Normativa oficial do galego - O alfabeto

En Galifontes, o Wikisource en galego.
Normativa oficial do galego
Índice
  1. O alfabeto
  2. A acentuación
  3. O guión
  4. Uso das maiúsculas
  5. A diérese
  6. O apóstrofo
  7. Os signos de interrogación e de admiración
  8. Grupos consonánticos
  9. Sufixos e terminacións
  10. Outras particularidades
  11. Formación do plural
  12. Formación do feminino
  13. Comparativos e superlativos
  14. O artigo
  15. Pronomes
  16. Numerais
  17. Verbo
  18. Adverbios e locucións adverbiais
  19. Preposicións e locucións prepositivas
  20. Conxuncións e locucións conxuntivas

O alfabeto[editar]

O alfabeto galego moderno componse das seguintes letras; xunto coa letra e co nome dáse a pronuncia máis representativa:

LETRA NOME PRONUNCIA
a a [a]
b be [b]
c ce [θ] (ou [s]), [k]
d de [d]
e e [e], [ɛ]
f efe [f]
g gue [g] (ou [h]
h hache - (cero)
i i [i]
l ele [l]
m eme [m]
n ene [n]
ñ eñe [ɲ]
o o [o], [ɔ]
p pe [p]
q que [k]
r erre [ɾ], [r]
s ese [s͇]
t te [t]
u u [u]
v uve [b]
x xe [ʃ], [ks͇]
z zeta [θ] (ou [s])

Na ortografía galega moderna utilízanse tamén os seguintes dígrafos que representan un único son:

DÍGRAFO NOME PRONUNCIA
ch ce hache [tʃ]
gu gue u [g] (ou [ħ])
ll ele dobre [ʎ] (ou [ɟ])
nh ene hache [ŋ]
qu que u [k]
rr erre dobre [r]

Ademais destas letras úsanse tamén outros signos, como j (iota), ç (cedilla), k (ka), w (uve dobre) ou y (i grego), que aparecen tanto en palabras tomadas doutros idiomas (Jefferson, Eça de Queiroz, Kant, kantiano, Darwin, darwinismo, wagneriano, byroniano etc.) coma, nalgúns casos, en textos galegos medievais.

A grafía b e v[editar]

O b e o v representan un son único. O galego non ten un son labiodental fricativo [v], distinto de [b] e [β], como teñen o francés ou o portugués. Nestas linguas a grafía actual depende da pronuncia: escríbese b cando é bilabial (port. bala, saber, receber, bico, besta, branco; fr. boire, bec, bête, blanc) e v cando é labiodental (port. vala, dever, vinho, viver, povo, cavalo; fr.voire, devoir, vin, vivre, cheval).

No galego moderno, como non hai distinción fonolóxica, téndese á distinción gráfica conforme á etimoloxía (saber, recibir, gabián, goberno, billa, marabilla, móbil, automóbil, bolboreta, bico, besta, branco, deber, pobo, cabalo, cantabamos, bidueiro, ribeira..., pero viño, vivir, avó, avoa, varrer, vasoira, verza, voda, vulto, covarde, esvelto, gravar, avogado...).

As grafías c, qu e z[editar]

As grafías c, qu e z presentan usos específicos. Úsase z para representar [θ] (ou [s] no galego seseante) ante a, o, u (zapato, cazar, zoco, cazo, zurrichar, azul), qu para representar [k] ante e, i (queixo, pequeno, quilo, máquina), c co valor de [k] ante a, o, u (caro, macaco, contra, pouco, cunca, bicudo) e de [θ] (ou [s] no galego seseante) ante e, i (cento, cocer, cinco, tecido).

Polo tanto, as grafías son: ca, que, qui, co, cu e za, ce, ci, zo, zu.

A grafía g[editar]

As grafías g e gu son complementarias: ante e, i úsase gu (guerra, guiso); no resto dos casos úsase g (gando, gomo, gume, grolo, ignorar, glosa, tuareg).

Para explicitar a pronunciación con gheada utilízase o dígrafo gh (ghato, ghicho, amigho).

A grafía h[editar]

O h é un signo ortográfico sen valor fonético, pero mantense na grafía, tanto en posición inicial coma en interior ou final de palabra (horta, prohibir, oh, ah).

Mantense o h en haber, home, horta, herba, harmonía e en cantas palabras o tivesen etimoloxicamente, coa excepción dalgúns casos de non reposición como España ou Xoán; en troques, escríbense sen h palabras como ermida, ermo, irmán, ombro, orfo, óso ou ovo, que non o tiñan en latín. Esta fidelidade á etimoloxía mantense tanto co h inicial coma co medial.

As grafías ll e ñ[editar]

As consoantes palatais /ʎ/ e /ɲ/ represéntanse, respectivamente, por ll e ñ.

O n e o m implosivos[editar]

Cando unha consoante nasal está en posición implosiva, gráfase como m se lle segue b ou p dentro da mesma palabra, e como n en todos os demais casos: camba, ambos, campo, tempo; pero non bebe, nin pode, convén, inverno, ensinar, condenada, inmigrante, comunmente, alguén etc. En cultismos e préstamos o m pode aparecer tamén en posición final e diante doutras consoantes: álbum, amnesia.

A grafía nh[editar]

O dígrafo nh representa a consoante nasal velar en posición interior antevocálica: unha, algunha, ningunha.

As grafías r e rr[editar]

Escríbese sempre r en posición inicial de palabra, en posición final de sílaba e cando segue a outra consoante (rei, cortar, outro, tres, xenro, honra). En posición intervocálica hai oposición /ɾ/ e /r/,que se traduce graficamente por r/rr (caro/carro, fero/ferro). Cando a unha palabra que empeza por r se lle antepón outra ou un prefixo rematados en vogal, non separados dela por guión, hai que duplicar a consoante: rítmico/monorrítmico, rogativa/prerrogativa, redor/arredor, románico/iberorrománico.

A grafía x[editar]

O grafema x ten máis dun valor en galego: nas palabras patrimoniais pronúnciase prepalatal fricativo xordo (eixe, madeixa, xente, xaneiro); nos cultismos conserva o valor latino de [ks] (sexo, taxativo). Pero a tendencia normal da lingua é pronunciar nestes casos [s] (aproximar, exame, éxito etc.), especialmente cando vai en posición implosiva (exterior, externo). Para a adaptación gráfica de palabras cultas con x [ks], véxase 7.7.