Saltar ao contido

A conquista do pan: As nosas riquezas

En Galifontes, o Wikisource en galego.
(Redirección desde «A conquista do pan:As nosas riquezas»)


Capítulo : As nosas riquezas de A conquista do pan       Piotr Kropotkin      
 


I

A humanidade percorreu bastante camiño desde aqueles afastados anos nos que o home, construíndo en sílex ferramentas rudimentarias, vivía do azar da caza, e non deixaba aos seus fillos máis herdanza que un refuxio baixo as rochas, pobres instrumentos de pedra e a propia Natureza –inmensa, incomprendida, terrible– contra a que tiñan que loitar para continuar coas súas miserables existencias.

Con todo, desde ese confuso período que durou milleiros e milleiros de anos, o xénero humano acumulou inauditos tesouros. Roturou a terra, desecou os pantanos, abriu carreiros nos bosques, trazou camiños; edificou, inventou, observou, razoou; creou instrumentos complexos, arrincoulle os seus segredos á Natureza, dominou ao vapor. Hoxe, ao nacer, o fillo do home civilizado atopa ao seu servizo un capital inmenso, acumulado polos seus predecesores. E ese capital permítelle obter, máis nada que co seu traballo, combinado co doutros, riquezas que superan os soños dos orientais nos seus contos das mil e unha noites.

O chan está en parte roturado, listo para recibir a labranza intelixente e as sementes escolleitas, para adornarse con colleitas abundantes –máis das necesarias para satisfacer todos os requerimentos da humanidade–. Os medios de cultivo coñécense.

No chan virxe das pradeiras de América, cen homes, axudados por poderosas máquinas, producen en poucos meses o trigo necesario para que poidan vivir un ano dez mil acodes. Onde o home quere duplicar, triplicar, centuplicar os seus produtos, forma o chan, dá a cada planta os coidados que require, e obtén prodixiosas colleitas. E en tanto o cazador tiña que percorrer noutro tempo cen quilómetros cadrados para atopar alí o alimento da súa familia, o home civilizado fai crecer con menos traballo e máis seguridade, nunha dezmilésima parte dese espazo, todo o que necesita para que vivan os seus.

O clima xa non é un obstáculo. Cando falta o sol, o home substitúeo con calor artificial, na espera de que se faga tamén a luz para activar a vexetación. Utilizando o vidro e condutos de auga quente pode colleitar nun espazo dado dez veces máis produtos que os que no pasado conseguía.

Son máis asombrosos os prodixios realizados na industria. Con eses seres intelixentes, as máquinas modernas –froito de tres ou catro xeracións de inventores, no seu maior parte descoñecidos– cen homes fabrican con que vestir a dez mil homes durante dous anos. Nas minas de carbón ben organizadas, cen homes extraen cada ano suficiente combustible para que se quenten dez mil familias nun clima rigoroso. E ultimamente puido verse toda unha cidade marabillosa xurdir nuns meses no Campo de Marte sen que se producise a menor interrupción nos traballos regulares da nación francesa.

E aínda que é certo que na industria, na agricultura e no conxunto da nosa organización social, o labor dos nosos antepasados só beneficia a un moi pequeno número de persoas, non é menos certo que a humanidade enteira podería gozar unha existencia de riqueza e de luxo coa axuda dos serventes de ferro e de aceiro que posúe.

Somos ricos, moitísimo máis ricos do que cremos. Sómolo polo que xa posuímos; e aínda máis polo que podemos conseguir cos instrumentos actuais; somos infinitamente máis ricos polo que potencialmente podemos obter do noso chan, e polo que a nosa ciencia e as nosas técnicas poderíannos dar, se estivesen aplicadas a procurar o benestar de todos.
II

Somos ricos nas sociedades civilizadas. Por que entón esta miseria arredor do nós? Por que este travallo penoso, embrutecedor das masas? Por que esta inseguridade do mañá, ata para o traballador mellor pegado, no medio das riquezas herdadas do pasado e a pesares dos potentes medios de produción que darían o benestar a todos, como retorno dalgunhas hora de traballo diario?