Saltar ao contido

Os probes de Deus

En Galifontes, o Wikisource en galego.
(Redirección desde «Os pobres de Deus»)


      L. Amado Carballo      

Asinado en 1923
Publicado en Lar en 1925.
 


I


      ...Aos poucos, a chuvia foi amainando. Ficaba unha mañán gris, chea de friaxe, e o vento mareiro da Carnota, facía tremar as arbores molladas, con súpetos calofríos fugaces.
      Na longa sala dos dormitorios, ateigada de bafos cheirentos e de tépedo âr confinado, había somente catro vellos doentes, que de leito en leito parolaban mainiñamente, con voces cheas de langor e d'esa resiñada melanconía que pon cadencias tenras, nas verbas indifrentes dos que agardan a morte sen espranza.
      Carón da fenestra, envolveito n-un vello cobertor rachado, outro home de ben comprida edá, ollaba o paisaxe da ría apreixando o narís contra os vidros, que o seu alento embazaba.
      N-aquela crua mañán de inverno, os mais asilados traballaban na horta, y-embaixo, na cociña, ouvíase o balbordo das risas e disputas das mulleres que arranxaban a louza e o xantar.
      O Pedro Lueiro, de cada vez atopábase mais falto de forzas, e unha perguiza invencibel, íbao gañando día a día, domando de cada instante con mais imperio â sua vôntade, que pol-a conta, asemade de dìa a día, era mais floxa.
      El, que aló na sua casiña de Valoa, levantábase ainda con estrelas para percorrer as leiras, legón ao lombo, sentíase agora apouvigado, vencido, desfeito por un mortal cansancio. A sua meirande ledicia era estar longas horas inmobel, coa vista vagariñante nas lexanías verdes e bretemosas d'aquel paisaxe que tanto gostaba de contemplar dend'as fenestras da casa de caridade.
      E, n-estes instantes, tornábase refresivo na saudade dos tempos en que respiraba a brisa libre e fresca, e nos que o seu corpo, aterecido pol-a friaxe do amañecer cobraba vida e quentura no rudo traballo d'acotío.
      E decote finaba por espertar do seu ensono, esgotado d'anguria, e tiña a arela de cramar á berros coma si se sintira afogado por unha man brutal que lle esmagase o corazón; mais ao cabo, a sua ansia trocábase n-un pranto silenzoso, qu'esbaraba sin salayos pol-as suas enrugas, requimándolle as palpebras, e tornando duro e violento o seu ollar, decote homilde e afable.
      Choraba a sua mocedade morta, a sua eisistenza árida e amergurada, a sua alma valeira d'un d'eses agarimos eternos que fan a vida amabel e dan barudos alentos para a triste loita no mundo.
      Mais él, tiña un pracer íntimo, inconfeso, nas ponlas do seu dôr: refozábase nas suas mágoas coa ledicia de todol-os malpocados na podre do seu esprito, coma os porcos no estrume do seu cortello, coma os probes das portas na carroña das suas chagas.
      No mes de Sant-Yago, perdidol-os bêns n-un preito de foros sen amparo no mundo, acatóu contrito o seu ingreso no Asilo da cibdade. Nos primeiros tempos, el traballaba tamén na horta, podaba as viñas, sachaba as patacas, facía de todo, e achábase contente. Agarimábao o pás das langas celdas, o contauto côs compañeiros tamén desherdados da fortuna, aquelo era un consolo pro seu esprito esgazado, un sedante para as suas arelas fementes de quietude.
      Mais no decurso dos días, ia nacendo un sentimento insospeitado, indefinibel. Alcontrábase coma preso, na casa grande, na horta pequeneira, os seus ollos percuraban decote hourizontes libres onde choutar cal cuchos rebuldeiros, no dondo verdor das leiras matinales, na aspra esponxa dos toxos bravos.
      A tola carreira das suas miradas esnaquizábase estonces contr-os muros inxentes, carón das mouras fachadas postreiras das casas vilegas, untadas cô negro do chapapote, que arrodeban â hortiña monacal.
      E levantábase na sua alma unha xenreira xorda contra aqueles edificios poboados de felicidade e de cristaiñas risas de nenos, que eran unha afrenta, unha maldizoada inxuria âs lacras dos humildes dos menestorosos.
      Tivera desexado velas arder pol-os catro flancos e afundirse n-un estrondo de traxedia aquelas ledicias tan ingratas â sua amergura.
      Non atopaba acougo en ningures, na sua eisaltación, as paredes, os muros, somellaban estreitalo pouco a pouco. Xa tiña no peito mergullada a saudade da libertade e atopábase mal en todol-os sitios.
      Sô n-aquela fenestra qu'espallaba un anaco de terra labrega, pasaba as horas mortas, saloucando internamente a saudade do ceibe que enchíao de morriña acongoxante.
      Na fría mañán de inverno, sentado preto do leito ainda quênte, Pedro Lueiro ollaba coma decote, as cromáticas lonxanías, ubérrimas de variedade pol-os xogos das nubens, no ceo cinzento.
      Voltóu á acordar en si, y-ergueuse limpando as bágoas fuxitivas cô dorso da dura man encallecida.
      —¡Ay Pedro! ¿Ti oyes?
      Acochado nas roupas do leito, chamábao un compañeiro. Tiña unha vos apagada e deble, os ollos afundidos nas concas e na sua faciana encrenque, desenabanse os ríxidos trazos da caliveira.
      —¡Escoita! ¿Ti vés ou non vés?
      —¡Vou home, vou!
      O seu falar era rouco, pol-as bágoas mortas na gorxa.
      Pedro Lueiro gostaba asemade do tempo pasado na compaña d'aquel vello doente, que fora na sua mocedade, patron d'un bergantín de Marín e percorrera moito mundo. Entretíñao coa sua conversa variada falando dos tempos en que cruzaba os mares, cheo de valentía, coas velas desplegadas. Un dia n-un porto, mañán n-outro, xa esquencera moitos nomes; mais sabía unha chea de cousas de remotos pobos de negros e de chinos, e falaba con agarimo do seu barco, cal se fore un fillo seu.


II

 
      Cando Roque do Estevo, o vello xeiteiro de Cidrás morreu deixando o seu netiño no meirande desamparo, foi iste recollido pol-o Antón Cecebre, amo de moitos barcos de pesca e mercadería. Home de mala sona á quen todos conocian cô alcume do "Ballenato".
      O encarregarse da férula do neno, non fora por sentimento de caridade nin tan siquera, íl vía no rapaz un bon obreiro futuro, que traballaría de balde no medro dos seus intreses.
      Dend'aquela na vida do pequeno Cibrán do Estevo, comenzóu o lado triste da realidade. Traballaba arreo na limpeza das dornas, recibindo paus e labazadas por todo premio. De mañán cedo tíñase que erguer para correr â Dársena onde estaban fondeados os barcos do amo, y-escomezaba a faena. O achical-a auga, tender a o sol os aparellos, fregar os bancos y-as sentinas. Suando faguía apresadamente as suas ocupacions, agardando arelante a hora do meiodía, en que mataba a fame côs restos da caldeirada dos mariñeiros. Algunha que outra vez iba â taberna en percura de viño para os pescadores, e choutaba de ledicia ao recibir o pataco que decote lle daban.
      Encol de tudo, un d'eles, que fora compañeiro do seu abô agarimábao moito, e sempre lle dirixía unha fala de alento.
      —¡Hai que traballar rapás! ¡Hai que facerse home! Cando sexas meirande, virás con nosco ao mar...
      Aquelas verbas quedaban marcadas no seu maxin, e de noite no leito de follato, rebulía esperto pensando no día feiticeiro en que traspasaría os hourizontes azuados.
      Embuido no ensono, gardaba con inxénua cobiza os cartos que axuntaba, para mercar un bon pucho de augas como os que tiñan aqueles mariñeiros tan envexados. E nas mañans bonanceiras ficaba estáteco ollando as lanchas facerse ao mar. Seguiâs coa mirada saudosa de cousas remotas, hasta que desparecian cal folerpiñas pequerrechas, aló onde o ceo tocaba côas augas, n-unha vaga liña de brétema.
      E decote pol-a sua moura sorte topábase á carón do "Ballenato".
      —¿Que fas cacho de pantasma? ¡Vouche quêntar as costelas! ¡Traballa folgazán!
      Tremando baixo a ollada ameazadora que sempre viña en compaña d'algún tirón d'orellas, o Cibrán púñase ao seu, sin ousar responder.
      Mais un día, o amo chegara acorado, berrando...
      —¡Corre ben rapás! O Farruco o Xaleiro está doente, e ti irás hoxe â pesa no seu posto. ¡Bule axiña que estanche agardando para sair!
      E de alí comenzóu a sua vida de home.
      ¡O pirmeiro día no mar! A sua lembranza perduraría n-el toda a vida. Somellaba navegar pol-o ceo entre neboeiros azuados e verdes. As foulas levantaban a dorna en alto, voltando á deixala mainamente cô mimo da nai que xoga cô seu meniño. Sentíase agarimado pol-o mar, acariñado tenramente pol-os vaivens dondos. Aquel día fora o mellor, o mais felis da sua vida.
      Os mariñeiros, ollábano coma un compañeiro e mais â hora do xantar, díronlle un xaruto.
      —¡Fuma rapás! Os probes fuman, porque eisí comese menos, ¿sabes?
      A volta d'alguns anos, Cibrán do Estevo, era xa un mareante feito e direito, xa campaba nas festas e tiña afeizón âs mozas.
      Dispois, piloto d'un bergantín mercante, comenzóu á percorrel-o mundo.
      Visitou remotos portos iñorados, que xamais soñara, e que tiñan enrevesados nomes. Port Said Gallípoli, Hong-Kong... Gardaba d'eles, un deslumbrante recordo de côres intensos e de língoas incomprensibels.
      Unha noite, ancrado en Tolón con un rebuldeiro grupo de paisanos pillóu a primeira borracheira dos centos d'elas que virían dimpois.
      E d'aquela comenzóu o vicio do alcol. Porto en que atracaba, xa era sabido: Entraba na pirmeira bayuca e pasaba o tempo valdeirando copas,e â noite voltaba aos tombos, á durmila no barco.
      Mal viño tiña, cando otopabase peneco fungaba de todo, calquer cousa tomabaa á mal, e chegaba até a zorregarlle c-un vergallo a os pequenos grumetes.
      Cada ves mais abaixo na pendente do vicio, degradábase a sua alma y-enfermaba o corpo.
      Maltrataba â tripulazón e de varias veces chegaron aos ouvidos do amo queixas contra él.
      Até que un día â volta d'un longo viaxe, o "Ballenato" chimpouno na rua.
      Andivo moitos meses tirado coma un can, e cuase que vivindo da caridade; pero ao fin unha ves, por môr d'unhas puñadas, n-unha disputa, votoulle a man a xusticia; e logo de complir na cadea foi dar ao asilo. Ainda alí tivera támen xenreiras e rifou con moitos. Todo o serán pasábao na galería, de un lado á outro recorrendoa á longas zancadas coa pipa valeira antre os dentes apodrecidos.
      Mais nos seus istantes de quietude, saltabanlle as bágoas ao falar do seu buque.
      —¡Figurarvos! —contaba no corro dos vellos— Era un barco, grande, con moitas bandeiras e velas branquiñas coma a mesma escuma do mar. Eu alí no timón, mandando â xente. ¡Orza! ¡Vira! Alí éravos coma un rey, este vello ¡O meu bergantín! Non sei que daba porque o virades un instante ¡Quedaríades parviños!
      E tamen na Casa da Caridade, aquil home tiña un aristocrático prestixio ¡Fora Capitán de barco!
      Ninguen podia dicir outro tanto, e todos pois sintindose inferiores á aquel home que tanto mundo andivera, ollabánnno coma un ser superior.
      Cando caira doente, todos iban â veira do seu leito escoitar as hestóreas. E decote denantes de se deitaren, chegaban ond'á el para preguntarlle pol-a sua saúde.
      Mais pouco á pouco ficou soyo, agás da compaña que lle facía alguns instante o vello Lueiro.
      Decote chamábao â sua veira para botar un párrafo, que invariablemente escomenzaba pol-o eloxio do bergatín seu.
      —¡Se viras o meu bergantín! Quedabaste parviño! E o mesmo, acotío, arreo. Tiña arelas, de que o escoitaran e fixeran xestos de asombro. Enton ficaba satisfeito, e púñase á cantar coplas mariñeiras.
      E tiñalle boa lei ao Pedro Lueiro, porque se asombraba de tudo o que lle contaba e sentíase ledo da sua inxenuidade.


III


      Caladamente, cô pensamento mergullado en intensas mágoas o labrego foise sentar â veira do doente.
      —¿E logo que contas, hom?
      —Xa ves, decote, loitando cô mal, ¡triste vida a nosa meu vello! pasamos pol-o mundo, coma os paxáros de Deus, vivindo ao día sin pensar no mañan, e supetamente atopamos coa miseria moura que amergura os nosos derradeiros istantes.
      —Mais ti non tes queixa Cidrán, ti percorrichel-o mundo enteiro, viches moitas cousas, e gozaches alguns istantes da vida y-eu non, compañeiriño, traballando arreo todo o día de Deus sen sair da miña aldeia, sômente algunha feira, ía cabo da cibdá e logo de faguer a venda, andábache aparvado pol-as ruas ¡San Benitiño grorioso! ¡Tantas cousas hai na vila! Un mundo de xente ben vestida, casas moi altas moitas eirexas grandes. Logo os cafés cheos de homes, todos xogan ¡e veña seis doble! ¡e dalle cô pasabola!, todos a latricar ao redor das mesas, falando unha chea de cousas raras. Eu coidaba que non había mais alá, até que fun ao servicio do rei e soupen que moi lonxe había guerra côs mouros rifeños... Daquela era ainda un rapás e asombrabame de todo.
      —Logo ti eras un iñorante.
      —Erache, meu amigo, érache. ¡E asina pasaronme tantas cousas, escoita! Eu traballaba na finca do señor Bernardo Canabal home de moito valimento na vila, ¡Que casa farturenta aquela! Collía trinta pipas de viño e sete carros de patacas ao ano, e por riba ainda emprestaba diñeiro a rédetos.
      El tiña toda a confianza en min —«¡Pedro hai que axustar sete xornaleiras!»— Bueno si señor, —«¡Pedro hai que trasegal-o viño»— Está ben, si señor! Eu corría con toda a adeministración da facenda, de ves en cando, fálabame da política; cando era así pensaba pra min —¡Xa temos eleciós â porta!— —«Porque Maura, porque o Canalexas, porque o outro porque o d'acolá, ¿Ti votarás ao noso?»— Votarei si señor, o votar non costa traballo.
      —¿E roubábache o voto?
      —Non roubaba, non. ¡Para min que mais tiña este ou aquel! O señor era o meu amo e tiña que abedecere. ¡Alá que se mataran eles! Unha ves veu un home a padricar, que o voto era libre; o amo dixonos que viña a nos engayolar con parvadas e que era un «republicano» Pois â noite, axuntamonos todol-os mozos do lugar ¡E démoslle unha somanta...! que foi bô ¡Levóu para hoxe e para mañán!
      Unha vos deble que viña do leito fronteiro, interrumpiu a conversa, somellaba o salayo d'unha anéma en pena —¡Salvaxes! ¡Fillos d-unha raposa! ¡Así tratades os apóstoles da causa da humanidade! ¡Os vosos ollos están cegos para ver a lus da redenzón!
      Era un vello da vila que levaba moitos meses encamado, e que asegún decian, escrebía nos xornaes; conocianno na casa por «o poeta». Arreo andaba á queixarse e á cuspir sangue por todol-os currunchos.
      Coidárase aquel falar, a vos d-un profeta condanando a depravación da humanidade.
      —¡Sociedade burguesa! ¡Xeneración de cóbregas pezoñentas! ¡Os teus dias están contados! Ergueranse os humildes, os feridos pol-as vosas trallas, e coma lobos do monte cairán encol dos tirans, e arderedes n-un inferno en vida, para sempre endexamais, amén.
      —¡Amén! Repetiu coma apalambrado o mariñeiro.
      —¡Amén! —Dixo coa alma na verba santa o mergurado labrego.
      Así os doídos da vida, as almas miserabels, invocaban â libertade que non ollarían, con todo o alento do seu esprito, con todol-os folgos dos seus corpos podres e desfeitos na bárbara traxedia d'iste val de bagoas.
      Fora, rachando as nubens, asomouse a calida faciana do sol.
      Ao lonxe, na cibdade, soaba un longo repinique de festas.


IV


      No comedor era todo ledicia e algarabia.
      Os asilados en duas ringleiras, ao longo da mesa parolaban contentos.
      Un cego chuscarrandeiro que fora probe das portas e sabía moitos ledos decires de malicia, contaba contos aldeans cheos de sân erotismo e saturados de mística devoción primeva. Anacos de mouras traxedias de lobos e bruxería. A Raíña encantada do monte Castrove que agarda o galan que ha desfacel-o seu feitizo, a lênda do San Ero de Armenteira, os prodixiosos milagres do Cristo de Xende e da Santa Comba.
      O seu falar tiña un grave e armoñoso xeito de salmodia cal o acento doído con que pidichan un anaco de broa os probes e porfiados mendicantes da aldea.
      Erguendo a testa, c'un surriso desvergoñado nos beizos, o cego falaba agarimado e atento á todal-as voces que soaban no seu arredor.
      —Unha ves era un Rey...
      Todol-os seus relatos enprincipiaban o mesmo —«Unha ves era unha moza»... —«Unha ves era un lobo»... E había o rutinario escomenzo un deixo de lênda recollida da boca do pobo, unha santidade de estilo coma a dos vellos infolios das vidas de santos, que principian invocando a lus proteutora da Virxe María.
      Todos estaban pendentes das suas verbas coa leda atención de nenos que soñan con reises e raiñas mouras, enfeitizadas por un fero xigante.
      A hora do xantar, era a hora das expansións. Contábanse moitas novas, e alguns falaban embelesados da sua familia.
      —Eu teño tres netiños pequerrechos —decía un. —Querenme moito e veñen moitas veces á visitarme. Eu aforro das esmolas que me manda a señora e mércolles lambonadas ¡Son moi bonitiños os meus netos!... Xa verás... un día heichos insinar.
      Xeneralmente o outro calaba cheo d'envexa e mergura.
      —Pois eu —falaba outro asilado— Teño un fillo moi listo que está a estudar ¿Sabes? ¡A estudar! —berraba para que todos ouvisen— ¡Si señor! Pagalle a carreira un señor marqués ¿E logo? ¡Un señor marqués!— e inchaba os mofletes ao decir o títolo, como se fose aquelo un doble mérito— ¡Un señor Marqués! Non vos é un calquera... Aunque un é probe non está tan mal mirado, E verdá si señor...
      E todos falaban das suas cousas sin ouvirse uns aos outros, para asombrar aos compañeiros, e gostaban da envexa dos que non podían decir outro tanto.
      Somente o Pedro Lueiro calaba..., calaba sintindo que as bagoas facianlle un mortal ñudo na gorxa.
      Pol-as abertas fenestras entraba o Sol en súpetas breixas de ouro.
            
     

V

 
     Un silenzo denso pesaba nas almas.
      Fora, escoitábase o escarabexear das galiñas e con deble tanquido a campaiña do Asilo doblaba á morto.
      Sentadas en roldes, as vellas facían calceta. Un asilado cheo de baba fitaba o teito con fixeza persistente.
      Un gato negro andaba á xogar côs novelos esparxidos pol-o chan.
      Mainanmente, na inconscencia da labor manual, unha vella escomenzaba á cantar baixiño.
      
                              Miña nai como é tan probe...
      
      A sua voz pasaba coma unha brisa remota que removía lembranzas dos tempos mellores nas almas murchas dos asilados. Tan deble tan mainiño o alalá da Terra, falaba con acentos tenros ao corazón dos doídos. E unha voz, duas..., vinte, xuntabanse â copra iniciada.
      
                              Miña nai como é tan probe...
                           e non ten pan que me dar
                           énchem-a cara de bicos
                           e despois, rompe a chorar
      
      O cantar enchía a estancia cô alento saudoso dos campos familiares, dos broncos piñeirales asolagados baixo o Sol do vran. Era cal si unha voz ben amada espertara as lembranzas da mocedade arrumbadas nas almas pol-as dôres da vida tristeira.
      E, o Sol, o Sol, ledo e canso coma un ceguiño mendincante andaba âs palpadelas pol-as paredes, buscando pousar seus bicos dourados encol das nevadas testas añorantes.
      Unha irmán da caridade, levantouse n-un curruncho para interrumpir aos cantores.
      —¡Chist! Fagan o favor! Están durmindo... ¡Chist!
      A copra morreu coma coutada por un machadazo brutal.
      —¡Calai, durmen os doentes!...
      A voz da serva dos probes, finiña, serea, arrecendía como o encenso â devoción mística das igrexas.
      Un vello falou.
      —Ten razón a nosa branca pombiña. ¡Consolo dos probes!
      O corro cantou loubanzas de labrega cortesía.
      —¡Volvoretiña santa! ¡Estreliña do Noso Señoriño!
      Ela refusou acorada.
      —¡Por Deus irmanciños! Calen. ¡Eu nada merezo! ¡Non digan cousas tales!...
      O Parvo de Codeseda, escachándose n-unha risa satiresa de besta encelada, tiña a vista cravada na branquiña faciana, nas saudosas violetas dos ollos monxiles, que xurdían no rostro abuado cal os lirios aterecidos e pensantes n-un campo nevado pol-o inverno.
      O Lueiro adormecía arrolado pol-o estatismo fraternal do serán tépedo. Aquel acougo silente fechaba as abertas feridas da alma e o corazón adormecía ao conxuro da copra labrega sentindo a penosa vacuidade das grandes emocións. Unha ardorosa bafarada aquencíalle as meixelas e as bágoas escachábanselle na gorxa.
      Carón da fenestra una cadeira vella e cuase que desfeita, lembraba ao aldeán os primeiros tempos do Asilo. Alí sentábase acotío un velliño tolleito, de longas barbas brancas como a lân dos años pascuales.
      O velliño era garimoso e falangueiro con todos, o probe xa toleaba côs anos e voltábase neno, e decote andaba â percura de decir á todos cousas agradabels, perguntando con cortesía servil pol-a familia e animando aos compañeiros de sorte. Asemade el coidaba poñerse bô e sair algún día do Asilo. Na casas tíñanlle boa amistade todos, e chamabanlle con respeto «O Señor Agustín».
      Lueiro lembrábase agora con mais forza, d-un día en que desfeito de saudade e sin ganas de têr leria, berraba cô vello. D-aquela estaba el triste e sin ánemos de falar, mais o señor Agustín que mesmo morría por latricar con alguen, dixéralle...
      —Ay Pedro! Hoxe atópote mellor, ¡Moito mellor!
      E como o outro non respondera, voltou á falar.
      —Dígoche que estas ben... ¡Así Deus me salve!...
      —O que e d'esta —respondeu chantando as verbas o labrego— ¡Pode que nin Deus o salve!
      Tiña n-aquel istante, unha fonda xenreira ao importuno. Houbera desexado botarlle as mans â gorxa y-esgazalo en anacos.
      —¡Vaya home! —O vello non calaba— Disimula... Ben sabes que non cho dixen por mal... ¡Si Deus quêr, cando eu sane, heiche convidar a unha boa empanada de sardiñas!
      —Vosté ten gana de leria, y-eu non teño ningunha. Meu vello, non se faga ilusións. D-eiquí para a cova...
      ¿Sabe meu santo? ¡Non ande a cavilar parvadas!...
      O Señor Agustín abrira moito os ollos espantado; mais non quixo ainda comprender. Facendo unha surrisa comentou.
      —Ti, decote tan churrusqueiro...
      —¡Boh! Ben sabe que non ando de pava ¡Vosté ben o sabe que non chegará ao inverno!
      Calara o vello, tapando a faciana coas mans enrrugadas. E houbo un longo silenzo.
      Comenzou a sentirse unha queixa mainiña, amergurante coma o pranto d'un miniño.
      O velliño choraba esconsolado, loitando por escondel-as bagoas.
      Lueiro sentiuse arrepentido da sua brusquedá.
      —¡Señor Agustín! ¿Vosté chora?
      O pranto, estalou en fortes salayos.
      —¡Asús! ¡Asús! ¡Vállame Deus!
      Sin parar choraba todo o día... No amañecer seguinte, atopárono morto.
      Emporiso o labrego ao lembrarse, sentía unha fonda compasión, arelas fementes de chorar e de pregar a Deus, pol-a alma do velliño.
      Fora, a tarde cal unha caracola mareira, chea de sonoridades lontanas, íase mollándo mainamente nos saudosos cromatismos da posta do Sol.
      N-un curruncho, as vellas asiladas, contaban enredadas hestóreas de familia.
      E había un coro de sinxelas compasións a cada comento.
      —¡Non somos nadia! ¡Non somos nadia!


VI

 
     A vella mais vella do asilo narraba a sua vida á un grupo de catro mulleriñas labregas que a escoitaban con respetosa atención.
      Aquel relato longo sembrado de bagoas e ledicias que resplandecían como xoyas antigas tiña unha íntima emoción de dramatismo. ¡Do fondo dramatismo dos días valeiros de utilidade que pasan en penosa procesión de lembranzas prometedoras deixando un amargor nas almas e unha queixa, somente unha queixa, resiñada nos beizos!
      As evocacións suscitadas removian o estanque do seu esprito coa brisa sutil e fria da tarde que morre, percorría as estancias essquencidas na intimidade do corazón cal un sopro invernal que non trai arrecendos nin ecos de vida e murcha as derradeiras frores do campo silenzoso.
      Inda a fidalga señora surría as lembranzas espertadas do eterno sono do esquecimento; mais a sua surrisa, era lonxana e doída, ficando no semblante enrugado, cal unha carantoña que preludia un saudoso chorar.
      Falaba, queda, quediñamente, saboreando o celme pretérito das memorias que a engalanaban cô rebrilar temeroso e embazado de diamantes vellos.
      Era das mellores e mais nobres familias de Pontevedra a familia de Doña Malvina de Gondarel, nos seus antapasados contabanse reises e raíñas, condes e marqueses. Inda a casa dos seus abôs, hoxe no poder d'un usureiro, campeaban encol do marco da porta, os escudos dos Gagos dos Mariños de Lobiera, dos Pazos de Probén e de outras mais familias, de masisa e fidalgia procedencia.
      Foi no comenzo da sua adolescencia, inda a vila conservaba os seus muros como un cinturón aislador da plebeyez que moraba nos burgos apartados, cando conmovera â Galicia enteira a nova da sanguiñenta carniceria de Carral, que epilogara tristeiramente o bravo alzamento de Solís e os seus compañeiros.
      Malvina de Gondarel tivera de lamentar d'aquela a morte escura e sin groria do seu úneco irmán mozo arriscado e valente que empapara coa xenerosa ofrenda do seu sangue a santa terra dos nosos maiores.
      Moito tempo a nai chorara aquel fillo sacrificado, e de noite nos longos corredores, voaban cal pombas feridas poñendo medo na alma de Malvina, os doridos sospiros da señora.
      —¡Meu Antoniño! ¡Ay meu Antoniño!...
      Por el chorou o resto da vida e ainda no seu leito de morte chamábao con lamentos que fendían o corazôn.
      Así cando a nai finara, atoparase Malvina dona e señora do seu, baixo a férula explotadora d'un consello de familia.
      Afundida no silenzo engolado das salas, soya coa vella criada que vira nacer ao seu abô, vivira unha vida esteril monótona e sombriza.
      Encarrilada na ríxida crianza da nobreza d'aquel tempo endexamais saía da sua casa como non fose âs misas do domingo ou aos novenarios de cabo de ano que mandaba facer pol-o eterno descanso das almas da nai e do seu irmán.
      A quinta feira recibía visitas de parentes e amigas, vellas relacións da casa que chegaban sospirando finxidamente e falaban sempre o mesmo.
      —¡Que tempo! ¡como chove! ¡Levamos unha semana pasada por auga!
      Outras veces:
      —¡Que calor! ¡Non se pode vivir con esta fatiga!
      Había donas ancianas que a sua única preocupación era a saude, e pasaban horas enteiras contando con todol-os detalles a sua doenza derradeira, e as visitas a un tempo facían mudos xestos de preocupación e de asentimento incondicioal. Outras contaban chismes e enredos que as oentes, disimulaban comprender. «Porque o tío da sobriña da irmán da nai» «Porque o pai do xenro do neto»..., e tamén os xestos rutinarios de aprobación acompañaban estes relatos...
      E así decote, até soar a hora da queda. Enton calaban bruscamente as conversas e unha dona, santiguandose, escomenzaba.
      —O anxo do señor anunciou a María e concebiu por obra do Esprito Santo... Ave María..
      E o marmurio das pregarias, baixo o bronco son dos sinos parroquias, coidarase un rebaño de almas devotas encamiñadas ao ceo, por gordos abades, que cantaban na groria da hora mística, relixiosos salmos monásticos.
      Logo as visitantes comenzaban a despedirse, e Malvina, acompañabâs solicita â porta.
      —¡Teña cuidado Doña Concha, que a escaleira está moi escura! ¡Doña Rosenda, non se vaia a cair que ahi falta un tramo!
      E as voces xa no portal contestaban.
      —¡Retírese! Retírese que fai moito frío! ¡Até o proximo día si Deus quêr!
      E Malvina outra ves soya voltaba a sua vida normal. Pasaba os días facendo media detras da vidreira do longo balcón voado e contemprando con envexa resiñada os xogos dos nenos na vella praza da Ferrería.
      E así sempre, sempre... Correran os anos. Pasara moitas veces o Corpus coas suas gaitas diante da sua porta sin que ela se decatara da inutilidade da sua eisistencia, alonxada do amor e das vanidades do mundo.
      Cando quixo acordar xa era vella, e o golpe brusco da ruina conmovera traxicamente a sua alma; mais o cabo xa que entrara no Asilo a sua vida pacífica e mansa non se alterara nin un soyo instante.
      Unha ves tivera un soño revelador.
      «Ela, xa morta era chamada a presencia de Deus, e o bon señor arrodeado de anxeliños rebuldeiros preguntaba.
      —¿Que fixeches no mundo?
      —Nada señor —respondía ela tremando de medo.—
     —En troque pecaches moito.
      Ela inclinara a testa convencida e desconsolada.
      —E verdá si señor, pequei moito...
      O Deus vello fitaraa cheo de carraxe.
      —Enton non entrarás no noso reino.
      Mais ela lembrárase e tiver unha ideia salvadora.
      —Eu señor, traballei todol-os días, fun de cote â misa e fixen moita calceta.
      En esto chegara San Miguel coas suas pesas, e en un platiño fóranse acugulando todol-os pecados. Eran coma vermes pequeniños, levians pecados de marmuración ou de envexa.
      E Malvina anguriada, vira incrinarse a pesa. A sentencia ia a ser fatal.
      Mais logo chegara San Roque, e seu santiño querido a quen lle rezaba todal-as noites, e traía unha chea de labores feitas por ela. Tantas e tantas eran que a mesma Malvina asombrarase do seu traballo.
      Puxeronnas no outro pratiño, e a pesa dimpois de breve vacilación incrinárase do outro lado.
      E Dios noso señoriño, rîrase moito e dixeralle con vos agarimosa.
      Podes entrar Malvina no teu ceo.
      E Malvina chegaba â groria acompañada de moitos anxeliños roibos».
      E pol-o d-agora, ela, resiñada coa vida sintindo no peito a magoa fonda das evocacións que viña narrando, non desexaba nada, nin tiña espranza nas cousas d'esta vida. Somente agardaba que amorte quixera levala á aquel ceo que lle fora prometido en soños.
      No silenzo do serán quedaran titilando os ecos das suas verbas derradeiras.
      —E cando a morte veña á carón de min, eu deixareime ir contenta, pois non teño nada que temer.
      O vello Lueiro puxera á media voz un comentario cheo de xenreira.
      —¡Este demo de vella está xa que tolea!...


VII

 
     Aquel día festexabase no asilo a víspora de Nadal con un xantar extrordinario que pagaba aos probes un señor da vila.
      Todos estaban cheos de ledicia, e había risadas das bocas sin dentes que soaban como risadas de nenos.
      O capellán votara una longa plática falando da caridade do señor Bernaldo a quen Deus na sua bondade sin fin debía gardar por moitos anos.
      —¡Vivan os velliños e velliñas todas —berrara ao final do discurso Don Xesús. E o coro con toda a sua forza dixera.
      —¡Vivaaaan!...
      —Viva o señor Don Bernaldo.
      —¡Viva a Santísima Trinidade!
      —¡Vivaaa!
      E o Poeta que aquel día quixera participar dos goces da mesa ergueuse a botar un brindis.
      
                              Esta merenda
                           Non sei por quen será
                           Mais si é por Don Bernaldo
                           Que teña moita felicidá
      
      E o concurso arrebatado voltou a oubear.
      —¡Vivaaa!...
      E todos cheos de entusiasmo infantil marcharon â fonción da capela, cantando con ferriños e conchas.
      
                              Que viva, que viva
                           a Santa Relixión
                           que viva Don Xesús
                           que nos da a educación
      
      Lueiro, no medio dos compañeiros acompañaba a copra tocando o pandeiro. Aquela vés xa era outro home, esquencera as tristuras e consideraba sômente o día o gran día en que todos debían estar contentos! pois ia nacer noso Señor Xesucristo. ¿Quen pensaba en dôres nin na morte? Aquel día era día de ledicia e non de se lembrar de cousas tristes.
      Xa a grave vos dos orgao, vos de armonías remotas do ceo, fixera calar aos cantores, elevando un hino místico que aló nas outuras da groria coreaban as voces cristaiñas dos anxos.
      Os vellos axionllados nas gradas a carón do altar rezaban as suas mágoas, as suas tristuras. Rezaban pol-o de onte e polo de hoxe. Porque os seus pecados lle fosen perdoados. Pol-o eterno descanso das almas dos que foron.
      Levian e tardo o seu rezo, rubía, rubía âs outuras do ceo, como un salmo de humildade.
      Comenzaba o sermón. Como estremecimento que pon a brisa da tarde nas arbores do bosque correu entre o grupo de vellas e vellos o movimento de santiguárense.
      Don Xexús na penumbra do púlpito principióu a sua oración con voz lenta.
      —E foi por este tempo que xa pasadas as corenta somanas que dixeran os profetas, tiña de vîr das outuras do ceo o fillo do home...
      Pedro Lueiro abriu moito os ollos sen comprender poñendo n-un esforzo toda a sua atención.
      Logo o sermón engadellábase, facíase confuso, loubando â groria do Deus dos exércitos arrodeado de santas e santos que mandaba sacrificar o seu fillo pol-a redenzón dos probes.
      O aldean seguía sin decatarse de nada, sômente ouvía as verbas que non chegaban ao seu cerebro, As inflesions da voz conmovianno, cal unha música desconecida. A actitude, o xesto do orador impresionabano moito mais.
      Inconscentemente fixou a vista no cura, seguindo con curiosidade os seus ademáns. Unha neboa densa comenzóu á cubril-o. Agora sômente vîa a sua testa calva axitándose d'un lado a outro nun movimento pendular e monótono. De pronto a figura medraba, medraba, enchera toda a capela e tiña catro ollos, duas narices, oito mans, as voces batianlle nas orellas como berros d'un monstruo. Non resistindo mais o Lueiro palpebrexou, e a figura foi baixando de dimensions. Agora axitábase, debatíase con porfía tola até quedar metida outra volta no púlpito cal n-unha pipa de viño; mais novamente comenzara a medrar. Somellaba que o tonel revertía negruras. Infrabase a sotana coma os grobos que se botan nas romerías...
      E supetamente calóu todo.
      Lueiro tivo como un espertar e mirou ao rêdor para decatarse do sitio en que estaba, ceibe da ousesión de anguria que o poseera momentos denantes.
      Con un tremar de campaíñas dôce e levián cal un escintileo de estrelas, rubía a hostia nas mans do crego oficiante, e un silenzo preñado de emocions un solemne silenzo conventual, viña recollerse aos pes do Deus tembroroso e mudo de relixiosidade.
      O orgao, xemía n-unha nota que se perdía nos espazos abrindo craroes puros nas bovedas de pedra onde asomaban as ridentes facianas dos santos do ceo.
      Lueiro axionllado nas gradas, sentía que as bágoas lle bicaban as meixelas n-unha caricia donda e saloucante. ¡A caricia bendita do neniño Xesús, que viñera ao mundo a consolal-os probes e darlles a sua vida enteira! E era en ofrenda a el que aquel altar brilaba na oscuridades da capela cal unha porta da groria pendurada das bágoas do Sol.
      E os beizos do aldeán reverteron unha pregaria.
      —¡Axudanos bon Señor! Somol-os probes teus, os probes por quen derramaches o teu sangue bendito. ¡As nosas magoas non teñen fin n-este mundo. De chorar están enxoitos os nosos ollos, pol-a vida pasamos cal ti carregados coa cruz do noso sofrimento. ¡Válenos, Deus! E erguéuse transfigurado cal si o ceo acabase de ouvil-o.


VIII


     Na fría escuridade, tronaba o silenzo cal o eco d-unha fonda badalada de ferro, afinada no «fa» tónico, que din os vellos grimorios de maxia. Como un mar insondabel, afogaba os ruidos da noite.
      Fora, as constelacións de infantil xeometría aluciaban cal as notas do pentágrama onde están escritas as mais sublimes polifonías da natureza.
      Na sala rectangular dos dormitorios, tremaban queixas e sospiros. Durmían os vellos no acougo silente das outas horas.
      Pedro Lueiro sentíase inquedo desvelado. Aquela noite era a Noite Boa, a noite de todol-os agarimos, a plácida noite familiar, e o seu pensamento debruzábase na lagóa das lembranzas dos tempos mozos.
      Tal noite como aquela, xúntabanse coa sua familia ao redor da lareira, onde o lume xurdía cal un sol doméstico aquecendo os corpos e pendurando nos corazóns resprandores de beatitude e felicidá.
      Unha voz, que coidárase a voz murcha da superstición labrega, facía o comento da leda noite en que todol-os homes debían estar contentes pois o Verbo feito carne viría demorar entre eles para consolar os que sofren e curar todol-os males do esprito...
      E asemade encol do lirismo remoto d'unha noite de Nadal viña cinguida a hestorea breve do unico amor do Lueiro que ben poido transformar o vieiro deserto da sua vida.
      Era, ela unha rapaza da veciña parroquia de Santa Comba de Canaval, belida e xentil coma unha linda princesa. Tiña os cabelos roibos, de ese roibo malencolico que pon o Outono nos viñedos e os ollos azues como o mar os amañeceres. Lueiro chegara a querela mais que â sua vida, como él non pensara endexamais que se poidera querer a ninguén. Aquel amor sería a sua salvación. E pensaba de traballar noite e día para axuntar cartos, moitos cartos, e mercar terras e casas para ela. Con este pensamento fixo, decote, él calara arreo sin confesal-a o seu sentimento.
      E unha noite, unha branca noitiña de Nadal en que Lueiro facía ronda cos mozos, cantando as copras inxénuas que a musa popular derramou nos beizos do pobo. Os ledos aturuxos e as doces cantigas foron chamar â porta d-ela c'un bico de amor implorante e envolveito en calados romanticismos.
      Oubeaban os cans ao luar que esbaraba encol das augas do río, e no ceo estreliñas toleironas andaban a fuxir e a se esconder.
      Lueiro lembrábase cal si fora hoxe. Ela asomara â fenestra e dixeralle aquelas verbas que inda levaba cravadas na alma.
      —Xa ves Pedro, os dous somos probes ¡Non pode ser!
      Lueiro calara, calara que xa tiña cartos aforrados para escomenzal-a vida, Que a pobreza con amor e dourada e lumiosa. Que a felicidade voa mais outo que o materialismo do diñeiro. Nada de'sto que pensaba, dixera. Pol-a contra rendírase con bagoas nos ollos sintindo no corazón o golpe tráxico das ilusións que se veñen abaixo.
      —¡Eu Pedro, quéroche ben! Mais ti ben o sabes ¡Non pode ser!
      Agora removendo as lembranzas pensaba como aquelas verbas enloitaran decote a sua vida ¡Era verdade! ¡Gran verdade! ¡Non pode ser! Por sabido que non. Nin a ledicia nin a felicidade, nin tan siquera un acougo ditoso nos derradeiros anos da sua vida
      —¡Non!... ¡Non!... —dixera sempre unha vos nos seus oubidos— ¡Non pode ser!... ¡Non pode ser!...
      A noite pechábase n-unha espiral de medos, cal o diafragma d'un ollo somnolento.
      De repente, un lamento acorado soou ao lado do leito de Lueiro.
      —¡Ay!... ¡Ay! ¡Deus me ampare!...
      O labrego adiviñou na escuridade ao vello mariñeiro Cibran do Estevo, sentado na cama.
      —¡Ey, Cibran! ¿Ti que tês? —perguntou a tentas—.
      —¡Ay! ¡Ay! ¡Eu morro! ¡Eu morro!
      Soou un golpe do corpo sobre os muelles do colchón.
      —¡Ay ti! ¿Queres que chame?
      Respondeull-un gurgullo afogado que foi baixando até calar de todo.
      Lueiro asustado agachou a cara baixo as roupas; e sômente sentía a carreira rápida do seu corazón.
      Daquela, furando o silenzo, esbarando mainamente encol das têbras molladas de lua, soaba lonxana a risa branca da gaita tecendo xoyas irreaes de sonoridades garimosas. As suas pingas de esmeralda caían na alma do labrego como amargas escumas do mar.
      A gaitiña leda das alboradas ía chamar âs portas do Asilo como un eco da vida pasada...
      ¿Mais, ti, gaita da terra nosa heraldo das belas festas e ruadas da mocedá ¿Porque ves turbar a pas tristeira da casa da caridade, soando cal voz profana que fala das cousas que non voltarán?
      Mais, non, ti cantas na noite leda do Nadal por que sabes que hay oubidos que recollen atentos a tua canción de saudade. Que os ollos caducos a través das bagoas da lembranza, ollan decontado as douradas prayas que bate o mar. As prolificas leiras verdecentes húmidas pol-o orballo dos amañeceres. As lexións bruantes dos piñeiraes, nas que canta o Nordeste os salmos barudos e rexos da patria do futuro.
      ¡Soa meiga gaitiña da Terra! ¡Soa! Que ves bicar os corazóns feridos da vida e pousar nas almas dos que esperan morrer, valeiros de ilusións, unha despedida amercendante e tenra da Terra-Nai.
      E Lueiro, aniquilado de emoción, sin forzas para erguerse mordía o embozo silenciando os saloucos, e as suas bágoas, salobres e tepedas mollaron longo tempo as sabans do leito.


IX

 
     Moitos días levaba Pedro Lueiro postrado no leito. Unha estrana doenza ia minando por instantes a sua vida. O corazón choutáballe arbitrariamente sin a lenta isocronía da normalidade con xordos gurgullos cal unha vexiga chea de auga.
      Dormía pouco, as longas noites de inverno desprumaban aos seus ollos n-un vagar lento de minuto por minuto; mais cando o cabo conquería o sono âs poucas horas esperataba acorado cheo de sobresalto e sintindose afogar entanto o corazón galgaba desaforado n-unha tola carreira.
      E apertando coa man o costado esquerdo Lueiro sentiase presa d'un medo infantil â morte, que viña chegando por momentos, con un andar perguizoso e canso cheo de mouras torturas crueles.
      E de novo a vida, a sua probe vida valeira, pasaba nun cortexo de pesares pol-a imaxinación. Os tempos de rapás cando el andaba aos niños no monte de Garramal, os istantes alborales da sua adolescenza. Os días de desgracia e dôr dos derradeiros anos... Corrían n-un vertixinoso desfile de coadros animados, cheos de vida e de releve antre os desgarramentos capciosos das trebas.
      O labrego esaminábaos atentamente. Non había en todos eles nin a menor sombra de vicio ou de pecado. A sua vida discurrira escondida, esbarando por un rego inalterabel sin torcer nin desviare o seu rumbo decote fixo e igoal camiño da morte que parecía agardalo sin presas.
      Ningún remordimento podia pois enturbiar os poucos días que lle quedaban no mundo. Lueiro traballara sempre e fora bô con todos, non recibindo en troques senón desprezos e malas aucións, abandono dos amigos e indifrenza dos parentes que non lle tenderan unha man caridosa, na sua desgracia.
      Se verdeiramente había unha vida mais alá, onde se premia aos bôs e castigase aos malos o vello nada tiña que recear; mais se nona houbera d'abondo compensado quedaba de non voltar a sofrir outrotanto.
      Así o Lueiro pensaba para se consolar; mais no fondo, un medo ao desconocido conmovíao até as bágoas. Contemplabase xa inerte, pechado n-unha estreita caixa de piñeiro, a lombos de catro asilados, camiño do camposanto da cibdade. ¡Nin tan siquera o consolo lle quedaba de ser enterrado no adro da eirexa da sua aldea!
      Alí, soyo, esquencido de todos ficaría na noite eterna que acolle âs almas no outro mundo. Nin un ser querido que chorara por el, nin rapaciños enloitados que viñesen a pôr frores na terra do seu sepulcro.
      Nunca tan fondo nin mergurador, fora n-el o sentimento dôroso da soedade e do desamparo.
      No mais intimo da alma algo rebelabáse â idea da morte. Era cal si a tranquilidade dos rios que se van ao mar sin medo nin ledicia do pielago iñoto vivira no seu esprito erguendô n-un sentimento de inmortalidade.
      O Lueiro finou por se non entender. D'un lado o esprito con esta interrogación incontestabel —«¿Para que o vivir»? Do outro o corpo resistindose —«¿Para que o morrer»? En realidade ¿El era posible o morrer? ¿Sería posibel o desparecer ese sentimento de vida que era a alma mesma? ¿Enton sería verdade que había un outro mundo e que a morte era somente unha insiñificante variación? Algo atopou que afirmara a derradeira conxetura. Era él mesmo, era o seu esprito querendo persistir, o seu corpo que se derramaría en vermes con un canto prolifico de vida ¡De vida sempre eterna!
      No fondo da sala, tremaba aos pes d'un cristo a lus d'unha lampariña con intermitencias agónicas como unha estrela presa que quixera fuxir ao ceo e desprenderse con fortes aleteos.
      Lonxe oubiase o berrar, do Parvo de Codeseda presa d'un ataque de ramo cativo.
      O Lueiro ficara dormido respirando congoxosamente e na sua faciana comenzaba a marcarse a risada macabra e lúgubre da caliveira.
      Súpetamente sintira un forte dôr no peito cal si unha pedra gravitara encol. A testa fixoselle pesada e chea de ruidos, como borracho comenzou a falar cousas sin senso... As mans foron crispandose n-un xesto de agarrar.
      ...Logo, un salayo, un salayo forte, intenso, de felicidade de ben-estar pretórico...
      Como saído do fondo d'un pozo, Lueiro morreu ao respirar en libertade...
      No dormitorio silenzo, un silenzo denso e mouro que era a mesma paz do Asilo, onde a morte é un hospede familiar, que se senta agardando, axexante â veira dos leitos dos durmentes.
      Fora, no outro do ceo, a Lua acochábase antre as nubens negras, tembrorosa de frío.
      ...Unha estreliña correu fuxitiva até se apagar...
      ...Xa o mestre Prisciliano, vello astrologo das terras de Tyde, dixera outrora, que as ánimas dos mortaes, purifícanse na Lua, dos seus pecados e que as estrelas son símbolos das nosas vidas...
      
                            L. Amado Carballo.

      Pontevedra - Mes do San Martiño 1923.

            Prohibida a tradución sin permiso do autor.