Saltar ao contido

Lusco e fusco

En Galifontes, o Wikisource en galego.


Lusco e fusco       Johán Carballeira       1932
 



(Texto íntegro)


    ¿QUE perdeu a lua, tan nova, que chora
    —¡Nanai!—
    entre o lusco e fusco?
    O serán de dornas e bois
    cinguino a campá,
    plafón do seu relato reverente.
    As badeladas corren
    —arcos de ceo—
    espallando a tarde pol-a aldea
    e aforcan mais òs mortos no camposanto.
    ¿Quén me chama a mín
    no rivés do vento
    tolléndome os sentidos c'un segredo?
    ¡Presenza do silenzo
    no que aboyan todol-os relós!
    Búscome e pésanme as mans,
    onde escondin o meu nome.
    (O mundo está pecho e redondo
    c'os barcos e os adeuses de fora).
    Pensarei en ti, lixeira dos pes nús,
    cando atope acougo
    perdido como ando arredor de mín.
    Caéuseme o corazón pol-as escalas
    sonámbulo,
    d'ista melanconía.
    Xa ollei por todal-as fenestras
    paxaros en fuxida...
    Mais no mar n-hai ninguén: só os zapatos
    dos náufragos navegan cara à noite.


Publicada na revista Cristal nº 4, outubro 1932, p. 2. Coñeceu unha segunda versión, que apareceu no nº 361 (13-1-1935) de El Pueblo Gallego (recollida nas Páxinas Galegas).