes non nativos e se usa na literatura. Tanto a variedade clásica como a estándar serán as bases nas que se fundamente a presente proposta para (re)crear as palabras galegas de procedencia árabe e a razón é que estas son as formas máis estables en toda a Arabofonía.
As dúas primeiras diferenzas do árabe respecto ao galego son que se escribe da dereita á esquerda e non utiliza un sistema de escrita caligráfica. Cada carácter representa en realidade a consoante pola que comeza unha sílaba, pois tódalas sílabas nesta lingua comezan por consoante. Unha destas consoantes é unha plosiva glotal, que é en realidade a consoante pola que comezan as sílabas que aparentan carecer de marxe prenuclear. Aínda así, ademais das sílabas libres, existen sílabas trabadas, que a ortografía árabe interpreta como dúas sílabas onde a segunda carece de vogal. Esta ausencia de núcleo e a xeminación van marcadas con diacríticos especiais.
A relación dos caracteres das consoantes do árabe estándar cos seus fonemas correspondentes é biúnivoca, pero a súa forma non é constante. Non é igual có uso das maiúsculas, senón que depende da posición relativa na palabra. Igual ca nos cadernos de caligrafía infantil, as letras son distintas se van unidas coa seguinte, coa anterior, coa seguinte e a anterior ou illadas. Esta distinción pode semellar trivial pero dá certos problemas na aprendizaxe, debido a que hai moitos caracteres que sofren variacións no seu apéndice ou na súa morfoloxía e seis que nunca se unen co carácter seguinte. Nas táboas que siguen, amosaremos as grafías nestas catro posicións para cada carácter.
As vogais márcanse enriba ou debaixo destes caracteres como diacríticos e son seis, tres breves e as súas correspondentes longas, que se marcan con caracteres adicionais. Esta é xa a primeira diferenza fonolóxica respecto ao galego: haberá que prever que o sistema de transliteración conserve estas diferenzas. No que respecta ás vinte e oito consoantes, unha parte son comúns ao galego, ou polo menos á maioría das linguas europeas, pero hai outras que son inéditas nas linguas do noso continente. Así como as vogais poden ser longas, as consoantes tamén pode ser xeminadas. Non nos imos deter aquí a definir cada un dos seus valores fonolóxicos e variacións fonéticas e dialectais: simplemente exporemos o símbolo do Alfabeto Fonético Internacional que o describe. Do nome das letras en árabe xa nos ocuparemos máis adiante, na primeira aplicación práctica.
Observando a táboa pódese comprobar que o número 1 presenta varios alomorfos, o 3 presenta un alógrafo para posición final e illada, os números 1, 8-11 e 27 non ligan co grafema seguinte e que o 17 presenta dúas pronuncias sonoras, ambas adiantadas no padal (que se distribúen diatópicamente polo dominio lingüístico do árabe estándar).
Ademais destes grafemas básicos, hai outro tipo de ligaduras que aparecerían por exemplo co artigo e algunhas preposicións ou conxuncións, ou cando as sílabas indicadas por 1 ou por 23 conteñen unha vogal longa, pero a casuística deste tipo de ligaturas sáese fóra do noso interese nesta primeira aproximación. No apartado de aplicación (v. punto 5) darémoslles nome.
Antecedentes
[editar]Tomando como referencia a primeira táboa coas seis posibles orientacións da representación das palabras de orixe árabe, imos centrar a exposición dos antecedentes só en tres casos: a transcrición fonética, a transliteración e a adaptación fonolóxica.
Transcrición fonética
[editar]No primeiro caso existen dous métodos fundamentais que, por coñecidos e accesibles, simplemente mencionaremos. Trátase do AFI (Alfabeto Fonético Internacional) e do X-SAMPA (Extended Speech Assessments Methods Phonetic Alphabet). As realizacións que cobren son as mesmas e a súa principal diferenza consiste nos grafemas que usa: mentres que o AFI utiliza diacríticos e símbolos non sempre accesibles para un usuario normal, o X-SAMPA utiliza só os caracteres ASCII de 7 bits para a a representación dos sons, o cal permite o seu uso en caso de carestía tipográfica. Utiliza necesariamente combinacións dos grafemas (dígrafos, trígrafos etc.) para a transcrición fonética, o cal dificulta ás veces á lectura a un público non iniciado, pero aínda así consideramos correcta a súa aplicación do criterio de simplicidade técnica.
Transliteracións internacionais
[editar]Varios son os métodos de transliteración que se propuxeron para o árabe, debido a que este proceso é imprescindible desde diferentes puntos de vista, desde traballos lingüísticos e cartográficos ata o censo ou a catalogación de obras árabes en grafía latina. Entendemos que o marco teórico que permite interpretalos en conxunto é o de Corriente (2002), onde intuitivamente os clasifica en dous grupos: os sistemas que utilizan diacríticos (puntos, raias e semicirculos subscritos ou suprascritos) e os que se serven de dígrafos (ou digramas), aos que nós engadimos se establecen contraste entre maiúsculas e minúsculas no resultado da transliteración. Repasaremos aquí brevemente unha bibliografía dos casos máis accesibles e as súas características xerais, explicitando a que grupo pertence (para comparar en conxunto as tres primeiras remitimos ao lector ao documento da páxina web <http://transliteration.eki.ee/pdf/Arabic.pdf>. Presentamos tamén unha táboa resume coas características dos sistemas nomeados, xunto coas do AFI (1) e o X-SAMPA (2).
O primeiro mecanismo de transliteración que merece mención (v. 3) é a norma internacional ISO 233-2 de 1961 modificada pola disposición de 1984, que utiliza só diacríticos e minúsculas e se inspira nos caracteres básicos do AFI e na tradición transliteradora centroeuropea de finais do século XIX (cf. Corriente 2002:364). Outro organismo internacional que se interesou na normalización da transliteración foi a Sección española de Cultura da UNESCO, que estableceu un index translationum para uso propio (4) e non usa nin diacríticos nin maiúsculas. Dentro da mesma ONU, o Servizo de tradución ao castelán creou en 2004 un Manual do Tradutor pero só tivemos acceso á versión que inclúe as 15 primeiras letras. Polo que deducimos da táboa e da transliteración dos meses que inclúen, só utiliza dígrafos.
Dentro dos sistemas instaurados por institucións normalizadoras pero a nivel nacional, cómpre mencionar a prestixiosa norma DIN 31635 do ano 1982, que usa diacríticos sobre minúsculas (5). O exército estadounidense usa o Standard Technical Arabic Transliteration System (SATTS), que utiliza só letras maiúsculas sen diacríticos nin dígrafos (6), as veces un tanto arbitrariamente. Outro organismo público que ten o seu propio sistema é a Biblioteca do Congreso dos EE.UU.
Coas mesmas características pero no ámbito privado existe o método Buckwalter usado na empresa Xerox (7), mentres que a British Enciclopaedia (8) utiliza un sistema con diacríticos e dígrafos para minúsculas. Corriente (2006:364) comenta que as dúas correntes transliteradoras que se asentaron no século XX foron a centroeuropea (9) e a anglosaxona (10). A primeira usa de diacríticos sen dígrafos mentres que a segunda faino á inversa.
Xa no ámbito hispánico, a chamada Escola de arabistas españoles seguiu os camiños do sistema proposto por Asín a comezos do século XX (Corriente 2002:365-366), que tamén bota man só dos diacríticos pero supostamente adaptándoos ao castelán. Busquets (1970) tira partido da máquina de escribir para igualmente usar só diacríticos (11). Méndez (1997) fornece unha proposta da tradición hispánica (12) que evita os diacríticos e as maiúsculas pero con dígrafos. O propio Corriente (1988:21) aproveita só os diacríticos (13) oscilando nas súas asignacións (cf. (14) en 1988:21 e 1997), aínda que avoga por usar algunha das correntes maioritarias: porén, recoñece que para o envío de mensaxes por correo electrónico (15) prescinde dos diacríticos e utiliza maiúsculas, dígrafos e outros símbolos ASCII (2002:368).
No resto da península, Machado (1991:9) na súa proposta para o portugués (16) tira rendemento só do carácter distintivo das maiúsculas (sempre que non se considere <Ç> como un carácter con diacrítico), mentres que deducimos (non puidemos acceder a toda a táboa) que o sistema empregado por Carbonell ou Castells (2003) para o catalán (17) aproveita igualmente as maiúsculas, pero tamén os dígrafos. Por último, Frías (2000:159) utiliza no ámbito galego un sistema de transliteración baseado en diacríticos (18), aínda que para o árabe medieval.
1 | 2 | 3 | 4 | 5 | 6 | 7 | 8 | 9 | 10 | 11 | 12 | 13 | 14 | 15 | 16 | 17 | 18 | |
uso de diacríticos | + | - | + | + | + | - | - | + | + | - | + | - | + | + | - | - | - | + |
uso de dígrafos | - | + | - | + | - | - | - | + | - | + | - | + | - | - | + | - | + | - |
diferenza entre maiúsculas e minúsculas | s | s | s | s | s | s |
Transcricións fonolóxicas ao galego
[editar]Tras esta perspectiva sobre distintos métodos de transliteración do árabe pode xurdir a pregunta de se é necesario crear unha metodoloxía para o galego. A transliteración que propuxeron os nosos antecedentes é convencional, pero a adaptación dos arabismos a cada unha das linguas xa non o é tanto: por exemplo, as secuencias sharia, Scharia, saria, sijaria ou szaria son transcricións dun mesmo orixinal en diferentes idiomas (de, en, fr, pl, nl e es). Polo tanto, non nos interesa aquí relatar os métodos de adaptación a linguas con sistemas fonolóxicos que pouco teñen que ver co noso, polo nos restrinxiremos exclusivamente ás dúas propostas existentes para o galego. Para un exemplo deste tema pode consultarse Méndez (1997:229 231). O que si pretende a nosa proposta é que o sistema de transliteración estea conectado coa adaptación e que isto facilite a adaptación dos arabismos ao galego.
Por todo isto, Frías Conde ten moita razón cando comenta que nos cómpre un método claro na adaptación de linguas con outros alfabetos ao galego para elevar o galego á categoría de lingua internacional (en realidade na da maioría das escritas en caracteres non latinos). Uns pioneiros neste campo foron os modelos propostos por Pérez-Barreiro Nolla para o chinés en 1996 e Dorado Cadilla para o cirílico serbio xa en 2004. Porén, a súa afirmación de que houbo propostas "para a transcrición de determinados alfabetos en galego, pero non no caso do alfabeto árabe" (Frías 2006:122) faille pouco honor aos seus antecedentes. Xa en 1997 saíu do prelo un traballo de Luz Méndez nas actas do IV Congreso Internacional de Estudios Galegos de 1994 onde facía unha proposta conxunta para cirílico, árabe e chinés. As súas opcións para o árabe son a seguinte:
Pola súa parte, Frías Conde (2006:124-126) fai outra proposta que se resume no seguinte esquema:
Segundo o noso punto de vista, estes antecendentes fallan en varios puntos. Méndez (1997:230) esquécese de dar conta do tratamento das vogais, da consoante árabe número 18, das vogais longas e das consoantes xeminadas, polo que a súa proposta queda coutada para a súa plena aplicación. Utiliza ademais unha vogal (<a>) para transcribir unha consoante. No outro caso, resulta sorprendente que Frías Conde (2006:124) non use na súa proposta o grafema <z> para transcribir ningún grafema do árabe, sobre todo cando en realidade sería unha solución moi doada e case esperable nesta situación usala a consoante // do árabe estándar. Pola contra, propón como alternativa o dígrafo <th>, que un falante galego normal non é probable que lea correctamente. Aínda que este grafema para a consoante número 4 se torne /s/ no árabe actual, no caso do galego temos a sorte de que esa circunstancia tamén se dá nas zonas seseantes, co cal cuestionamos que a súa proposta sexa a máis axeitada. Non deixa claro se a transliteración da consoante 19 é <gh> ou <g> e deixa outras baixo a discreción do transliterador. Cremos que esta ausencia do <z> e uso do <dj> se debe a un uso de grafemas máis internacionais e orientados ao árabe falado, pero a variación dialectal oral é grande e pensamos que desaconsella que a transcrición se fundamente na fala.
Metodoloxía
[editar]A nosa contribución consta de dúas propostas: unha metodoloxía que permite a transliteración desde as formas escritas árabes e a súa reversión desde ao alfabeto latino ao orixinal reproducindo con fidelidade a escrita, xunto cunha adaptación destas mesmas transliteracións a formas máis xenuinamente galegas. Seguindo o terceiro criterio comentado na presentación do marco teórico, asumimos que os contextos de uso do resultado de usar cada un destes métodos son o científico e o divulgativo respectivamente. Nos dous casos comezaremos desde as características xerais para irnos adentrando cada vez máis en cuestións máis complexas.
Proposta de transliteración
[editar]A transliteración que se pretende conseguir ten como obxectivos mínimos a fidelidade á escrita árabe orixinal, baseándose na forma escrita do árabe clásico ou do árabe estándar moderno; a reversibilidade, (ou retransliteración, segundo a ISO 233-2) é dicir, que a partir da transliteración galega se poida reconstruír a forma orixinal árabe; e o uso de grafemas dispoñibles tipograficamente no contexto dun usuario galego medio e dos seus valores fonolóxicos habituais na lectura, evitando na medida do posible os caracteres non alfabéticos, os dígrafos e, sobre todo, os diacríticos.
O árabe estándar conta con 28 fonemas e grafemas consonánticos, mentres que a norma do galego establece 18 consoantes (dos cales o <ñ> non é útil na práctica para a transliteración do árabe), xunto con tres alógrafos derivados (<gu>, <qu> e <rr>), tres dígrafos imprescindibles para representar fonemas que non se poden representar con grafemas únicos (<ch>, <nh> e <ll>) e cinco grafemas considerados para estranxeirismos (<j>, <k>, <w>, <y> e <ç>) e que polo tanto son asumibles para os arabismos. O <v> e o <q> poden ter algún rendemento con carácter distintivo no proceso, o primeiro só potencialmente na adaptación, mentres que o segundo tamén no de transliteración. Os dígrafos imprescindibles e o <ç> non poden asimilarse á lectura dun grafema árabe, salvo en todo caso o <ll>. Contamos polo tanto cun total de 22 grafemas en minúscula posibles para a transliteración, o cal resulta insuficiente para o noso propósito.
Se se prentende a reversibilidade, isto obriga á asunción de símbolos distintos de letras, dígrafos ou ao uso de maíusculas como grafemas distintivos. A utilización dos digramas presenta un problema: debido a que se pode producir calquera combinación de grafemas simples nunha secuencia, resultaría difícil distinguir cando esa combinación escrita consiste nun dígrafo ou da simple coincidencia de dous grafemas. Para diferenciar un dígrafo da coincidencia dos dous grafemas que o compoñen, transcribiremos a primeira letra do dígrafo en maiúscula, que será un dos casos onde as tomaremos como distintivas. Sabemos que esta práctica non é habitual (cf. só sistemas 2, 6 7 e 15 17 na táboa), pero cremos que este sistema é necesario para poder asegurar a reversibilidade da transliteración.
Vogais e semiconsoantes
[editar]Normalmente, os textos árabes non especifican as vogais, o cal é un obstáculo para a lectura e interpretación por parte de non iniciados. A práctica de reconstruír ou non as vogais nestes casos deixámola a discreción do transliterador, pero quixemos contemplar esta posibilidade. A solución neste caso non é difícil de atopar: usaremos <a>, <i> e <u>. Cuestión á parte é a marcación da lonxitude. Deixaremos as breves sen diacrítico, mentres que para as longas propoñemos un dos dous sistemas alternativos: usar diacríticos ou dígrafos (unha vez determinemos o xeito de transliterar os grafemas consonánticos, retomarémolas para coñecer o seu nome). No caso das longas poderíase botar man doadamente dos da tipografía propia do galego (acentos gráficos agudos e diéreses), mentres que se se escollese o uso de dígrafos pódese optar por engadir un grafema adicional que indique a lonxitude (normalmente < : >) ou duplicar a vogal correspondente (<aa>, <ii> e <uu>). Por razóns de comodidade e frecuencia propoñemos este último, aínda que retomaremos o uso de < : > máis adiante. No caso doutros grafemas árabes de carácter vocálico que veremos máis adiante (nunación, ligazón fonotáctica do artigo ou alógrafos no apoio vocálico), consideramos que o uso dos citados dígrafos pode axudar ao especialista para distinguir a súa aparición se se quere chegar a ese grao de exactitude.
Para as semiconsoantes usaremos o uso de <y> e <w>, formas maioritarias nos sistemas de transcrición. Ademais deste valor, en árabe son os caracteres adicionais que indican que a vogal precedente é longa, pero neste caso xa están incluídos na transcrición da cantidade vocálica e non precisan transliteración.
Consoantes
[editar]Comparando na táboa de resume os resultados dos diferentes métodos de transcrición, pódese observar que existen once consoantes que teñen unha transcrición unánime. Ademais, estas non son fonolóxicamente moi diferentes ás do galego, polo que seguiremos esta práctica. As nove primeiras son as seguintes:
Canto aos caracteres 4 e 13, preferimos optar pola forma esperable do galego (<z> e <x>) debido á súa proximidade fónica. O uso de dígrafos iría en contra dos obxectivos que nos impuxemos, ademais de complicar innecesariamente ao transcritor na lectura e produción de textos.
Para os dous últimos caracteres da táboa parécenos acertado manter tamén os maioritarios <w> e <y>, debido a que aos galegos non nos son alleos de todo, debido sobre todo á influencia da lectura de palabras de orixe inglesa (de topónimos por exemplo).
Tamén é habitual transcribir a palatal sonora (carácter 5) como <j>, o cal consideramos correcto tendo en conta que para a maioría das linguas romances este é o son que representa. A outra sibilante sonora (11) obríganos a tomar a primeira decisión: noutros sistemas transcríbese <z>, que nós xa utilizamos anteriormente, polo que, para diferenciala da anterior e relacionándoa co seu son galego máis próximo pero xordo (o <s>) pero pretendendo tamén evitar un dígrafo, propoñemos o uso da maiúscula: <S>. Idéntica lóxica nos leva a propoñer a maiúscula <D> para transliterar o carácter 9, correspondente sonoro do fonema <d>.
Para as tres aspiradas procuramos tomar unha decisión conxunta e harmónica. Como ben apuntan Mendez (1997, nota 5) para <gh> e Frías (2006:124) para <kh>, en galego xa veñen tendo certo tradición para representar as aspiradas, polo que nos poden servir conxuntamente co <h> para transliteralos. Para poder diferenciar os dígrafos fronte á posible combinación do primeiro grafema do digrama con <h>, cómpre distinguir o primeiro carácter en maiúscula. Aínda queda unha outra opción, que sería aproveitar a maiúscula <H>. Baixo as condicións que nos impuxemos ao comezo, as dúas posibilidades combinadas de transcribir as aspiradas serían usar <h>, <H> e mais <Gh> ou <Kh>. Nós en particular usaremos <Kh>, <H> e <h> respectivamente para os caracteres 6, 7 e 26, alternativa que preferimos para evitar usar un dígrafo, pero calquera das dúas é válida.
Outro conxunto para o que buscamos unha solución común foi o do grupo 14-17, que ten en común unha pronuncia gutural (Frías 2006:125) ou velarizada (Corriente 2002:364). Dado que todas representan unha mesma alteración en relación á pronuncia correspondente a catro caracteres xa vistos anteriormente (<s>, <d>, <t> e <D> ou <S>) e a que normalmente se usa un punto subscrito como diacrítico en moitos outros sistemas, propoñemos o uso do dígrafo composto dos caracteres anteriores mais un punto. Utilizaremos polo tanto <s.>, <d.>, <t.> e <D.> ou <S.> respectivamente. A escolla entre estes dous últimos realizarase segundo como sexa o fonema que se realice na variedade diatópica de onde procede o texto que se translitera, aínda que en caso de dúbida calquera das dúas é válida, por non entrar en conflito con ningunha outra transliteración.
Tres caracteres árabes restan por transliterar. Para o carácter 19, semellante á pronuncia da vibrante múltiple en portugués ou francés (un /x/ pero sonoro), utilizaremos <R> para relacionalo pero distinguilo de <r> (e en paralelo co símbolo X-SAMPA correspondente). Verbo do primeiro carácter da táboa, ás veces transcrito e ás veces omitido, propoñemos si transcribilo e do xeito que é habitual (< ' >), de acordo coa súa pouca entidade fónica. Para a última transliteración (18) é relativamente habitual usar <3> (probablemente pola forma do carácter árabe) ou <?> (pola forma dos seus símbolos X-SAMPA e AFI). En galego interprétase oralmente ás veces como oclusivo velar sonoro (algarabía) e ás veces como imperceptible, sobre todo cando nos chega por outras linguas (intervocálico en xaria e final en burqa). Entendemos que é difícil buscarlle unha transliteración axeitada, polo que decidimos outorgarlle un grafema arbitrario que non tivese un valor fonolóxico determinado para un galego. De acordo coa súa entidade fónica intermedia e en paralelismo co carácter anterior, propoñemos transcribilo con < * >.
Notas sobre ortografía árabe
[editar]A tonicidade non posúe rendemento fonolóxico no árabe moderno, senón que presenta unha distribución determinada pola lonxitude vocálica, polo que non entraremos na súa marcación ata falar da adaptación á ortografía galega (v. punto 5.3). Cremos que se debe conservar o uso do guión (< - >) para separar as amálgamas ortográficas entre o artigo, a preposición ou a conxunción e o seguinte elemento escrito, cando menos no ámbito científico e baixo criterios exclusivamente morfolóxicos.
Ademais dos caracteres árabes propiamente consonánticos, existen outros diacríticos gráficos para os que tamén imos propoñer unha transliteración propia. O primeiro é unha variante moi frecuente do que xa transcribimos antes como <t>, pero modificado ao aparecer ao final de palabra: transcribirémolo como < º > (por que a súa forma é redondeada e permanece mudo en posición implosiva). O seu nome, que contén o propio carácter, é < taa' marbuut.aº >, que significa "t atado", en contraste co <t> normal que se chama < taa' maftuuhaº >, "t aberto". Grazas a el, poderemos coñecer por fin a forma e o nome transliterado das vogais:
Outro diacrítico en árabe úsase para marcar a ausencia de vogal tras unha consoante é o sukuun ou jaSm (omitiremos xa as parénteses rectas nas transliteracións de palabras e porémolas en cursiva cando aparezan no texto). A súa forma é a dun pequeno circuliño (ou semicirculiño aberto cara a arriba) á altura da posición da fatHaº e non o transcribiremos debido a que é completamente predicible a súa aparición analizando a secuencia de consoantes (a propia ISO 233 2 tamén omite a súa transliteración).
Xa comentamos que os caracteres consonánticos árabes non utilizan maiúsculas nin minúsculas, pero poden ser breves ou longos (xeminados), como as vogais. O diacrítico que aparece nas consoantes xeminadas ten a forma dunha omega, escríbese ao carón da vogal desa sílaba e chámase taxdiid ou xadda ("énfase"). Para transcribir unha consoante dobre abonda igualmente con duplicar o grafema da súa transliteración. No caso de que a breve se translitere mediante un dígrafo, faráse sobre o carácter exclusivo do dígrafo (<K> para a aspirada e o punto no resto; neste caso, en vez de transcribir < .. > pode simplificarse aproveitando o uso de < : >).
En relación aos caracteres árabes xa mencionados, outros máis posúen variantes alográficas, polo que existen varios grafemas que aínda quedarían por transliterar. Non nos estenderemos aquí nas regras que gobernan o uso ou non de 'alif xunto con hamSa ou outras (para maior información, cf. Busquets 1970:9-11 por exemplo): mencionaremos simplemente que para as formas 'alif maqs.uuraº, 'alif maddaº e tanwiin utilizaremos respectivamente < ' >, duplicación de vogal e omisión, tal e como se fai tamén na ISO 233 2 (e outra vez < º > para hamSaº ºl-was.l se houbese que usalo, pero non traballaremos máis que con palabras independentes).
Transcrición á fonoloxía galega
[editar]Cremos que a ausencia de diacríticos no método de transliteración permite a súa utilización sen complicacións tipográficas, pero que a súa exactitude faino reversible para o seu uso con fins científicos. Coa nosa proposta, a lectura dos resultados do noso método de transliteración por parte dun galegofalante está o máis próxima posible á pronuncia agardada, por recorrer maioritariamente ás letras do alfabeto, pero sen sacrificar a fiabilidade. Pensamos que é cómodo de usar nun teclado habitual, onde a súa escrita lineal permite o uso doutros recursos tipográficos (subliñado, negra, cursiva). Con todo, somos conscientes de que o uso dun ou doutro sistema de transliteración é convencional: o importante é que sexa versátil para os casos que se van atopar e que represente con fidelidade o seu obxecto de traballo. A diferenza da nosa proposta de transliteración radica principalmente en que se combina co mecanismo de adaptación ao galego.
A transcrición adaptando a transliteración proposta previamente pretende conservar unha mínima fidelidade á pronuncia da escrita e tirar partido dos valores fonolóxicos habituais dos seus grafemas. Estes obxectivos están en moi boa medida conseguidos polos autores precedentes, aínda que consideramos que se deben facer certas correccións. Nos dous casos, parécenos que a causa obedece á brevidade das propostas de transcrición.
Como xa comentamos, idea pioneira é de Méndez Fernández (1997), quen inicia o debate cunha breve proposta, pero con varias omisións evitables. Porén, tivo a virtude de reclamar a atención sobre un tema urxente nos ámbitos da comunicación e do ensino. A esta chamada acudiu Frías Conde (2006) con bastante acerto, pero cunha proposta baseada no árabe oral que dificilmente é accesible aos profesionais da ensinanza e dos medios de comunicación. Independentemente de opcións debatibles ou pobremente xustificadas (como o uso de <t> ou <th> para a interdental ou o de <dj>), ten outras baseadas en criterios máis prácticos (como a distinta transliteración de vogais e semiconsoantes), herdeiras dos mellores métodos de transcrición.
Pola nosa parte, sabemos que podemos ter eivas na nosa proposta ou tomar decisións controvertidas, pero quixemos baseala nuns criterios claros que permitan un punto inicial de discusión. A nosa intención é que, partindo da transliteración se chegue á forma adaptada ao galego tirando un pouco máis polo mesmo camiño. Teremos así tres pasos: transliteración grafémica, transcrición fonolóxica e adaptación ortográfica ao galego. Asi, tomando como referencia os resultados conseguidos anteriormente mediante a transliteración, estableceremos a seguinte táboa de equivalencias de transcrición que remite orixinariamente a cada carácter árabe e que herda en realidade os grafemas da transliteración:
Cremos que as regras para realizar a transcrición a partir da transliteración son doadas de identificar e memorizar: eliminar o <K>, os caracteres máis altos (< ' > e < * >) e máis baixos (os puntos) e pasar o <j> a <x> e as maiúsculas a minúsculas. Como veremos, os resultados deste proceso producirán unha cadea que cómpre adaptar á ortografía galega.
Adaptación á ortografía galega da transcrición fonolóxica
[editar]Na busca dos grafemas para transliterar os caracteres árabes buscouse tamén que a lectura agardada fose semellante ao que percibiría un galegofalante. Xa que logo, a transcrición e adaptación ao galego da transliteración presenta pouca complexidade por que era precisamente algo que tamén se tivo en conta. En realidade, a maior dificultade dunha adaptación dos arabismos á ortografía galega procede tamén das irregularidades desta. É obvio que o criterio de fidelidade producirá secuencias que non se dan no galego normal: por exemplo, reducir as posibilidades de remate das sílabas a cinco consoantes (l, n, r, s ou z) é unha restrición tan grande (Álvarez 1993:40) que poucas linguas a cumpren. Por outra banda, o uso de varios grafemas para un mesmo fonema (por exemplo <k>/<qu>/<c>, <z>/<c>, <b>/<v> ou <r>/<rr>) de varios fonemas para un mesmo grafema (o <x> con valor palatal ou difonemático, ou o mencionado <c> para a fricativa interdental ou para a oclusiva velar) provoca que sexan factores de variación que compre considerar.
Cremos que a maior contribución da nosa proposta consiste en consignar unha serie de regras ortográficas que se lle deben aplicar á transcrición fonolóxica para convertela nunha palabra integrable na lingua, idea que xa se enxerga en Frías Conde (2006:123) cando menciona que "non se pode aceptar que haxa dous is xuntos cando un deles é semiconsoante". Trátase polo tanto de explicitar e aplicar á transcrición fonolóxica as restricións contextuais que teñen as propias palabras galegas, na súa ortografía en xeral e nalgún caso na súa fonoloxía. Para o proceso de adaptación é necesario crear regras claras e precisas creadas segundo a propia estrutura do galego. Velaquí as que guiaron as nosas propostas, que mencionaremos baseándonos no número do grafema árabe ao que afecta:
4. A transcrición <z> seguida de vogal adaptámola como <c> ou <z> segundo a vogal que lle siga. Evitamos así as escritas <ze> ou <zi> que non fan máis que crear excepcións ao apartado 1.2 das NOMIG. Mantémola en posición final de sílaba.
5. O <x> tamén ten un dobre valor en galego (monofonemático ou difonemático), mesmo en contextos iguais (o intervocálico: exame, pexa), pero maioritariamente palatal (o seu valor como ); cómpre advertir que se utilizará sempre con valor palatal. Xa que logo, mantemos a transcrición <x> en tódalas posicións, incluída final relativa. Pensamos, disentindo neste aspecto de Álvarez & al (1993:31), que este contexto fonolóxico para a palatal non é totalmente alleo ao galego patrimonial, como o demostran a pronuncia de ux e algunhas de hoxe ou fuxe. Consideramos que a lingua galega está suficientemente madura na actualidade como para pedirlle a un lector medio que a súa pronuncia sexa sempre palatal (e non /ks/) e apelamos á súa responsabilidade lingüística para que se esforce neste aspecto. Coincidimos ademais coa solución dada na tradución ao galego da Biblia (2001:XXV.7)
6-7-26. A transcrición <h> elimámola en posición final de palabra, pero mantémola no resto das posicións por razóns etimolóxicas (cf. Biblia (2001:XXV.11), onde as transforma en <s>). A súa eliminación inclúe específicamente á ta marbuta (taa marbut.aº) e a conservación ás intervocálicas.
10-19. A transcrición <r> mantémola sempre como simple, tamén en posición intervocálica. Neste caso é o propio contexto o que marca a súa adaptación ao sistema. Cremos que a utilización do grafema que para o galego representa dúas vibrantes distintas (ás veces neutralizadas) non impide a representación da distribución complementaria dos alomorfos dun único fonema árabe
21. A transcrición <q> conservámola sempre como <q> e sen o engadido de ningún <u>. Os efectos ortográficos e fonolóxicos dos grafemas <k> e <q> en posición implosiva son igual de alleos ao galego, pero o mantemento da transliteración orixinal conservará a etimoloxía: polo tanto, en ningún caso adaptámola como <k>.
22. A transcrición <k> conservámola tamén en tódolos casos. Tanto neste caso como no de <q>, consideramos que a súa adaptación como <c> ou <qu> ante vogal segundo a ortografía estipulada polas NOMIG será signo da súa integración na lingua. Neste sentido, difereimos da Biblia (2001:XXV.12). Somos conscientes de que esta é unha regra de adaptación controvertida e discutible en moitas ocasións, pero pensamos tamén que as palabras que conteñen un <k> ou <q> en final de silaba son imposibles de ser incorporadas plenamente á lingua mantendo estes grafemas. Como comprobación, abonda facer unha pescuda nas palabras do VOLG que rematen por estes grafemas ou por <c>.
24-25. O grupo de grafemas <n> e <m> conservámolo en posición explosiva, pero en final de sílaba absoluto ou relativo, tal e como o pide a neutralización da súa oposición (Álvarez 1993:33), adaptámolo como <m> ante <b> e <p> e como <n> no resto das posicións, seguindo o apartado 1.6 das NOMIG e coincidindo coa preferencia da tradución da Biblia (2001:XXV.8) ao galego.
27-28. No caso das semiconsoantes <w> e <y> transformámolas respectivamente a <u> e <i> en posición non intervocálica (fatwa > fatua). En posición intervocálica, simplifícanse se están en contacto respectivamente con outra <u> e <i> respectivamente (muwaxaha > muaxaha) ou en posición posnuclear (tayfa > taifa). Este último criterio responde á alta estabilidade dos ditongos decrecentes en galego, fronte á tendencia a pronunciar os crecentes como hiatos (Álvarez 1993:39 41). Neste caso diferimos da proposta da Biblia (2001:XXV.8) para outras linguas semíticas.
0.1. Esta proposta non a aplicamos a palabras que xa estaban asentadas na lingua, especialmente aquelas nas que xa se detecte un rendemento ortográfico dalgunha grafía que desaconselle unha nova creación, pero si cando o proceso de integración ortográfica se fixo mediante procesos non propiamente galegos (grafías española, francesa e inglesa).
0.2. As vogais longas e as consoantes xeminadas simplificámolas, como tamén se propón na Biblia en galego (2001:XXV.9 e 10).
0.3. A conservación do guión quedaría a discreción do transcritor, aínda que nos eliminámolos e recomendamos non crear nin léxico común nin termos do léxico científico co artigo aglutinado.
0.4. En ningún caso creamos vogais de apoio silábico para facilitar a lectura de ningunha consoante illada ou posnuclear.
0.5. Debido ás dificultades que implica marcar unhas regras específicas para determinar a tónica (Busquets 1970:14), decidimos simplificar de acordo coa acentuación esperable en galego e non baseándonos no orixinal árabe. Cremos que é imposible especificar un criterio sinxelo e exacto á vez. Como hipótese de partida, a nosa intuición dinos que as palabras rematadas en vogal ou <s> deberían ser paroxítonas, e oxítonas tódalas demais.
Quixemos contrastar esta hipótese sobre a acentuación definitiva en galego nun corpus de palabras árabes, que tomamos de Frías (2002:73-79). A verificación da hipótese no grupo de 76 palabras de suposta etimoloxía árabe deu como resultados dez excepcións non predicidos pola hipótese: sete esdrúxulas, unha paroxítona (Viavélez) e dúas oxítonas (acensalí e marabedí, curiosamente as únicas rematadas nesta vogal palatal). Aproveitando tamén a lista de 35 palabras dadas en Frías (2002:72), observamos que só oxalá e a portuguesa javali se saen da previsión da hipótese. Confirmación da hipótese ou simple coincidencia, reformulamos baixo esta perspectiva o criterio para determinar a tónica das adaptacións, que modificamos incluíndo as palabras rematadas en vogal palatal pechada entre as de acentuación oxítona.
Deste xeito, as rematadas en <s>, <a> e <u> serán paroxítonas e oxítonas tódalas demais. En principio foi o criterio que aplicamos pero, conscientes de usar un criterio demasiado simplificador, deixamos a hipótese coma simple proposta para que sexa desenvolvida e avaliada mellor en futuras investigacións.
0.6. Como resultado destas regras, non existirán polo tanto nunha palabra adaptada de orixe árabe as transcricións <g, j, ñ, p, rr, e, o> nin as secuencias <Vwu>, <uwV>, <Vyi>, <iyV>, <k>+V ou <q>+V (onde V representa unha vogal).
Aplicación
[editar]As palabras introducidas desde o árabe correspóndense con moi diversas temáticas desde antigo. Aínda así, os termos que se precisan na actualidade pertencen principalmente a certos campos temáticos concretos. Xa que logo, consideramos interesante clasificar os termos nos tecnolectos aos que pertencen: a nosa aproximación abordará algúns termos relativos á lingüística e literatura propia do árabe, á vestimenta e á xeografía física.
Xustificamos a creación das seguintes adaptacións principalmente por dous motivos: pola imposibilidade de recuperar un termo patrimonial creando un neoloxismo semántico e pola necesidade de tratar como calcos estes conceptos que representan aspectos dunha cultura tan diferente da nosa. É certo que nada impide referirse ao patio central dunha mezquita coa denominación patio ou utilizar camposanto ou cemiterio para os específicos da relixión árabe, pero consideramos que o uso do xenérico en funcións divulgativas non impide a necesidade de que exista un termo específico para contextos nos que se pretenda unha maior aproximación terminolóxica ao orixinal. Con todo, existen palabras que consideramos xa asumidas como dentro do sistema ortográfico e fonolóxico galego que comentaremos onde corresponda.
Nomes das letras
[editar]Comezaremos o noso grupo de propostas polo nome dos caracteres consonánticos do árabe (para as vogais, v. 5.1.3). Neste tema en particular, se realizásemos unha adaptación atoparíamos moitas coincidencias formais para diferentes conceptos debido a que o proceso proposto simplifica varios caracteres árabes nun mesmo carácter latino e daría lugar a homografías (v. 4.3). Xa que logo desaconsellamos a súa aplicación, considerando tamén que non procede aquí utilizar o proceso de adaptación debido tamén a que o ámbito específico no que se usan estas denominacións se restrinxe principalmente aos estudos de Lingüística, precisamente a ciencia onde a ortografía orixinal é obxecto de estudo. A táboa seguinte resume as formas transliteradas utilizando o noso método:
A partir deste punto tomado como exemplo, simplificaremos a presentación de cada termo para unha maior comodidade expositiva: presentaremos inicialmente para cada concepto a adaptación e a transliteración, sen reproducir xa á grafía árabe pois a transliteración permite omitila. Xunto con isto, brevemente explicaremos o seu significado, daremos os equivalentes detectados noutras linguas e, se procede, comentaremos as circunstancias atopadas no proceso de adaptación e as propostas ou usos previos no galego.
Lingua e literatura
[editar]Consideramos que existen palabras no galego pertencentes a estes temas cunha tradición gráfica asentada: alxamía, kharxa ou cúfico aparecen tanto no VOLG ademais de no GDXL e no IrIndo. Existen porén outros termos especializados para os que cómpre unha adaptación:
- sukún [sukuun]; xasm [jaSm]: carácter árabe utilizado para marcar a ausencia de vogal tras unha consoante;
- fatha [fatHaº]: carácter diacrítico árabe para indicar a pronuncia da vogal aberta tras unha consoante;
- dama [D.ammaº]: carácter diacrítico árabe para indicar a pronunca da vogal pechada velar tras unha consoante;
- kasra [kasraº]: carácter diacrítico árabe para indicar a pronuncia da vogal pechada palatal tras unha consoante;
- hamsa [hamSa]: primeira consoante árabe, apoio de fatha, dama e kasra;
- taxdid [taxdiid]; xada [xada]: carácter árabe utilizado para marcar a xeminación da consoante;
- alif ['alif]: carácter árabe que serve de apoio a hamsa con forma de raia vertical;
- alif maqsura ['alif maqs.uuraº]: alomorfo específico do alif para servir de apoio a hamsa coa morfoloxía dun waaw ou dun yaa' sen puntos;
- alif mada ['alif maddaº]: diacrítico especial cando é precisa a duplicación de hamsa, coa forma do diacrítico do <ñ> ou do <ã> e que se apoia na parte superior do alif;
- tanuín [tanwiin]: nunación (nasalización) da vogal final dunha palabra que se reflicte na duplicación do carácter da fatha, dama ou kasra segundo corresponda.
- hamsa al-wasl [hamSaº ºl-was.l]: hamsa do artigo que perde o son da súa vogal (/a/) e toma por asimilación a do final da palabra anterior;
- saxal [Sajal (Cortés 1996:462), "composición poética"; plural: 'aSjaal] composición poética árabe de cuartetos de tres versos monorrimos e un último con rima igual á do retrouso, aínda tradicional en Líbano;
- muaxa, muaxaha [muwaxxaH, muwaxxaHaº (Cortés 1996:1254), "poesía" < w-x-H, "adornar"] composición poética árabe medieval que termina cunha kharxa;
- ca: (s.f.) moaixakha;
- en: muwashshah;
- es: (s.f.) moaxaja (DRAE), muassaha, muaxaha, muwasaha;
- fr: (s.m.) mouachah, muwashshah;
Vestimenta
[editar]Cómpre ter en conta que algunhas vestimentas chegan ao galego do turco (caftán) ou de Persia e a India (kurta, pasmina), polo que non se pode aplicar o proceso de adaptación do árabe ao galego. Outras prendas, como as tres primeiras da lista, xa están plenamente integradas no galego (incluídas en VOLGA, GDXL e IrIndo):
- muselina [muS:aliin < do xentilicio dunha cidade iraquí mawS.iliyy (Mosul)] tecido fino de algodón empregado para fabricar gasas e confección;
- ca: (s.f.) mussolina;
- de: (s.m.) Mousselin, Musselin;
- en: muslin;
- es: (s.f.) muselina;
- it: (s.f.) mussola, mussolina;
- fr: (s.f.) mousseline;
- fez [do nome dunha cidade marroquí, Faas (Fez)] gorro masculino ríxido de feltro feito en la cardada, cilíndrico ou troncocónico dunha altura maior có seu radio, normalmente vermello e cunha borla negra, usado por algúns musulmáns;
- ca: (s.m.) fes;
- de: (s.m.) Fes, Fez;
- en: fez;
- es: (s.m.) fez;
- it: (s.m.) fez;
- fr: (s.m.) fez;
- nl: fez;
- pt: (s.m.) fez;
- xilaba [jillaabiyyaº (pronuncia exipcia) (Crespo 1996:176), "túnica de algodón, frouxa, escotada e de; manga longa"] vestido masculino e feminino solto e externo, de algodón ou la, normalmente con carrapucha;
- ca: (s.f.) gel•laba;
- de: (s.f.) Djellaba, Dschilbab;
- en: djellaba, djellabah, jellab, jellaba, jellabiyya, jilbaab, jilbab, jubbah;
- es: (s.f.) chilaba;
- it: (s.f.) djellaba, djellabah, jilbab;
- fr: (s.f.) dellâba, djellaba, jellaba, jilleba;
- nl: djellaba;
- burca [burqu* (Cortés 1996:77), "veo"; plural: baraaqi*u] vestido feminino longo e solto que cobre todo o corpo, incluíndo a cara pero permitindo a visión (mediante unha abertura ou unha rede); consideramos que non ten sentido adoptar burqu debido a que a forma burca xa está integrada no galego.
- ca: (s.m.) burca, burka, burqa;
- de: (s.f.) Burka, Burqa;
- en: bourkha, burka, burkha, burqa, burqua;
- es: (s.m.) burka, burqa;
- it: (s.m.) burka, burqa;
- fr: (s.f.) burka, burqa (cf. bourka);
- nl: boerka;
- pt: (s.f.) burca;
- burqini [marca comercial, de burqa + bikini] bañador feminino deseñado en Australia que cobre todo o corpo salvo a cara, os pés e as mans; malia a integración da forma anterior, adoptamos a forma orixinal dada polo fabricante australiano;
- de: (s.m.) Burkini, Burqini;
- en: burkini;
- es: (s.m.) burkini;
- fr: (s.m.) burquini;
- nl: boerkini, bourkini, bourqini;
- abaya [*abaayaº (Crespo 1996:711), "manto"] vestido feminino cinxido que cobre todo o corpo salvo a cara, os pés e as mans;
- qaftán, quftán [do turco kaftan ou do árabe quft.aan (Cortés 1996:922) < do persa haftan] bata masculina e feminina de seda ou algodón ata os pés con botóns por diante e manga longa; a grafía caftán xa aparece no IrIndo;
- ca: (s.m.) caftà;
- de: (s.m.) Kaftan;
- en: caftan, kaftan, kaptan;
- es: (s.m.) caftán;
- fr: (s.m.) cafetan, caftan;
- nl: kaftan;
- haiqa [prob. de H-y-q (Crespo 1996:283), "rodear"; ou de H y k (Crespo 1996:284), "trenzar" (segundo o; DRAE)] capa que cobre o corpo desde os ombreiros ata os pés;
- es: (s.m.) jaique (Vázquez Figueroa 1981:35);
- ralabía [R-l-'-b-y-º; <R> pronúnciase /g/ en exipcio] camisa masculina e feminina, longa e solta ata os pés, a modo de túnica, habitual entre os arábigos (de onde é orixinaria) e os exipcios;
- en: galabeya, jelabiya, jellabiya;
- zaúb [zawb (Cortés 1996:150, Cowan 1960:108), "vestido"; plural: ziyab, 'azwaab] camisa masculina arábiga dunha peza que chega aos pés, normalmente branca e de manga longa;
- bixta [bixtaº (Cortés 1996:83), "manto"] capa masculina arábigo lixeiro, solto, de cor e de la, que se viste en ocasións especiais sobre o tobe;
- en: bisht;
- sirwal [sirwaal, cognado do xalwar qamix indostánico] pantalón arábigo de algodón que se viste baixo o bixt, de perneira longa ou curta;
- niqab [niqaab (Cortés 1996:1162), "veo"; plural: nuqub, anqibaº] veo feminino árabe (tipicamente arábigo) que cobre toda a face das mulleres, salvo por unha raia; horizontal para os ollos poderen ver;
- ca: (s.m.) nicab;
- de: (s.m.) Niqab;
- en: niqab;
- es: (s.f.) nicab, niqab;
- fr: (s.m.) niqab;
- nl: nikaab, nikab, niqaab;
- pt: (s.m.) niqab;
- xadur [j-d-r, quizais relacionado con jadura (Cortés 1996:158), "ser axeitado, ser digno", do persa j ' d r] pano feminino semicircular escuro persa que cobre desde a cabeza ata a cintura para cumprir co código moral;
- ca: (s.m.) xador;
- de: (s.m.) Chador, Schador, Tschadar, Tschador;
- en: chadar, chaddar, chador, chuddar, chudder;
- es: (s.m.) chador;
- it: (s.m.) chadar, chador;
- fr: (s.m.) tchador;
- nl: chador;
- pt: (s.m.) xador;
- hixab [Hijaab (Cortés 1996:212), "veo"; plural: Hujub, 'aHjibaº < Hajaba, "protexer, ocultar"] pano feminino que cobre a cabeza e o pescozo pero non a cara, vestido para cumprir co código moral e de modestia do mesmo nome;
- ca: (s.m.) hijab;
- de: (s.m.) Hidschab, Pardesü (para os turcos);
- en: higab, hijab;
- es: (s.m.) hidjab, hijab, hiyab;
- it: (s.m.) hijab;
- fr: (s.m.) hidjab, hidjäb, hijab;
- pt: hijab;
- tarbisa, tarbusa [quizais de tarabiiSa (Cortés 1996:128), "mesa" en exipcio; aplicamos a regra 0.5] gorro masculino ríxido de feltro feito en la cardada, cilíndrico ou troncocónico dunha altura maior có seu radio, normalmente vermello e cunha borla negra, usado en Grecia e Turquía;
- ca: (s.m.) tarbuix;
- de: (s.m.) Tarbusch;
- en: tarboosh, tarboush, tarbush;
- es: (s.m.) tarbush;
- fr: (s.m.) tarbouch, tarbouche;
- pt: (s.m.) tarbush; adaptamos a grafía do i grego a <i> e a <u>.
- xaxía [x-'-x-y-º] gorro feito de la afeltrada que se carda ata convertela en veludo para cubrir a cabeza de forma cilíndrica, normalmente vermella e típica tunesina;
- ca: (s.f.) xaixia;
- en: checheya, chechia;
- es: chechia, chechía;
- it: (s.f.) shashia;
- fr: (s.f.) chéchia;
- kufía, coloquialmente úsase xa palestina [kuufiyyº, kuufiiyaat, supostamente de Kuufa (cf. cofia)] turbante masculino feito cun pano cadrado de seda, algodón ou la típico dos beduínos rurais; arábigos que cobre a cabeza e ás veces tamén a cara, normalmente liso ou con deseño trenzado, popularizado pola resistencia palestina; en Arabia Saudita, é a peza de tea que se coloca baixo a propia kufia para que non esvare; aplicamos a regra 27-28;
- ca: (s.f.) kufia;
- de: (s.f.) Kafiya, Kefije, Kufiya; (s.n.) Palästinensertuch;
- en: kaffiya, kaffiyah, kaffiyeh, keffiya, keffiyeh, kufiya, kufiyah;
- es: (s.f.) kufiyya;
- it: (s.f.) kaffiya, kaffiyah, kefiah, kefieh, keffiya, keffiyeh, kefiyeh, kufiya, kuffiyah, kufiyah;
- fr: (s.m.) keffié, kéffié, keffieh;
- Teñen igual significado:
- hata (ás veces para a branca soamente) [Hat:aº < prob. de Hat:a (Cortés 1996:246), "sen cabeza" (fig.)]
- xamara [x m ' R < xamaRa (Cortés 1996:594), "alto, fachendoso"] (ás veces para a branca soamente; para a vermella, en Arabia Saudita: shumah);
- rutra (ás veces para a branca soamente, por exemplo, en Arabia Saudita) [Rut.raº (Cortés 1996:807), "kufia do Golfo ao Líbano"]
- xal (nome en Iraq) [xal (Cortés 1996:592), "hilvanar" (prob. cognado do galego chal, do inglés shawl e do francés châle)]
- hixasi [de al-HijaaS, rexión de Arabia Saudita > HijaaSi] turbante de dúas voltas típico de Arabia Saudita e levado por comerciantes e cregos;
- en: hejazi turban;
- Co mesmo significado tamén:
- lizam [lizaam (Cortés 1996:1013), "veo"; plural luzum < do seu nome na lingua targuí (dos Tuareg)] turbante masculino feito dunha longa peza de tea de liño ou algodón tinxida en seco, normalmente con índigo, para cubrir a cabeza da calor e da area; :es: litham, lithan (Vázquez Figueroa 1981:35,68,228, cf. 235);
- fr: litham;
- iqal [*iqaal (Cortés 1996:756), "cordón que suxeita a kufia á cabeza"; plural: *uqul] corda que permite axustar a kufía na parte superior da cabeza;
- sunar [S-n-'-r] cinto ou cordel distintivos que os cristiáns ou xudeus debían levar no Imperio Otomano;
- en: zonar, zonnar;
Xeografía física
[editar]Moitos son os elementos característicos das paisaxes dos países arabófonos. Detivémonos nun pequeno grupo de conceptos que permiten distinguir as distintas partes do deserto, sen incluír as palabras que non proceden do árabe, senón do targuí (a lingua dos Tuareg) ou outras linguas bérberes (por exemplo, serir):
erg [*irq (Cowan 1960:607), "vea" (no deserto arábigo úsase o plural: *uruuq)] territorio cuberto por un mínimo dun 20 % de area; a forma irq resulta desaconsellable porque erg xa ten certo uso no galego (Pérez Méndez (1995), GDXL e IrIndo) e no resto das linguas da contorna; coincide co nome dunha unidade de traballo do SI;
- ca: (s.m.) erg;
- en: dune field (pequeno), dune sea, erg, sand sea;
- es: (s.m.) erg (Vázquez Figueroa 1981:92);
- it: erg;
- fr: erg;
reg [ruqqº (comunicación persoal)] territorio chairo cuxa superficie é pedra lisa e compacta sen area nin croios, ou con pedras moi pequenas; aparece xa como reg no GDXL e IrIndo e noutras moitas linguas, co cal é desaconsellable unha nova alternativa ruq;
hamada [hamaadaº (Cowan 1960:1033), "secar"] territorio estéril cuberto con pedras agudas e con pouca area, típico de zonas áridas; coincide con Pérez Méndez (1995), GDXL e IrIndo;
- ca: (s.f.) hamada;
- de: (s.f.) Hamada, Hammada;
- en: hamada, hammada;
- es: (s.f.) hamada (Vázquez Figueroa 1981:190);
- it: (s.m.) hamada, hammada;
- fr: (s.m.) hamada;
wadi [waadii (Cortés 1996:1239), "val, río"; plural: widyaab, 'awdiyaº] val ou cauce dun curso estacional de auga que con afluencia extraordinaria de choiva ten curso torrencial; GDXL e IrIndo usan uadi e Pérez Mendez (1995) a forma uad;
- ca: (s.m.) uadi;
- de: (s.n.) Wadi;
- en: nahal, wadi, wady;
- es: uad, uadi, ued, wadi;
- it: (s.m.) uadi, wadi;
- fr: oued; nl: wadi;
sabha [sabKha (comunicación persoal)] depresión chaira endorreica desecada e salgada que recibe auga en condicións extraordinarias, que coa auga forma areas movedizas e logo unha lámina de salmoira e coa seca forma evaporitas;
- ca: (s.m.) llac de desert, llac de platja, sebkha;
- de: Sabkha, Sebcha, Sebkha, Sebkhet;
- en: playa, sabkah, sabkha, salt flat, salt pan, sebcha, sebchet, sebkha, sebjet;
- es: (s.f.) sabkha, sebhka (Vázquez Figueroa 1981:80), sebja, sebkha, sebkja;
- fr: (s.m.) sebkha (Vázquez Figueroa 1981:97), sebkhet (pequena), sebkhra;
xat [xat: (Cortés 1996:579), "beira"; plural: xutuu'] lago salgado costeiro de fondo chairo e pouco profundo con beiras variables pola evaporación hídrica do tempo seco;
- ca: (s.m.) chott;
- de: (s.m./s.n.) Chott, Schott;
- en: chott, shott;
- es: (s.m.) chot, chott, shott;
- fr: (s.m.) chott;
barhana [barKhaan] duna con forma de lúa crecente que ten súa convexidade en planta e a menor pendente cara á orixe do vento;
- ca: (s.f.) barcana;
- de: Barchan, (s.f.) Sicheldüne;
- en: barchan, barchane, barkhan;
- es: (s.f.) barcana, barján;
- it: barcana, dune a mezzaluna;
- fr: (s.f.) barkhan, barkhane; pt: (s.f.) barcã;
haial, duna sonora [hayal (Cowan 1960:1043), "amorear" (en Gobi: duut mankhan)] barhana que, por fricción entre os grans de area, produce ondas audibles de entre 60 e 300 Hz (máis agudas canta máis humidade);
- de: (s.f.pl.) singende Dünen;
- en: singing dune, singing sand dune, singing sand;
- es: (s.f.pl.) dunas cantantes;
- it: (s.f.pl.) dune cantanti;
- fr: (s.f.pl.) dune mugissante, dune musicante;
haima [Khaymaº (Crespo 1996:333), "tenda"] tenda portátil dos tuareg e outros pobos berberiscos nómades norteafricanos; GDXL e Pérez Méndez (1995) usa a forma castelán;
- ca: (s.f.) khaima;
- en: (s.n.) Khaima;
- es: (s.f.) jaima (Vázquez Figueroa 1981:7);
- it: (s.f.) khaima;
- fr: (s.f.) khaïma;
Moitos son os temas que restan por investigar: gastronomía, arquitectura, historia, relixión ou política e mesmo topónimos e antropónimos, aínda que estes estean fortemente influídos pola tradición preexistente e non están especificamente incluídos no ámbito da Terminoloxía. Agardamos que, con esta proposta, acheguemos un método que poida servir para todos eles.
Referencias bibliográficas
[editar]- Álvarez, Rosario & Xosé Luis Regueira & Henrique Monteagudo (1993): Gramática galega. Vigo: Editorial Galaxia.
- [Biblia] Fernández Lago, Xosé (coord.) & Andrés Torres Queiruga (2001): A Biblia. Vigo: Sociedade de Estudos Publicacións e Traballos.
- Busquets Mulet, Jaime (1970): Gramática elemental de la lengua árabe. Palma de Mallorca: Autoedición.
- Carbonell i Cortès, Ovidi (2003): "Dolors Cinca i Pinós (1963-1999)", Quaderns 9, 13 23
- Castells, Margarita (2003): "Entorn de la traducció al català de Les mil i una nits", Quaderns 9, 25 33
- Corriente Cordoba, Federico (1988): Gramática árabe. Barcelona: Editorial Herder.
- Corriente Cordoba, Federico (1997): Diccionario Español-Árabe. Barcelona: Editorial Herder.
- Corriente Cordoba, Federico (2002): "Acerca de la transcripción o transliteración del código grafémico árabe al latino, particularmente en su variante castellana", Miscelánea de Estudios Árabes y Hebráicos 51, 361 368. [dispoñible en versión electrónica no enderezo <http://www.estudiosarabes.org/files/Corriente_Acerca%20de.PDF>]
- Cortés, Julio (1996): Diccionario de árabe culto moderno. Árabe - Español. Madrid: Editorial Gredos.
- Cowan, J. Milton (ed.) & Hans Wehr (1961): A dictionary of modern written Arabic. Wiesbaden: Otto Harrassowitz & Buchdruckerei Hubert & Co.
- Dorado Cadilla, Jairo (2004): "Modelo de transliteración do alfabeto cirílico serbio ó galego", Viceversa. Revista Galega de Traducción 9 10, 147-151.
- Frías Conde, Xavier (2000): "O elemento árabe en galego (I)", Revista de Filoloxía Galega e Portuguesa 1, 157-171.
- Frías Conde, Xavier (2006): "A transcrición dos arabismos en galego. Unha proposta", Viceversa. Revista Galega de Traducción 12, 121 128. [<http://webs.uvigo.es/webatg/viceversa/files/12/vice12.pdf>]
- [GDXL] Ares, Carme & al. (2000): Gran Diccionario Xerais da Lingua. Vigo: Edicións Xerais de Galicia.
- [IrIndo] Ledo Cabido, Bieito (dir.) & al. (2004): Dicionario de galego. Vigo: Ir Indo Edicións.
- [ISO 233] Technical Comitee ISO/TC 46 (1984): ISO 233. Documentation – Transliteration of Arabic characters into Latin characters. Stringent transliteration. Xenebra: International Organization for Standardization.
- [ISO 233-2] Technical Comitee ISO/TC 46 (1993): ISO 233 2. Information and documentation – Transliteration of Arabic characters into Latin characters. Simplified transliteration. Xenebra: International Organization for Standardization.
- Machado, José Pedro (1991): Vocabulario português de origem árabe. Lisboa: Editorial Notícias.
- Méndez Fernández, Luz (1997): "Esbozo dunha proposta de adaptación ó galego de topónimos de linguas con alfabeto distinto ó latino", in Fernández Salgado, Benigno (ed.) Actas do IV Congreso internacional de Estudios Galegos [Proceedings of the Fourth International Conference on Galician Studies] (Asociación Internacional de Estudios Galegos [International Association of Galician Studies], 1994). Oxford: Centre for Galician Studies: 222 238.
- [NOMIG] ILG-RAG (2005): Normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego. A Coruña: Real Academia Galega & Santiago de Compostela: Instituto da Lingua Galega.
- Pérez-Barreiro Nolla, Fernando (1996): "A transcrición do chinés", Viceversa. Revista Galega de Traducción 2, 127 152.
- Pérez Méndez, Ignacio (1995): Xente de fusil, xente de libros. Vigo: ABA Edicións.
- Vázquez Figueroa, Alberto (1981): Tuareg. Barcelona: Círculo de lectores.
- [VOLG] García, Constantino & Manuel González (2004) Vocabulario ortográfico da lingua galega. A Coruña: Real Academia Galega & Santiago de Compostela: Instituto da Lingua Galega.