O avellón
O avellón Alfredo Brañas Publicado orixinalmente en La Voz de Galicia en agosto de 1884
¡Paz a os mortos!
Unha noite de inverno en que eu estaba
nun tallo xunto o lume e me quentaba
maus e pes, dito seia con perdón,
sintín petar con forza á miña porta,
e coidando que houbese algunha liorta,
fun abrir cun fungueiro e cun tizón.
—
Desfechei e atopeime co fociño
de Alifonso, do fillo de Goriño,
que é por certo un garrido e bon rapás.
Viña calado e feito un churumicas
porque morrera a tía das Furricas,
que ó amañecer lle dera un paratrás.
—
Falamos da difunta, que era boa,
e morreu sin caérselle unha moha,
e deixa algúns cartos e un cebón.
Dimpois que de este xeito parolamos,
dixo moito Alifonso: Agora vamos
a velala esta noite no avellon.
—
Moitos cicáis non seipan cuasemente
ó que chama avellon a nosa xente
das Rías no país encantador.
Como unha forma abonda para proba,
contareiche o que vin en Vilanova
un día do avellon, caro lector.
—
Tremando co friaxe, eu e Alifonso
dempóis de marmullar dentro un responso,
botamos a correr hastra abafar,
e chegamos á casa da difunta,
onde estaba á familia toda xunta
con mantelos coberta ó pé do lar.
—
Crebaba o corazón en cen anacos
ver chorar ás sobriñas, os seus fracos
corpos de bimbia en forza da delor
retorcíanse loucos, e os seus berros
somellaban aqueles quos becerros
botan ó ir para feira no calor.
—
-¡Adiós, tía Sabela!...-lle dicían
a tempo que na cara as mans batían.
-¡Adiós, miña vidiña, adiós meu ben!...
¡Ai, adiós para sempre miña tía!
¡Xa se acabou a tua romería!...
Xa nunca peixe levarás pro tren!...
—
-¡Adiós tía Sabela Álvarez Ponte,
Cabuxa de mal nome; inda nantronte
con que noxo botácheme un carái!...
¡Que man te dabas a limpar a sardiñas!
¡Xa que te fuches de cabo á túas sobriñas,
dálle moitas mamorias o seu pai...!
—
Pouco a pouco viñeron moi calados
tíos, curmáns, parentes e achegados
o mesmo que si fora en procesión...
e nun cuarto que está cerca da morta,
a rempuxóns entraron pola porta
as mociñas e os mozos do avellon.
—
Sentáronse no chan todos á roda;
o rapaz ca rapaza se acomoda,
cal se fora unha festa a escomenzar,
e por máis que cheirase a tía Sabela,
imprincipióu ás nove a larpadela
dimpóis que se acabara de rezar.
—
Pirmeiro unha garrafa de augardente
correu de man en man, logo unha enchente
de sardiñas salgadas se tomou;
e no prebe das mesmas...¡cousa boa!
fixeron sopas con algunha broa
que enriba dos mantés se esnaquizou.
—
Os noivos xa picados coa bebida
apertaban á noiva esmorecida
en contra do seu peito con amor,
e alí loitando a xuventú se axunta,
¡entramentres no cuarto da difunta,
soio hai un silencio aterrador!
—
Houbo xogos de prendas e barullo
onde tanto manearon o bandullo,
que arrematóu algún por gomitar,
e as nenas xa mareadas da conciencia
impúñalles o xogo en penitencia
nas meixelas da morta ir a bicar.
—
Collidos pola man os concurrentes,
e fungando baixiño e entre os dentes,
foron da morta á triste habitación,
e voltando ó redor da defuntiña,
o vello, a vella, o mozo, e a mociña
fungaban como funga un avellon.
—
¡Probe de aquel que dese algunha fala
ou de bulir deixase pola sala!
¡Siñal era de morte non fungar...!
As honras do avellon son tan precisas
como son para os cregos moitas misas
e o gando e o ligón para labrar.
—
O redor do cadavre da velliña,
deron volta os mozos tan axiña,
que o piso emprincióuse a manear,
e co peso quizais de tanta xente
afundíronse as táboas de repente
e todos a un cortello foron dar.
—
-¡A de Dios! ¡A de Dios! algúns berraban
que boca abaixo dun puntón colgaban
ou caíran feridos contra o chan.
As rapazas erguíanse doidas
e outras, cas pernas xa medio rompidas,
chamaban polo cura e o sacristán.
—
Unha vella caiu escarranchada
facéndose ó caer unha esmechada
no curuto da testa, e o mirar
que mesmo polo aire enriba dela
viña con caixa e tapa a tía Sabela,
quedou morta no sitio sin falar.
—
Un mozo dende arriba caiu en baixo
envolto coa cabeza no refaixo
de unha rapaza linda coma un sol,
e feitos un novelo os dous collidos,
cando deron no chan esmorecidos,
ela caiu en duro e el en mol.
—
Os berros cando o piso se desfonda
oiranse en tres leguas á redonda...
A xustiza nun verbo alí chegou;
polo seu mando foron recollidos
a vella morta e os demais feridos,
e todo asosegado se quedou.
—
Que vente ou xie, faga sol ou chova,
xa non houbo outra cousa en Vilanova
por moito tempo máis de que falar,
pero xuncras me leve se as rapazas
e os mozos do avellon inda hoxe trazas
teñen polo que eu sei de escramentar.
—
Non hai festa sin gaita nin foguetes,
nin capa vella que non teña setes
nin morto sin enterro nin avellon...
A familia o seu creto perdería
sin facer esa triste romaría
que as cordas fai xemir do corazón.
—
E por parte da infamia que os parentes
recollen se non dan esas enchentes,
o difunto dos seus se esquencerá;
e pois xa que as súas cinzas non honraron,
os amigos que en morte así o burlaron,
a todos dende o ceo maldicirá.
—
E logo a mocedá precura axiña
que donde haxa difunto ou difuntiña
se faga un avellon para loitar;
e antre tumbos e bicos, eles, e elas,
andan todos ali ás apalpadelas
esmagando a moral nese apalpar.
—
¡A familia do morto deshonrada!
¡Este sofrindo!... ¡A mocedá noxada!
Veleiquí o que esprica o Avellon,
esa festa tal vez das máis xudías,
que no lindo e vizoso país das Rías
é costume, feitizo e corrupción.
—
¿Qué padrican os cregos nas eirexas
que permiten costumes tan anexas
no sigro dos aramios e da lus?...
¡Nin que fora Galicia a mourería!...
Non se fai cousa hoxe en día
na terra do serrallo e o alcúscús!...
—
Acaben de unha vés esas romaxes,
esas festas do demo, esas salvaxes
runflas dos mesmos mortos a carón...
Como galego enxebre agora falo,
e xuro que antes morra ó pe dun valo
que volver outra noite a un abellon.
Junio de 1884.
Véxase tamén
[editar]Vexa o artigo da Galipedia acerca de danza do abellón |
Bibliografía
[editar]- Brañas, Alfredo (1884). O' avellón. Poesía gallega, premiada con accésit, consistente en 100 ejemplares impresos, en el certámen literario, celebrado el 24 de agosto de 1884 en el Teatro Principal, por la Reunión Recreativa é Instructiva de Artesanos de La Coruña. Coruña: Estab. Tipográfico de J. Puga. Calle Real núm. 30.
- Brañas, Alfredo (16/11/1884). "O avellón". O Tio Marcos d'a Portela (Ourense) (Parrafeo 53): 3–5.
- Brañas, Alfredo (4/3/1900). "O avellón". Revista Gallega. Semanario de literatura é intereses regionales (260): 5–6.
Tódalas obras orixinais deste autor atópanse no dominio público. Isto é aplicábel en todo o mundo por mor de que finou fai máis de 80 anos. As traducións poden non estar en dominio público.
|